Ir al contenido principal

31 Domingo TO B 2018



Cando esquecemos actuar desde o corazón, a nosa realidade vital convértese en baleiro

Cantos
Entrada.- Ti es camiño e verdade ( 57)
Lecturas.-  Escoita ao Señor (  15 )
Ofertorio.- Non leves para o camiño ( )
Comuñón. O amor é o meirande (  120 )
Para non perde-lo paso
            En tempos de présa, incerteza e primacía do efémero , onde a resposta a calquera das preguntas ha de ser Xa, e nada máis que xa, a celebración desta mañá invítanos a facer o camiño da vida coa tranquilidade e o repouso de quen busca sen cansar e non desespera ante o erro e o fracaso. Non é, certamente, doado camiñar con estas premisas, pero é a aprendizaxe que hoxe nos mostra o Deus que nos reúne e alenta a superar o derrotismo e a mediocridade dos lugares comúns. Preparémonos entón para que o corazón se poña en actitude de escoita para que a proposta que desde a palabra de Deus se nos fai, a poñamos en practica.
Co corazón ferido
·        Por ser moi derrotistas e pouco esperanzados. Señor, que non fagamos oídos xordos a túa invitación.
·        Por ser moi de présas e case que nada de reflexión e repouso. Cristo, que non fagamos oídos xordos a túa invitación.
·        Por converter o efémero en fundamental e non saber valorar o cotián paseniño. Señor, que non fagamos oídos xordos a túa invitación.
Unha palabra que agroma
·        Escoita, Israel: amarás ó Señor de todo corazón”. Israel repensa a súa propia historia, non para  pedir contas ou por vinganza, senón para revisar e concretar novos camiños de actuación e resposta á proposta que Deus lles fixera de ser o seu pobo. Isto lévaos a ter unha permanente actitude de atención e escoita. Non miran para o outro lado, senón que poñen a súa atención no que pasa e lles pasa, pero desde aí distinguir a voz e presencia de Deus en medio deles. Non os abandonou, non os esqueceu, está e invítaos a actuar e poñer en cada unha das súas accións e decisións o seu corazón. Porque nel, para os xudeus, está a sede das decisións morais. Non é só un arrouto afectivo, senón desde onde se valoran, reflicten e deciden as decisións sobre como responder e actuar á proposta que o seu Deus lles fai . Facendo entón unha fusión do tempo de Israel ao noso, podemos preguntarnos se  para nós tamén as grandes decisións as pasamos polo corazón; é dicir, pensamos, na hora de ve-la realidade, nas persoas, no que lles pasa, no que lles aleda, no que lles motiva e tamén os entristece ou somos dos que poñemos o piloto automático e pasamos como se non nos importara o que está a ocorrer e como as persoas se van vendo inmersas niso que ocorre. Poñer o corazón na mirada que facemos da realidade, fainos tomar conciencia de que a vida non é unha empresa e as decisións non teñen que ver co balance de resultados, senón coas persoas: como están, canto sofren, o que  as fai infelices, o que as aleda... nunha palabra: responder desde o corazón á invitación de Deus de escoitalo. Seremos capaces de responder a esta invitación? E entón para que? Para que sexamos felices...
·        Poñer a Deus  no corazón supón responder con convencemento a súa chamada, si, pero tamén converter esa resposta  nun actuar honesto e coherente coas nosas accións  e xeito de dicir e face-las cousas. A resposta non é un universal abstracto senón un aquí e agora desde a nosa historia persoal e social. Deste xeito sentimos tamén a forza do Señor en cada unha das decisións e pasos que imos tomando da vida. A fe entón non nos leva a prescindir de Deus para reducilo aos ámbitos persoas/individuais de cada quen, senón todo o contrario: vai nutrindo o noso xeito de mirar e transformar  o mundo que nos rodea. Tantas veces cheo de exclusión e inxustiza. É este o paso que tod@s debemos dar para que  as palabras salvación, reino e amor nos soen a chocas e baleiras, senón que teñan pleno sentido na vida dos que queremos facer do seguimento de Xesús horizonte e camiño no que ir poñendo os nosos pés. Como nos invita Francisco na “ aledádevos e rebulide”, este ha se-lo camiño que desde o habitual e sinxelo das nosas vidas vaiamos avanzando a atopando sentido ao que somos e facemos cada día. Coa naturalidade do cotián e a responsabilidade de quen as opcións que toma/mos na vida teñen sentido, coherencia e poden ser compartidas desde o diálogo con quen, coma nós, busca tamén o mellor para as persoas e a casa común na que tod@s vivimos.
·        E neste vivir acompasado e con sentido é desde onde  debemos dar razón de por que o amor, na súa dobre dirección a Deus e aos demais, é o fundamental de tódolos mandamentos. Entendidos non como imposicións, senón como lóstregos que van iluminando os camiños polos que cada imos indo. Que como acabamos de escoitar no evanxeo, non resultan tan doados como a primeira vista poden parecer, pois supoñen constancia e esforzo, sen desesperar ante as dificultades nin  extasiar nas ledicias. Neste esforzo e tarefa permanentes, imos construíndo a resposta a chegar un día a plenitude do Reino do que Xesús non cansa de falar.
Desde a oración compartida
            Convocados desde a invitación a escoitar a voz de Deus, compartimos este momento de oración comunitaria dicindo: Que saibamos escoitar e acompañar.
·        Para que traballemos por e desde unha Igrexa que acompaña e non abandona. Oremos. Que saibamos escoitar e acompañar.
·        Para que nos esforcemos por facer das nosas comunidades lugares de escoita, a collida e acompañamento. Oremos. Que saibamos escoitar e acompañar.
·        Para que superemos a tentación de facer da nosa vida rito e costume, esquecendo que ao que nos invita Xesús é a estar ao lado das persoas, especialmente as que se senten solas, enfermas ou sen horizonte na vida. Oremos. Que saibamos escoitar e acompañar.

Grazas, Señor, por esta invitación para facer a oración comunitaria tamén nosa,. E non soamente miña. Por Cristo o noso Señor. Amén.
Para que tod@s sintamos a ledicia do comunitario
Grazas Señor por mirarme, por acordarte de min, por fixarte na miña cativería e con ela construír, para o teu Reino, unha casa onde a forza do Espírito se move en cada latexo do corazón. Grazas Señor, porque déchesme un corazón comunitario onde depositaches as urxencias e  necesidades dos que están ao meu redor para acompañalos, deixarme acompañar e traballar xunt@s..
Grazas, porque, como María, imos aprendendo a facer da nosa vida un Magnificat, un canto de loanza nacido no corazón do traballo comunitario.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...