Ir al contenido principal

Domingo 31 TO C

ACOLLER E AMAR: DÚAS ACTITUDES QUE MOSTRAN A PRESENZA DO ROSTRO DE XESÚS ENTRE NÓS EN TEMPOS DE INCERTEZA E DESAMOR

PÓRTICO
O amor fainos sentir iguais, preto, preocupados, dispostos e sempre solidarios para cos demais. Entendemos entón por que para Xesús o amor é fonte e cumio da súa vida e da dos que o seguen. Moitas veces cantamos nas celebracións que na tardiña baixa da nosa vida, o único exame que imos pasar é o do amor; nel mostraremos se verdadeiramente temos tomado en serio a invitación de Xesús de amarnos uns aos outros.

Desde este amor, sen límite e sempre comprensivo e misericordioso, invítasenos hoxe a achegarnos á mesa do altar para compartir a celebración na que Xesús se nos mostra na Palabra proclamada e no pan e viño da mesa da fraternidade. Que poñamos como guieiro e tarefa da nosa vida o amor, que unha vez acadada nos mostra o rostro de quen amou ata ser capaz de dar a vida en totalidade.

O PERDÓN

·        Porque nos falta compaixón e nos sobra intolerancia, SEÑOR, QUE A NOSA VIDA NON SEXA ENGANO.

·        Porque nos sobran prexuízos e nos falta sinceridade, CRISTO, QUE A NOSA VIDA NON SEXA ENGANO.

·        Porque moitas veces afastámonos no camiño da misericordia e do perdón ao que sempre nos chamas, SEÑOR, QUE A NOSA VIDA NON SEXA ENGANO.

REMUÍÑO
·        PORQUE O SEÑOR NON ABORRECE NADA DO QUE FIXO: A primeira lectura que vimos de proclamar, tomada do Libro da Sabedoría, supón un sopro de aire fresco neste clima moitas veces cargado de negatividade e pesimismo da nosa Igrexa. Si, porque nos invita a ver o mundo con ollos de esperanza, con ollos positivos, con ollos de bondade. Neste mundo, que Deus crea e nós recreamos, non hai nada aborrecible. Unha vez máis: que lonxe está a Palabra das palabras de moitos dentro da nosa Igrexa que, hoxe como nunca, teiman na xerarquización, na obediencia cega sen cuestionar nada e na uniformidade que acaba converténdose en rutina. Si, cando a intransixencia e o fanatismo fan que se cuestione con lupa mesmo o que fai e di o Papa Francisco (feito inaudito dentro da Igrexa o de cuestionar ou matizar a todo un Papa), a Palabra, incansable, quere facernos caer na conta que Deus non é verdugo nin xuíz sanguinario, senón que segue a ser Pai-Nai que acubilla, acolle e perdoa. Por que entón a nós se nos enche a boca falando dun castigo de Deus, dun Deus que leva conta dos nosos erros e a quen lle temos que facer constantemente actos de desagravio?. Non será que nos predicamos a nós mesmos, mesquiños e ruíns, e proxectamos esa mesma imaxe de Deus por ser a que nos proporciona maiores dividendos e seguridades?. Ata cando, Señor, seguiremos vivindo amedrentando e humillando aos irmáns?.

·        SEXAMOS DIGNOS DA NOSA VOCACIÓN: Porque Deus nos quere, porque para El somos importantes, porque se ocupa e preocupa por nós, non podemos nin debemos fallarlle: El chámanos á felicidade, a realizarnos como persoas a través da nosa vocación cristiá no medio do mundo. E temos que facelo sen desesperar, cos pés pisando forte, sen caer na tentación de fuxir, de pechar os ollos ao que pasa, de querer desentenderse dos problemas e retos. Porque aí está o noso compromiso de fe. Que as dificultades non nos leven a caer na tentación de refuxiarnos nos “cuarteis de inverno” á calor dunha fe cómoda, cultual e amoldada aos nosos propios intereses.

·        E SEXAMOS PERSOAS ABERTAS, QUE DAN OPORTUNIDADES: E neste estar no mundo, non somos quen de ser xuíces dos demais. No marco dunha sociedade teocátrica coma a de Israel, invadida por unha nación estranxeira e obrigada a pagar pesadísimos impostos, a figura do “recadador” é o símbolo do renegado e mercenario ao servizo de Roma. Zaqueo era baixo de estatura, un ladrón, un proscrito. Con todo, quería ver quen era Xesús e El... reparou naquela persoa. Soubo ir máis alá dunha mirada superficial, soubo mirar cara dentro, soubo descubrir que aquel home berraba en silencio que lle desen unha nova oportunidade, soubo ler no seu corazón que aquela persoa quería e podía cambiar e entrar na dinámica do Reino. Porén, nós seguimos empeñados en que as persoas non poden cambiar, seguimos negándolle a oportunidade do cambio a quen nos fixo dano, seguimos sen saber descubrir que o Señor pasa cada día e que hai moitos irmáns que, subidos na figueira da dor, da incomprensión, da soidade, da marxinación, da pobreza... esperan o seu paso para aterrar e comezar unha nova vida. Seremos nós tan curtos de sentimentos, que non de estatura, como para negárllela?.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Deus non cansa de saír ao noso encontro; porén, nós, cansamos de abrirlle a porta do corazón. Aprendamos a ser insistentes coma El, e digamos xunt@s:
ACOMPÁÑANOS E ENSÍNANOS A VIVIR O AMOR

·         Que entre tod@s construamos unha Igrexa pobre e para os pobres, afastada da tentación do dominio e do poder, OREMOS
ACOMPÁÑANOS E ENSÍNANOS A VIVIR O AMOR

·         Que fagamos das nosas comunidades berces nos que cando nos sintamos desacougados ou cheos de tristura e dor, atopemos sempre alguén que pare con nós e nos, OREMOS.
ACOMPÁÑANOS E ENSÍNANOS A VIVIR O AMOR

·         Que fagamos da nosa vida un esforzo continuo por servir coas nosas mans e o noso corazón a quen se senta necesitado, enfermo ou so, OREMOS.
ACOMPÁÑANOS E ENSÍNANOS A VIVIR O AMOR

Grazas, Señor, por estar sempre ao noso lado, a pesares que non sempre nos estamos ao teu. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Ti, Señor, es un Deus de vida e de ilusións.

Non é inofensivo achegarse a Ti.

Ti es quen de darlle a volta á cabeza, ao corazón e á vida,

a todas as vidas de todas as persoas.

Ti es quen de reformar os nosos plans e desviar os nosos camiños,

de abrir novos vieiros, de ofrecer abrentes impensables.

Ti es quen de fixarte en quen está na figueira,

de invitarte a comer por sorpresa,

de hospedarte na casa dun pecador,

de repetir, hoxe,

con cada un e cada unha de nós,

a historia de Zaqueo.

Non te fagas de rogar,

míranos como sabes,

e invítate a xantar na nosa casa.

CANTOS
û  ENTRADA: Temos unha festa

û  LECTURAS: Contade as marabillas do Señor

û  OFERTORIO: Benaventurados

û  COMUÑÓN: Déixate querer

 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...