Ir al contenido principal

Defuntos 2017


QUÉDATE, SEÑOR, CONNOSCO

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Que o Señor para sempre che abra as portas do paraíso
LECTURAS: Pai, Pai, póñome nas túas mans
OFERTORIO: Ergo os meus ollos (Nº 112)
COMUÑÓN: Se o Señor resucitou (Nº 85B)

ESCOITA ACTIVA

Lembramos e encomendamos hoxe aos nosos familiares, amigos e veciños que xa non están fisicamente ao noso lado. Non están fisicamente; pero seguro que seguen a estar no noso pensamento, no noso corazón, e nas miradas que tantas veces facemos das persoas e cousas que a eles nos uniron.
A súa lembranza está presente porque foron deixando pegada na nosa vida, por iso non queremos esquecel@s. É esta a razón que tamén nos trae ata a igrexa este día: seguir compartindo a súa presenza por medio e a través da oración. Unha oración que queremos que sexa comunitaria e compartida desde a fe e a esperanza que a tod@s nos une en Cristo.
Abramos logo o corazón para celebrar, compartir e participar xunt@s desta experiencia de fe que nos axuda a manter viva a lembranza dos nosos seres queridos. Facémolo co convencemento de que están ao lado de Deus, onde , tamén nós, un dia estaremos.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

*      Por deixar que entre a tristura no noso corazón; SEÑOR, CAMIÑA SEMPRE CON NÓS.
*      Por impedir que a túa Palabra transforme o noso corazón, endurecido pola falta de humildade; CRISTO, CAMIÑA SEMPRE CON NÓS.
*      Por deixarnos levar do ambiente, que renega de Ti e che dá as costas; SEÑOR, CAMIÑA SEMPRE CON NÓS.

A PALABRA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE XOÁN
Benqueridos irmáns e irmás:
Vede o moito que nos quixo o Pai, para nos chamarmos fillos de Deus e sérmolo de verdade. Por iso o mundo non nos recoñece: porque tampouco non o recoñeceu a El. Meus amigos, xa somos fillos de Deus, pero aínda non está á vista o que seremos; sabemos que cando Xesús apareza, nós seremos coma El, xa que o veremos tal e como é. Todo o que ten posta en Xesús esta esperanza, trata de vivir unha vida limpa, para ser limpo coma El.

PALABRA DO SEÑOR
PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO XOÁN
Dilles Xesús ós seus discípulos:
-   Chegou a hora de que se manifeste a gloria do Fillo do Home. Éche ben certo: se o gran de trigo cae na terra pero non morre, quedará el só; pero se morre, dará froito abondoso. Quen ama a súa vida, pérdea; mais quen aborrece a súa vida neste mundo, poñeraa a salvo para unha vida eterna. Se algún quere servirme, que me siga; e alí onde estou eu, estará tamén o meu servidor. Se alguén me serve, hao honrar o Pai. Agora o meu espírito está triste. E que hei dicir: Pai, sálvame desta hora? Pero se para iso cheguei a esta hora! Pai, glorifica o teu Nome.
PALABRA DO SEÑOR

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

·      Ter a vida eterna, dicíanos a primeira lectura. Si, este é o desexo de cantos nos chamamos e sentimos crentes: poder gozar desa eternidade ao lado de Deus e dos seres queridos cos que fomos compartindo a vida, ledicias e tristuras; gozos e sombras, proxectos e desilusións... Este desexo hoxe queremos celebralo rezando xuntos por tod@s el@s, sen excepción nin exclusión. Aos ollos de Deus a misericordia é moito máis grande ca o rancor, a envexa ou a dureza de corazón que ás veces nos impidne esquecer e dar pasos de esperanza cara adiante.. Por iso, ante a tristura e desilusión da súa ausencia, Deus ofrécenos a posibilidade de compartir xunt@s este momento de oración e fe, para sentil@s ao noso lado. A morte xa foi, acheguémonos logo a el@s desde a perspectiva da vida nova que xa comezaron, e que un día tamén chegará para nós.
·      E entón, coma eles hoxe, viviremos na esperanza e mais na paz. Isto pide de nós un esforzo permanente por non caer na desgana, na rutina ou na perda de ilusión e gañas de facer cousas cos e polos demais. É a nosa tarefa, vén sendo o contido do fardo da nosa vida, un fardo que temos que ir enchendo co noso actuar para, seguindo ao Mestre, pasar facendo o ben. Sen envexa, sen celos, sen urxir á discrepancia, senón buscando a unión, porque isto é misericordia; a misericordia á que nos chama e nos pide Deus. Por que entón no canto de facer o ben, de alegrarnos cos demais, insistimos, unha e outra vez, en sermos construtores de enfrontamentos, comentarios dolorosos e negación do sorriso e a colaboración de paz? Para que rezar se logo canto dicimos cos beizos negámolo cos feitos? Deus, ofrecéndonos a esperanza da resurrección, estanos a chamar por un camiño distinto a este. Por que non lle prestamos atención? Preguntémonos que é o que nolo impide.
·      Fagamos o posible para que o gran de trigo podreza no noso corazón dando froito; aprendamos a morrer nós para que vivan os outros; deixemos de teimar en ter sempre a razón, e fagamos o posible en ceder para compartir; escoitar para camiñar xunt@s e pedir perdón para poder entendernos e renacer á alegría do corazón e da vida. Tomemos en serio a glorificación de Deus que non nos vai chegar por moito rezo, senón pola capacidade de facer da oración vida e agradecemento. Que a esperanza que hoxe nos xunta aquí para rezar pol@s defunt@s, nosos e dos demais, vaia dando o mellor dos froitos: a acollida de Deus e o servizo aos demais.

FRATERNIDADE ORANTE

Porque queremos celebrar comunitariamente a esperanza na resurrección dicimos xunt@s:
QUE PARTICIPEMOS CONTIGO DA PAZ DA TÚA GLORIA
¨    Para que a Igrexa non deixe nunca de anunciar, coas súas palabras e os seus feitos, que o Deus de Xesús é un Deus de esperanza e vida; OREMOS.
QUE PARTICIPEMOS CONTIGO DA PAZ DA TÚA GLORIA
¨    Para que nas nosas comunidades manteñamos sempre viva a lembranza agradecida e orante dos nosos familiares, veciños e amigos que foron deixando pegada en nós, OREMOS.
QUE PARTICIPEMOS CONTIGO DA PAZ DA TÚA GLORIA
¨    Para que na nosa vida non nos deixemos arrebatar a esperanza que nos une aos irmáns que nos fará descansar un día, e para sempre, en Ti; OREMOS.
QUE PARTICIPEMOS CONTIGO DA PAZ DA TÚA GLORIA
Acolle, Señor, canto hoxe poñemos nas túas mans ao lembrar aos noso seres queridos defuntos que camiñaron ata a casa común da túa gloria. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DIFERENCIADA

Sinalaches unha parte da viña e dixéchesnos: “vinde e traballade”.
Mostráchesnos unha mesa baleira e dixéchesnos: “enchédea de pan”.
Presentaches un campo de batalla e dixéchesnos: “construíde a paz”.
Sacáchesnos ao deserto co amencer e dixéchesnos: “erguede a cidade”.
Puxeches unha ferramenta nas nosas mans e dixéchesnos: “é tempo de crear”.
Escoita ao mediodía o rumor do traballo co que a o ser humano se afana na túa herdade e crece cada día entre as súas mans a obra das túas mans.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...