Ir al contenido principal

29 domingo To C

INDA QUE NÓS CANSEMOS, DEUS NIN CANSA NIN SE ABURRE DE NÓS

PÓRTICO
Sempre andamos con présa: a misa non pode durar moito, cos veciños non temos tempo para quedar e falar un pouco, aos enfermos non temos tempo de ilos ver, cos fillos non podemos sentar para escoitalos, falar con eles o xogar un pouco... Andamos tan atarefados!. Pero tanto, tanto, que imos deixando escapar as mellores posibilidades e momentos de gozar do tempo, da contemplación da natureza, da compaña das persoas, da palabra dos seres queridos... Cando nos daremos conta de que o que agora parece que nos escapa xa non ten volta atrás, que xa non volveremos ter outro momento ou situación igual?.

A Palabra de Deus quere invitarnos hoxe a que paremos e pensemos sobre todas estas oportunidades que imos deixando escapar, para así reconsiderar a nosa postura, e volver de novo ao importante. As présas non son nunca boas compañeiras, as persoas si que o son. Que a paciencia e a perseveranza volvan ocupar o sitio que merecen e lles corresponde na nosa vida.

E neste contexto de compartir repousadamente o que somos e o temos, celebramos a Xornada Mundial das Misións, o DOMUND, que co lema “Fe+Caridade=Misión”, é unha boa ocasión para lembrarnos que, como ben di o papa Francisco: “recibimos o don da fe , non para telo agochado, senón para difundilo, para que poida alumear o camiño de moitas persoas”.

O PERDÓN
*    Da nosa impaciencia e da nosa présa, AFÁSTANOS, SEÑOR.
*    Da nosa incapacidade para saber valorar o tempo compartido con quen o necesita, AFÁSTANOS, CRISTO.
*    Da nosa présa por perder o tempo solos, e non recuperalo para poñelo a dispor de canto anima, aleda e alenta, AFÁSTANOS, SEÑOR.

REMUÍÑO
·         Moisés é consciente da realidade na que el e mais o pobo están a vivir, por iso insiste unha e outra vez na necesidade de orar xuntos, de orar con confianza, de orar crendo na forza e no valor da oración. Non se está a referir a unha oración rutinaria que leva os beizos para un lado e a mente para outro. El non deixa de dicirlle ao pobo que canto se expresa cos beizos ha saír do profundo do corazón, pois só así a credibilidade de quen reza e do que se reza poderá asentar realmente no cotián da vida de cada persoa. Cando nós rezamos, facémolo tamén así, ou máis ben deixámonos ir polo vieiro da costume, a rutina e as palabras sen sentido nin forza que saen da nosa boca?... Unha vez máis, e respondendo á invitación que desde esta palabra que busca alimentar e dar sentido á nosa vida, esforcémonos por non caer na tentación de cansar e abandonar. Porque só quen insiste e non se deixa vencer polo desánimo, é capaz de entender e albiscar por que os cristiáns falamos de esperanza e non só de ilusión nin de ideas irrealizables. Non terá algo que ver coa aclamación que faciamos no salmo de que o noso auxilio nos vén do Señor?.
  • Se somos capaces de ir acompasando todo canto imos vivindo e facendo co que rezamos, estaremos acadando o obxectivo ao que nos invita Xesús: non deixarnos levar nin das présas nin da tentación de deixar pasar o tempo sen facer nada; á vez que iremos construíndo o edificio da nosa existencia con bos cimentos; os cimentos que se son capaces de aguantar os envites que a tod@s nos vai dando a vida, e non perder deste xeito a esperanza que asenta e orienta o sentido e opcións que cada un de nós imos tomando, e que nos axudan a crecer e madurar como persoas e como cristiáns. Deste xeito, iremos respondendo ás diferentes situacións nas que se vai concretando en nós a obra de Deus. Unha obra que deberá ir aprendendo a beber da fonte da realidade –os sinais dos tempos– para dar os mellores froitos de actitudes cristiás vividas sen medo e con gozo, no medio do mundo, e en unión con outras persoas, sexan ou non dos que pensan e fan coma nós. A obra de Deus non é un conxunto de ritos ou prácticas; tampouco un elenco de normas ou imposicións, senón a maneira de facer e vivir de xeito ledo que Deus nos quere, nos acompaña e nos invita a facer o mesmo coas persoas do noso redor e desde as estruturas xustas, solidarias e sempre orientadas ao ben común que nós imos dando na nosa sociedade. 
 
  • E todo o desenvolvemento deste proxecto que Deus pon ao noso dispor para que o realicemos non pode quedar nin reducirse a un activismo continuo de facer cousas e desesperarse porque non saen como as tiñamos pensado, senón que ha ser un proxecto construído paseniñamente, sen présas e ben orientado.Un proxecto que necesita non do simple arrouto da acción, senón da forza da oración perseverante, confiada e asentada sobre canto se vai facendo. Porque é aí onde temos que ir descubrindo a forza e a presenza de Deus. Só deste xeito poderemos entender por que cando falamos da oración, falamos do gran puntal que sostén a forza das nosas accións, as debilidades das nosos proxectos e a ilusión desde a que a perseveranza vai facendo que non desesperemos nas dificultades, senón que saibamos agradecer con realismo as nosas limitacións, e a necesidade da forza de Deus e da axuda dos demais. Solos non imos moi lonxe. Xuntos e en comunidade, acadamos metas e superamos atrancos. Perseveremos, sen medo, neste camino.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Deus chámanos a non cansar e a camiñar, con actitude constante e perseverante, na confianza dunha oración agradecida e compartida. Porque queremos responder a esta invitación, dicimos xunt@s:

SEÑOR, QUE BEBAMOS DA FONTE DA TÚA PALABRA

·         Para que na Igrexa, saibamos valorar e potenciar unha oración que parta da nosa vida e axude a descubrir que non es Ti quen cansa de nós, senón nós os que cansamos de Ti, OREMOS.

SEÑOR, QUE BEBAMOS DA FONTE DA TÚA PALABRA

·         Para que nas nosas comunidades cristiás, vaiamos creando espazos de encontro e oración que nos axuden a non cansar nin desesperarnos nos momentos de dificultade, cando quedamos solos e, moitas veces, desorientad@s, OREMOS.

SEÑOR, QUE BEBAMOS DA FONTE DA TÚA PALABRA

·         Para que teñamos sempre unha actitude de achegamento ás persoas que nestes momentos de dificultade económica e social corren o risco de quedar nas beiras e ser esquecidas pola falta de traballo, casa ou familia que as acolla e axude, OREMOS.

SEÑOR, QUE BEBAMOS DA FONTE DA TÚA PALABRA

·         Por todos os misioneiros e misioneiras que dun cabo ao outro do mundo anuncian o Evanxeo, para que sempre sintan a paz e a fortaleza de Deus, que os bendí e os acompaña no seu labor, OREMOS.

SEÑOR, QUE BEBAMOS DA FONTE DA TÚA PALABRA

·         Por todos nós, para que nos sintamos responsables da acción misioneira da Igrexa e contribuamos a ela segundo as nosas posibilidades, OREMOS.

SEÑOR, QUE BEBAMOS DA FONTE DA TÚA PALABRA

 Grazas, Señor, por agarimarnos e axudarnos a non desesperar diante das teimosías da nosa debilidade, que nos fan esquecer a necesidade de ser perseverantes na nosa oración. P.X.N.S. Amén.

 
PARA A REFLEXIÓN

Que non se nos afaga o corazón, Señor,
a ver persoas sufrindo en situacións inxustas.
Que non vexamos coma algo normal tropezarnos
con homes e mulleres sen casa e sen teito.
Que nos sorprendamos cada día
deste mundo no que uns temos de todo
mentres a outros lles falta de todo.

Que non se nos afaga o corazón
á dor do irmán que está na cuneta.

Pon tenrura, Señor, na nosa mirada;
pon agarimo na nosa man que saúda;
pon misericordia na nosa mente que fai xuízos;
pon sabedoría na nosa linguaxe;
pon escoita nos nosos oídos que perciben.

Pon, Señor, xustiza, unha migalliña da túa xustiza, na nosa vida.

CANTOS

ö  ENTRADA: Andarei

ö  LECTURAS: O Señor é o meu pastor

ö  OFERTORIO: Sementar, sementarei

ö  COMUÑÓN: Acharte presente

 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...