Ir al contenido principal

Todos os Santos

A FESTA DA PLENITUDE NO ENCONTRO GOZOSO CO PAI DA ESPERANZA
PÓRTICO

A cantos hoxe nos reunimos celebrando a festa de Tódolos Santos, únenos a mesma convicción: Deus, que é amor e esperanza, non nos deixa solos, senón que nos acolle ao seu carón para invitarnos á confianza diante de toda a desconfianza que nos rodea; para chamarnos polo noso nome fronte ao anonimato que nos ignora e silencia; para tendernos a súa man nun momento no que o individualismo e o interese puramente materialista se queren impor por riba da amizade, o amor e a espiritualidade que nos leva a descubrir a Deus no encontro xeneroso cos irmáns e na profundidade das decisións que orientan e dan sentido a nosa vida. A festa de hoxe quere ser, logo, chamada a non deixarse arrastrar do pesimismo, para facer agromar a esperanza daquel que sempre se achega a nós e non cansa de dicirnos: benaventurados. Por tant@s benaventurad@s que responderon a súa invitación, compartimos e celebramos hoxe este momento de oración.

O PERDÓN
  • Para que aprendamos a facer da nosa vida don e entrega, fronte á intolerancia e o egoísmo, SEÑOR, GRAZAS POR FACER DA SANTIDADE DON E ENTREGA.
  • Para que descubramos que o amor non son palabras, senón feitos que se mostran no escoitar, axudar e animar a quen o necesite, CRISTO, GRAZAS POR FACER DA SANTIDADE DON E ENTREGA.
  • Para que manteñamos os ollos abertos a descubrir a túa presenza en cantos se esforzan por romper a lóxica do egoísmo, para crecer na lóxica da preocupación e da cercanía, SEÑOR, GRAZAS POR FACER DA SANTIDADE DON E ENTREGA.

REMUÍÑO
*        O libro da Apocalipse cóntanos algo que, a pesares de que temos escoitado moitas veces, quizais non lle teñamos prestado toda a atención que merece: Son moit@s os escollid@s, salvad@s, agarimad@s que xa gozan da presenza de Deus. E se son moit@s os que xa perciben o recendo do amor de Deus, non podemos dicir que o mundo é malo, que as persoas son todas egoístas e que a desesperanza é tanta que non hai nada que facer. Ao contrario, se tomamos en serio a palabra proclamada, e lle prestamos atención, descubriremos que a mensaxe que nos quere dirixir é outra. Unha mensaxe en positivo: a bondade do amor de Deus está moito máis presente entre nós do que cremos, por iso temos que deixar de laiarnos e de mirar só o negativo, para comezar a construír desde o bo que percibimos ao noso redor. Unha bondade que se nos mostra cada día nas persoas que dan o seu tempo ao servizo dos demais, das persoas que se abren a compartir o que teñen, das persoas dispostas a facer da vida dos outros un tempo de sorriso e paz. Esa foi a tarefa na que tanto se implicaron homes e mulleres aos que temos coñecido, e aos que hoxe queremos dicirlle desde esta nosa oración comunitaria: grazas polo voso exemplo, grazas polo camiño que nos abristes, grazas por mostrarnos que fronte ao noso pesimismo hai outro xeito, outro mundo, outro corazón que crece e vive en esperanza. A celebración de hoxe  ten que ser para tod@s nós unha celebración de agradecemento por todo o Reinado de Deus que temos recibido a través da vida, polo exemplo e o testemuño das persoas coas quer temos compartido tempo e vida, e que repousan nos “camposantos” das nosas parroquias. E inda que os seus nomes non están nos calendarios, nin as súas festas se celebran con foguetes e música, hoxe nós miramos para as lápidas nas que están escritos os seus nomes e, cheos de agradecemento, celebramos que teñan sido as mellores testemuñas do amor de Deus, os mellores embaixadores do ilusionante e esperanzado proxecto de amor, paz e xustiza que viviu e nos invitou a vivir Xesús de Nazaret. Por iso nós hoxe, con actitude orante, co corazón latexando de lembranzas e co pensamento agradecido, reunímonos para celebrar que “por riba das nosas distancias, hai unha fe; unha esperanza que medra en nós tamén”; o que nos leva a confesar sen rutina e cheos de agarimo: porque o voso testemuño foi tan grande que estaredes sempre en nós, agardamos un día poder volver atoparnos ao lado do noso amigo Xesús, para cantar o aleluia da resurrección. Paga a pena, entón, non deixarse vencer, na loita de cada día, polas dificultades, atrancos e desilusións que nos vaian chegando –sabendo que moitas veces son duras e difíciles de entender– para seguir abrindo camiños e fendas que nos acheguen a Deus, e lles posibiliten aos irmáns unha vida máis digna e xusta.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Deus, que é amor e acollida, invítanos neste momento a compartir a oración comunitaria dicindo xunt@s:

GRAZAS POLO TESTEMUÑO DE AMOR DAS PERSOAS SINXELAS
û  Para que en toda a Igrexa saibamos ser agradecid@s e valoremos os exemplos de entrega xenerosa de tantas persoas que hoxe, na súa festa, a festa dos santos sen calendario, ven recoñecido o seu traballo e o seu esforzo en favor das persoas e da súa dignidade, OREMOS.

GRAZAS POLO TESTEMUÑO DE AMOR DAS PERSOAS SINXELAS
û  Para que nas nosas comunidades non desalentemos nunca, e nos esforcemos por levar tempo e capacidade de escoita a cantos, neste momento tan difícil, senten a necesidade de persoas que os escoiten, OREMOS.

GRAZAS POLO TESTEMUÑO DE AMOR DAS PERSOAS SINXELAS
û  Para que cada un/ha de nós, saibamos valorar que só poderemos descubrir o que son a felicidade e a alegría, se somos capaces de por o noso tempo ao servizo de quen puidera necesitalo, como fixeron tantos homes e mulleres aos que hoxe queremos honrar nesta festa de Tódolos Santos, OREMOS.

GRAZAS POLO TESTEMUÑO DE AMOR DAS PERSOAS SINXELAS
Grazas, Señor, por ofrecernos a alegría da esperanza e da vida entregada ao servizo da felicidade dos outros. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Señor, axúdame a ser Santo:
Santo sen premio.

Santo para non ofenderte.
Santo para servir mellor aos demais.

Señor, neste día,
que recordamos e celebramos a memoria de tódolos Santos,
axúdame a acercarme máis a Ti.

Que o Espírito me conceda os dons necesarios para ser mellor.
Non porque eu mereza algo,
senón para que a miña loanza chegue a Ti, máis plena.

Señor, perdóame,
polas miñas infidelidades e abandonos,
por todo o que podía ter feito e non fixen,
por todo o que podía ter servido e non servín,
por todo o que teño desaproveitado.
Dáme a túa bendición para que o resto da miña vida,
che sexa fiel e caritativo,
luz túa e servidor de todos,
segundo Ti me pidas en cada momento.

Grazas Señor pola túa misericordia comigo.
Amén.

CANTOS
ð  ENTRADA: Benaventurados
ð  LECTURAS: Por riba das nosas distancias/Camiñarei na presenza do Señor
ð  OFERTORIO: Se o Señor resucitou
ð  COMUÑÓN: Pan do ceo

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...