Ir al contenido principal

No silenzo de Deus (Venres Santo)

MONICIÓN


A outra cara do amor, que celebrabamos no día de onte: institución da Eucaristía, institución do sacerdocio, día do amor fraterno, é a celebración de hoxe: a morte na cruz do Señor. É o contrapunto do noso mundo, onde se miramos solo desde a superficie pareceranos que todo vai ben. Pero se nos esforzarnos por achegarnos a el desde os ollos de Deus, descubriremos que son moitas as disonancias; é moita a dor, a tristura e o sufrimento que aniña na vida e no corazóns de moitos dos nosos irmáns. É verdade que Deus nos concedeu a todos a mesma dignidade, pero tamén é verdade que a inxustiza que vai crecendo cada día, fai que esta dignidade non poida ser nin percibida nin vivida por todos do mesmo xeito. Uns, os menos, parecen vivir alleos ao que lle ocorre a quen está ao seu lado, como se non existiran. Outros, os máis, sofren, choran, vense desprezados e impotentes diante de situacións nas que lles resulta moi difícil percibir a presenza dese Deus amor e fraternidade que onte celebrabamos, PREGÚNTANSE: ONDE ESTÁ ESE DEUS? Por que este silencio? Como se a cousa fora con Deus, e non con nós, coa nosa maneira de actuar. É este silencio do Deus que, respectando a nosa liberdade, deixa, non sen sufrimento pola súa parte, que os nosos comportamentos leven aos irmáns ao desamor, á incomprensión ou ao non respecto da súa dignidade.

Que este Venres Santo, de morte e cruz, nos leve a non quedar pasivos, e nos esperte a actuar para que estes signos de cruz e morte, do noso mundo, se convertan en signos de vida e salvación. A vida e esperanza que nos deixou e alenta cada día a construír.

LECTURA PAIXÓN

HOMILÍA


  • Aprender a mirar: Moitas veces a nosa mirada non é profunda, non busca comprender para poder actuar, senón que é unha mirada de simple curiosidade, unha mirada que non afonda nun mundo cheo de moitas caras. Unha mirada de curiosidade, na que todo nos escorrega; ou todo máis é unha mirada que ansía consumir, non comprender, amar e tender a man. Isto fai que a fe sexa algo superficial, como a mirada, pouco profunda. Podemos sabe-la letra, pero non estamos dispostos a vivir iso que tantas veces temos escoitado. Por iso Venres Santo, pode ser un bo momento para endereita-lo rumbo e beber da fonte do Evanxeo. Xesús non se queda no Venres Santo.
  • Por iso necesitamos mirar, como facía Xesús, con ollos novos, Cos ollos do neno que comeza a descubri-las cousas e se sinte desconcertado, pero con gañas de aprender. Por iso a lectura da Paixón que vimos de escoitar, non pode ser a escoita dun simple relato que facemos tódolos Venres Santos, senón unha invitación a ofrece-las nosas mans, pequenas e que pouco poden, para que unidas a outras moitas mans, axuden a que a mirada supere a curiosidade e comece a ve-la necesidade de facer cadeas que fagan que onda haxa dor poida comezar a agroma-la esperanza.
  • De nada nos vale torce-la cara ou facernos crer que non pasa nada. O mundo que imos construíndo non nos gusta, e temos que dicilo. Pouco se parece ao mundo que quería Xesús, por iso aprendendo da súa mirada, hai moitos nazarenos que levan as súas cruces e que cada día, non só en Semana Santa, necesitan que lles axudemos a leva-la cruz. Poñámonos en camiño!

SILENCIO

ORACIÓN UNIVERSAL

Compartamos agora a nosa oración, na solidariedade de Xesús, con aquel@s para os que a vida non pode ser percibida coma don, gratuidade e amor, senón como sufrimento, tristura e dor. Tentemos mirarnos en Xesús. Nel a dor foi unha experiencia que puxo de manifesto que é verdade que o ser humano encerra no seu corazón non só a capacidade de amar, perdoar e acoller; senón tamén a de facer dano matando, odiando ou maltratando. Que cada un dos que estamos aquí saibamos vernos no rostro do Deus para quen a cruz é paso cara un camiño novo: a vida na resurrección.

Nesta tarde de dor e esperanza dirixímonos a ti para lembrar a cantos no noso mundo non son escoitados nin dignificados, e dicímosche:

Dálles o amor que o noso actuar lles nega

  • Polos que viven a dureza da enfermidade
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Polos que non poden vivir a vida en plenitude polas súas deficiencias físicas ou sicolóxicas.
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Polos anciáns, os grandes esquecidos das nosas sociedades ricas e opulentas.
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Polos refuxiados, excluídos e perseguidos simplemente por ser pobres, e case sempre dos países máis empobrecidos.
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Polos que teñen que emigrar deixando familia e raíces.
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Polos enfermos que son discriminados e desprezados
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Polos que non teñen traballo ou buscándoo desesperadamente non o atopan
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Polos que perderon a un ser querido
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Polos que son vítimas de accidentes
      • Dálles o amor que o mundo lles quitou
  • Polos que están ou se senten solos
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Polos que a perderon ou que non teñen fe
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Polos que non atopan sentido as súas vidas
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Polos nenos orfos, as nenas da rúa, os nenos vendidos ou explotados no traballo.
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Polas mulleres obrigadas a prostituírse, vendidas, despoxadas da súa dignidade
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Polos que sofren os horrores da guerra, a tortura, as vítimas do terrorismo
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Polos que morren de fame e miseria
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Por tódolos que se senten fracasados e desesperados.
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega

Esta, Señor, é a nosa oración universal. Por riba de crenzas relixiosas, razas, sexo, xeito de pensar... en todo o mundo e en tódalas culturas e razas hai persoas que non son felices, por iso nesta tarde de cruz poñémolas diante de ti, para que poidas darlles o amor e a dignidade que nós non soubemos darlle coa nosa maneira de comportarnos, neste noso mundo tan cheo de prexuízos e falto de humanidade. Amén.

ADORACIÓN DA CRUZ

Soa música clásica e en silencio nos achegamos a adora-la cruz.

A cruz traémola desde o fondo da Igrexa, vimos cantando e descubríndoa, mentres dicimos: MIRADE A ÁRBORE DA CRUZ NA QUE ESTIVO CRAVADA A SALVACIÓN DO MUNDO, VINDE ADORALA, e colocámola fronte ao altar, achegámonos e tocándoa –non nos poñemos de xeonllos– facemos o sinal da cruz, volvendo logo para o banco onde estabamos.

NOSO PAI

COMUÑÓN

REFLEXIÓN

Se uns poucos comen porque moitos pasan fame

e os cartos non están para que todos traballen.

Se o enfermo e o ancián non valen para nada

non lle digamos a Deus que da cruz baixe.

Se a miseria é o de cada día

e a inxustiza é coma o sol que sae,

se non vales polo que es, senón pola túa conta,

non lle digamos a Deus que da cruz baixe.

Se a esperanza é un soño,

se loitar pola paz é ser covarde,

se son espectador e non participo nesta carreira,

non lle digamos a Deus que da cruz baixe.

Se non é meu irmán o que vive ao meu carón,

se a miña fe é algo seguro e estable,

se Deus me deixa tranquilo e saciado,

non lle digamos, non, que da cruz baixe.

Se a denuncia é un grito insensato

dos que teñen inquedanzas sociais,

pero iso é todo o que comparten co seu pobo,

non lle digamos a Deus que da cruz baixe.

Se segue habendo heroes e tiranos,

se revolución é sinónimo de masacre,

se nos seguimos lavando as mans,

non lle digamos a Deus da cruz baixe.

Se o home e un lobo para o home,

e na palabra “ter” está a clave,

se non paga a pena o que non é rendible,

non lle digamos a Deus que da cruz baixe.

Cantos.- Só canto de comuñón.- Oh, Señor, escólleme.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...