CANTO GOZOSO
ENTRADA:
Todos xuntos (Nº 56)
LECTURAS:
Amigos nas penas
OFERTORIO:
Na nosa terra (Nº 36)
COMUÑÓN:
O amor é o meirande (Nº 120)
ESCOITA ACTIVA
Vivimos nunha sociedade deshumanizada, na que a
valía das persoas é proporcional ao rendemento que delas podemos obter. Unha
sociedade de descartes, como lle gusta dicir ao papa Francisco. O resultado
está á vista: non cremos no que facemos, fáltanos capacidade para a tenrura,
poñemos a norma por riba das persoas, contentámonos co cumprimento, esquecemos
valores e conviccións... E deste xeito ímonos baleirando por dentro, ímonos
insensibilizando, e mesmo desculpamos e adoptamos comportamentos a todas luces
inmorais, que escravizan ás persoas.
E resulta que chega Xesús e dinos que o amor é a
primeira e a única lei.... Que paradoxo, non si?. Prestemos atención á súa
palabra e deixemos que vaia renovando e vitalizando a nosa vida, porque se non
hai amor, para que serve a lei?... Simplemente para facernos escravos dela.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
*
Porque a nosa vivencia da fe non ten repercusións na nosa vida cotiá,
senón que pola contra, utilizámola como parapeto para evadirnos da realidade; SEÑOR, QUE NUNCA NOS FALTE O AMOR.
*
Ti, que nos lembras que non é dentro dos templos, senón no medio das
rúas onde temos que aprender a vivir a paz que nos desexamos nas nosas
celebracións; CRISTO, QUE NUNCA NOS
FALTE O AMOR.
*
Ti, que denuncias o comportamento de quen se limita a dar golpes de
peito, pero é incapaz de perdoar a quen o ten ofendido e de comprender a quen
non pensa coma el; SEÑOR, QUE NUNCA NOS
FALTE O AMOR.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
·
A Palabra que vimos de proclamar, concretamente o
evanxeo, pode dicirse que o coñecemos desde pequenos, cando aprendiamos a coro
os mandamentos nas filas da catequese (aínda que daquela chamábase catecismo),
cando repetiamos: “Estes dez mandamentos
encérranse en dous: amarás a Deus sobre todas as cousas e ao próximo coma a ti
mesmo”. E quizás de aí provén o noso mal: somos capaces de lembrar e de
saber... pero isto non ten repercusión na nosa vida: non somos capaces de vivir.
Si se tratara de pasar un exame, poderiamos dicir que tod@s coñecemos as
grandes liñas do cristianismo e o xeito de comportarnos como tal. Somos uns
grandes teóricos, mais iso non chega; non chega con dicir: temos que facer,
porque a fe non é un desexo, senón facer amando. Velaí o cerne da cuestión:
trátase simple e sinxelamente de AMAR. AMAR A DEUS, poñer a nosa vida nas súas
mans de Pai-Nai, confiar nel, esperar nel, contar con El.... El que nos crea e
que sostén a nosa vida, que se fai compañeiro de camiño, caxato nas nosas
andainas, auga fresca nos nosos resecos, pan quente nas nosas fames, colo
agarimoso nos nosos desenganos, man que acariña nas nosas bágoas.... e, como
expresión deste amor de Deus..... AMAR AO PRÓXIMO coma a nós mesmos. O amor de
Deus é o fundamento, pero só se pode fundamentar o amor practicado e realizado.
Xesús, onte e hoxe, quere que non empreñemos do aire, que non andemos na póla,
que aterremos na vida e no mundo. Xa está ben tanta “falsa piedade” que non fai
máis que esconder a nosa mediocridade, a nosa falla de compromiso, a nosa
preguiza, a nosa frustración... sen dar cabida á caridade, á xustiza, á
solidariedade, á búsquea do ben común. Non se pode amar a Deus cando se lle fai
imposible a vida aos demais. Non se ama a Deus cando non se move un dedo para
dignificar a vida de todas as persoas. O amor ao próximo: ese será o termómetro
que nos indique se amamos e en que medida amamos a Deus.
·
Hoxe tamén, e se cadra máis ca nunca, son
demasiadas as persoas que imos marxinando para aproveitarnos delas e da súa
debilidade. Ás veces é no terreo económico, outras no cultural, outras no laboral,
se cadra outras no relixioso ou no afectivo, mesmo tentando de pensar e mandar
sobre el@s.... pero sempre pagan uns cantos a usura, a preguiza e a ambición de
outros. A dignidade da persoa queda entón humillada, e Deus toma como cousa
propia esta humillación. Nunca está de máis que tamén aos “cristiáns bos” se
nos lembre que o amor é unha mensaxe vella e sempre nova e que os exemplos que
aparecen na primeira lectura seguen a ter actualidade: o desamparo de tantas e
tantas mulleres maltratadas, obrigadas a prostituírse ou silenciadas; o
aproveitamento de inmigrantes parados e desesperados coma man de obra barata; o
enriquecemento de uns a costa do empobrecemento dos máis pobres; a explotación
de tantos e tantos inocentes, a marxinación, a soidade e o silencio ao que se
vén abocados tantos maiores.... A ameaza de Deus é forte: “se se queixan a min, escoitareinos, porque eu son misericordioso”.
·
Porque a fe que profesamos, e que dentro dun
momento confesaremos xuntos necesita ser, non só manifestada cos beizos, senón
vivida coas obras, co que facemos, co noso actuar de cada día. Por iso non
podemos separala da vida: non pode ir por un lado o que rezamos na igrexa e por
outro, en total desconexión, o que facemos. A fe cristiá pide, esixe, un
comportamento ético acorde co que cremos. Non falamos entón de algo teórico e
abstracto, algo que non vemos, senón que falamos da vida, do que está cercano,
do recoñecemento real e concreto de Deus nos irmáns. Coma no libro do Éxodo,
tamén hoxe se nos pregunta como é a nosa actitude, o noso trato en relación con
respecto dos que están a vivir na dificultade e no sufrimento. Non pode entón
resultar estraño á fe escoitar as tres afirmacións fundamentais da Palabra hoxe
proclamada:
o
Non aflixirás
nin asoballarás ao forasteiro nin oprimas ás viúvas e aos orfos.
o
Non te portarás coma un usureiro co pobre ao
que lle prestas diñeiro.
o
Amarás ao teu
Deus e amarás ao teu próximo.
· A última non é
máis que a consecuencia das dúas anteriores. Amar a Deus supón e esíxenos facer
o esforzo de amar aos irmáns. Sabemos que non é doado, pero aí ten que estar a
nosa tarefa, o noso esforzo, o noso reto coma cristiáns hoxe. Facer novenas, ir
a procesións, participar nas misas… é fácil, só require un pouco de tempo; o
outro é moito máis difícil, porque niso vainos a vida. Lévanos a revisar
actitudes, principios, valores e mostralos no noso actuar. Esforcémonos!
FRATERNIDADE ORANTE
Pomos agora enriba do
altar a nosa oración como ofrenda do noso compromiso de converter a fe en vida.
Fagámolo dicindo xuntos:
QUE SAIBAMOS AMAR DE CORAZÓN
ü Para que no medio da Igrexa non aniñen nunca actitudes nin
comportamentos excluíntes e contrarios á dignidade que puxeches en cada persoa,
OREMOS
QUE SAIBAMOS AMAR DE
CORAZÓN
ü Para que nas nosas comunidades non esquezamos nunca que a salvación só
será posible se somos capaces de amar a Deus amando aos irmáns, especialmente
aos máis excluídos e esquecidos das nosas parroquias, barrios ou aldeas,
OREMOS.
QUE SAIBAMOS AMAR DE CORAZÓN
ü Por nós, para que nos deixemos guiar da sabedoría da Palabra de Deus,
unha Palabra que hoxe, unha vez máis, nos invita a seguir a Xesús respectando a
dignidade dos irmáns, especialmente dos que menos teñen e máis necesitan de
nós, OREMOS.
QUE SAIBAMOS AMAR DE
CORAZÓN
Señor, dános azos para
que non caiamos na tentación de crernos superiores a ninguén, desprezando a
cantos non pensan coma nós ou teñen outro xeito de vivir e entender a vida.
P.X.N.S.Amén.
MIRADA DIFERENCIADA
AMAR
Amar
é crer no outro.
Amar
é descubrir ao outro.
Amar
é darse ao outro.
Amar
é aceptar ao outro.
Amar
é valorar ao outro.
Amar
é facer medrar ao outro.
Amar
é abrirse con toda sinceridade ao outro.
Amar
é buscar a felicidade do outro, e buscándoa, atopar a propia.
Amar
é unha experiencia humana, entrañable, de cada día, difícil de describir,
sempre máis grande.
O
amor é confianza.
O
amor é responder ás necesidades do outro.
O
amor pónsenos nas mans, para facelo medrar co noso esforzo.
O
amor é verdadeiro cando é de cada día e de todos os días.
O
amor apóiase no ser, non no ter.
O
amor que se traballa, non morre nunca.
Comentarios