Ir al contenido principal

Domingo 30 TO C


SE O DEUS NO QUE CREMOS NON FAI DIFERENZA ENTRE AS PERSOAS, POR QUE OS QUE NOS CHAMAMOS SEGUIDORES SEUS NON FACEMOS O MESMO?

PÓRTICO

Nun mundo aparentemente tan ben comunicado e no que semella que estamos tan preto uns dos outros, resulta que nunca tanto coma hoxe as persoas estiveron solas, esquecidas, sen ninguén que as escoite e lles preste atención.
Que nos pasa?. Esquecemos a diferenza entre o importante e o accesorio?. Xa non sabemos distinguir entre un carballo, por moitos anos que teña, e unha persoas que sofre, á que ninguén lle fai caso ou está enferma?. Cómo temos chegado a esta situación?. Tan duros somos de corazón que nos esquecemos das persoas e da dignidade que entre nós compartimos?

Deixemos que a Palabra que hoxe imos proclamar aniñe e enchoupe o noso corazón e estimule a nosa vida.

O PERDÓN

·         Para que non deixemos que a friaxe e a indiferenza aniñen no corazón, SEÑOR, TÉNDENOS A TÚA MAN.

·         Para que nin os pobres nin a pobreza nos resulten indiferentes, CRISTO, TÉNDENOS A TÚA MAN.

·         Para que non caiamos na tentación da inconstancia e o abandono, SEÑOR, TÉNDENOS A TÚA MAN.

REMUÍÑO

·         Un mundo onde a loita contra a tentación de aplastar e oprimir ao outro é tan grande, necesita de referentes que o fagan ter sempre presente que as persoas somos o centro de todo, o máis importante, a razón e o porqué de todo canto se fai e supón avance e mellora para tod@s. Tendo isto claro, a realidade vai por un camiño moi distinto. Nunca tanto coma hoxe as desigualdades entre uns e outros foron tan grandes; as diferenzas entre os que teñen moito e os que día a día van perdendo o pouco que teñen son cada vez maiores. Ocórrenos a nós como ocorría no tempo no que se escribiu o libro de Eclesiástico, que lemos como primeira lectura. Diante da indiferenza e o desprezo das persoas, relegadas a segundos, terceiros e cuartos postos no canto dos cartos, as ganancias e as estatísticas favorables, necesitamos para vencer esta actitude morna e tremendamente inhumana, voces que nos esperten do sono que nos fai pasivos e xustificadores de canto pasa. Necesitamos persoas e testemuños que non deixen que adormezan as nosas conciencias e nos convertan en simples robots que aceptan pasivamente o que os que mandan deciden sobre nós, como se foramos ovellas dun rabaño que eles guían e enganan segundo os seus intereses. Fronte de tantos lobos que buscan abusar de nós, necesitamos sentirnos firmes e asentados na forza que recibimos da Palabra de Deus, para clamar e actuar contra os que non prefiren ás persoas, e dentro destas, aos pobres, como compañeiros de viaxe á hora de construír un mundo no que non gañen sempre os mesmos, e os perdedores sexan reducidos a cousas, como se a súa dignidade non valera para nada. Se non nos apuramos, acabará pasando o tempo, quedaremos atrás, e cando queiramos reaccionar, xa será tarde. O Papa Francisco vén insistindo, unha e outra vez, que temos que saír dos pazos das comodidades, para ir facendo lío. O lío de quen sabe que as cousas poden ser doutro xeito. Pero para iso é necesario perder os medos e unirnos a cantos, coa mesma esperanza e ilusión, non se conforman nin se resignan, senón que se rebelan contra todo canto supón ver ás persoas oprimidas, enganadas ou estafadas. Do mesmo xeito que o Señor encara aos malvados, que tamén nós saibamos unir forzas para plantarlles cara.

·         Este esforzo será o que anime e vaia dando sentido á nosa vida. Porque, se non fose así, teriamos que preguntarnos que pintamos aquí?. Para que estamos?. Que sentido ten calar e aguantar?. Deus non nos quere resignados nin calados, senón activos e denunciando as inxustizas que os que mandan e, pensan que saben, van cometendo contra de nós e dos máis débiles. Como crentes e seguidores de Xesús non podemos nin debemos permitilo. Non é tempo de calar nin de aguantar preitesías e privilexios de quen sendo igual a cada un/ha de nós, coida que pode pisarnos e aplastarnos se non facemos o que quere e manda. É tempo de rebelarse, para que ao chegar á meta, poidamos pasala coa alegría de ter loitado e traballado polo triunfo. Tal e como nos di Paulo que a el lle espera. Do mesmo xeito, tamén a nós nos agarda a meta do encontro con Deus. Presentarémonos coa vida chea de resignación e as mans baleiras?.

·         Non nos creamos, entón, nin perfectos nin mellores cós demais, e esforcémonos por ir buscando canto nos une, achega e esperanza, para así ir construíndo espazos de encontro dos que saen as forzas para loitar contra da inxustiza e evitar que os de sempre, os que din, mandan, dirixen e impoñen, sexan os que acaben saíndo coa súa. Non fagamos coma o fariseo que se cría xusto e mellor cos demais, e desprezando a quen tiña a seu lado, quería dar leccións de bonhomía. Fagamos da nosa vida, como nos invita Xesús, espazos de colaboración, encontro, respecto para os outros e sinxeleza. Porque dos sinxelos e misericordiosos é o Reinado que nos deixou Xesús.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Rompamos a indiferenza diante do que pasa por diante dos nosos ollos, e pidamos a Deus Pai/Nai que nos dea folgos para non calar nunca fronte da inxustiza. Facémolo dicindo xunt@s:

SEÑOR, QUE NUNCA XUSTIFIQUEMOS O ABUSO DOS DÉBILES

·         Para que a Igrexa esperte do sono que a ten levado a calar diante da opresión, a inxustiza e a explotación dos máis pequenos e necesitad@s, OREMOS.

SEÑOR, QUE NUNCA XUSTIFIQUEMOS O ABUSO DOS DÉBILES

·         Para que nas nosas parroquias non calemos cando vexamos e saibamos de situación de violencia, opresión, malos tratos ou discriminación que estean sufrindo algúns dos nosos veciños, OREMOS.

SEÑOR, QUE NUNCA XUSTIFIQUEMOS O ABUSO DOS DÉBILES

·         Por nós, para que non busquemos xustificacións que impidan un comportamento profético de non calar cando os que temos ao noso redor son tratados como cousas e non como persoas, OREMOS.

SEÑOR, QUE NUNCA XUSTIFIQUEMOS O ABUSO DOS DÉBILES

Grazas, Señor, por axudarnos a espertar do sono da indiferenza e o pasotismo. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Hai algo peor que ter malas ideas:
é ter ideas definitivas.

Hai algo peor que ter mala conciencia,
e aínda peor que facerse unha mala conciencia:
é ter unha conciencia perfecta.

Hai algo peor que ter un espírito malo:
é ter un espírito acomodado.

Porque os mellores, os bos,
ou alomenos aqueles que gustan de ser chamados así,
non teñen defectos na súa armadura... e nunca son feridos.

A moral da súa pel é para eles coraza e caparazón.
Porque non lles falta nada, nada se lles dá;
porque non lles falta nada, ninguén lles ofrece todo.

A caridade de Deus non cura a quen non ten feridas.
Precisamente por estar ferido no chan,
aquel home foi recollido polo samaritano.

Por estares sucio o rostro de Xesús,
foi limpado polo pano da Verónica.
Por mostrar as súas feridas, as súas penas, o seu amor

Xesús dignificou á muller pecadora.
Así, pois, quen non caeu, nunca será erguido;
quen non se manchou, nunca será limpado.
Os bos non son permeables á graza.

CANTOS
ö  ENTRADA: Amigos nas penas
ö  LECTURAS: Benaventurados
ö  OFERTORIO: Pregoeiros da túa paz
ö  COMUÑÓN: Ti es o pan do ceo

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...