Ir al contenido principal

28 Domingo TO A 2017

E TI.... VÉS VESTIDO DE FESTA?
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Con ledicia vamos todos ao altar (Nº 2)
LECTURAS: Como che cantarei? (Nº 28)
OFERTORIO: Señor Xesús, bendito sexas (Nº 52)
COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)

ESCOITA ACTIVA

Sabemos dar consello, impartir doutrina, explicar as escrituras, instruír na oración, falar de Deus....Temos o mercado aberto para quen queira vir e mercar. Lemos e estudamos, amasamos e metemos ao forno o pan saboroso da Boa Nova. Sabemos ensinar, pero practicamos o que ensinamos?. Sabemos indicar claramente o camiño, pero percorrémolo nós?. Falamos de fe, de servizo, de oración e de sacramentos; pero probamos nós algo diso?. O mercado do espírito é tal que, se non somos os primeiros en aprezar co noso uso e a nosa ledicia o que lle propoñemos a outros, baixará a demanda.
Que esta celebración que agora comezamos nos axude a aprender a disfrutar a Boa Nova e o banquete para podelo repartir, pois, como ben non cansa de lembrar o papa Francisco: “A ledicia do Evanxeo enche o corazón e a vida enteira das persoas que se atopan con Xesús. Quen se deixan salvar por El son liberados do pecado, da tristura, do baleiro interior, do illamento. Con Cristo sempre nace e renace a ledicia”. Poñámonos ao carro.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

*        Polas moitas veces nas que renunciamos a vestir o noso corazón co traxe do perdón, da misericordia, da comprensión e da escoita; SEÑOR, REVÍSTENOS COA TÚA MISERICORDIA.
*        Porque non estamos dispost@s a saír ao camiño da vida para ir ao encontro, invitar, coñecer, observar, acoller e acompañar aos que ninguén invita, recoñece, observa, acolle ou acompaña; CRISTO, REVÍSTENOS COA TÚA MISERICORDIA.
*        Porque temos “cara de vinagre”, esquecendo que para evanxeliza o mundo cómpre redescubrir urxentemente a dimensión da ledicia da vida cristiá; SEÑOR, REVÍSTENOS COA TÚA MISERICORDIA.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

·        En tempos de crise como son os que estamos a vivir, a lectura que vimos de escoitar de Paulo é todo un reto: hoxe sei vivir na miseria e na fartura. De verdade poderíamos nós dicir o mesmo?. Non. Máis ben nós estamos moi acostumados a vivir na fartura, pero pouco ou nada na miseria; é dicir, na dificultade, no sacrificio, no esforzo, no aforro... valores que consideramos coma secundarios, deixámolos de lado e non movemos nin un só dedo para que a nosa xente nova vaia medrando neles, senón que lle aforramos esforzo, dificultades e sacrificios dándolle todo feito. Por iso en momentos de dificultade económica, cultural, política, relixiosa...como son os actuais, rapidamente nos vimos abaixo, desanimámonos, e todo nos vai desesperanzando e desilusionando. Porque é moi fácil vivir na fartura; pero moi difícil facelo na miseria. Ao bo afacémonos moi pronto... e prescindir del cústanos demasiado. Nesta situación, é bo non esquecer o alento da Palabra de Deus. Madurar, medrar como persoas, supón aprender a afrontar os retos que a vida nos vai pondo diante, deixando atrás o fácil, a queixa, o laio, a nostalxia, para comezar a afrontar as situación e a tentar darlles resposta. Diante das dificultades non debemos perder a nosa capacidade de análise, de reflexión, sen deixarnos levar nin do primeiro que se nos ocorra nin do que nos resulte menos esforzado. Coma Paulo, tamén temos forzas grazas a quen nos fai fortes, grazas a quen nos reúne hoxe aquí; grazas a quen nos vai acompañando no camiño da nosa vida. Sabemos da súa presenza e sentimos a súa forza?. Ou non?. Porque ao mellor, se non é así, teríamos que preguntarnos se de verdade debemos levar o nome de seguidores seus; se de verdade se nos nota que El é o que dá sentido á vida, e así o vivimos; se El é quen nos vai dando folgos para que a desesperanza e o desalento non aniñen na nosa vida.
·        Desde a época dos profetas, Israel describía a alegría dos tempos mesiánicos coma un banquete. Pola súa banda Xesús, que coñecía moi ben a vida dura e monótona dos campesiños, sabía como esperaban a chegada do sábado para liberarse do traballo. Víaos disfrutar nas festas e nas vodas.... daquela, que experiencia podía haber máis gozosa para aquelas xentes que ser invitadas a un banquete, sentar na mesa e compartir unha festa?. O banquete é símbolo do Reino de Deus: abundancia, festa, fraternidade, gratuidade..... Non podemos esquecelo, somos invitad@s a un banquete. O amor: esa será a chave que nos permita entrar ó banquete de vodas. Por iso a parábola móstranos unhas sorpresiñas:
o   as persoas que reciben a invitación non queren asistir, desculpan a súa asistencia. Para moitos daqueles cidadáns, a invitación a un banquete (o sono de calquera israelita!) non é algo importante. Para outros, mesmo é algo molesto: maltratan aos servidores do rei e mátanos.
o   a negativa incomoda ao rei, pero non suspende o banquete. Os servidores saen de novo e esta vez invitan a todas as persoas que atopan, boas e malas. A negativa non detén o amor de Deus, o ofrecemento do Reino segue facéndose malia ás nosas escusas e a nosa falta de acollida.
o   a festa só comeza cando a sala está chea. Mentres, haberá que saír aos camiños, anunciando o banquete. Ninguén é chamado polos seus méritos, reúnen a todos os que atopan, bos e malos.
o   unha derradeira sorpresa: chega o rei e sorprende a un invitado sen traxe de festa e bótao fóra. A gratuidade de Deus reclama a nosa responsabilidade e o noso compromiso. Deus bríndanos a posibilidade de entrar no seu Reino: tod@s estamos invitados á voda, non hai acepción de persoas; pero esixe unha condición: levar traxe de festa, ou o que é o mesmo: servir na vida de cada día a mensaxe de Xesús, actuando segundo o Evanxeo. E, ás veces, canto nos custa!: dicimos crer en Deus, e mesmo acudimos ás celebracións; pero comprometer a nosa vida, o noso tempo, o que somos e o que temos a prol dos irmáns.... iso xa é outro cantar.

FRATERNIDADE ORANTE

Hoxe Deus invítanos a responder ao seu seguimento desde a ledicia. Agradecid@s dicimos:
QUE TESTEMUÑEMOS A LEDICIA DE CRER
ü Pola Igrexa, para que saiba dicir si a Deus desde a fidelidade ao mundo de hoxe; e semente coa súa presenza, a súa palabra e as súas accións a imaxe dun Deus acolledor, xusto, esperanzado e comprometido coas preocupacións das xentes de hoxe, OREMOS.
QUE TESTEMUÑEMOS A LEDICIA DE CRER
ü Polas nosas comunidades parroquiais, para que nos impliquemos en cambiar canto non nos fala de Deus, unindo vontades e forzas para que as cousas muden, OREMOS.
QUE TESTEMUÑEMOS A LEDICIA DE CRER
ü Por todos nós, para que respondamos á invitación do Señor, cunha vida renovada e cunha fe madura e comprometida, sendo conscientes da vixencia de mostrar a todas as persoas a ledicia de seguir a Xesús, OREMOS.
QUE TESTEMUÑEMOS A LEDICIA DE CRER
Señor, dános azos para que este curso que agora estamos a comezar, dea froitos de boas obras e compromiso a favor dos máis necesitados en cada un de nós. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DIFERENCIADA

Cando veñades, non esquezades traer a vida,
quentiña entre os brazos.
Non sexades espectadores.
Traédea tal e como é, vida vivida:
con ventos e silveiras,
e tamén tecida con lazos de paz e amor.
Vinde sen maquillaxe.
Traede a dúbida, o desencanto, o berro de protesta.
Vestídevos de todo aquilo que se leva hoxe.
Pero o voso interior que chegue ben espido,
con fame de banquete, con arela de festa,
aberto de par en par á vida nova.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...