Ir al contenido principal

Corpus 2025

 


MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA

CANTO GOZOSO

o   ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54)

o   LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33)

o   OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63)

o   COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120)

PARA NON PERDER O PASO

Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que hoxe sae ás nosas rúas para bendicirnos e dicirnos: “aquí estou para camiñar contigo”.

Celebrar o día do Corpus Christi, a festa da Caridade, é un sinal profético de que a esperanza ten e debe ter a última palabra, porque mentres haxa persoas que aman, que axudan, que comparten con xenerosidade, que se conmoven coa dor e o sufrimento dos demais, a esperanza é imposible que se perda.

CO CORAZÓN FERIDO

·      Porque facemos oídos xordos ao teu mandado de querer aos demais como Ti nos queres, SEÑOR, RENOVA A NOSA ESPERANZA.

·      Porque non entendemos que compartir o Pan da Vida significa compartir o que somos e o que temos, CRISTO, RENOVA A NOSA ESPERANZA.

·      Porque non somos quen de botar fora de nós o egoísmo para axudar ás persoas máis débiles e sinxelas; SEÑOR, RENOVA A NOSA ESPERANZA.

 

UNHA PALABRA QUE ALUMEA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

Melquisédec, rei de Salem, sacerdote do Deus Altísimo, sacou pan e viño e bendiciu a Abram con estas palabras:

-       "Bendito sexa Abram polo Deus Altísimo, que fixo ceo e terra. Bendito sexa o Deus Altísimo, que puxo os teus inimigos na túa man".

Abram deulle a Melquisédec o décimo de toda a súa presa.

 

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE PAULO AOS CORINTIOS

Irmáns e irmás: 

Eu recibín do Señor, e transmitinvos tamén a vós, que o Señor Xesús, na noite en que o entregaron, colleu pan e, despois de dar grazas, partiuno e dixo: "Isto é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en lembranza miña". Do mesmo xeito, despois de cear, tomou a copa dicindo: "Esta copa é a Nova Alianza, no meu sangue; cada vez que a bebades, facédeo en lembranza miña". 

Polo tanto, cada vez que comedes este pan e bebedes esta copa, anunciades a morte do Señor, ata que El volte. 

 

 

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO LUCAS

 

Cando a xente descubriu a Xesús, foino seguindo. El acolleunos, faláballes do Reino de Deus e curaba a cantos o necesitaban. E como empezaba a caer o día, achegáronse os Doce e dixéronlle:

-       Despide a xente, para que vaian ás vilas e aldeas próximas en procura de sitio para se hospedaren e para que poidan tamén comprar algo que levar á boca, porque aquí estamos nun descampado.

 

Pero el replicoulles:

-       Dádelles vós de comer.

Eles contestaron:

-       Pero ¡se non temos máis ca cinco bolos de pan e mais dous peixes! A non ser que vaiamos nós mercar mantenza para toda esta xente.

Eran uns cinco mil homes. Mais el díxolles ós seus discípulos:

-       Colocádeos en grupos de cincuenta.

Dixéronllelo, e sentaron todos. El, colleu os cinco bolos e mais os dous peixes, ergueu a vista ó ceo, bendiciunos, partiunos e déullelos ós discípulos, para que llelos servisen á xente. Comeron todos a fartar, e coas sobras encheron aínda doce cestas.

PALABRA DO SEÑOR

UNHA PALABRA QUE AGROMA

Celebrar a festividade do Corpus Christi é dar vida a toda historia de amor de Deus co seu pobo ao longo do tempo para, desde ese amor, poñer en marcha o noso compromiso coas persoas máis vulnerables. Para iso temos que:

ü ABRIR A PORTA: Temos que expoñernos á realidade do mundo máis alá do que vemos e escoitamos nos medios de comunicación. A realidade vén cargada de mensaxes que querer dicir algo. Xesús dinos hoxe novamente: “Estou á porta é chamo”. Dínolo nos gritos impotentes das persoas migrantes, no cheiro a morte de quen vive na violencia e na guerra, no silencio de quen vive afogado na soidade ou nas familias que non teñen unha vivenda digna.

 

ü ARRISCARSE SEN MEDO: Vivimos rodeados de muros e fronteiras que pensamos que nos protexen; pero que en realidade paralízannos e asfíxiannos porque fan que o medo medre en nós. Cómpre arriscarnos, confiar, ser unha Igrexa audaz e creativa, consciente de que, tal e como non cansaba de lembrarnos o papa Francisco, o “sempre se fixo así” puido servir noutro tempo; pero agora non é unha razón válida para dar razón da nosa esperanza. Estamos chamados a ler os signos dos tempos e analizalos á luz do Evanxeo para poder ser persoas samaritanas do amor de Cristo, para poder ser sal e luz. 

ü DEIXARNOS TOCAR: Ver a realidade para poder mirala e así deixar de lado prexuízos e estereotipos, imaxes ou ideas que nos fabricamos de xeito superficial. Mirar como miraba Xesús, cunha mirada capaz de erguer a quen estaba caído. 

ü IMPLICARNOS: A estampa evanxélica píntanos un Cristo que non vive para si nin busca nada para si, senón que é quen de poñerse no lugar do outro. No sitio do retiro e descanso que desexaba, atópase cunha multitude que o busca, e ponse a ensinalos devagar e a curar enfermos, esquecéndose ata da comida. Porén, ese era un tema que tamén lle interesaba ao Señor. Cando ve que a xente está esgotada, non a despide para que cada un se amañe como poida, senón que se implica no problema e ofrece unha resposta liberadora: Dádeslles vós de comer. Hoxe, se cadra como nunca, a súa resposta remoe no noso corazón. Hai millóns de persoas que se deitan todas as noites con fame, despois de rebuscar en vertedoiros ou colectores de lixo; hai millóns de persoas sen un traballo que lles permita vivir con dignidade; hai millóns de persoas que esperan unha oportunidade para desenvolver os talentos que o Señor pousou no seu corazón; hai millóns de persoas que quedan tiradas na beira do camiño, derreadas por unhas pesadas cangas que non son quen de transportar; hai millóns de persoas que teñen fame: de respecto, de comprensión, de misericordia, de escoita, de esperanza, de xustiza, de ilusión, de...; hai millóns de persoas que esperan por nós, pola nosa solidariedade, pola nosa axuda, polo noso compromiso. E nós, que facemos nós?. Non, non vale calar, aguantar, deixar que fagan e desfagan ao seu antollo, mirar cara outro lado. Non, non vale agochar a cabeza debaixo da terra nin deixar que esvare por nós a que está caendo. Non. É tempo de espertar, de mobilizarse, de recuperar a forza da fe, que nos urxe aos seguidores e seguidoras de quen pasou polo mundo facendo o ben a implicarnos e actuar para cambiar este mundo inxusto que non nos gusta. 

A todo isto é ao que nos compromete celebrar o Corpus.

DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA

Oremos a Deus Pai, rico en misericordia, para que nos dea o pan de cada día e o pan de Xesucristo, fonte de vida plena, dicindo: 

DANOS, SEÑOR, O TEU PAN

v Para que a Igrexa, que parte o pan, saiba dar gratis o que gratis recibe, OREMOS.

DANOS, SEÑOR, O TEU PAN

v Para que as persoas que teñen responsabilidades públicas de goberno xeren realidades que satisfagan as necesidades de todas as persoas: terra, traballo decente, teito digno e asequible, sanidade e educación universais, OREMOS.

DANOS, SEÑOR, O TEU PAN

v Para que as persoas que comulgamos con Cristo nos comprometamos a vivir a comuñón cos irmáns e coas irmás, traballando por unha sociedade solidaria e fraterna, OREMOS.

DANOS, SEÑOR, O TEU PAN

v Polas persoas voluntarias de Cáritas, para que sintan a forza do Espírito nas súas vidas e conten co noso apoio, OREMOS. 

DANOS, SEÑOR, O TEU PAN

Grazas, Señor, por volverte pan que alimenta o camiño da nosa vida. P.X.N.S. Amén.

PARA QUE SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO

Queremos ser, Pai-Nai, as túas mans, os teus ollos e o teu corazón.

Queremos mirar á outra persoa como a miras Ti, cunha mirada rebordante de amor e de tenrura.

Mirarnos tamén a nós desde a plenitude coa que Ti nos amas, nos chamas e nos envías.

Querémolo facer desde a experiencia do don recibido e coa gratuidade da doazón sinxela e cotiá ao servizo de todas as persoas, especialmente das máis pobres.

Envíanos, Señor, e danos constancia, apertura e empatía.

Axúdanos a camiñar nos pés de quen acompaño e me acompaña-Axúdanos a multiplicar o pan, a curar feridas, a non deixar de sorrir e de compartir a esperanza.

Grazas polas pegadas de tenrura e compaixón que deixas nas nosas vidas.

Na túa Palabra atopamos a luz que nos alumea;

Na túa oración atopamos a auga que nos refresca,

No Pan que ti nos dás atopamos forza e alento.

E na nosa debilidade, Señor, sempre atopamos a túa man que nos levanta.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...