Ir al contenido principal

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza 

CANTOS

·      ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90)

·      LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20)

·      OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37)

·      COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)

 

SINAL

O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.

 


ABRINDO O CORAZÓN

            Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.

            Non chega nin con luces nin con invitación ao consumo, todo o contrario. A súa chegada é silenciosa, moitas das veces na escuridade da noite, e sempre invitando a compartir, que non a consumir.

            Comecemos entón tamén nós este camiño que nos leva a gozar dunha maneira de vivir o Nadal ao estilo do Xesús neno. É dicir, con sinxeleza, cambio persoal e compromiso social por  facer da convivencia encontro e non confrontación.

 

RENOVÁNDONOS NA MISERICORDIA

v Porque moitas veces esquecemos que Nadal é nacer á esperanza. SEÑOR, QUE DEIXEMOS ATRÁS AS NOSAS ESCRAVITUDES.

v Porque caemos na tentación de reducir o Nadal a unha vivencia superficial. CRISTO, QUE DEIXEMOS ATRÁS AS NOSAS ESCRAVITUDES.

v Porque nos custa entender que Nadal é nacer a un xeito distinto de ver a vida a e ás persoas. SEÑOR, QUE DEIXEMOS ATRÁS AS NOSAS ESCRAVITUDES.

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS

Velaquí os días -é o Señor quen fala-

nos que cumprirei a promesa

que lles fixen á casa de Israel e á casa de Xudá.

Nos días aqueles e no intre aquel

farei abrollar de David un retoño lexítimo,

que practicará o dereito e a xustiza no país.

Nos días aqueles salvarase Xudá,

e Xerusalén descansará na seguridade, 

e este lugar chamarase: "¡Iavé, nosa xustiza!". 

Palabra do Señor. Grazas a Deus.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS TESALONICENSES

Irmáns e irmás:

Que o Señor vos faga medrar no amor duns cos outros e con todos, ata rebordar, como nos pasa a nós respecto de vós. Que El afinque os vosos corazóns nunha santidade sen falla diante de Deus, noso Pai, cando veña o noso Señor Xesús con tódolos seus santos.

Polo demais, irmáns, pedímosvos con insistencia como cristiáns que, xa que aprendestes de nós como cómpre andar para contentar ó Señor, que sigades así e que progresedes aínda máis.

Porque ben sabedes que instrucións vos temos dado de parte do Señor Xesús.

Palabra do Señor. Grazas a Deus.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Dilles Xesús ós seus discípulos:

Haberá sinais no sol, na lúa e nas estrelas; e na terra as nacións tremerán coa angustia ante o bruar do mar e das ondas; os homes morrerán cheos de medo e de desacougo, polo que virá enriba do mundo, pois mesmo os astros abalarán. Entón verán o Fillo do Home vir sobre unha nube con grande poder e gloria.

Pero cando empece a suceder todo isto, poñédevos de pé e erguede ben a cabeza, porque chega o día da vosa liberación.

Tende conta de vós mesmos; non sexa que vos atordedes na borracheira, na libertinaxe e nas preocupacións da vida, e de súpeto caia sobre vós aquel día; porque caerá como un lazo sobre tódolos que habitan a terra. Vós vixiade sempre, e pregade para que poidades escapar de todo o que está por vir, e comparecer así seguros diante do Fillo do Home. 

Palabra do Señor. Grazas a Deus.

PALABRA REMOÍDA

·       Neste primeiro domingo de Advento, queremos comezar a construción do berce no que nós acollamos ao Deus neno que sempre está disposto a vir a nós e a entrar no noso corazón. Queremos que este berce que iremos construíndo ao longo das catro semanas de Advento nos anime, nos convenza, nos axude, nos... para que poidamos ir facendo deste tempo previo ao Nadal espazo de repouso interior e cambio persoal á esperanza. Esa esperanza que tantas veces refugamos e non deixamos que vaia aniñando no noso corazón; esta esperanza que nos ofrece unha mirada verdadeiramente fraterna das demais persoas e das posibilidades que se nos abren para facer as cousas, con elas e para elas, de cada día con alegría, sen présas, sabendo valorar o pequeno e sen descoidar nunca o importante que aprender a dar grazas. Fagamos entón deste tempo de Advento , tempo de acción de grazas e recoñecemento do que demais fan cada día por nós. Que o berce que construamos sexa un berce de gratitude.

·       E nesta gratitude esperanzada que fai que saibamos recoñecer que nos precisamos unhas persoas ás outras, medremos no amor sinxelo e sincero; o amor desinteresado e xeneroso; o amor solidario e comprometido coas cousas das persoas máis pobres. Se somos quen de facer do amor esta experiencia nova e vibrante, iremos descubrindo na nosa vida que estamos máis contentos, que aprendemos a ver que as demais persoas tamén son importantes para que nós sexamos felices, que a fe pasa por axudar, colaborar e estar alí onde alguén precise do noso tempo, da nosa colaboración, do noso tempo, do noso sorriso, da nosa solidariedade. Advento é tempo de darnos conta, de caer das nosas propias burras que tantas veces nos incapacitan para ver máis alá de nós mesmos/as; é tempo de apostar por outro xeito de entender e vivir as nosas relacións persoais; é tempo de deixar atrás o superficial, os bulos, as mentiras ou a ansia de poder e , control e dominio sobre as demais persoas. Advento é tempo á esperanza de que as cousas poden cambiar e sempre para mellor. Advento é tempo para vivir a verdade de que o berce que o neno precisa non se pode comprar, que o precisamos facer cada un e cada unha de nós

·       E entón o mar bruará non para o medo nin para o engano, senón para a verdade sincera de quen cre que outro mundo, outras relacións, outro xeito de vivir e actuar son posibles. E por iso, persoal e comunitariamente o imos intentar para que así sexa. Nada nos vai parar nesta tarefa, só va depender de nós e de queiramos cambiar e mirar o mundo coas gafas da fraternidade solidaria que nos traerá Xesús.. El non chega traendo opresión, poder ou control, El tráenos a liberación de todo canto se converteu en nós en peso insoportable, acomodado, individualista e tristeiro. Vixiemos logo para saber identificalo cando chegue e nos diga: quero quedar no teu berce.

 

ORACIÓN COMPARTIDA

Unímonos na nosa oración comunitaria dicíndolle ao Señor:

QUE FAGAMOS DO ADVENTO TEMPO DE ESPERANZA

ü  Para que aproveitemos este tempo de Advento para preparar tamén o noso berce de xenerosidade e renovación, no que o neno Deus poida quedar. Oremos. QUE FAGAMOS DO ADVENTO TEMPO DE ESPERANZA.

ü  Para que nos esforcemos neste tempo de Advento por ir deixando atrás aqueles comportamentos e actitudes que non nos deixan recibirte con alegría e paz no noso corazón. Oremos. QUE FAGAMOS DO ADVENTO TEMPO DE ESPERANZA.

ü  Para que superemos a tentación de reducir este tempo de Advento a unha simple rutina ou rito, e nos esforcemos por cambiar a ser persoas misericordiosas e solidarias. Oremos. QUE FAGAMOS DO ADVENTO TEMPO DE ESPERANZA.

Señor, que fagamos do Advento tempo no que che prepararemos un berce persoal no que poidas acougar e sentirte querido por nós. Pedímoscho e Ti que vives e reinas por sempre eternamente. Amén.

 

BERCE DE ESPERANZA

Aprendemos con María a vivir cada día, cada momento, cada ocupación coa nosa mirada interior volvéndose cara a Xesús. Alegrías e tristezas, satisfaccións e problemas. Todo na presenza e coa graza de Xesús o Señor. Todo con gratitude e esperanza.

A gratitude mundana, a esperanza mundana son aparentes; carecen da dimensión esencial que dá a relación co Outro e cos outros, con Deus e cos seus irmáns e irmás. Están centrados no eu, nos seus intereses e polo que teñen respiración curta, non van máis alá da satisfacción e do optimismo”. (Francisco)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...