TRABALLANDO CON E COMO MARÍA POR UNHA PAZ DESARMADA E DESARMANTE
CANTO GOZOSO
- PANXOLIÑAS
A moitas persoas estas datas parécenlle tristes; a outras, canseiras; a moitas outras, aburridas e baleiras de contido. Tamén hai aquelas quen as viven como un castigo, porque non soportan á familia e estas son datas de reencontros. Hai tamén quen vive o Nadal con ilusión, coma se fose unha crianza.
E nós? Para cada unha e cada un de nós, que significan estas celebracións cristiás? Non podemos esquecer que o que celebramos e que Deus nace grazas ao si valente de María, porta da nova humanidade inaugurada no Neno que vén de nacer.
Alá polo século IV, Gregorio de Nisa falaba de ir “de comezo en comezo mediante comezos que non teñen fin”. As persoas e polo tanto a Igrexa, precisamos sempre, en cada momento e en cada etapa, emprender novos camiños.
Hoxe é un día singular, no que nos abrimos a un comezo e por iso vimos aquí para celebrar, aledarnos, agradecer e poñer este ano que comeza baixo o amparo da forza de Deus e a tenrura de María, Nai e Raíña da paz, unha paz que debe ser desarmada e desarmante
CO CORAZÓN SEDENTO DE PAZ
· Pedimos perdón polas traxedias e violencias que asolan o noso mundo en tantos lugares: Gaza, Ucraína, Yemen, Siria, Burkina Faso, Somalia, Sudán, Myanmar, Nixeria, Colombia, Venezuela, México... e tantos e tantos lugares sen xustiza e sen paz;SEÑOR, AXÚDANOS A COMEZAR DE NOVO.
· Pedimos perdón pola corrupción, polo enriquecemento ilegal, pola xenofobia e o racismo, polos prexuízos que nos afogan e nos converten en persoas violentas, CRISTO, AXÚDANOS A COMEZAR DE NOVO.
· Polos millóns de persoas desprazadas e refuxiadas, polos extremismos que nos impiden construír e vivir na amizade social, SEÑOR, AXÚDANOS A COMEZAR DE NOVO.
PALABRA REGALADA PARA COMEZAR
PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS NÚMEROS
O Señor faloulle a Moisés:
- "Dilles a Aharón e a seus fillos: desta maneira habedes de bendicir os fillos de Israel: Que o Señor te bendiga e te garde. Que o Señor faga brillar sobre ti o seu rostro e se compadeza de ti. Que o Señor che mostre o seu rostro e che conceda a paz. Eles invocarán así o meu nome en favor dos fillos de Israel e eu bendicireinos".
Palabra do Señor
PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO AOS GÁLATAS
Mais así que chegou a plenitude dos tempos, Deus mandounos o seu Fillo, nacido de muller e suxeito á Lei, para rescatar os que estabamos baixo a Lei e para que recibísemos a filiación.
A proba de que sodes fillos del é que Deus mandou ós vosos corazóns o Espírito do seu Fillo que exclama ¡Abbá! (que quere dicir ¡meu Pai! ). Polo tanto, ti xa non es escravo, senón fillo. E, por seres fillo, tamén, grazas a Deus, es herdeiro.
Palabra do Señor
PROCLAMACION DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO LUCAS
Os pastores foron a correr e atoparon a María e mais a Xosé, e á criatura deitada na manxadoira. O que o viron, contaron todo o que lles dixeran do meniño, deixando pasmados a cantos escoitaban o que tal dicían os pastores.
María, pola súa parte, conservaba todas estas cousas no seu corazón.
Os pastores volveron, glorificando e loando a Deus por canto viran e oíran, tal como lles fora anunciado.
Aos oito días tocaba circuncidar o neno e puxéronlle de nome Xesús, tal como o chamara o anxo antes da súa concepción.
Palabra do Señor
Grazas a Deus
Remoendo A PALABRA
Poderiamos dicir que son tres os eixos arredor dos que xira hoxe a nosa celebración:
1. En primeiro lugar, coma sempre, a nosa celebración é acción de grazas a Deus por tantas e tantas cousas: encontros, acontecementos, oportunidades, oracións.... que pon diante de nós ao comezo dun novo ano. Reunímonos tamén para pedir perdón por tantos erros, tantos excesos, tantas insensibilidades, tanta falla de amor cara Deus e cara aos irmáns e ás irmás. Reunímonos tamén para abrirnos á esperanza: o futuro non está escrito. Cada día, cada hora é un talento co que Deus nos agasalla, porque cremos no Deus das promesas, que non nos deixa solos. Gloria a Deus nas alturas e na terra, paz ás mulleres e aos homes que gozamos do seu amor!!!! Estas palabras sintetizan a mensaxe do tempo de Nadal que estamos celebrando. Si, porque hoxe xuntámonos en comunidade para comezar un novo ano. Un ano que sabemos que terá días bos, outros regulares e se cadra algún que outro con negros nubarróns. Pero tan certo como isto é que se acollemos a paz de Deus, esa paz que se manifesta desde a fraxilidade e a febleza dun neno, seremos capaces de camiñar na esperanza.
2. En segundo lugar, hoxe poñemos os nosos ollos e os nosos corazóns en María, Nai e Señora, que nos ofrece a Xesús, e pedimos o seu amparo no novo ano que comeza. Si, porque fronte ao que puideran pensar algúns, María non é muller obxecto, sumisa, delicada e calada. Non. María é a muller forte, a muller valente cuxo si inaugurou a nova humanidade salvada en Cristo. Ela é presenza, esforzo, compaña, coidado e tamén valentía e testemuño de que a chamada de Deus para traballar no seu reino non fai distingos nin ten fronteiras. Que mellor, xa que logo, que pedir a protección e a compaña da Nosa Señora para este novo ano que hoxe comezamos.
3. En terceiro lugar, celebramos a Xornada Mundial da Paz. León XIV convídanos a unha paz desarmada e desarmante, un chamado presente desde o mesmo momento da súa elección. Na súa mensaxe para este día, o papa dinos que:
· Antes de ser unha meta, a paz é unha presenza e un camiño. Aínda que sexa combatida dentro e fóra de nós, como unha pequena chama ameazada pola tormenta, coidémola sen esquecer os nomes e as historias de quen nos dea testemuño dela. É un principio que guía e determina as nosas decisións. Mesmo nos lugares onde só quedan entullos e onde a desesperación parece inevitable, hoxe atopamos a quen non esqueceron a paz. Así como na tarde de Pascua Xesús entrou no lugar onde se atopaban os discípulos, atemorizados e desanimados, da mesma maneira a paz de Cristo resucitado segue atravesando portas e barreiras coas voces e os rostros das súas testemuñas. É o don que permite que non esquezamos o ben, recoñecelo vencedor, elixilo de novo xuntos.
· A paz de Xesús resucitado é desarmada, porque desarmada foi a súa loita, dentro de circunstancias históricas, políticas e sociais precisas. Os cristiáns, xuntos, deben facerse profeticamente testemuñas desta novidade, lembrando as traxedias das que tantas veces se fixeron cómplices. A gran parábola do xuízo universal convida a todos os cristiáns a actuar con misericordia, sendo conscientes diso (cf. Mt 25,31-46). E, ao facelo, atoparán ao seu lado irmáns e irmás que, por distintos camiños, souberon escoitar a dor allea e liberáronse interiormente do engano da violencia.
· É unha historia que quere continuar en nós, e que require que unamos esforzos para contribuír reciprocamente a unha paz desarmante, unha paz que nace da apertura e da humildade evanxélica. Xunto coa acción, é cada vez máis necesario cultivar a oración, a espiritualidade, o diálogo ecuménico e interrelixioso como vías de paz e linguaxes do encontro entre tradicións e culturas. Hoxe máis que nunca, en efecto, é necesario mostrar que a paz non é unha utopía, mediante unha creatividade pastoral atenta e xenerativa. Examínese o problema en toda a súa amplitude, de forma que poida lograrse un punto de arranque sólido para iniciar unha serie de tratados amigables, firmes e fecundos». É o camiño desarmante da diplomacia, da mediación, do dereito internacional, tristemente desmentido polas cada vez máis frecuentes violacións de acordos alcanzados con gran esforzo, nun contexto que requiriría non a deslexitimación, senón máis ben o reforzamento das institucións supranacionais.
REZAMOS EN COMUNIDADE
Neste comezo no que, con María e como María queremos ser persoas portadoras da paz desarmada e desarmante, dicimos:
QUE NON CALEMOS DIANTE DAS INXUSTIZAS
· Para que neste comezo de ano, o noso compromiso sexa o de loitar contra todo aquilo que impida facer de nós, das nosas familias, dos nosos barrios, das nosas parroquias, do noso país, persoas e lugares de paz desarmada e desarmante, OREMOS.
QUE NON CALEMOS DIANTE DAS INXUSTIZAS
· Para que o ano que hoxe empezamos reforce entre nós as relacións de confianza, colaboración, unión e preocupación dunhas persoas polas outras, sabéndonos xunguidas polo fío vermello da fe, OREMOS.
QUE NON CALEMOS DIANTE DAS INXUSTIZAS
QUE NON CALEMOS DIANTE DAS INXUSTIZAS
· Por todas as persoas que comezan o ano na escuridade da violencia, da exclusión, da invisibilidade, do menosprezo, da enfermidade, da falla de dignidade... para que sexamos para elas pequenas lumieiras; OREMOS.
QUE NON CALEMOS DIANTE DAS INXUSTIZAS
Grazas, Señor, por ser Palabra sempre viva e presente que vai alentando, animando e ilusionando a nosa vida para convertela en esforzo continuado e creador de paz. P.X.N.S. Amén.
DESEXOS DE ANINOVO
Non che desexo un ano marabilloso no que todo sexa bo. Este é un pensamento máxico, infantil, utópico.
Deséxoche que te animes a mirarte, e que te queiras como es.
Que teñas o suficiente amor propio para pelexar moitas batallas e a humildade para saber que hai batallas imposibles de gañar e polas que non paga a pena loitar.
Deséxoche que non te permitas os “non podo” e recoñezas os “non quero”.
Deséxoche que escoites a túa verdade e que a digas con conciencia plena de que só é a túa verdade, e non a da outra persoa.
Que te expoñas ao que temes, porque é o único xeito de vencer o medo.
Que aprendas a tolerar as contradicións da outra persoa, porque cadaquén ten as súas.
Que non te condenes por equivocarte, non somos persoas todopoderosas.
Que medres ata onde e cando queiras.
Que logres ser feliz, sexa cal sexa a realidade que che toque vivir.

Comentarios