Ir al contenido principal

Sagrada Familia 2024

FAMILIA, FONTE DE ESPERANZA

CANTOS

 

              Entrada.-  Eu soñei

              Lecturas.- Escoita ti a palabra de Deus

              Ofertorio.- Na nosa terra

              Comuñón.- Acharte presente

 

OLLOS PARA VER

 

         Neste domingo toda a Igrexa se une nunha mesma oración para dar grazas a Deus polas familias, porque hoxe é o domingo da Sagrada Familia: a Familia de Nazaret. E desde ela sentímonos tamén nós familia aquecida no colo, sempre agarimoso de Deus. Porque a familia é colo de acollida, de aloumiño, de compaña, e tantas veces, tamén pano de bágoas. Unámonos logo esta mañá para dar grazas a Deus por ter unha familia onde nacemos á fe, desde onde camiñamos na esperanza e na que descubrimos como se concreta ser fonte de amor.

 

CORAZÓN MISERICORDIOSO

·      Polas vese nas que que non colaboramos a ser familias de esperanza. SEÑOR, ALOUMÍÑANOS NO TEU COLO.

·      Polas veces nas que nas nosas familias non quixemos ser aperta agarimosa. CRISTO, ALOUMÍÑANOS NO TEU COLO.

·      Polas veces nas que non soubemos facer da familia fogar aquecido. SEÑOR, ALOUMÍÑANOS NO TEU COLO.

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO

 

O Señor honrou ó pai máis cós fillos

e afincou o dereito da nai sobre o dos nenos.

Quen honra a seu pai redime as culpas.

Quen enxalza a súa nai é coma quen atesoura.

Quen honra a seu pai gozará dos fillos

e cando vaia pregar será atendido.

O que respecta ó pai terá vida longa

e quen obedece ó Señor daralle consolo a súa nai 

Meu fillo, persevera no honrar a teu pai,

non o desatendas nos días da túa vida.

Aínda que perda o xuízo, tenlle miramento

e non o aldraxes todo o tempo que viva.

O ben que se lle faga a un pai non será borrado,

hache valer coma compensación do pecado;

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS COLOSENSES

 

Irmáns e irmás:

Coma elixidos de Deus, santos e benqueridos, revestídevos de sentimentos de misericordia, de bondade, de humildade, de sinxeleza, de tolerancia. Aturádevos uns ós outros e perdoádevos, cando un teña queixa doutro; coma o Señor vos perdoou, perdoádevos tamén vós. E, por riba de todo isto, cinguídevos co amor, que é o lazo que todo o une e leva a perfección. Que a paz de Cristo goberne os vosos corazóns, xa que a ela vos chamaron coma membros dun mesmo corpo. Sede tamén agradecidos.

Que a palabra de Cristo habite en vós con toda a súa riqueza. Ensinádevos e alentádevos uns a outros o mellor que saibades. Co corazón cheo de agradecemento cantádelle a Deus salmos, himnos e cántigas inspiradas.7E todo canto fagades, de palabra ou de obra, facédeo para honra de Xesús, o Señor, dándolle gracias a Deus Pai por medio del.

Mulleres, sede dóciles ós vosos homes coma lle acae a unha muller cristiá. Homes, amade as vosas mulleres e non sexades ríspidos con elas.

Fillos, sede ben guiados en todo cos vosos pais, que isto é cousa agradable ó Señor. Pais non asoballéde-los vosos fillos, para que non saian coitados.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Polas festas da Pascua os pais de Xesús ían tódolos anos a Xerusalén. E así, cando o neno tivo doce anos, subiron á festa, conforme a tradición. Pasados aqueles días, cando eles voltaban, o neno Xesús quedou en Xerusalén, sen que seus pais se decatasen. Coidando que iría na comitiva, fixeron unha xornada de camiño; entón buscárono entre os parentes e coñecidos. Pero como non deron con el, volveron a Xerusalén para buscalo. E resulta que, ó cabo de tres días, atopárono no templo, sentado no medio dos doutores e dialogando con eles. Tódolos que o escoitaban estaban asombrados do seu talento e das súas contestacións. O velo, ficaron moi impresionados, e a súa nai preguntoulle:

‑¡Meu fillo! ¿Como te portaches así connosco? Mira que o teu pai e mais eu andamos cheos de angustia en busca túa.

El respondeu:

‑¿E logo por que me buscades? ¿Seica non sabiades que eu teño que estar na casa de meu Pai?

Pero eles non entenderon a resposta. Baixou con eles a Nazaret, e vivía baixo a súa autoridade. A nai conservaba todas estas cousas no seu corazón.

Xesús medraba en estatura, en sabedoría e en gracia diante de Deus e mais  dos homes.

PALABRA ACOLLIDA

·      Como di o lema deste ano para a xornada deste día, a familia é fonte de esperanza. Unha fonte da que sae a auga do amor e do cariño compartido, vivido e celebrado. E que importante é falar disto hoxe, neste momento, porque son moitas as voces que destrepan contra da familia e cuestionan que poida ser  fogar e berce onde quererse e aprender a querer; onde dialogar e aprender a facer do diálogo ponte de entendemento –que tanta falta fai en momentos, coma estes, de crispación– e colaboración. Por iso é importante que nós, as persoas que seguimos crendo que na familia, nas súas diversas concrecións, deamos testemuño de que paga a pena seguir construíndo as nosas vidas ao abeiro da familia, porque nelas é onde descubrimos e atopamos que só unindo e remando na mesma dirección podemos acadar proxectos, obxectivos, ideais... e sempre desde o agradecemento. E isto lémbrannolo as lecturas que hoxe vimos de proclamar. Esforcémonos, todas e todos, para que a familia sega a ser “mesa camilla” ao redor da que poidamos expresar o que sentimos, o que nos preocupa, o que nos gusta, a que manteña os nosos pés aquecidos e o noso corazón cheo da capacidade de sentir e querer.

 

·      Porque nela somos escoitados, atendidos, corrixidos, educados, acompañados, e como non, perdoados. E se nos miramos na familia de Nazaret descubrimos que tamén na capacidade de sufrimento, vivido en unión, as familias  van sacando cara adiante os problemas e dificultades que van xurdindo. Hai unha expresión que se utiliza moito para referirse á familia, é a de colchón. Si, colchón, porque nela sempre podemos atopar o descanso diante do cansazo e desgaste ao que a vida nos vai sometendo cada día. Cansazo que nos pode chegar en forma de fraxilidade, fracaso, alegría, dor, enfermidade, morte dun familiar... e aí, sempre nos atopamos, non cunha parede, e si con unha man que te invita a entrar e sentar ao redor da mesa. Como non vai ser entón a familia fonte de esperanza! Traballemos para que sega a ser así, e non convertamos a nosa vida en deserto árido no que o sol non fai máis que abrasarnos.

·      E inda que trabuquemos, nos desviemos, nos perdamos, protestemos, nos afastemos... sempre nos queda a posibilidade de volver e atopar a calor, que só un corazón aquecido, nos pode prestar. Así tamén lle pasou á familia de Nazaret: non se esqueceron de Xesús, non pasaron del, non o deixaron ao seu aire, senón que o buscaron e non pararon ata atopalo. Porque para eles era moi importante sentirse ao lado uns dos outros, axudarse, quererse, estar sempre pendentes uns dos outros. María e Xosé, cando ven que el non está preocúpanse e non paran ata dar con el. Que tamén nós, saibamos acompañarnos, buscarnos, escoitarnos, axudarnos e non darnos as costas, inda que as cousas non sexan nin ideais nin perfectas. Porque somos persoas, moitas veces nos equivocamos, pero o importante é non romper, ao contrario, que fermoso é buscarnos para poder comezar. Traballemos entón por ser familias fonte de esperanza, coas nosas fraxilidades, si, pero tamén coas nosas fortalezas. 

 

ORACIÓN COMPARTIDA

 

         Deus móstranos na familia de Nazaret, a forza e a necesidade de facer do amor camiños de encontro familiar. Desde o agradecemento desta gran nova, dicimos: SEÑOR, QUE SEXAMOS FAMILIAS DE ESPERANZA.

·      Para que cantos conformamos a Igrexa, nos esforcemos por ser familia onde nos queiramos, axudemos e non nos xulguemos. Oremos. SEÑOR, QUE SEXAMOS FAMILIAS DE ESPERANZA.

·      Para que as familias cristiás sexamos testemuño, neste noso mundo tan desconfiado e individualista, de acollida, aloumiño e amor. Oremos. SEÑOR, QUE SEXAMOS FAMILIAS DE ESPERANZA.

·      Polas familias que están a pasar por dificultades: de convivencia, de relación, económicas, laborais... que atopen en nós, persoal e comunitariamente, axuda, acompañamento e tempo. Oremos. SEÑOR, QUE SEXAMOS FAMILIAS DE ESPERANZA.

Grazas, Señor, por espertarnos a valorar e agradecer o ser familias onde nos queiramos, nos axudemos e nos preocupemos unhas persoas das outras. Amén.

 

ESPERANZA CONCRETADA

 

Pai/Nai agarimoso e aloumiñador,

dámosche grazas por aprendernos a amar e a confiar.

En Xesús e na súa familia móstrachesnos o importante

que é querer e sentirnos persoas queridas,

axudándonos a sentir a tenrura e o agarimo

de ser fogar onde nos sentimos acollidos,

escoitados, agarimados e aloumiñados

cando o precisamos.

Que o teu amor, Señor, fortaleza a unidade nas nosas familias,

e a capacidade de sabernos perdoar,

para seguir camiñando polos vieiros do diálogo e o amor. 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...