Ir al contenido principal

Bautismo 2026

 Unha tarefa: transmitir a fe co dialecto do amor da casa, do amor da familia

CANTO AGRADECIDO

§  ENTRADA: Camiñando pola vida (Nº 9)

§  LECTURAS: A auga do Señor (Nº 124)

§  OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)

§  COMUÑÓN: Eu soñei (Nº 58)

ESCOITA ACTIVA

Coa festa de hoxe, o Bautismo do Señor, pechamos o tempo de Nadal. E facémolo do mellor dos xeitos: lembrando o noso bautismo, que nos incorporou a unha comunidade, a Igrexa, como suxeitos activos e non meros espectadores. 

Hoxe convídasenos a facer memoria agradecida dos nosos pais, das nosas nais, dos nosos padriños e das nosas madriñas que un día quixeron que nós tamén entrásemos a formar parte do proxecto de amor que Deus manifesta na persoa de Xesús.

Comecemos xa que logo a nosa celebración agradecendo e compartindo o comezo dun camiño que hoxe nos reúne comunitariamente para celebrar a fe no día do Señor.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

(Aspersión)

Ø Por ter reducido o bautismo a un mero rito social, SEÑOR, QUE A TÚA AUGA NOS REFRESQUE.

Ø Por disociar a vida de fe da vida de cada día, CRISTO, QUE A TÚA AUGA NOS REFRESQUE.

Ø Polas veces nas que perdemos a ilusión e a esperanza de que as cousas poden cambiar, SEÑOR, QUE A TÚA AUGA NOS REFRESQUE.

PALABRA REGALADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

Isto di o Señor:

Velaí o meu servo, a quen teño collido da man;

velaí o meu escollido no que eu me comprazo.

Teño posto sobre el o meu espírito:

ditaralles sentencia xusta ás nacións.

Non berrará,

non levantará a súa voz nin a fará oír nas rúas.

Canivela fendida non a romperá,

e torcida esmorecente non a apagará.

Con fidelidade proclamará a xustiza,

non desfalecerá nin crebará

ata establecer na terra a xustiza,

e a súa lei, que esperan as nacións.

Eu, o Señor, chameite por causa da xustiza, collinte pola man e protexinte, e convertinte en Alianza dun pobo e en luz das nacións,

para que lles ábra-los ollos ós cegos, para que libres do cárcere ós presos, da prisión ós que viven na escuridade.

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

Tomou Pedro a palabra e dixo:

-     Abofé, vexo que Deus non fai distinción de persoas, senón que acepta ó que lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa. El mandóulle-la súa palabra ós fillos de Israel, anunciándolle-la Boa Nova da paz por Xesús Cristo: este é o Señor de todos. Vós sabéde-lo que pasou en toda a Xudea, comezando desde Galilea, despois do bautismo que Xoán predicou: como Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a Xesús de Nazaret, que pasou facendo o ben e curando a tódolos que estaban asoballados por Satán; pois Deus estaba con el. E nós somos testemuñas de todo o que fixo no país dos fixo no país dos xudeus e mais en Xerusalén.

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEU

Entón apareceu Xesús, que viña desde Galilea ó Xordán, para que Xoán o bautizase. Xoán trataba de impedilo dicindo:

-     ¿Como vés ti onda min, se es ti quen me tes que bautizar a min?

Xesús respondeulle:

-      Deixa agora, pois convén que cumpramos a vontade de Deus.

Xoán accedeu. Tan pronto como foi bautizado, Xesús saíu da auga. E velaí que se abriron os ceos, e viu o Espírito de Deus baixar como unha pomba ata se pousar enriba del. E oíuse desde o ceo unha voz que dicía:

-     Este é o meu fillo benquerido, o predilecto.

 

PALABRA PARA REMOER

o   Escoitamos na profecía de Isaías unhas fermosas palabras que o Señor nos dirixe a cada unha e a cada un de nós. Si, porque nós somos a persoa servidora da que fala o cántico. Un cántico no que se recolle dun xeito poético, claro e sinxelo o que deben ser os eixos fundamentais da vida dunha persoa que quere levar o apelido cristiá. Ir xunguidas e xunguidos da man do Señor polo fío vermello da fe, ser persoas bendicidas e escollidas por Deus esixe de nós todo aquilo que o profeta di do servo: ser persoas xustas, non violentas, que non alcemos a voz, acolledoras, que non abusemos dos demais, que non sexamos fortes cos débiles e débiles cos fortes, persoas empáticas... A iso se comprometeron por nós os nosos pais, nais, padriños e madriñas o día do noso bautismo; unha opción que nós, desde a liberdade, asumimos persoalmente cando fomos medrando.

o   O bautismo non é un simple rito. Non. O bautismo é porta de entrada a un estilo de vida: o estilo de vida de Xesús de Nazarét. Se tiveramos isto sempre presente, outro galo nos cantaría e seriamos unha Igrexa forte e asentada no Evanxeo, unha Igrexa en saída cara ás periferias, unha Igrexa magoada... pero chea de amor. Resúltanos difícil converter en vida estas palabras. E resúltanos difícil porque a coherencia é un reto que estamos chamadas e chamados a poñer en valor cada día, en cada xesto, en cada palabra, en cada actitude. E claro, sendo coherentes coa fe que profesamos non podemos facer distingos, non podemos facer de menos a ninguén, non podemos pensar que somos os únicos bos e os mellores... Que ben o entendeu Pedro e que ben o transmite... de palabra e de obra....

o   A celebración de hoxe quere facer fincapé neste aspecto: de que maneira estamos a responder ao que nos comprometemos cando fomos bautizados?. Como imos vivindo para que a nosa vida poida ser relampo de luz para os que están ao noso redor?. De que maneira imos abrindo o corazón para que a presenza do Espírito vaia facendo de nós os preferidos de Deus?. Que hoxe revisemos as nosas actitudes desde os compromisos adquiridos ao acoller, no bautismo, as esixencias da mensaxe de Xesús. 

RENOVEMOS A NOSA FE

Renovamos agora a nosa fe:

´ Cres en Deus, Pai de tod@s e Señor do perdón e a misericordia?

SI, CREO

´ Cres en Xesús, que pasou polo mundo facendo o ben, e deixounos unha mensaxe de compromiso solidario, xusto e dignificador da dignidade humana?

SI, CREO

´  Cres na Igrexa, que camiña no medio do mundo, coa forza e a presenza do Espírito, para ser a voz dos sen voz e a man aberta e acolledora de todo aquel que se sente desprezado e explotado?

SI, CREO

´  Cres na resurrección como camiño e sentido de salvación, que fai que a nosa vida non se deixe vencer pola desesperanza e o desánimo?

SI, CREO

Este é a nosa fe, que xuntos acabamos de confesar e compartir uníndonos ao Deus que, facéndose coma un de nós, pasou polo mundo facendo o ben. P.X.N.S. Amén.

FRATERNIDADE ORANTE

Facendo memoria agradecida das persoas que nos mostraron o camiño da fe, dicimos diante do Deus que sempre nos acolle: 

QUE A AUGA DO BAUTISMO CURE A SEDE DO NOSO CORAZÓN

      Para que a Igrexa sexa nai que acolle, respecta, acubilla e quere incondicionalmente, OREMOS.

QUE A AUGA DO BAUTISMO CURE A SEDE DO NOSO CORAZÓN

      Polas nosas comunidades, para que nunca deixemos que a secura do individualismo, do protagonismo e da soberbia apodrezan o noso corazón, OREMOS.

QUE A AUGA DO BAUTISMO CURE A SEDE DO NOSO CORAZÓN

      Polos nosos pais, nais, padriños e madriñas, que un día nos presentaron á Igrexa para que fósemos acollidas e acollidos na fe de Xesús, converténdose en mestres e mestras do noso camiño de fe a través do dialecto do amor, OREMOS.

QUE A AUGA DO BAUTISMO CURE A SEDE DO NOSO CORAZÓN

Señor, ao teu carón seguimos camiñando, sabendo que nunca nos deixas solos. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

Antes de ser estudada, a fe ten que ser transmitida. Este é un traballo que se ten que facer na familia. É unha tarefa que se recibe cando se pide o bautismo para unha crianza. E a fe ten que transmitirse en dialecto: no dialecto da familia, o dialecto da casa, no dialecto de papá e mamá, do avó e da avoa. Se falta o dialecto, se na casa non se fala a lingua do amor, a transmisión da fe non se poderá facer. 

Esta é a tarefa da familia: transmitir a fe co exemplo, coas palabras, ensinando as facer o sinal da cruz e a rezar. Despois chegarán as persoas catequistas para desenvolver esta primeira transmisión con ideas e explicacións. 

(Francisco)

 

 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...