CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA
SINAL DE ADVENTO: Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce.
CANTO GOZOSO
§ Entrada: Volve, Señor (Nº 90)
§ Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4)
§ Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)
§ Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitudes, feitos e mesmo xestos que non son os vimbios axeitados para facer o berce do Neno.
Que a celebración que agora comezamos nos axude a ilo conseguindo.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
· Polas veces nas que nos conformamos con alegrías materiais e perecedoiras, en vez de buscar a ledicia que aniña no noso corazón, SEÑOR, ENCHÓUPANOS DA TÚA XUSTIZA.
· Porque moitas veces non somos persoas xustas, senón xusticeiras; CRISTO, ENCHÓUPANOS DA TÚA XUSTIZA.
· Porque non queremos entender que a raíz de moitas inxustizas está dentro do noso corazón e seguímonos escudando no “eu non podo facer nada”, SEÑOR, ENCHÓUPANOS DA TÚA XUSTIZA.
O AGASALLO DA SÚA PALABRA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE SOFONÍAS
Exulta, filla de Sión; berra lediciosa, Israel,
alégrate e relouca con todo o corazón, filla de Xerusalén.
O Señor retirou o teu castigo, botou para atrás os teus inimigos.
O Señor será o rei de Israel no medio de ti, non volverás a ter medo da desgracia.
No día aquel diráselle a Xerusalén:
Non teñas medo, Sión, que as túas mans non afrouxen.
O Señor, o teu Deus, está no medio de ti, é un heroe que salva.
El salta de alegría por ti, embrúxate co seu amor,
dá brincos de alegría por ti. Eu aparteite da asemblea festiva; retirei de ti o seu ¡Ai!
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS FILIPENSES
Irmáns e irmás:
Estade sempre alegres no Señor. Repítovolo: estade alegres. Que todo o mundo vexa o bos que sodes. O Señor está a chegar. Non desacouguedes por cousa ningunha. En todo presentádelle a Deus as vosas peticións con oracións de súplica e acción de gracias. E a paz de Deus, que supera toda intelixencia, custodiará os vosos corazóns e os vosos pensamentos en Cristo Xesús.
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
A xente preguntáballe a Xoán:
‑¿E logo, que temos que facer?
El respondíalles:
‑O que teña dúas túnicas, que as reparta con quen non teña ningunha; e que faga o mesmo o que teña que comer.
Foron tamén uns recadadores a se bautizar, e preguntáronlle:
‑Mestre, ¿que temos que facer?
El contestoulles:
‑Non esixades nada máis do que vos está mandado.
Tamén uns soldados lle preguntaron:
‑E nós, ¿que temos que facer?
El contestoulles:
‑Non asoballedes nin saqueedes a ninguén, e contentádevos coas vosas pagas.
Como o pobo estaba esperando polo Mesías, empezaba a pensar se acaso non o sería Xoán; pero el declarou diante de todos:
‑Eu bautízovos con auga, pero está a chegar o que é máis forte ca min, e a quen eu non son digno de lle desata-los amallós do seu calzado. El havos bautizar con Espírito Santo e con lume. Porque trae a forcada na man, para limpa-la súa eira e recoller na hucha o seu trigo; pero a palla ha de a queimar no lume que nunca apaga.
Con esta e outras moitas exhortacións anunciáballe a Boa Nova á xente.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
ü Xoán Bautista proclama en voz alta o que moitas persoas sentían naquel momento: hai que cambiar, non se pode seguir así, cómpre volver a Deus. A mensaxe de Xoán Bautista é dunha sinxeleza aplastante: non vos aproveitedes de ninguén, non abusedes dos débiles, non vivades a costa doutras persoas, non pensedes só no voso benestar, compartide o que sodes e tedes. Porén, pasaron máis de vinte séculos e o cambio está aínda pendente, a conversión lonxana e a vida de Xesús anunciándose novamente coa mesma esixencia de entón e coas mesmas consecuencias: se non cambiamos pasaremos cerca do que vén e non o coñeceremos.
ü A voz de Xoán era e é unha invitación á xustiza, a compartir, a terminar con todo tipo de abusos e prácticas que, favorecendo a uns, funden na pobreza e na miseria a outros. Non é doado escoitar as súas palabras sen sentir certo malestar. Cómpre valor para acollelas. Cómpre tempo para reflexionalas... De xeito inxenuo, cremos que a nosa sociedade será máis xusta e humana cando cambien os demais, cando se transformen as estruturas sociais e políticas... e así tranquilizamos a nosa conciencia. Porén, as sinxelas palabras de Xoán Bautista obrígannos a pensar que a raíz das inxustizas está tamén en nós: as estruturas reflicten demasiado ben o espírito que nos anima e reproducen a ambición, o egoísmo e a sede de posuír innata en cada persoa.
ü A pregunta xurde en nós de xeito espontáneo: que podo facer eu diante de problemas mundiais que desbordan totalmente as miñas posibilidades?, como podo colaborar a que tamén entre os pobos da terra se cumpra a invitación do Bautista?. Primeiro temos que tomar conciencia de que detrás desa política insolidaria e competitiva que rexe o mundo, hai un xeito de vida, de satisfacer as necesidades e de desenvolver os nosos intereses, que estamos alimentando entre todas e todos nós. Ao noso lado hai moitos Xoán e moitas Xoana que fan o esforzo de rebelarse contra unha orde económica inxusta, comprometéndose en xestos concretos de solidariedade, cultivando un xeito de vida máis austero, sinxelo e humano.
ü Logo, que facemos?. Xesús danos o seu Espírito, que é a forza que permite o cambio. El invítanos a vivir dun xeito novo, a por a nosa vida en xogo. O Reino de Deus está presente entre nós cando partimos e compartimos o pan, cando sentamos á nosa mesa a todas as persoas en pé de igualdade, cando vivimos a fraternidade real, cando acollemos e perdoamos, cando traballamos por establecer a xustiza, cando a nosa norma é o amor. Entón, e só entón descubriremos o que é a alegría verdadeira!.
FRATERNIDADE ORANTE
Abramos o corazón a Deus, e confiémoslle a nosa vida, para que a acompañe coa súa presenza e o seu alento. E porque somos conscientes da nosa necesidade de conversión, agradecemos esta nova oportunidade que pon no noso camiño dicindo:
GRAZAS POR AXUDARNOS A CAMBIAR
· Pola nosa Igrexa, para que descubra a necesidade de conversión, liberándose das ataduras do egoísmo e do acomodamento, sen medo aos cambios e traballando con ledicia, esperanza e ilusión na construción dun mundo máis humano, rostro do Deus Amor, OREMOS.
GRAZAS POR AXUDARNOS A CAMBIAR
· Para que nestas vésperas do Nadal a austeridade de Xoán Bautista, o precursor, nos lembre que a sobriedade no gasto para compartir coas persoas máis necesitadas é unha boa nova que anuncia a efectividade do nacemento de Xesús, OREMOS.
GRAZAS POR AXUDARNOS A CAMBIAR
· Por cada un e cada unha de nós, para que nos decatemos que é a través de xestos e accións concretas de xustiza, respecto, solidariedade e coherencia como demostramos a nosa vontade de paz e como construímos tecido social, OREMOS.
GRAZAS POR AXUDARNOS A CAMBIAR
Grazas, Señor, porque sabemos que camiñas connosco, porque sabemos que día a día pasas pola nosa vida para sacarnos da servidume do pecado e para que andemos nunha vida nova. Fai que te sintamos sempre preto, moi preto. Pedímoscho por Xesucristo, o noso irmán, o noso Señor. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Non chegas, Xesús,
Ti xa estás aquí.
Agachado, quizais,
pero Ti estás aquí.
Nada do que nos pasa che resulta estraño.
Coñécesnos desde dentro.
No cerne das nosas escravitudes,
sufríndoas connosco, estás Ti.
No cerne dos nosos triunfos e sorrisos,
creándoos connosco, estás tamén Ti.
Nada do que pasa no mundo che resulta estraño.
Coñécelo desde dentro.
No cerne das súas desgracias e abusos,
sufríndoos coa xente, estás Ti.
No cerne dos seus adiantos e ledicias,
creándoas coa xente, estás tamén ti.
¡Feliz a xente do silencio
que te ve somerxido nas tarefas!.
¡Feliz a xente de tarefas
que te ve somerxido no silencio!.
¡Ven, Señor Xesús!.
REGAL, M. “Un caxato....” (pax. 76-77)
Comentarios