QUE NON DEIXEMOS DE ESFORZARNOS POR COIDAR A VIÑA DA VIDA
COMUNITARIA PARA QUE NON SEQUE NIN ESMOREZA A SÚA RAÍZ
CANTO GOZOSO
ENTRADA:
Andarei
na presenza do Señor (Nº 9)
LECTURAS: Déixate
querer (Nº 61)
OFERTORIO:
Eiquí están Señor (Nº 32)
COMUÑÓN:
Acharte
presente (Nº 51)
ESCOITA ACTIVA
Neste tempo no que as viñas van perdendo a súa
folla despois de ter recollido a uva, a Palabra que imos proclamar quere facer
desta imaxe, tan achegada a moit@s de nós, guieiro da celebración deste domingo
para mostrarnos, cunha linguaxe que poidamos comprender, que Deus pon ao noso
dispor todo canto é necesario para que a viña dea froito: unha mensaxe de
esperanza e de fonda humanidade, o evanxeo; persoas que temos ao lado que nos
fan sentir a graza e o don da amizade; proxectos que nos ilusionan e non deixan
que a rutina, o vitimismo pesimista e a indiferenza teñan oco no noso corazón.
Ante esta grande e fermosa oferta, non nos deixemos
levar nin do arrouto dos que non pensan nin da manipulación dos que nos
enganan. Porque temos voz e voto, non deixemos de anunciar nunca a forza e a
beleza deste proxecto que Deus pon ao noso dispor e nas nosas mans. Compartámolo
participando xuntos deste encontro comunitario; saiamos co corazón cheos de
gozo de canto temos compartido nesta celebración que agora, tod@s cantos
estamos aquí, comezamos.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
*
Porque temos
deixado esmorecer a viña que nos deches, viña de perdón, misericordia e
entendemento; SEÑOR, AFÁSTANOS DO
DESALENTO.
*
Porque non
abonamos a viña co que nos axuda a ser mellores persoas, senón con rancor,
desconfianza e mentiras; Cristo, afástanos do desalento.
*
Porque
deixamos que entre no noso corazón a friaxe da indiferenza e do mirar para outro
lado cando as persoas sofren; SEÑOR,
AFÁSTANOS DO DESALENTO.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
· A Biblia, como libro á vez relixioso e literario,
está chea de múltiples e ricas imaxes literarias que nos producen suxestións
diversas a cantos as imos descubrindo. Na pasaxe do libro de Isaías que hoxe
temos proclamado como primeira lectura, atopamos unha boa manchea destas
imaxes. Desde elas nárrasenos a relación de amor –amizade entre Deus e nós.
Unha relación que se vai realizando, e vai callando no tempo; unha relación na
que se comparten vida, proxectos, ilusións, fracasos... a experiencia
existencial de cada unha das persoas. E aí tamén estamos nós. Como todo canto
nos aleda e nos entristece, nos anima ou nos desanima, nos... pero sempre
compartido con alguén que nos acompaña, escoita, alenta e nos presta atención.
A imaxe de Isaías suxírenos que o tesouro da amizade lévanos a ser moi conscientes
de que non estamos solos, de que o esforzo dedicado a forxala pagou a pena. E
nese irse desenvolvendo, os crentes, descubrimos a man e a presenza de Deus a
través das persoa/persoas para as que somos sempre alguén e non algo; persoas e
non cousas, centralidade e non accidente. Deus, que nos ama e se nos mostra
como amizade, camiña connosco para facernos a vida mais humana, digna e
verdadeiramente creativa. Pero para iso, como ocorre co dono da viña, hai que
ir traballando amizades e descubrindo esa cercania de Deus no sentir, no
expresar, no escoitar, no mirar... porque desde esta amizade con El, nada nos é
estraño ou indiferente.
· Paga a pena poñer todo ese esforzo para que a viña
da vida de cada un de nós dea froito, e este sexa bo e abundante. Deus pon os
medios. A nós correspóndenos que eses medios poidan dar verdadeiro froito. E
ante as dificultades e problemas –nada é doado, plano ou de conforto permanente–
non deberamos desacougar e deixar entrar na nosa vida o derrotismo que todo o
ve negro e sen saída. Isto é fácil dicilo, inda que non tanto conseguilo. E
aquí ten que estar a nosa loita. Como xa estaba en Paulo. Se Deus é o Deus da
confianza, do acompañamento, da presenza, do non deixarnos solos, temos que
facer o esforzo por abrir ben os ollos para saber velo cando traballamos -para
tod@s- na defensa dun salario digno, por
uns dereitos dos traballadores que cada vez se respectan menos, polo coidado da
casa común –o mundo– que vemos que, entre tod@s, ímoslle quitando anos de vida
e poñendo máis seca e calor; cando defendemos a vida sempre, non só cando nos
interesa ou lle interesa aos “nosos”. E todo isto ten que facernos replantexar
como é a nosa relación entra fe e vida; de que maneira nos imos esforzando para
que canto pasa ao noso redor, familia, parroquia, país, mundo... estea
relacionado coa fe que compartimos e coas consecuencias que supoñen afirmar, de
maneira persoal e libre, que somos crentes. Como cantabamos hai uns anos, “porque
Deus non é un Deus morto, e se pensas que está morto, equivocados estades”.
Pero como non queremos caer na equivocación, loitemos cada día para sacar a fe
do íntimo, privado e individualista. Fe e vida son un binomio que, necesariamente,
ten que camiñar sempre xunto. A dimensión social da fe ábrenos ao mundo dunha
fraternidade universal que nada pode romper.
· E se queremos ser coherentes, non podemos matar nin
ao dono da viña nin aos que, no seu nome, nos din, unha e outra vez que outro
mundo é posible, que as palabras teñen contido e non temos dereito a
baleirarllo. Que nin a violencia, nin a mentira, nin o engano, e moito menos a
demagoxia que conta o que lle interesa, e cala o que non gusta, poderán nunca
matar a forza da Boa Nova do Evanxeo, que tamén hoxe, no mundo que parece
darlle as costas a Deus, é tan necesario. O contido das palabras non se enche
con máis palabras, senón co testemuño de cada un dos que nos confesamos, con
alegría e sen desesperanza, seguidores de Xesús.
FRATERNIDADE ORANTE
O Deus da
viña chámanos a termar e preocuparnos dela. Rezámoslle agora xunt@s para que a
súa forza reverta en proxectos innovadores, creativos e fieis ao evanxeo,
dicindo:
QUE TRABALLEMOS PARA DAR FROITO
Para que a Igrexa sexa sempre viña que traballa,
alente e se esforza por unirse a outras viñas que poñen á persoa no centro do
seu facer, OREMOS.
QUE
TRABALLEMOS PARA DAR FROITO
Para que nas nosas parroquias deamos, como a viña
do evanxeo, froitos que fagan que cantos as conformamos nos sintamos queridos,
respectados e escoitados, superando prexuízos e enfrontamentos, OREMOS.
QUE
TRABALLEMOS PARA DAR FROITO
Para que cada un de nós non deixemos secar a viña
da solidariedade, a participación e o coidado de canto é de tod@s e busca o ben
común, OREMOS.
QUE
TRABALLEMOS PARA DAR FROITO
Acolle
canto hoxe, Señor, poñemos ao teu abeiro, coa confianza de que nos vas
acompañar nesta tarefa de converter a oración en forza para o camiño da vida.
PXNS. Amén.
MIRADA DIFERENCIADA
A
alegría do Evanxeo que enche a vida da comunidade dos discípulos é unha alegría
misioneira. Experiméntana os setenta e dous discípulos que regresan da misión
cheos de gozo (cf Lc 10, 17). Vívea Xesús, que se estremece de gozo polo
Espírito Santo e loa ao Pai porque a súa revelación alcanza aos pobres e aos
pequeniños (cf Lc 10,21). Séntena cheos de admiración os primeiros que se
converten ao escoitar predicar aos Apóstolos «cada un na súa propia lingua»
(Feit. 2,6) en Pentecostes. Esa alegría é un signo de que o Evanxeo foi
anunciado e está a dar froito. Pero sempre ten a dinámica do éxodo e do don, do
saír de si, do camiñar e sementar sempre de novo, sempre máis alá. O Señor di:
«Vaiamos a outra parte, predicar tamén nas poboacións veciñas, porque para iso
saín». Cando está sementada a semente nun lugar, xa non se detén para explicar
mellor ou para facer máis signos alí, senón que o Espírito móveo a saír cara
outros pobos”. (EG 21)
Comentarios