Ir al contenido principal

6 domingo Pascua 2018 B

Grazas, Señor, por darnos unha casa común na que cabemos tod@s; pero onde a túa preferencia seguen a ser as persoas máis débiles!
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Señor Xesús, bendito sexas (Nº 52)
ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125)
LECTURAS: Contade as marabillas do Señor (Nº 24)
OFERTORIO: Sementar, sementarei
COMUÑÓN: Eu soñei (Nº 54)

PARA NON PERDER O PASO
Hoxe, sexto domingo de pascua, a Igrexa en España celebra a Pascua da persoa enferma. Faino baixo o lema “ACOMPAÑAR ÁS FAMILIAS”; o que nos leva a pensar na exhortación postsinodal “Amoris laetitia”, escrita polo papa Francisco na que nos fala da importancia de coidar desde a casa común a relación coas familias, con todas as familias; pero especialmente con aquelas que están a pasar por dificultades de calquera tipo, tamén as que teñen persoas enfermas no seu seo. E este acompañamento ha ser plural e diverso, non proselitista nin pseudoespiritualista, senón libre e liberador, integral, poñendo toda a forza da nosa presenza no corazón das persoas enfermas e da súa familia. Non só para contemplalas, senón para achegarnos e mostrar toda a grandeza da tenrura de Deus para con nós desde o noso servizo con elas. Non nos valen frases feitas, retóricas e baleiras de contido. O acompañamento a familias e persoas enfermas teremos que facelo asumindo a nosa fraxilidade e facéndonos presentes coa sinxeleza de quen está e sabe escoitar no silencio, e calar ante a tentación da palabra que non alenta, senón que só quere encher tempo de presenza.
Un achegamento que pasa tamén por mirar cara ao noso interior e preguntarnos que estamos a facer para que o noso mundo sexa un mundo san e sandador.
Revisemos as nosas actitudes e camiñemos na pedagoxía do testemuño, para que saibamos transmitirlle á xente miúda a forza e solidariedade do acompañamento cando na casa temos familiares enfermos.
CO CORAZÓN FERIDO
(Dentro deste momento do perdón, se así nos parece ben, podemos asperxer á comunidade; expresando con este xesto que a resurrección de Xesús confórmanos co noso bautismo e renóvanos permanentemente).

  • Polo pouco interese que poñemos en transmitirlle aos máis novos da casa que a enfermidade, como elemento que conforma a nosa experiencia da vida, temos que abordala xuntos, sen escondela nin silenciala; SEÑOR, ALÉNTANOS EN FACER DAS NOSAS FAMILIAS BERCES QUE ACOLLEN .
  • Por non valorar o importante que é para unha persoa enferma escoitala e mostrarlle cariño; CRISTO, ALÉNTANOS EN FACER DAS NOSAS FAMILIAS BERCES QUE ACOLLEN.
  • Porque non nos preocupamos por transmitirlle á xente miúda o respecto e o cariño para coas persoas doentes; SEÑOR, ALÉNTANOS EN FACER DAS NOSAS FAMILIAS BERCES QUE ACOLLEN. 
 
UNHA PALABRA QUE AGROMA
É suxestiva a frase que vimos de escoitar na primeira lectura, coa que Pedro mostra a súa sensibilidade e deferencia cara ao trato igualitario para coas persoas. O seu “Érguete, que eu tamén son un home –persoa-” afasta del calquera tentación de superioridade, clasismo ou soberbia. Non só se mostra, senón que o manifesta cos seus beizos e o testemuña co seu trato. Nin é nin tampouco quere dar mostras de ser mellor e máis importante ca os que estaban alí con el. E a razón destas palabras búscaa Pedro nas súas conviccións; conviccións que pon en Deus. De aí que manifesta que do mesmo xeito que o Deus no que cre, cuxa fe confesa, non fai distincións; el, non sendo Deus, non é quen de sentirse máis importante ou mellor. E aquí temos un dos eixes de como hoxe ha ser a nosa presenza no mundo: SINXELEZA. Xa pasou o tempo de querer facer do binomio fe/relixión medio de separación do pobo; actitude de superioridade, falsa aparencia ou autoritarismo moral. Deus non fai distingos de persoas. Nós non deberamos facelos tampouco, o que nos ha mover a ter unha permanente actitude de alegría desde onde vivir e compartir a pascua da resurrección desde ese coidado da casa común, como diciamos no comezo, e no servizo aos máis necesitados dentro de esa casa: as persoas enfermas. Pero non desde un achegamento autocomplacente para os que nos achegamos, senón desde un trato igualitario, digno e respectuoso. Non colonizamos nin facemos proselitismo, senón que damos testemuño da alegría do resucitado recoñecido en quen sofre e ve limitadas as súas capacidades/funcións por mor da enfermidade. Inda que, como di o papa Francisco, “haxa que sementar entre bágoas” (EG 10).

E este estar entre as persoas no medio do mundo con actitude proactiva, positiva e esperanzada é o que nos ten que levar, como rezabamos no salmo responsorial a aclamar, con toda a terra ao Señor. Desde El a nosa mirada de canto nos rodea ten que vencer o pesimismo ou o derrotismo cheo de desesperanza e tristura. A dor, a enfermidade non poden secuestrarnos a visión da presenza do Deus que pon ao noso dispor as marabillas da creación. Marabillas que tendo á persoa no centro, vanse logo desparramando desde todo canto a persoa é, contempla e crea. Estamos chamados, desde o servizo ao pequeno e moitas veces ferido, a ser contemplativos da obra de Deus. Aprendendo que temos límites, non o podemos todo e necesitamos uns das outras.

Deamos entón hoxe grazas a Deus por canto temos aprendido das persoas enfermas. Da súa esperanza, da súa paciencia para non desesperar, do seu esforzo por saír adiante, da súa loita por non deixarse abater... da superación dos momentos cheos de tebra e nos que parecía que nunca ía chegar a luz. Todo un testemuño para cantos nos cremos aínda novos e con ganas de comer/dominar o mundo! Asumamos dunha vez que a nosa limitación non nos humilla, senón que nos dá folgos para saír na busca –ao encontro– de quen nos poida transmitir a pedagoxía da non desesperanza. Acheguémonos ás persoas enfermas sen medo, e pensando non tanto en nós, canto no ben que a elas, coa nosa presenza e sorriso, lles podemos facer. Deixemos que poñan o pé na nosa casa, ou na habitación se está no hospital, as persoas que sabemos que aos enfermos lle dan ledicia e lle producen paz e acougo. Fagamos o posible para que ante a dor da enfermidade, poidamos axudarlles a que agrome nos seus beizos e corazón o sorriso!. Esta é a verdadeira pascua: pensar desde as persoas enfermas e non desde o que a nós nos gusta! Fagamos do amor verdadeiro servizo, e nunca teñamos medo a dicir: quérote, ámote, grazas por canto ti me deches. Déixame agora que eu poida devolverche só un pouquiño dese amor.
DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA
Deus acóllenos e chamamos a coidar da casa común desde o sentírmonos familia que terma das persoas enfermas desde o cariño e a dignidade, por iso dicimos: 
SEÑOR RESUCITADO, ESCÓITANOS
Pola Igrexa, para que se mostre cercana ás angustias e esperanzas das persoas, e promova un estilo de vida familiar, acolledor e enchoupado de tenrura, OREMOS.
SEÑOR RESUCITADO, ESCÓITANOS 
Para que as familias saiban estar ao lado dos familiares enfermos, non deixando que a soidade e o abandono entren na vida das persoas que tanto loitaron polos seus, entregando vida e tempo a esta tarefa, OREMOS.
SEÑOR RESUCITADO, ESCÓITANOS
Polas persoas enfermas, irmás en dignidade e respecto; para que, experimentando a Cristo Resucitado como o seu Defensor, se enchan sempre de esperanza e vida; OREMOS.
SEÑOR RESUCITADO, ESCÓITANOS
Polos profesionais sanitarios, os voluntarios, e todas as persoas que lles prestan atención e coidado aos enfermos e ás súas familias, para que se convertan no rostro de Xesús ao lado de quen sufre; OREMOS.
SEÑOR RESUCITADO, ESCÓITANOS 
Polas nosas comunidades cristiás; para que levemos a cumprimento as palabras de Xesús: “nunca vos deixarei orfos” e sexamos fogar e familia para todas as persoas, especialmente para aquelas que están máis solas ou non teñen unha familia ao seu lado; OREMOS. 
SEÑOR RESUCITADO, ESCÓITANOS 
Escoita, Señor, a nosa oración e danos o teu Espírito de vida, para que nos mostremos sempre máis atentos ás necesidades de quen sofre e nos comprometamos, sen medo, a acompañalos. P.X.N.S. Amén.
PARA QUE TODOS SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO
Deus Pai/Nai, amigo da vida,
que estás presente en todo o universo
e na máis pequena das túas criaturas,
derrama en nós a forza do teu amor.

Deus dos pobres,
axúdanos a rescatar e coidar
ás persoas abandonadas e esquecidas desta terra
que tanto valen aos teus ollos.

Sanda as nosas vidas,
para que sementemos fermosura
e non contaminación e destrución.

Toca os nosos corazóns
e ensínanos a descubrir o valor
de cada persoa e de cada cousa,
porque todos e todas nós somos custodios
da saúde dos nosos irmáns, das nosas irmás, do noso mundo. Amén.

-->
-->

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor