Ir al contenido principal

Santos 2017

-->

CELEBRANDO O GOZO DE PASAR POLO MUNDO FACENDO O BEN

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Benaventurados (Nº 118)
LECTURAS: O amor é o meirande (Nº 119)
OFERTORIO: Quédate Señor connosco (Nº 63)
COMUÑÓN: Non vou so (Nº 60)

ESCOITA ACTIVA

A mesa do altar volve ser para tod@s nós sinal de encontro e oración compartida. Na comuñón que nos une a cant@s hoxe estamos aquí, reunímonos para rezar xunt@s e agradecer o testemuño de vida compartida das persoas que pasaron pola nosa vida deixando pegada de amor, felicidade, axuda e alegría.
Fagamos logo memoria agradecida desta fe que podemos compartir desde a lembranza á que lle poñemos rostro, con nome e apelido, das persoas que Deus puxo ao noso carón para que fosen luz no noso camiñar de cada día.
Vivamos este momento do oración, non como costume, senón como experiencia compartida no Deus do amor que acolle na súa tenrura ás persoas boas e xenerosas.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

*   Porque nos pode máis o que dicimos que o que pensamos; SEÑOR, QUE NON NOS ABATA O DESENCANTO.
*   Porque non poñemos todo o noso esforzo para ser persoas xenerosas e solidarias; CRISTO, QUE NON NOS ABATA O DESENCANTO.
*   Porque non acompañamos o que rezamos co que facemos; SEÑOR, QUE NON NOS ABATA O DESENCANTO.

A PALABRA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA APOCALIPSE
Vin outro anxo máis, que berraba:
- ''¡Non lles fagades mal á terra nin ao mar, nin ás árbores, ata que marquemos co selo na testa os servos do noso Deus!''.
E oín o número dos que tiñan a marca, cento corenta e catro mil, marcados de entre todas as tribos dos fillos de Israel.
Despois disto mirei e vin un mundo de xente, que ninguén era capaz de contar, de todas as nacións, familias, razas, pobos e linguas, en pé diante do trono do Año. Vestían roupa branca e levaban ramallos de palma nas mans.
Proclamaban con grande voz:
''A salvación perténcelle ao noso Deus,
que senta no trono, e mais ao Año''.
Un dos anciáns preguntoume:
-   ''¿Quen son e de onde viñeron estes que van vestidos de roupa branca?''.
Eu respondinlle:
-   ''Meu Señor, ti xa o sabes''.
E díxome:
-   ''Estes son os que veñen de pasa-las súas grandes penas; lavaron os seus vestidos e branquexáronnos co sangue do Año.

PALABRA DO SEÑOR

Esta é a liñaxe dos que buscan a túa presencia, Señor
Do Señor é a terra e canto a enche,
o orbe e canto nel habita.
El é quen a fundou sobre os mares
e quen a asegurou sobre as correntes.
Esta é a liñaxe dos que buscan a túa presencia, Señor
Quen poderá subir ó monte do Señor?
Quen poderá quedar no seu santuario?
Quen ten as mans limpas e puro o corazón,
o que non pon a mente en cousas vas
e non xura nunca en falso.
Esta é a liñaxe dos que buscan a túa presencia, Señor
Ese recibirá do Señor bendición
e xustiza de Deus, o seu salvador.
Así é a liñaxe dos que o buscan,
dos que buscan a presencia do Deus de Xacob.

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN XOÁN

Benqueridos irmáns e irmás:
Vede o moito que nos quixo o Pai, para nos chamarmos fillos de Deus e sérmolo de verdade. Por iso o mundo non nos recoñece: porque tampouco non o recoñeceu a El. Meus amigos, xa somos fillos de Deus, pero aínda non está á vista o que seremos; sabemos que cando Xesús apareza, nós seremos coma El, xa que o veremos tal e como é. Todo o que ten posta en Xesús esta esperanza, trata de vivir unha vida limpa, para ser limpo coma El.

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEU
Vendo Xesús a multitude, subiu ó monte e sentou. Achegáronselle os seus discípulos, e el, tomando a palabra, ensinábaos dicindo:
-Ditosos os que teñen espírito de pobres,
porque deles é o Reino dos Ceos.
Ditosos os que choran,
porque eles serán consolados.
Ditosos os non violentos,
porque eles herdarán a terra.
Ditosos os famentos e sedentos de xustiza,
porque eles ficarán fartos.
Ditosos os misericordiosos,
porque eles acadarán a misericordia.
Ditosos os de corazón limpo,
porque eles verán a Deus.
Ditosos os que traballan pola paz
porque eles serán chamados fillos de Deus.
Ditosos os perseguidos por causa da xustiza,
porque deles é o Reino dos Ceos.
Ditosos vós cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa: alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos Ceos.
PALABRA DO SEÑOR

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

·      Invítanos a primeira lectura a termar do mundo, da natureza que Deus puxo nas nosas mans; da casa común que entre todos os seres vivos conformamos. E esta invitación ten que levar parello o esforzo por ir realizando cada día, e desde o noso traballo, familia, barrio, parroquia... esta tarefa. Porque a tarefa de Deus non é un tempo perdido en rezos baleiros e repetitivos, senón unha experiencia de comuñón profunda co mundo e canto nel se contén. Nada hai entón que escape da ollada de tenrura de Deus. Ao contrario, todo canto ocorre ao noso redor é reflexo de como estamos a realizar a experiencia de comuñón/unión con Deus. Termar de canto fai posible que as persoas vivamos, e poidamos facelo en paz, é resposta a esta invitación de coidar da terra e de cantos nela estamos. Destruíla por medio dos lumes, contaminación, esgotamento de bens naturais... non é mais que poñerse de costas ao plan de Deus. Por iso este día de Santos quere ser un día no que celebremos e honremos a todas as persoas que fixeron da súa vida un esforzo continuo por coidar, desenvolver e axudar a crecer o mundo que Deus puxo nas nosas mans, creando vida e facendo posible que nada do que El nos deu se perdera. É un día para a esperanza e para o agradecemento. Por iso, como nos di o salmo, a nosa oración ha ser de ledicia compartida polo testemuño de todas as persoas que fixeron da súa vida un esforzo por coidar o mundo que Deus puxo nas nosas mans.
·      E hoxe no nome do Señor reunímonos para facer experiencia de comunidade que non se esquece das persoas que traballaron para que gocemos dun mundo máis humano e xusto. É verdade que aínda nos queda camiño por diante para mellorar cousas e cambiar actitudes, pero grazas ao esforzo de moit@s dos que viñeron antes ca nós, temos hoxe a oportunidade de deixarlle, se queremos e nos esforzamos, un mundo mellor ás xeracións máis novas. E non só iso, senón que tamén temos a responsabilidade de transmitirlle a nosa historia, para que non se perda a conciencia de que antes ca nós houbo vidas xenerosas entregadas a servir aos demais e a coidar a natureza que hoxe, algúns dos chamados seres humanos, se esforzan por estragar e destruír: Só con conciencia e sensibilidade, persoal, social e educativa, podermos coidar e vivir uns desde e cos outros. E coma fill@s agradecid@s de Deus, tamén nolo dicía Xoán na segunda lectura, temos que esforzarnos por facer do amor o guieiro que mova canto facemos e dicimos.
·      E ese amor que imos poñendo nas persoas e nas cousas que facemos, é o que acabará levándonos a descubrir que é posible ser felices, non desde o efémero que se esgota no momento, senón no que perdura, no que dá sentido e razón para estar cunha actitude positiva e participativa cada día da nosa vida. Deste xeito todo o que fagamos será un canto de agradecemento a Deus e unha posibilidade para facer a vida dos demais máis doada, feliz e verdadeiramente humana. A isto se refería Xesús cando proclama as Benaventuranzas. O seu felices non é máis ca unha invitación a que tamén busquemos o que nos fai mellores persoas e máis solidarios; o que nos leva a facer posible a colaboración e a participación; o que nos impulsa a non calar ante as inxustizas, o maltrato e a falta de respecto para coas persoas, especialmente as máis indefensas e débiles. O benaventurad@s que hoxe proclamamos no evanxeo, foi o que moveu aos homes e mulleres que queremos honrar con este día dedicado a eles e a elas. Os santos e santas que, sen facer publicidade da súa vida, foron bos e xenerosos para cantos chamaron na súa porta e foron acollid@s.

FRATERNIDADE ORANTE

Porque Ti, Señor, es un Deus de vivos, dicimos agora xunt@s:
GRAZAS, SEÑOR, POLO TESTEMUÑO DA XENTE BOA E XENEROSA
Para que a Igrexa non canse nunca de coidar do mundo, a casa común que Deus puxo nas nosas mans, termando especialmente dos pobres e necesitados, e non calando ante as inxustizas e canto destrúa a natureza, OREMOS
GRAZAS, SEÑOR, POLO TESTEMUÑO DA XENTE BOA E XENEROSA
Para que o testemuño das persoas que entregaron a súa vida a facer felices e mellores persoas aos que tiñan ao seu redor, nos axude tamén a nós a non cansar na tarefa de servir e axudar a quen vexamos necesitado, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POLO TESTEMUÑO DA XENTE BOA E XENEROSA
Para que cant@s hoxe participamos desta celebración, honremos coa nosa lembranza agradecida e co noso esforzo cotián de facer cousas que colaboren a poñer sorriso e paz no corazón das persoas que viven no sufrimento, a tristura e a desesperación, a cantos fixeron da súa vida un servizo de amor; OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POLO TESTEMUÑO DA XENTE BOA E XENEROSA
Señor, acompaña canto poñemos baixo o teu amparo, e alenta a nosa vida para que dea tamén froitos de solidariedade e servizo. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DIFERENCIADA

A vós, que vos reunides no meu nome e evocades a miña  presenza;
a vós, que recibides a miña Palabra e poñédela en práctica;
a vós, que compartides o meu proxecto e o facedes realidade:
chámovos amigos.
A vós, que sodes fortes na vosa debilidade;
a vós, que vos mantedes firmes na opción evanxélica;
a vós, que progresades na fe posta en acción:
chámovos amigos.
A vós, que estades dispostos a dar a cara e a arrimar o ombreiro;
a vós, cos que se pode contar incondicionalmente para toda boa causa:
chámovos amigos.
A vós, que afrontades a realidade e intentades mellorala;
a vós, que non renunciades a construír a xustiza no mundo;
a vós, que dades unha oportunidade a un futuro mellor:
chámovos amigos.
A vós, que celebrades o que credes e compartides o que tedes;
a vós, que estades xuntos na festa e no compromiso,
a vós, que tedes os meus sentimentos e o meu Espírito :
chámovos amigos.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...