Ir al contenido principal

Ascensión 2025 C

 7º Domingo de pascua. Ascensión.2025

A ASCENSIÓN: ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO

CANTOS

· Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 )
· Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 )
· Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 )
· Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52)

ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO

A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente.

CUN CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Porque moitas veces escondémonos nos cenáculos da nosa comodidade. SEÑOR, QUE DEAMOS RAZÓN DA NOSA ESPERANZA.
  • Porque pódennos mías os medos que as esperanzas. CRISTO, QUE DEAMOS RAZÓN DA NOSA ESPERANZA.
  • Porque somos moito de mirar ao ceo e pouco ao corazón de quen sofre. SEÑOR, QUE DEAMOS RAZÓN DA NOSA ESPERANZA.

PARA PROCLAMAR A PALABRA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

O primeiro libro fíxeno, Teófilo, acerca de todo o que Xesús obrou e ensinou desde o comezo, ata o día que foi levado ó ceo, logo de ter dado instrucións polo Espírito Santo ós apóstolos que escollera.
Os mesmos que tamén se lles amosara vivo, con moitas probas despois da súa paixón, aparecéuselles durante corenta días e faláballes das cousas referentes ó Reino de Deus. E comendo con eles, encomendoulles que non se retirasen de Xerusalén, senón que agardasen a promesa do Pai que me escoitastes a min: porque Xoán bautizou con auga, mais a vós bautizarásevos co Espírito Santo, de aquí a poucos días.
Os que estaban reunidos preguntábanlle:
‑Señor, ¿é agora cando vas restablece-lo Reino de Israel?
El respondeulles:
‑Non vos acae a vós coñece-lo tempo ou a oportunidade que o Pai fixou co seu propio poder. Pero recibiréde-la forza do Espírito Santo, que virá sobre vós e seréde-las miñas testemuñas en Xerusalén, en toda a Xudea e Samaría e ata os confíns da terra.
En dicindo isto, elevouse á vista deles e unha nube quitóullelo da súa vista. 10E estando eles fitando para o ceo mentres el marchaba, presentáronselles dous homes con vestidos brancos, que dixeron:
‑Galileos, ¿que facedes ollando para o ceo? Este Xesús que vos foi levado de entre vós ó ceo, ha volver do mesmo xeito que o vistes ir.

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS EFESIOS

Irmáns e irmás:
O Deus do noso Señor Xesús Cristo, o Pai glorioso, vos conceda espírito de sabedoría e de revelación, para coñece-lo ben; que manteña iluminados os ollos da vosa alma, para que comprendáde-las esperanzas que abre a súa chamada, a riqueza que supón a súa gloriosa herdanza destinada ós crentes, e o extraordinario portento que é o seu poder verbo de nós, os que cremos, en consonancia co vigor da súa potencia e da súa forza, que exerceu con Cristo resucitándoo de entre os mortos e sentándoo á súa dereita nos ceos, por riba de toda soberanía, autoridade, forza e dominio, e por riba de todo título recoñecido neste mundo e tamén no vindeiro. Someteuno todo baixo os seus pés e deullo por riba de todo como cabeza á Igrexa, que é o seu corpo, a plenitude daquel que o enche todo en tódalas cousas.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Dilles Xesús ós seus discípulos:
‑Así está escrito: o Mesías padecerá e resucitará de entre os mortos no terceiro día, e predicarase no seu nome a conversión e mailo perdón dos pecados a tódolos pobos, empezando por Xerusalén. Vós seredes testemuñas de todo isto. E eu heivos mandar o don prometido por meu Pai. Mentres tanto seguide na cidade, ata que se vos revista co poder que vén de arriba.
Despois levounos para fóra, a un lugar preto de Betania, e alí, erguendo as mans, bendiciunos. E mentres os bendicía, foise separando deles, e foi elevado ó ceo. Eles, despois de se prostraren ante el, volveron para Xerusalén cheos de alegría. E seguían decote, no templo, bendicindo a Deus.

E CONVERTELA EN VIDA

· A festa deste domingo, a Ascensión do Señor, tal e como acabamos de escoitar na palabra que temos proclamado hoxe, é unha invitación a que non convertamos a nosa fe en algo abstracto e sen substancia. Tanto Xesús como os apóstolos non cansaron de insistir en que non podiamos consentir a tentación de facer da fe ideoloxía, rito, costume... que a vaia facendo perder a frescura e a creatividade á hora de vivila, como tantas veces o temos visto no evanxeo. E un e outros insisten nisto porque saben moi ben que esa é a tentación que sempre peta na porta das persoas crentes: ritualizala, e facela perder toda a forza para poder enchoupar a vida e darlle horizonte e compromiso, para que as nosas decisións e os nosos proxectos non se deixen contaminar nin por unha visión estática e nostálxica que todo o contamina -e sempre afoga e impide actuar con coherencia e creatividade-, nin tampouco por esa falsa sensación de estar sempre cos pés sobre as nubes, nunha nirvana de baleiro insubstancial e perigosamente aberto a deixarse levar da manipulación. Pensemos que isto é o que mellor saben facer as sectas cos seus comportamentos controladores e manipuladores. E cando falamos de sectas, falamos tamén das que hai dentro da mesma Igrexa, e que non deixan que as persoas sexan/mos libres, pensen desde esa liberdade e actúen con criterio de responsabilidade tomando as propias decisións. Disto van hoxe as lecturas que temos escoitado.
· Pero ademais de urxirnos a non caer nas redes daquelas persoas “enredantes” que todo o converten en anxelical ou en interese político, as palabras de Xesús falan da importancia do testemuño e da necesidade de testemuñar. Porque sen testemuño, é dicir, se nós non somos capaces de mostrar co que facemos, dicimos e como actuamos cada día, que a mensaxe de Xesús ten calado en nós, estaremos sempre a expensas do que outros digan ou nos digan... moitas das veces mentindo, manipulando ou querendo facernos de menos. El foise, si, pero agora é o noso tempo, o tempo das persoas crentes, o tempo no que temos que ser persoas que mostremos coa nosa vida que paga a pena ter a Xesús como guía, referente e mestre que, coa súa pedagoxía, vainos mostrando que somos nós quen tomamos as decisións e ninguén pode quitarnos esta liberdade que Deus puxo no corazón e na conciencia. O papa Francisco, de quen nunca esqueceremos a profundidade do seu maxisterio, insistiu nesta cuestión moitas veces ao longo dos seus doce anos de servizo á Igrexa como voz alentadora e ministerio de comuñón.
· Por iso non podemos quedar apampados mirando para o ceo e cos pés cravados no chan. Os cristiáns e as cristiás temos que ser persoas activas, colaboradoras, solidarias, comprometidas coas causas que dignifiquen ás persoas e fagan o mundo casa común de todas e todos. E so isto nos pode dar a mesma alegría que sentiron e viviron aqueles que viron que o tempo de Xesús rematara, e que comezaba un novo tempo, o tempo da presenza do Espírito Santo para animar, alentar e acompañar todas aquelas propostas nas que as persoas estean comprometidas na loita pola dignidade compartida, e precisen de mans, das nosas mans, para desenvolvelas. E isto esixe non quedar mirando para o ceo, e si movernos, discernir, ser persoas creativas, rexeitar o que xa non reflicte a esperanza cristiá. E non ter nunca medo a unirnos a todas aquelas causas que poñan a defensa das persoas máis fráxiles e feridas, das persoas máis vulnerables, das persoas que viven nas periferias –Francisco díxonos– do sufrimento e non deixan de gritar para que non as deixemos soas, por riba de todo. Porque alí, con elas, sempre está Deus.

LEVÁNDONOS A REZAR COMUNITARIAMENTE

Deixando aquecer o noso corazón pola palabra que hoxe temos proclamado, recemos para que nunca esquezamos que estamos chamadas a ser persoas comprometidas e esperanzadas. Fagámolo dicindo: GRAZAS POLO TEU ALENTO.
  • Para que nas comunidades cristiás de todo o mundo resoe a forza da túa palabra, Señor, que nos alente a traballar por un mundo máis igual e polo respecto entre as persoas. Oremos. Grazas polo teu alento.
  • Para que non nos deixemos enganar por aquelas persoas que non paran de dicirnos que a fe non ten nada que ver co compromiso e a defensa das causas xustas, e das persoas máis fráxiles e débiles. Oremos. Grazas polo teu alento.
  • Para que sempre teñamos os oídos atentos, os ollos abertos, as mans dispostas a acoller e acompañar e o corazón aquecido para servir. Oremos. Grazas polo teu alento.
Grazas, Señor, por esta invitación a deixar de mirar cara o ceo, para mirar ao corazón dos irmáns e irmás que nos precisan. Por Cristo o noso Señor. Amén.

DEIXÁNDONOS ALENTAR NO CAMIÑO

Xesús non abandona ós discípulos. Sube ao ceo, pero non nos deixa sos. Pola contra, precisamente ao ascender ao Pai, asegura a efusión do Espírito Santo, do seu Espírito. Noutra ocasión, dixera: «Convenvos que eu me vaia, porque se non me vou, o Avogado non virá a vós» (Xn 16,7), é dicir, o Espírito. O amor de Xesús por nós tamén se pode ver nisto: a súa é unha presenza que non quere coartar a nosa liberdade. Pola contra, fainos espazo, porque o verdadeiro amor sempre xera unha proximidade que non esmaga, non é posesiva, é próxima, pero non posesiva; de feito, o verdadeiro amor convértenos en protagonistas. Por iso, Cristo asegúranos: «Vou ao Pai, e vós seredes revestidos de poder de arriba; enviarei o meu Espírito sobre vós, e co voso poder levaredes a cabo a miña obra no mundo» (cf. Lc 24,49). Polo tanto, ao ascender ao ceo, Xesús, en vez de permanecer preto duns poucos co seu corpo, faise próximo a todos co seu Espírito. O Espírito Santo fai presente a Xesús en nós, máis alá das barreiras do tempo e do espazo, para que poidamos ser as súas testemuñas no mundo. (Francisco)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...