Ir al contenido principal

26 domingo TO B 2024

DEUS CAMIÑA CO SEU POBO

(CX XORNADA DAS PERSOAS MIGRANTES E REFUXIADAS)

CANTO GOZOSO

· ENTRADA: Eu soñei (Nº 58)
· LECTURAS: Como che cantarei (Nº 28)
· OFERTORIO: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)
· COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120)

OLLOS ABERTOS

Baixo o lema “Deus camiña co seu pobo”, celebramos hoxe en toda a Igrexa a Xornada Mundial das Persoas Migrantes e Refuxiadas. A deste ano é a xornada 110, polo que ten un longo percorrido, indicativo de que as persoas migrantes e refuxiadas e migrantes están sempre presentes no sentir e nas accións da Igrexa.
No medio dun mundo ferido de morte pola violencia, o egoísmo, a indiferenza e a insolidariedade; feridas que levan a tantas persoas a fuxir do seu país na busca dun futuro mellor e máis digno, hoxe fáisenos un convite claro: as persoas cristiás estamos urxidas a promover, acoller, protexer e integrar ás persoas migrantes e refuxiadas.
Todo un reto; pero tamén todo un sinal de identidade, porque como escoitaremos hoxe na lectura que imos proclamar: “o xornal que non lles pagastes ós obreiros que vos fixeron a seitura está clamando e o seu berro chega ós oídos do Señor”. Dicir que a Igrexa é católica ábrenos á pluralidade, á diversidade á mestizaxe... e sempre en igualdade.
Deus camiña con nós e entre nós. A súa proposta é a dun camiño de fraternidade desde a tenrura e a confianza. Non trabuquemos este camiño.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

ö Porque andamos faltas e faltos de humanidade e de empatía, e deixámonos levar polos prexuízos cara quen vén de fóra; SEÑOR, QUE NON TRABUQUEMOS O CAMIÑO.

ö Porque non estamos dispostas e dispostos a acoller e integrar ás persoas migrantes e refuxiadas, senón que as utilizamos como man de obra barata; CRISTO,QUE NON TRABUQUEMOS O CAMIÑO.

ö Porque en demasiadas ocasións deixamos que o exclusivismo e os ciumes aniñen no noso corazón; SEÑOR, QUE NON TRABUQUEMOS O CAMIÑO.

 

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS NÚMEROS 

Descendeu o Señor nunha nube e faloulle a Moisés; despois tomou do espírito que había nel e infundíullelo ós setenta anciáns. En canto o espírito repousou sobre eles, puxéronse a profetizar; pero nunca máis o volveron facer. Quedaran no campamento dous homes, un deles chamado Eldad e o outro Medad. O espírito repousou tamén sobre eles, pois figuraban entre os inscritos, aínda que non saíran para a Tenda, e profetizaron no campamento. Un rapaz correu a comunicarllo a Moisés, dicindo: 

-       ¡Eldad e Medad profetizan no campamento! 

Entón Xosué, fillo de Nun, ministro de Moisés, escolleito por el, díxolle:

-       "¡Meu Señor, Moisés, prohíbellelo!"

Mais Moisés respondeulle:

-       "¿Tes celos por min? ¡Quen dera que todo o pobo do Señor fosen profetas, e que o Señor lles dese o seu espírito!"

Palabra do Señor

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SANTIAGO

E vós, os ricos, chorade e berrade polas desgrazas que van vir enriba de vós. A vosa riqueza está podrecida; a vosa roupa chea de couza; o voso ouro e a vosa prata, enferruxados; e a mesma ferruxe será testemuño en contra vosa e, coma se for lume, comerá as vosas carnes. ¡Estades atesourando na fin dos tempos! ¡Atención! O xornal que non lles pagastes ós obreiros que vos fixeron a seitura está clamando e o seu berro chega ós oídos do Señor dos Exércitos. Vivistes na terra cheos de fartura e cebastes os vosos corazóns nos praceres para o día da matanza. Condenastes o xusto e matástelo sen que el vos fixese fronte.

Palabra do Señor

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

Díxolle Xoán:

-       Pois vimos un que botaba demos no teu nome e quixémosllo privar porque non é dos nosos.

Xesús contestoulle:

-       Pois non llo privedes, porque ninguén que faga milagres no meu nome fala despois mal de min. O que non está contra nós, está connosco. Ademais, todo aquel que vos dea un vaso de auga por serdes seguidores de Cristo, tende por seguro que non quedará sen recompensa. E a quen escandalizar un destes pequeniños que cren en min, éralle mellor que lle colgasen do pescozo unha pedra de muíño, e o largasen ó mar. E se a túa man te fai caer, córtaa: máis che vale entrar toco na vida que ir parar coas dúas mans ó inferno, no lume que nunca se apaga. E se o teu pé te fai caer, córtao: mellor será que entres coxo na vida, que ir dar cos dous pés no inferno. E se o teu ollo te fai caer, arríncao: máis che vale entrar cego no Reino de Deus e non que te boten cos dous ollos no inferno, onde o verme non morre nin o lume se apaga.

Palabra do Señor.


PALABRA REMOÍDA

A Biblia, da Xénese a Apocalipse, conta a historia das persoas migrantes de Deus. Comezando co mandato de “enchede a terra” e terminando coa congregación dos redimidos de toda nación, pobo, lingua e tribo na Cidade de Deus, nas súas páxinas atópase a crónica dunha nova vida anunciada. Os emigrantes constitúen, xunto cos orfos e as viúvas, a triloxía típica do mundo dos marxinados en Israel, quen coñece na súa propia carne a experiencia da emigración. A través da experiencia da escravitude en Exipto e o éxodo, Israel irá descubrindo que a terra é un don de Deus, que non ten domino exclusivo sobre ela senón que debe compartila con outras xentes cara ás que son prescritas unhas actitudes éticas concretas: non vexarás ao emigrante, non o oprimirás, non defraudarás o dereito do emigrante. O libro do Levítico recolle a sentenza definitiva do comportamento cara ao emigrante de onte e de hoxe: ao forasteiro que reside xunto a vós, mirarédelo como a un do voso pobo e amaralo como a ti mesmo
No Novo Testamento, Mateo presenta a infancia de Xesús baixo a experiencia dramática dunha emigración forzosa e Lucas narra o seu nacemento fóra da cidade “porque non había sitio para eles na pousada”. Os evanxeos narran diferentes encontros de Xesús con xentes estranxeiras, como o centurión romano ou a muller cananea. Son encontros de mutuo recoñecemento e enriquecemento. Non esquezamos que Xesús lémbranos que ao final dos nosos días preguntarásenos se demos hospitalidade ao forasteiro.
Podemos falar de distintos tipos de emigración: ilustrada (á que ve abocada a nosa mocidade, que, despois de formarse, sae do noso país na busca dun futuro laboral), laboral (países empobrecidos polas políticas corruptas e deslocalizadas no sentido negativo do termo: menos controis, man de obra máis barata…), política (persecución por ideas políticas), emigración debida ao fanatismo e ao fundamentalismo relixioso…Con todo hai un fío condutor, un denominador común a todas elas: a desesperación. Ninguén abandona a súa terra, a súa familia, a súa lingua, a súa cultura… se non é movido pola desesperación, que lle empuxa a buscar un futuro mellor, aínda a risco de poñer en xogo a súa propia vida, xa que, como nos lembraba a encíclica Populorum progressio de Paulo VI hai máis de cincuenta anos: “verse libres da miseria, achar con máis seguridade a propia subsistencia, a saúde, unha ocupación estable; participar aínda máis nas responsabilidades, fóra de toda opresión e ao abrigo de situacións que ofenden a súa dignidade de homes; ser máis instruídos; nunha palabra, facer, coñecer e ter máis para ser máis: tal é a aspiración dos homes de hoxe mentres que un gran número deles ven condenados a vivir en condicións, que fan ilusorio este lexítimo desexo”.
As persoas galegas sabemos moito dese tema: basta botar un ollo á nosa árbore xenealóxica para atopar nas nosas familias algún membro emigrante. A emigración forma parte da idiosincrasia propia do noso pobo e sobre ela reflexionaron os nosos máis insignes escritores, como Rosalía de Castro, Castelao ou Curros Enríquez por citar algúns deles. Por iso, como ben di Francisco, é necesario «facer memoria», tomar un pouco de distancia do presente para escoitar a voz dos nosos antepasados.
E cando chegan ao seu país de destino, que se atopan?: abandono, soidade, miradas discriminatorias e acusadoras (“quítannos o traballo”), desconfianza…, que poñen se cabe máis dor na existencia destas persoas. Si, somos expertos en levantar muros (físicos, culturais, raciais…) que illan en lugar de tender pontes que unen, esquecendo que o camiño do Evanxeo é sempre un camiño que convida a tender pontes. A globalización fainos máis próximos, pero non máis irmáns e irmás, e así comprobamos como as persoas migrantes padecen situacións de exclusión sanguentas, en especial as mulleres e aquelas que non posúen papeis, porque simplemente non existen, non contan para nada nin para ninguén. E nós, como a samaritana, seguimos preguntándolle ao que é doutro país, doutra raza, doutra cor: Como sendo ti musulmán, negro, xitano… pídesme a min de beber? . Pois moi sinxelo: porque ten sede!!!!!!!!!!!. Sede de xustiza, sede de acollida, sede de respecto, sede de solidariedade, sede de… Teremos o corazón tan reseco como para negarlles a auga viva que é Cristo?. Hoxe máis que nunca o Evanxeo da misericordia interpela as nosas conciencias .

 

ORACIÓN DA COMUNIDADE

 

Ao longo da historia, Deus camiña co seu pobo e no medio do seu pobo. Agradecendo a súa compaña, dicimos:

 

GRAZAS POR CAMIÑAR CON NÓS

 

·      Pola Igrexa, Pobo sempre en camiño, para que nunca lle peche a porta a quen peta nela pedindo acollida, escoita ou acubillo, OREMOS.

 

·      Polas nosas comunidades parroquiais, para que nunca se pechen en si mesmas, senón que saiban acoller a todas as persoas, sen prexuízos e sen exclusións, OREMOS. 

 

·      Por cada unha e cada un de nós, para que non esquezamos que é o mesmo Cristo quen chama á nosa porta famento, sedento, forasteiro, nu, enfermo e encarcerado, OREMOS.

 

·      Polas persoas migrantes e refuxiadas, por aquelas que perderon a vida na busca dun futuro mellor, para que sintan o aloumiño de Deus a través do noso actuar e do noso dicir, OREMOS. 

 

Grazas, Señor, por facerte presente no medio do teu pobo en todas aquelas persoas que saen da súa terra na procura dun futuro mellor. P.X.N.S. Amén.

RECENDO DE GRATUIDADE

Deus, Pai todopoderoso, somos a túa Igrexa peregrina que camiña cara ao Reino dos Ceos.
Cadaquén de nós habita na súa propia patria, mais faino coma se foramos persoas estranxeiras.
Toda rexión estranxeira é a nosa patria; porén, toda patria é para nós terra estranxeira.
Vivimos aquí na terra, pero temos a nosa cidadanía no ceo.
Non permitas que nos constituamos en amos da porción do mundo que nos deches como lugar temporal.
Axúdanos a non deixar nunca de camiñar xunto coas nosas irmás e os nosos irmáns migrantes cara á morada eterna que nos preparas.
Abre os nosos ollos e o noso corazón para que o encontro coas persoas necesitadas se converta tamén nun encontro con Xesús.
(Francisco “Mensaxe para a Xornada Mundial das Persoas Migrantes e Refuxiadas 2024)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...