Ir al contenido principal

22 domingo TO A 2026

 

Deixémonos seducir pola xustiza, a paz e a igualdade

CANTOS

·        Entrada. – CAMIÑANDO POLA VIDA  ( 9 )

·        Lecturas..- COMO CHE CANTAREI ( 28 )

·        Ofertorio. –  ACHARTE PRESENTE NA VIDA ( 51 )

·        Comuñón.- EU SOÑEI (58 )

 

 

OLLOS ABERTOS

 

        Escoitaremos ao profeta Xeremías dicir que Deus seduciuno e el deixouse seducir. A diferencia de outras seducións que buscan enganar, manipular ou mentir, a sedución de Deus é unha sedución para a xustiza, a paz e a igualdade. Porque invita sempre a aquelas persoas que escoitan e acollen a súa palabra a esforzarse en traballar pola xustiza nas súas decisións e maneiras de actuar; chama a facer a paz invitando a buscar camiños de entendemento e acordo no canto da confrontación; urxe a non deixarse engaiolar por quen busca o engano e a mentira como maneira de entender a relación coas demais persoas. Traballemos logo cada unha e cada un de nós para que este proxecto de Deus sexamos quen de ilo realizando na nosa vida de cada día.

 

CORAZÓN MISERICORDIOSO

·      Por tódalas veces nas que non temos prestado atención á voz de Deus que nos chama a ser persoas xustas. SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS SEDUCIR POR TI.

·      Por tódalas veces nas que lle demos as costas á invitación que Deus nos fai de ser persoas de paz. CRISTO, QUE NOS DEIXEMOS SEDUCIR POR TI.

·      Por tódalas veces nas que convertemos a nosa vida nunha suma de enganos e mentiras que so nós fomos capaces de crer. SEÑOR, QUE NOS DEIXMEOS SEDUCIR POR TI.

 

PALABRA PROCLAMADA

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS

 

Señor, seducíchesme e deixeime seducir;

collíchesme e puideches comigo.

Sirvo a cotío de burla;

a destrución é o meu pan.

Sempre que falo, teño que proclamar: ¡Desastre!;

teño que clamar: ¡Destrución!

A palabra do Señor volveuse para min un escarnio, unha burla continua.

Se digo: "Non me vou acordar máis del,

non falarei máis no seu Nome",

entón a súa palabra vólvese coma un lume abrasador no meu corazón,

un lume prendido nos meus ósos;

fago forza por apagalo, pero non son capaz. Palabra do Señor.

 

 

SALMO RESPONSORIAL.-   De ti ten sede a miña alma, Señor.

 

Deus, meu Deus, por ti madrugo,

de ti ten sede a miña alma;

por ti devece o meu corpo,

en terra reseca, sedento e sen auga. De ti ten sede a miña alma, Señor

 

Miro cara a ti no santuario,

para ve-lo teu poder e a túa gloria.

O teu amor é mellor cá vida,

lóuvante os meus labios. De ti ten sede a miña alma, Señor

 

5toda a miña vida te bendigo

e levanto no teu nome as miñas mans.

mo de graxa e manteiga, estou satisfeito,

con labios alegres lóuvate a miña boca. De ti ten sede a miña alma, Señor

 

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS

 

Rógovos, irmáns, pola misericordia de Deus, que ofrezáde-los vosos corpos coma sacrificio vivo, santo, grato a Deus: coma o voso culto espiritual. E non vos axustedes ó mundo presente. Transformádevos, máis ben, pola renovación da mente, para que poidades coñecer cal é a vontade de Deus: o bo, o que lle agrada, o perfecto. Palabra do Señor.

 

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

Empezou Xesús a aclararlles ós seus discípulos que tiña que ir a Xerusalén, e que alí o ían facer padecer moito os anciáns, os sumos sacerdotes e os letrados; que o ían executar e que ó terceiro día había resucitar.

Pedro, colléndoo á parte, empezou a rifar con el, dicindo:

‑Deus te libre, Señor; a ti non che pasará nada diso de maneira ningunha.

Pero el, volvéndose, díxolle a Pedro:

‑¡Arreda de min, Satanás! Ti es un tentador para min, porque non te deixas guiar por Deus senón polos homes.

Entón díxolles Xesús ós seus discípulos:

‑Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, que cargue coa súa cruz e que me siga. Porque quen queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen a perda pola miña causa, poñeraa a salvo. Pois ¿de que lle serve ó home gaña-lo mundo enteiro se perde a súa vida? E ¿que pode dar un home para recobra-la súa vida? Porque o Fillo do Home ha vir coa gloria de seu Pai entre os anxos; entón pagará a cadaquén conforme á súa conducta. Palabra do Señor.

 

PALABRA REMOÍDA

 

               Tres frases da Palabra de Deus que temos proclamado hoxe poden axudarnos a  reflexionar desde ela sobre a nosa vida, para tentar poñer luz e paz nos nosos corazóns, de xeito que no noso camiñar de cada día sintamos esa Palabra como bálsamo que cura as feridas que a vida nos vai deixando. Esas feridas que se nos mostran en formas diversas: dor, enfermidade, tristura, decepción, abuso, manipulación, mentira... e que van deixando un pouso de desconcerto e de desacougo en nós.

            Se somos quen de prestar atención á Palabra e conseguimos vencer a tentación de non caer nunha vida de fe consumo e rutina, iremos descubrindo como a fe deixa de ser algo externo a nós para converterse en verdadeiro pulo que alenta e alimenta todo canto facemos, sen necesidade de estar en todo momento co rosario na man ou golpeando o peito para que vexan que somos persoas moi boas e moi relixiosas.

·       Señor, seducíchesme e deixeime seducir. Esta invitación esíxenos un atento discernimento para que non confundamos esta sedución potenciadora da dignidade do ser humano, da igualdade e o respecto que as persoas merecen máis alá da súa condición social ou económica. Deixarse acoller pola sedución de Deus é unha invitación a pasar pola vida ao seu estilo: facendo o ben e valorando ás persoas polo que son e non polo que teñen. Sen postureo.

·       De ti ten sede a miña alma, Señor. E iso ha ser así porque a nosa alma, a nosa vida, o noso ser, como crentes que somos, ten sede de Deus. Non sede de poder, de recoñecemento social nin de títulos nobiliarios. Nós temos sede de Deus porque precisamos a auga sandadora que nos leva da súa man, que alenta o noso camiñar, que non nos deixa na beira do camiño, senón que nos tende a man e nos vai acompañando.

·       Ti es un tentador para min, porque non te deixas guiar por Deus senón polos homes. O que nos evitaría caer nas mans, sempre dispostas a tirar de nós, do cómodo, do que non esixe esforzo, do que nos promete o que el sabe que nunca nos poderá dar. Nunha palabra: afastarnos da tentación do xa e para xa, que tan de moda está hoxe , fará que afrontemos a vida como un reto no que precisamos esforzarnos, clarificarnos e deixar atrás todos eses cantos de serea que poden engaiolar moito os nosos oídos, pero que nunca aqueceran e humanizarán o noso corazón.

 

 

ORACIÓN COMPARTIDA

 

               Abertas e abertos á sedución de Deus que nos recoñece iguais e coa mesma dignidade, rezamos dicindo: SEÑOR, SACIA A NOSA SEDE DE DIGNIDADE E IGUALDADE.

 

·      Para que sexamos unha Igrexa, conformada por comunidades, que nos deixemos seducir polo Deus que se mostra sempre nos mais débiles, fráxiles e esquecidos da nosa sociedade. OREMOS. SEÑOR, SACIA A NOSA SEDE DE DIGNIDADE E IGUALDADE.

 

·      Para que no día a día das nosas comunidades parroquiais nos deixemos seducir por todo canto supón esforzo compartido e axuda solidaria, que nos vaia levando a superar tristuras e dificultades. OREMOS. SEÑOR, SACIA A NOSA SEDE DE DIGNIDADE E IGUALDADE.

 

·      Para que no camiñar cotián non endurezamos o corazón a Deus, que sempre nos chama a esforzarnos para ir construíndo un proxecto de vida que nos ilusione e anime a superar a tentación do individualismo. OREMOS. SEÑOR, SACIA A NOSA SEDE DE DIHNIDADE E IGUALDADE.

 

Señor, que a túa sedución cambie o noso corazón, tantas veces reseco e endurecido, para convertelo en latexo agarimoso e fraterno. Por Cristo o noso Señor. Amén.

 

 

 

 

RETROUSO AGARIMOSO

 

Non estamos nada acostumados ao falar de Deus a utilizar esta linguaxe que fala, como escoitabamos na primeira lectura, da sedución de Deus. É a linguaxe do amor, da paixón, do engaiolamento... Deus comportase como un conquistador, como un galán, capaz de usar tódalas súas capacidades namorar a quen el se propón. O dicionario dinos que seducir é: «Persuadir a alguén con loas para algo; cativar o ánimo de alguén».

E o profeta deixouse seducir por ese Deus sedutor. Está a lembrar que este deixarse seducir, guiar, levar pola chamada de Deus foi o seu primeiro amor, cando aínda era mozo. E o seu corazón quedou «apresado», que acompañou ao longo de toda a súa vida. Xa non precisaba máis. Deus saciaba tódalas as súas sedes.

É fermosa e atrevida esta linguaxe, e mesmo nos pode axudar a que reformulemos a nosa experiencia de fe, e a nosa relación con Deus. Unha fe e un Deus que so se poden entender desde o amor.

 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...