Ir al contenido principal

Nadal 2025

 UN FÍO VERMELLO QUE NOS XUNGUE E NOS CONVIDA A TRABALLAR PARA QUE TER UNHA VIDA DIGNA DEIXE DE SER CUESTIÓN DE SORTE

CANTO GOZOSO

*      Panxoliñas

 

ESCOITA ACTIVA

Bos días e Bo Nadal para tod@s vós!!!!. Hai unha lenda xaponesa que di que todas as persoas destinadas a coñecernos estamos xunguidas por un fío vermello visible só cos ollos do corazón que pode estirarse e encollerse; pero nunca vai romper. Un fío que nunca desaparece e permanece a pesares do tempo e da distancia.

Para nós, persoas crentes, ese fío que nos mantén xunguidas é a fe nun Deus que nos quere tanto que envía ao seu Fillo ao mundo para salvarnos. E se todas e todos nós estamos xunguidos e xunguidas polo fío vermello da dignidade que Deus pousa nos nosos corazóns, un fío que é igual para todas as persoas, o acceso aos dereitos humanos, a vivir en paz, con seguridade, con vivenda, emprego, educación e saúde, non debería depender da sorte.

Nadal é seguir apostando pola humanización aínda nos tempos incertos que vivimos, recoñecendo a Deus nas historias que acompañamos e sementando esperanza ao noso redor. Abramos o berce do noso corazón e acollamos ao Neno que nace para traernos felicidade e vida.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

Deus enviou ao seu Fillo ao mundo para ensinarnos a vivir na sinxeleza, e nós reducimos o seu nacemento a unha festa puramente consumista, por iso che dicimos: SEÑOR, TOCA O NOSO CORAZÓN.
Deus enviou ao seu Fillo ao mundo para que vivísemos a fraternidade; pero nós seguimos dando voltas para non saudar e mirando por riba do ombreiro aos irmáns e ás irmás, por iso che suplicamos: CRISTO, TOCA O NOSO CORAZÓN.
Deus enviou ao seu Fillo ao mundo para que traballásemos pola igualdade; pero nós seguimos sen mirar o fío vermello que nos xungue con toda a humanidade, por iso che rogamos: SEÑOR, TOCA O NOSO CORAZÓN.

PALABRA PROCLAMADA

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

¡Que fermosos son sobre os montes
os pés do mensaxeiro de boas novas,
que anuncia a fartura,
que proclama a felicidade,
que pregoa a salvación,
que di:
Sión, o teu Deus reina!
¡Un grito! Os teus vixías levantan a voz, berran xubilosos a un tempo:
“Tódolos ollos contemplarán a volta do Señor a Sión”.
Berrade a coro con xúbilo, ruínas de Xerusalén,
que o Señor consolou o seu pobo, redimiu Xerusalén.
O Señor remangou o seu brazo santo ós ollos de tódolos pobos,
e tódolos confíns da terra viron a salvación do noso Deus. Palabra do Señor.

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS

En moitas ocasións e de moitos xeitos veulles falando Deus en tempos pasados ós nosos devanceiros por medio dos profetas. Agora, neste período definitivo, falounos por medio dun que lle é Fillo, a quen fixo herdeiro de todo, pois xa creara por medio del o mundo e as idades. El é reflexo da súa gloria e imaxe do seu ser, El sostén tódalas cousas coa súa poderosa palabra e, despois de realiza-la purificación dos pecados, sentouse á destra da Maxestade nas alturas, facéndose tanto máis poderoso cós anxos, canto que herdou un título máis valioso có deles.
Porque ¿a cal dos anxos lle dixo algunha vez: “Ti e-lo meu fillo, hoxe enxendreite eu”; ou tamén: “Eu serei para El un pai e El será para min un Fillo?”. E outra vez máis, cando fala de introduci-lo Fillo primoxénito no mundo celeste, di: “Adóreno tódolos anxos de Deus”.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

No principio existía a Palabra,
e a Palabra estaba onda Deus,
e a Palabra era Deus.
Ela estaba no principio onda Deus.
Todo foi feito por ela,
e sen ela non se fixo
nada do que foi feito.
Nela estaba a vida,
e a vida era a luz dos homes;
a luz aluma na tebra,
e a tebra non a deu apagado.
(A Palabra) era a verdadeira luz
que aluma a todo home
que vén a este mundo.
Ela estaba no mundo,
e o mundo foi feito por ela,
pero o mundo non a recoñeceu.
Veu á súa propiedade,
e os seus non a acolleron.
Pero a cantos a recibiron,
‑ós que cren no seu nome‑
déulle-lo poder
de seren fillos de Deus.
Estes, non naceron do sangue,
nin da vontade da carne,
senón de Deus.
E a Palabra fíxose carne,
e plantou entre nós a súa tenda,
e nós vímo-la súa gloria,
gloria coma de Unixénito
que vén do Pai,
cheo de gracia e de verdade.

PALABRA ENRAIZADA

· “Que fermosos son sobre os montes os pés do mensaxeiro de boas novas”: O profeta Isaías, que nos acompañou durante todo o tempo de advento, convídanos neste día a ser mensaxeiras e mensaxeiros dunha boa nova: chega a Luz ás nosas vidas para alumeala e que deixemos de andar na tebra. O nacemento do Fillo de Deus cambia o rumbo da historia para enchela de sentido, plenitude e ledicia. Por amor (iso é moi importante recalcalo), Deus faise un de nós.... El nace aquí, en cada unha e cada un de nós se somos quen de descubrir o fío vermello da dignidade compartida e traballamos para que esa dignidade se vexa recoñecida. As persoas non somos cousas, somos alguén. Un alguén con rostro, nome e apelidos. Xesús nace para que no canto de desprezar acollamos; para que no canto de mirar por riba do ombreiro camiñemos ao par; para que no canto de maldicir, bendigamos; para que no canto de invisibilizar, deamos luz. · “Neste período definitivo, Deus falounos por medio dun que lle é Fillo”: Que ben o entendeu Paulo!!!! O nacemento do Fillo de Deus que celebramos hoxe aprémanos a levar esa boa nova de salvación a todas as persoas; aprémanos a soñar e a traballar para que outro mundo sexa posible. Un mundo pensado desde as persoas pobres, marxinadas, vulnerables, pequenas. Un mundo pensado desde unha manxadoira de Belén e non desde un palacio de Xerusalén. Deus fala definitivamente a través desde Neno que hoxe nace e que quere aloxarse no noso corazón. Porque Deus míranos e invítanos a mirar con misericordia, con gratitude, con xenerosidade, con colaboración. Abramos as nosas portas.

· Pois do mesmo xeito que naquel tempo, tamén hoxe o neno que chega peta na nosa porta. Non fagamos oídos xordos á súa chamada. Non fagamos coma os pousadeiros de Belén!. Non lle pechemos as portas. Se somos capaces de abrirlle a nosa casa, a nosa vida, o noso corazón... seguro que comezaremos a ver a luz do día con máis claridade, con outros ollos, con outra actitude. Porque a luz xa chegou, invitémola a pasar, sentémola á nosa mesa, compartamos con ela o noso pan. Porque....Deus está aquí, recoñezámolo!.

FRATERNIDADE ORANTE

Deus plantou a súa tenda entre nós, para traernos a boa noticia do Evanxeo. Hoxe pedimos que nos axude a ser capaces de encarnar ese Evanxeo nas nosas vidas. Respondamos dicindo: 

GRAZAS, SEÑOR, POR VIR COMPARTIR A NOSA VIDA

1.   Axúdanos señor a ser Persoas-Pastores que, a pesar de que non conten ou estean mal vistas aos ollos da nosa sociedade, superen o conformismo, as dúbidas ou o risco ao fracaso, e teñan a forza para poñerse en camiño, pase o que pase, OREMOS.

GRAZAS, SEÑOR, POR VIR COMPARTIR A NOSA VIDA

2.   Axúdanos, Señor A ser Persoas-Estrela que iluminen, que estean sempre presentes nas encrucilladas dos camiños, prestas, dispostas a dar luz e consolo. OREMOS.

GRAZAS, SEÑOR, POR VIR COMPARTIR A NOSA VIDA

3.   . Axúdanos, Señor a ser Persoas-Anxos, que comuniquen as grandes noticias de cada día, que sexan pregoeiras de esperanza, alegría e paz, OREMOS.

GRAZAS, SEÑOR, POR VIR COMPARTIR A NOSA VIDA

4.   Axúdanos, Señor a ser Persoas-Cueiros, si, oístesme ben, persoas que limpen, que sanden, que fagan o seu traballo calado e pouco vistoso e que despois se retiren, OREMOS.

GRAZAS, SEÑOR, POR VIR COMPARTIR A NOSA VIDA

5.   Axúdanos, Señor a ser Persoas-Pesebres sempre dispostas a ofrecer o moito ou pouco que teñan, OREMOS.

GRAZAS, SEÑOR, POR VIR COMPARTIR A NOSA VIDA

6.   Axúdanos, Señor, a ser Persoas-Magas, que se deixen contaxiar pola maxia de Deus, que estean sempre dispostas a abrir os seus cofres e a ofrecer o máis valioso que posúen: amor por milleiros, OREMOS. 

GRAZAS, SEÑOR, POR VIR COMPARTIR A NOSA VIDA

7.   Axúdanos, Señor a ser Persoas-Bebés que durante este Nadal se convertan en pequenos seres, indefensos e necesitados, transparentes e limpos, para que sintan nas súas propias carnes como o Deus feito neno que nos naceu vai necesitarnos, OREMOS.

GRAZAS, SEÑOR, POR VIR COMPARTIR A NOSA VIDA

Acolle, Señor, os nosos desexos e dános fortaleza e xenerosidade para vivilos no día a día. P.X.N.S. Amén

MIRADA DE ESPERANZA

Deus da vida,
neste Nadal volves acender a túa Luz
no medio da nosa fraxilidade.
Unha Luz que non se impón,
que se ofrece con tenrura,
que toca o corazón e transfórmao.
Dámosche grazas
porque a túa Luz faise presente
en cada persoa que atopamos,
en cada historia compartida,
en cada xesto de acompañamento e de coidado.
Axúdanos a aprender a mirar como Ti miras:
a descubrir a túa presenza no pequeno,
en quen vive momentos de soidade,
en quen busca un fogar,
en quen necesita esperanza.
Que a túa Luz abra o noso corazón e os nosos ollos,
para camiñar xunto ás nosas comunidades,
para achegarnos ás periferias,
para ser reflexo do teu amor
en cada xesto sinxelo de cada día.
Que este Nadal,
a Luz que nace en Belén
toque o noso corazón, converténdoo en fogar para outras luces.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...