Ir al contenido principal

Ascensión 2018

Nós, as mulleres na Igrexa... Somos mulleres de gran fe, sentímonos moi queridas por Deus e sentímonos pertencer de pleno dereito á Igrexa.”
(Encrucillada nº 171)
Activ@s, non pasmóns, nun mundo complexo e necesitado de aprender a distinguir as súas capas. O esforzo por ser crente hoxe sitúanos moito máis alá de costumes ou ritos.
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
o   ENTRADA: Camiñarei na presenza do Señor (Nº 12)
o   ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125)
o   LECTURAS: Xesús é Señor (Nº 16)
o   OFERTORIO: Deixade esta terra
o   COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)
PARA NON PERDER O PASO
            Seguir a Xesús hoxe pídenos aprender a poñer a mirada na realidade, buscando coñecer e entender. Confesar a fe non é darlle as costas aos problemas e dificultades do noso mundo, senón facerlle fronte, encaralos, poñernos ao dispor de toda iniciativa que, partindo da centralidade da persoa, traballe e loite por dignificala. Isto esixe aprender a diferenciar -cousa hoxe nada doada porque son moitas as veces e poucas as claves-, para distinguir, ordenar e xerarquizar, e así darlle importancia a canto a ten, e non igualar o que é secundario ou superficial co primeiro e fundamental. Este é o reto que como crentes temos neste momento.
Non equivoquemos onde está o importante, o central. Non poñamos a forza nin o esforzo no número, senón na honestidade á hora de dicir e facer as cousas; e na coherencia manténdoas sen medos nin ás presións nin ás manipulacións.
Non quedemos entón, como lles pasaba aos galileos dos que fala Xesús, mirando, coma pasmóns, para o ceo. Miremos aos lados e ao fronte, aí están as persoas e os seus/nosos problemas.
CO CORAZÓN FERIDO
(Dentro deste momento do perdón, se así nos parece ben, podemos asperxer á comunidade; expresando con este xesto que a resurrección de Xesús confórmanos co noso bautismo e renóvanos permanentemente).

Por ter esmorecido e baleirado a fe da alegría e da esperanza no Resucitado; SEÑOR, QUE NON PASMEMOS MIRANDO AO CEO.
Por contar as cousas segundo o noso interese, e non segundo a verdade; CRISTO, QUE NON PASMEMOS MIRANDO AO CEO.
Por non superar a tentación de rebaixar a Deus a unha simple imaxe, sen o compromiso e o esforzo por facer as cousas mellor e máis xustamente; SEÑOR, QUE NON PASMEMOS MIRANDO AO CEO.

UNHA PALABRA QUE AGROMA
Malia que nos pese, a Igrexa tamén se configura coma unha estrutura de poder. Nela atopámonos cun escalafón de títulos e cargos de honra que rodean aos que din ostentar o poder divino: irmán, reverendo, monseñor, súa eminencia… A pesares de que a constitución LG refírese á Igrexa como pobo de Deus e corpo de Cristo, a realidade moitas veces pon de manifesto non só que non somos un pobo de irmáns e irmás, senón que neste corpo non todos temos a mesma importancia, seguindo plenamente vixente a estrutura piramidal que o Concilio Vaticano II desbotou... para desgraza dunha parte da nosa Igrexa. Conclusión: tamén na Igrexa funciona aquilo, tan común na nosa sociedade, de querer ascender. Así, o que adoita esperarse dunha persoa é que vaia pouco a pouco mellorando, ascendendo, situándose mellor: un carguiño, unha delegación, unha parroquia na cidade e non no rural…. Descender, é dicir, que vaian pasando os anos e non esteamos estratexicamente situad@s sona a fracaso.
Que fría e dura é a mirada da Igrexa institución cara ao seu redor!. Que perdoavidas e trepas son algúns dos seus membros, fundamentalmente unha parte dos “funcionarios da fe”. Porque se pensamos así é que non temos comprendido nada do proxecto de Xesús!. A súa vida foi un progresivo descenso: descendeu do ceo (non cobizou ser igual a Deus), foise baleirando, fíxose pobre, foi perdendo postos, amigos, influenzas… viviu sempre rodeado de pobres, de xente da periferia da vida. Enfrontouse co capital, denunciou a utilización do nome de Deus e a dobre moral á que tan afeit@s estamos… Condenárono a morte e descendeu ata o inferno.
Pero…. Deus glorificouno, ascendeuno, levantouno sobre todo e concedeulle o nome sobre todo nome. É a festa que celebramos hoxe, unha festa que nos enche de esperanza, que nos lembra que o descenso inxusto non ten a derradeira palabra, que hai futuro a pesares de todo. Por iso nós, que levamos o apelido cristián/cristiá debemos comprender que para ascender ao ceo, para sentar ao carón de Deus, temos que descender ao fondo da existencia e ao fóra de xogo de tant@s marxinad@; descender ata a morte para que esas persoas senten na mesa da dignidade e da vida. Porque Ascensión significa relevo, chamada á acción. É a quenda da Igrexa, a nosa quenda. Xesús invítanos a erguernos e camiñar, a saír da nosa casa, da quentura do fogar, dos nosos guetos á intemperie, ás periferias existenciais… ata o derradeiro recuncho da terra coa súa mesma mensaxe.
A súa Ascensión convértenos a nós en referencia da súa presenza no mundo. Coñezamos logo o relato verdadeiro, non o que de xeito interesado fomos creando ben individual ben colectivamente. Un relato que pouco a pouco foi eclipsando a nosa responsabilidade e o noso compromiso por ser imaxe do coñecemento de Deus no noso mundo. Estamos a actuar de xeito que iso sexa así? Os apóstolos entendérono ben a saíron con toda présa a contar o relato que tiñan vivido e compartido, respondendo á pregunta que escoitaron: que facedes a mirar para o ceo? Tamén somos deses? Pois poñamos os pés no chan e transmitamos o que sentimos e vivimos cando dicimos que Deus é a referencia da nosa vida.

Hoxe é o día da exaltación d@s humillad@s, “enaltece aos humillados”. María tiña razón, fíxose xustiza. Deus sentouno á súa dereita… e así fará con cada un e cada unha de nós.

DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA
Deus chámanos a poñer a mirada no mundo para non equivocar as nosas pegadas, por iso dicimos:
DANOS, SEÑOR, CAPACIDADE DE MIRAR ÁS PERSOAS CON CONFIANZA
*      Para que sexamos unha Igrexa comprometida coas persoas, esforzándonos por servilas e non por aproveitarnos delas, OREMOS.
                         DANOS, SEÑOR, CAPACIDADE DE MIRAR ÁS PERSOAS CON CONFIANZA
*      Para que nas nosas parroquias sexamos capaces de mirar aos ollos dos demais sen vergoña e sen buscar utilizalos para a nosa comenencia, OREMOS.
                         DANOS, SEÑOR, CAPACIDADE DE MIRAR ÁS PERSOAS CON CONFIANZA
*      Para que nós poñamos o oído en actitude de escoita ante o berro, doloroso, e tantas veces repetido, das persoas ás que os camiños da vida levaron á tristura, ao fracaso e á desesperanza; OREMOS.
                         DANOS, SEÑOR, CAPACIDADE DE MIRAR ÁS PERSOAS CON CONFIANZA
Grazas, Señor, por urxirnos a mirar ao mundo sen caer na tentación de escapar del ou agochar a cabeza diante dos problemas e dificultades das persoas. P.X.N.S. Amén.
PARA QUE TODOS SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO
Nós, mulleres da asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria, individualmente e como colectivo organizado, queremos tomar o noso espazo e exercer liderado para os cambios. Queremos dicir a nosa palabra pública, queremos relacionarnos desde a horizontalidade e construír estruturas de Igrexa desde a igualdade e o respecto ás diferenzas. Daquela: apostamos por unha igrexa democrática e plural, onde as mulleres teñamos liberdade para ser; unha Igrexa que poña en práctica os dereitos sociais e sexa respectuosa coa achega de mulleres e homes; unha Igrexa de base, de fronteira, tecendo redes en horizontal e nas marxes; unha Igrexa alternativa cun liderado distinto. Apostamos por unha Igrexa que volva ás súas orixes, ao espírito de Cristo e á súa mensaxe sempre anovadora, liberadora e humanizadora. Os cambios na Igrexa están a ser lentos, mesmo involutivos nos últimos tempos. Sabémonos nas marxes e non queremos soster esas estruturas involutivas. Apostamos por unha Igrexa de mulleres e homes sen medo do propio corpo e, en concreto, sen medo ao corpo das mulleres, demoñizado ao longo dos séculos pola moral eclesiástica. Apostamos por unha Igrexa festiva, de celebración e gusto pola vida, que recupere o sentido e a dimensión de pracer. Apostamos por unha Igrexa que rompa co modelo patriarcal: co Deus masculino e afastado e coas estruturas de dominación masculinas; unha Igrexa que recupere o feminino de Deus e capaz de celebralo tamén como Deusa.
(Encrucillada, Nós, as mulleres na Igrexa Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria. Nº 171 Volume XXXV xaneiro-febreiro 2011.P.66)

Comentarios

Entradas populares de este blog

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...