POUCAS VECES, QUEN RECIBE O QUE NON MERECE, AGRADECE O QUE RECIBE
PÓRTICO
A todas as persoas nos debería
saír facilmente do noso corazón e dos nosos beizos a palabra GRAZAS. Na nosa
casa, na nosa familia, no noso traballo, na nosa comunidade… en todos os
lugares e circunstancias da nosa vida. Pero non só como unha mera palabra ou
como norma de educación, senón como algo máis fondo: coma unha actitude que
emana do amor que Xesús dixo que nos debía caracterizar, pois a gratitude
significa valorar ao outro, tratalo con respecto e consideración, estimalo.
E esta gratitude tamén debe a
nosa actitude para con Deus, porque… temos tantas cousas que
agradecerlle!!!!!!!!!!!!!: a vida, a familia, @s amig@s, a natureza…
Que esta celebración nos abra á
gratuidade para con Deus e para cos demais.
O PERDÓN
ð Porque
en demasiadas ocasións vimos celebrar a fe por cumprir un precepto, por unha
tradición, por rutina… sen deixarnos enchoupar pola túa graza e polo teu amor, SEÑOR, LIMPA O NOSO CORAZÓN.
ð Porque
os nosos prexuízos impídennos, tantas veces, descubrir e recibir a sorpresa da
gratitude do estranxeiro, do pagán, do non crente, CRISTO, LIMPA O NOSO CORAZÓN.
ð Porque
estamos tan afeit@s a elas, que non somos capaces de descubrir e valorar as
bendicións coas que nos enches cada día, SEÑOR,
LIMPA O NOSO CORAZÓN.
Remuíño
* DESCUBRIR
A DEUS: As
dúas persoas que se atopan con Deus nas páxinas das lecturas de hoxe son
estranxeiras: un sirio e un samaritano. Ningún deles pertencía ao pobo
escollido, ningún estaba, aparentemente, nas mellores condicións para ter un
encontro con Deus. Porén, os dous souberon ir máis alá dunha lectura
superficial do seu acontecemento (a súa curación) para atoparse co feito sempre
sorprendente de ter descuberto a Deus. Ese mesmo é o gran reto das persoas
sobre a terra, porque non nos enganemos: podemos vivir toda unha vida
chamándonos cristiáns e cristiás sen ter descuberto de verdade a Deus. Porque
moitas veces temos a tentación de crernos os bos e corremos o risco de non
saber descubrir os valores d@s demais, tamén d@s estranxeir@s, d@s que non
falan, visten, aman, cren ou pensan coma nós, d@s que “non son d@s nos@s”.
Cómpre que sexamos máis humildes e tolerantes e menos autosuficientes, porque
non temos o monopolio do ben.
* UN
DEUS SORPRENDENTE:
Dez leprosos acoden a Xesús pedindo recobrar a saúde. Todos esperaban un xesto
marabilloso, un prodixio. Xesús limítase a dicirlles que fixeran o que tiñan
que facer (cumprir a lei e presentarse ao sacerdote). E cando ían de camiño,
quedaron limpos. Nove dos leprosos pensaron que como fixeran o que tiñan que
facer, pasara o que tiña que pasar; pero o samaritano soubo descubrir na súa
curación a man de Deus e volveu onda Xesús para darlle as grazas. Na nosa vida,
convencid@s de que todo é fatalidade ou destino, perdemos a sensibilidade para
descubrir nela esa man e así, cando as cousas van ben, pensamos que é o normal;
pero se van mal, facilmente lle botamos as culpas a Deus ou renegamos del. Non
somos quen de descubrir a Aquel que sae ao noso encontro para sorprendernos:
Moisés descubriuno na silveira, Abrahan nos peregrinos que hospedou na súa
tenda, María na mensaxe do anxo… E nós, sabemos ver a Deus na natureza, nos
irmáns, no noso traballo, no sorriso dos nenos, nos pequenos praceres da vida…
e tamén nos malos ratos?.
* QUE
NOS SACUDE DA RUTINA:
Detrás das formas e das fachadas relixiosas, é moi doado atopar un baleiro que
pouco a pouco esteriliza a nosa vida e transforma as nosas comunidades en
sombras do pasado ou restos puramente folclóricos. Ao cabo do tempo, todo perde
sabor e sentido: recíbense os sacramentos coma un puro trámite social, pero
internamente non estamos dispost@s a cambiar. Rodeados de palabras, rezos,
reunións… perdemos de vista o fundamental: Xesús e o seu Evanxeo. Por iso os
nove leprosos reflicten á perfección o estilo relixioso dos países, coma o
noso, tradicionalmente cristiáns: é tan grande a superficialidade e a falla de
compromiso que xa nada capta a nosa atención, non vivimos nada en profundidade,
nada nos empurra a unha renovación. Somos quen de recibir e facer todo cunha
completa indiferenza. Logramos un cristianismo cousificado e codificado: todo
se fai segundo as tradicións estipuladas, pensadas e dirixidas desde arriba,
realizadas mecanicamente, como se só polo feito de facer “cousas piadosas” ou
de recibir sacramentos, fose suficiente para medrar e madurar na fe, como se
non quedara un lugar para o esforzo e a iniciativa persoais, como se
creatividade e fe foran termos opostos, como se non houbese espazo para a
revisión e a crítica. Por iso hoxe pode ser un bo día para comprometernos a
buscar as pegadas de Deus a través dos feitos ordinarios, para comprometernos a
non dar por sabido todo o que se nos ofrece, aínda que nos pareza que o
escoitaramos xa mil veces. Aprendamos a descubrir as improvisacións de Deus
aínda nos seus agasallos máis frecuentes… e permanezamos sempre en actitude de
agradecemento.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Sentíndonos querid@, curad@s e salvad@s por Ti,
presentámosche a nosa oración comunitaria dicindo:
GRAZAS
POLO AGASALLO DA FE
*
Grazas, Señor, por querer unha Igrexa
plural, democrática, aberta e sinxela, na que ninguén se sinta excluído,
marxinado ou silenciado, OREMOS.
GRAZAS
POLO AGASALLO DA FE
*
Grazas, Señor, polas nosas
comunidades, nas que atopamos persoas anónimas que dan testemuño dunha
fraternidade que salta fronteiras e separacións para curar aos leprosos de
hoxe: marxinad@s, pobres, inmigrantes, anciáns, parad@s... OREMOS.
GRAZAS
POLO AGASALLO DA FE
*
Grazas, Señor, por todo aquilo que nos
regalas: a vida, a saúde, a natureza, o traballo, @s amig@s, a familia… para
que a nosa fe nos axude a saber descubrir sempre neles a túa man xenerosa,
OREMOS.
GRAZAS
POLO AGASALLO DA FE
Señor,
danos unha actitude agradecida, aberta e acolledora, para facer do mundo un
fogar no que todas as persoas teñamos cabida. PXNS.
Para a reflexión
Cómpre sermos agradecid@s.Na comunidade hai que ser agradecid@.
Hai que agradecerlle ao día a súa luz e á noite as súas sombras.
Hai que agradecerlle ao sol a súa calor e á choiva a súa lentura.
Hai que agradecerlle aos vellos as súas historias e aos novos os seus soños.
Hai que agradecerlle ao da casa a súa fidelidade e ao de fóra o seu servizo.
Hai que agradecerlle ao san a súa saúde e ao enfermo a súa resistencia.
Hai que agradecerlle ao ledo o seu sorriso e ao triste as súas bágoas.
Hai que agradecerlle á xente o seu esforzo e a Deus a súa graza.
(M.
Regal “Un caxato…”)
CANTOS* ENTRADA: Vinde axiña
* LECTURAS: Canta o sol
* OFERTORIO: Todo o mundo unha familia
* COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas
Comentarios