Ir al contenido principal

2 Nadal 2026

 PERSOAS BENDICIDAS NA PALABRA ENCARNADA

 

 

CANTO GOZOSO

         - Entrada: Que ledicia (nº 4)

         - Lecturas: Con tódalas criaturas (Nº 22)

         - Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)   

- Comuñón: Acharte presente (Nº 51)

 

A MAXIA DE ABRIR OS OLLOS

Escoitaremos hoxe na proclamación da palabra que somos persoas bendicidas por Deus. Unha bendición que temos recibido na Palabra Encarnada que, como dicíamos o día de Nadal, faise dos nosos para que nós poidamos ser Del.

Pero grazas á Encarnación non só somos persoas bendicidas, senón elixidas para facer do Deus Amor presenza viva a través do noso testemuño. 

A isto se nos convida neste tempo de Nadal: no medio de tanto balbordo chámasenos a facer silencio dentro de nós para escoitar a súa chamada; no medio de tanto lucerío invítasenos a descubrir a Luz verdadeira que alumea na tebra e que alumea as nosas tebras. 

Oxalá saibamos gustar o misterio dun Deus que non quedou fóra, diante da porta, senón que se fixo Deus connosco.

 

RECOÑECENDO QUE MOITAS VECES FALLAMOS

 

·      Por non ter descuberto a túa bendición na nosa vida; SEÑOR, QUE A TÚA MISERICORDIA VEÑA SOBRE NÓS.

·      Por deixarnos levar por un Nadal superficial e consumista, renunciando á unha vivencia verdadeira; CRISTO, QUE A TÚA MISERICORDIA VEÑA SOBRE NÓS.

·      Porque non temos acollido a Palabra que vén ao mundo no rostro e no nome de tantas persoas desposuídas da súa dignidade, SEÑOR, QUE A TUA MISERICORDIA VEÑA SOBRE NÓS.

 

PALABRA REGALADA

PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO

A Sabedoría fai a propia louvanza

e gábase no medio do seu pobo;

Abre a boca na asemblea do Altísimo,

proclama a súa gloria diante do seu exército:

‑"Eu saín da boca do Altísimo

e recubrín a terra coma a néboa;

plantei a miña tenda no máis alto

e pousei o meu trono nunha columna de nubes.

Foi entón cando o creador universal me ordenou

e o que me formou fíxome planta-la tenda

dicíndome: Afinca en Xacob,

colle por herdanza a Israel.

Antes dos séculos, desde o comezo, creoume

e endexamais non deixarei de existir;

oficiei na súa tenda santa, diante del,

e deste modo estableceume en Sión;

do mesmo xeito, fíxome acougar na súa cidade amada,

Xerusalén, onde goberno.

Botei raiceiras nun pobo de moita sona

e teño a miña herdanza na parcela do Señor. Palabra do Señor. Grazas a Deus

 

PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO ÓS EFESIOS

 

Bendito sexa o Deus e Pai do noso Señor Xesús Cristo, que por medio de Cristo nos bendiciu no ceo con toda clase de bendicións do Espírito! Porque nos escolleu antes da formación do mundo, para que fósemos santos e sen mancha perante El polo amor.

El decidiu xa daquela porfillarnos por medio de Xesús Cristo, para El, conforme o designio da súa vontade

Por iso, tamén eu, tendo oído falar da vosa fe no Señor Xesús e do voso amor a tódolos crentes, non paro de lle dar gracias a Deus por vós, recordándovos nas miñas oracións, de xeito que o Deus do noso Señor Xesús Cristo, o Pai glorioso, vos conceda espírito de sabedoría e de revelación, para coñece-lo ben; que manteña iluminados os ollos da vosa alma, para que comprendáde-las esperanzas que abre a súa chamada, a riqueza que supón a súa gloriosa herdanza destinada ós crentes. Palabra do Señor. Grazas a Deus

 

EVANXEO SEGUNDO XOÁN

No principio existía a Palabra,
e a Palabra estaba onda Deus,
e a Palabra era Deus.
Ela estaba no principio onda Deus.
Todo foi feito por ela,
e sen ela non se fixo
nada do que foi feito.
Nela estaba a vida,
e a vida era a luz dos homes;
a luz aluma na tebra,
e a tebra non a deu apagado.
(A Palabra) era a verdadeira luz
que aluma a todo home
que vén a este mundo.
Ela estaba no mundo,
e o mundo foi feito por ela,
pero o mundo non a recoñeceu.
Veu á súa propiedade,
e os seus non a acolleron.
Pero a cantos a recibiron,
‑ós que cren no seu nome‑
déulle-lo poder
de seren fillos de Deus.
Estes, non naceron do sangue,
nin da vontade da carne,
senón de Deus.
E a Palabra fíxose carne,
e plantou entre nós a súa tenda,
e nós vímo-la súa gloria,
gloria coma de Unixénito
que vén do Pai,
cheo de gracia e de verdade. Palabra do Señor. Gloria a Ti, Señor Xesús.

PALABRA QUE ALUMEA NA TEBRA

·      Os Evanxeos de Lucas e de Mateu que proclamamos ata o de agora neste tempo de Nadal móstrannos o acontecemento do nacemento desde abaixo; invitándosenos a descubrir, hoxe coma daquela, a ese Deus en tres sinais: un neno, uns capizos, unha manxadoira. Estes evanxelistas queren destacar a tenrura, a pobreza, a sinxeleza e a pequenez. Porén, hoxe vimos de proclamar o Evanxeo de Xoán, que presenta o nacemento desde arriba: a Palabra, que estaba onda Deus, faise carne. Ningunha mención a todo ese mundo tan familiar dos pastores, a manxadoira, os anxos...nin tan sequera do Neno, María e Xosé. El entra no misterio desde outra perspectiva: a través dos seus famosos binomios: vida-morte, luz-tebras, graza-pecado, liberdade-escravitude, verdade-mentira....Porén, a realidade é a mesma:  Deus quérenos tanto que nos agasalla co seu Fillo, quen asume a nosa condición e comparte a nosa vida.

·      E Xoán tamén pon de manifesto a nosa negativa ao plan de Deus. Se Lucas destaca que “non había sitio para eles na pousada”, Xoán denuncia que “veu á súa casa e os seus non a acolleron”. Polo tanto, a Deus non hai que buscalo no ceo, gobernando o universo con mirada indiferente: Deus está aquí, na nosa carne, na nosa impotencia, na nosa dor, na nosa desesperanza, compartindo “os gozos e as esperanzas, as tristezas e as agonías das persoas do noso tempo, sobre todo das pobres e das que sofren”. Non é unha metáfora piadosa, senón unha realidade, dicir que hoxe Deus está no xenocidio de Gaza; está en paro cos case tres millóns de persoas que non teñen traballo no noso país; sente violados os seus dereitos coma milleiros de persoas que non teñen acceso a unha sanidade ou a unha educación pública de calidade, morre de esquecemento e de soidade xunto con tanta xente nesta sociedade deshumanizada; é explotado e enganado polos poderosos que se aproveitan da desesperación e da ignorancia das persoas; é rexeitado e silenciado coma tantas e tantas persoas que se ven reducidas ao silencio absoluto, é maltratado con tantas e tantas persoas que dun cabo a outro do mundo son despoxadas da súa dignidade no nome dunha orde inxusta que pon a economía no centro de todo e que se esquece dos seres humanos.

 

·      Porén, a todas as persoas que acollemos esta Palabra de vida, déusenos a bendición e o poder de fillas e de fillos. Para iso se encarnou. E fíxoo dunha maneira sinxela, case imperceptible para moitos. Por iso só os corazóns verdadeiramente dispostos a acoller e a deixarse cuestionar polo Neno son capaces de entendelo e descubrilo. Encarnouse naquela fría noite en Palestina, e segue a encarnarse tamén nestas frías noites, de corazón duro e sentimentos ausentes, do hoxe, nas persoas vítimas das guerras, nas que están soas, sen traballo, esquecidas . Encárnase cada noite nesas crianzas para as que a vida é sinónimo de violencia, abuso e explotación. Encárnase nas mulleres asasinadas, violadas, vendidas e coas que se trafica coma se fosen mercancía barita. Encárnase en todas aquelas persoas que buscan un futuro mellor e póñense, coma a Sagrada Familia, en camiño cara o Exipto do noso tempo. Xesús segue a encarnarse no aquí de hoxe en día, porque quere acampar entre nós. Pode haber maior bendición?

ORACIÓN COMPARTIDA

Fagamos momento agradecido da fe que compartimos dicindo: 

GRAZAS POR BENDICIRNOS E ELIXIRNOS

·      Pola Igrexa, que formamos todas e todos nós, para que sentíndonos persoas bendicidas e elixidas por Deus fagamos da nosa vida testemuño do seu amor acollendo, acompañando e alumeando as tebras, OREMOS.

·      Para que nas nosas comunidades vaiamos cambiando actitudes que nos fan persoas insolidarias, individualistas e despreocupadas do sufrimento da veciñanza necesitada, OREMOS.

·      Para que non nos deixemos arrastrar por actitudes e comportamentos que só miran ás ganancias e o uso e abuso das persoas para obter beneficio material; OREMOS.

Grazas, Señor, por espertarnos a unha mirada da fe solidaria, humanizadora e humilde. P.X.N.S. Amén.

REMEXENDO NO NOSO INTERIOR

«Veu aos seus e os seus non o recibiron» (Xn 1,11). E alí, no medio da escuridade dunha cidade, que non ten nin espazo nin lugar para o forasteiro que vén de lonxe; no medio da escuridade dunha cidade en pleno movemento e que neste caso parece que quere construírse de costas aos outros, precisamente alí acéndese a faísca revolucionaria da tenrura de Deus. En Belén xerouse unha pequena abertura para aqueles que perderon a súa terra, a súa patria, os seus soños; mesmo para aqueles que sucumbiron á asfixia que produce unha vida encerrada.

Nos pasos de Xosé e María escóndense tantos pasos. Vemos as pegadas de familias enteiras que hoxe se ven obrigadas a marchar. Vemos as pegadas de millóns de persoas que non elixen irse senón que son obrigados a separarse dos seus, que son expulsados da súa terra. En moitos dos casos esa marcha está cargada de esperanza, cargada de futuro; en moitos outros, esa marcha ten só un nome: supervivencia. Sobrevivir aos Herodes que para impoñer o seu poder e acrecentar as súas riquezas non teñen ningún problema en cobrar sangue inocente.

María e Xosé, os que non tiñan lugar, son os primeiros en abrazar a aquel que vén darnos carta de cidadanía a todas as persoas.

(Francisco)

 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...