Ir al contenido principal

6 Pascua 2025 C

Pascua do enfermo 2025

Peregrinos na esperanza

“En esperanza fomos salvados” (Rom 8, 24).

Sinal.- Engadimos un novo pétalo á flor da pascua

Cantos.-

·       Entrada.- Que ledos (  5  )

·       Lecturas.- Canta Aleluia ( 21 )

·       Ofertorio.- Recibe, Señor. ( 31 )

·       Comuñón.- Na tardiña baixa da vida (81)

 

Abríndonos ao Espírito

Celebramos hoxe o día da Pascua do enfermo. A lenda deste ano, en consonancia co Xubileo 2025, e tomando un parágrafo da carta aos Romanos dinos que “en esperanza fomos salvados”. E non é unha esperanza a modo de retrouso ou frase feita a que nos salva; todo o contrario, a esperanza que dá sentido e nos abre a un horizonte de plenitude que non se esgota nin esmorece, é a esperanza que nos deixou Xesús de Nazaret. Aquel quen pasou facendo o ben e achegándose ás persoas fráxiles e feridas. A enfermidade mostra a nosa fraxilidade e tódalas nosas feridas. O mellor dos bálsamos diante dela é sempre Xesús de Nazaret que cura e ergue tendendo sempre a súa man.

Dispoñámonos nesta mañá a facer da nosa oración, como dicía o papa Francisco, hospital de campaña mesa de acollida onde tendamos mans e aquezamos corazóns.

Con un corazón misericordioso

·      Por non saber estar ao lado de quen se sente fráxil e ferido. SEÑOR, SÁLVANOS DA NOSA SOBERBIA.

·      Por non querer ser hospital de campaña que cura e acolle a quen está ferido. CRISTO, SÁLVANOS DA NOSA SOBERBIA.

·      Por non vivir na esperanza que en Cristo nos salva. SEÑOR, SÁLVANOS DA NOSA SOBERBIA.

 

( Aspersión)

 

 

 

Para proclamar a palabra

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

Algúns que baixaron desde Xudea ensinaban ós irmáns: "se non vos circuncidades conforme á tradición de Moisés, non vos podedes salvar". Como se orixinou un desacordo e unha disputa non pequena de Paulo e Bernabé contra eles, acordaron que Paulo, Bernabé e algúns outros subisen a Xerusalén a tratar a cuestión cos apóstolos e os responsables. 

Entón os apóstolos e os responsables de acordo con toda a Igrexa, decidiron elixir algúns de entre eles e mandalos a Antioquía, xunto con Paulo e Bernabé; Xudas, chamado Barsabás, e Silas, homes que destacaban entre os irmáns. E por medio deles mandaron esta carta:

"Os irmáns apóstolos e responsables saúdan ós irmáns de orixe pagá, que están en Antioquía, Siria e Cilicia. Somos sabedores de que algúns, saídos de aquí e a quen non demos mandato ningún, andan por aí desacougándovos coas súas palabras; decidimos escoller uns delegados e mandárvolos, xunto cos nosos benqueridos Bernabé e Saulo, que teñen dedicado a súa vida á causa de noso Señor Xesús Cristo; mandámosvos, logo, a Xudas e Silas, que vos dirán de palabra as mesmas cousas. Porque decidimos, o Espírito Santo e mais nós, non impoñervos máis cargas cás precisas: absterse de carnes ofrecidas ós ídolos, do sangue, de animais afogados e da unión deshonesta; faredes ben en gardarvos destas cousas. Saúde". Palabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA APOCALIPSE DE SAN XOÁN

 

Levoume en espírito á cima dun monte moi grande e alto e amosoume a cidade santa, Xerusalén, que baixaba do ceo de onda Deus; tiña a gloria do mesmo Deus. O seu resplandor imitaba o dunha pedra moi preciosa, unha pedra cristalina de xaspe. Tiña unha muralla grande e alta con doce portas de entrada; e enriba das portas doce anxos; e escritos nelas os seus nomes, que son os das doce tribos de Israel: tres portas polo Nacente, tres portas polo Norte, tres portas polo Mediodía e tres portas polo Poñente. A muralla da cidade tiña doce alicerces e sobre os alicerces, doce nomes, que son os dos doce Apóstolos do Año.

Nela non vin santuario ningún, porque o seu santuario é o Señor Deus, que todo o sostén, e mailo Año. A cidade non precisa sol nin lúa que a ilumine, que a ilumina a gloria de Deus; e o Año é a súa lámpada. Palabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

Dilles Xesús ós seus discípulos:

‑Se alguén me ama, gardará a miña palabra, e meu Pai amarao, e viremos onda el, e faremos vida con el. O que non me ama, non garda as miñas palabras; e a palabra que escoitades de min, non é miña, é do Pai que me mandou.

Díxenvos estas cousas mentres estaba convosco; pero o Espírito Santo que meu Pai mandará no meu nome, ese havos ensinar todo e traeravos á memoria canto eu vos dixen. Déixovos a paz, douvos a miña paz: eu non vola dou coma o mundo a dá. Non vos angustiedes, nin teñades medo. Oístes que vos dixen "voume e logo volvo onda vós". Se me amasedes, alegrariádesvos de que eu vaia onda o Pai, xa que o Pai é máis ca min.

Díxenvolo agora, antes de que suceda, para que, cando suceda, creades. Palabra do Señor.

 

 

 

 

E convertela en vida

·      Que fácil é impoñer cargas sobre os demais! Que capacidade temos de cargar sobre as vidas das demais persoas. as dificultades, as dores ou as tristuras, como se isto fose un mostrador onde se expenden disposicións, imposicións normativas, Namentres, en moitos dos casos miramos cara outro lado á hora de esixirnos a nós, créndonos mellores ou por riba, e a moita distancia, dos demais. Tantas veces o temos feito así! Por iso cando chegou o papa Francisco e comezou a dicir que el tamén precisaba a nosa bendición e a nosa oración, que el era pecador coma nós, que el tamén tiña os seus días de escuridade e tebra, que el tamén se sentía fráxil e cheo de feridas, moitos daqueles que ata ese momento se crían por riba dos demais e impoñendo á vez que esixindo, tolearon escandalizándose. Á vez que acusaban ao papa, mellor, a este papa en particular, de herexe e pouco ortodoxo. E entón aquí si, aquí xa valía ir contra el e dicir que estaba levando á Igrexa ao desnorte e sen temón. Como vedes, isto non é novo, tamén entre os primeiros cristiáns había algúns que rachaban as vestiduras polo xeito no que trataban a aqueles que se achegaban á fe e non proviñan do mundo xudeu; por non cumprir costumes, tradicións ou ritos que eles si facían. E buscando resposta reúnense, dialogan, buscan solucións e non impoñen cargas innecesarias a ninguén. Que non sexamos entón nós desas persoas que queren impoñer cargas sobre os que non pensan, non son ou non actúan coma nós. Deixemos atrás as imposicións e comecemos a camiñar no discernimento, na decisión pensada, madurada e responsable, axudando e non condenando; acompañando e non excluíndo. Porque a misericordia de Deus é a que abre horizontes e trae felicidade. 

 

·      Sabéndonos fráxiles e tamén con feridas, se somos persoas honestas, buscaremos achegarnos aos demais para ser bálsamo que alivie as feridas de tantas persoas que neste noso mundo se senten solas, esquecidas, traizoadas ou denigradas. Porque a isto é ao que, unha e outra vez, se refería Xesús cando lles falaba aos seus discípulos: non deixar nunca a ninguén de lado, nunca dar as costas a quen o precisaba dunha man, nunca xirar a cara diante dunha persoa precisaba de ser mirada aos ollos e recoñecida como imaxe, filla de Deus. A xornada de hoxe, chamándonos a camiñar na esperanza que salva, ten que abrirnos os ollos para que miremos a realidade, e ás persoas que nela están/mos, desde embaixo. É dicir, desde a sinxeleza, a humildade, o agarimo e a tenrura, para facer vida compartida e mesa de fraternidade do noso xeito de tratarnos, acollernos e acompañarnos. Sen crear fronteiras nin pedir pasaportes. O Deus de Xesús non é un Deus de uniforme nin de aduana, é un Deus de igualdade, dignidade  respecto. Camiñar na esperanza e camiñar pisando as periferias, físicas, xeográficas e existenciais nas que viven/mos os homes e mulleres do noso tempo. 

 

·      E isto para que? Para poder camiñar co e como o Resucitado. Tal e como escoitabamos no evanxeo. O Resucitado, Xesús trae e leva a paz, a paz da igualdade, a paz do respecto, a paz da esperanza, a paz que nos axuda a superar as nosas fraxilidades e feridas. Unha paz totalmente distinta á paz na que se move o mundo, os dirixentes e, tristemente, moitas persoas no mundo de hoxe. Persoas que esquecen que todas e todos nós estamos de paso, e como tal somos estranxeiras, e non temos dereito a poñer límites nin cualificativos a quen ven, como noutro tempo tivemos que marchar nós, buscando pan para comer e respecto para vivir. Porque a paz de Xesús non é a paz das fronteiras, senón a paz do corazón, alí onde xermola, crece e se acrecenta o amor. 

( Renovación dos compromisos bautismais)

Levándonos a rezar comunitariamente

         Diante da fraxilidade da nosa vida, e as feridas que moitas veces non dan pechado, unímonos para rezar e dicir: Señor, grazas por ser bálsamo que alivia.

·      Para que a Igrexa, dun cabo ao outro do mundo, non deixe nunca de ser hospital de campaña que cura as feridas do noso mundo, e acompaña as fraxilidades de quen se sabe maltratado pola dureza da vida. Oremos. Señor, grazas por ser bálsamo que alivia.

·       Para que traballemos cada día por ser parroquias onde saibamos estar ao lado daquelas veciñas e veciños que teñen a súa vida chea das feridas que desconsolan, angustian, entristecen e precisan do bálsamo da nosa presenza. Oremos. Señor, grazas por ser bálsamo que alivia.

·      Por tódalas persoas enfermas, tamén por aquelas que sen coñecelas, sabemos que precisan da nosa oración e da nosa solidariedade. Para que nunca pechemos os ollos diante da súa dor nin lle deamos as costas ás que temos máis preto. Oremos. Señor, grazas por ser bálsamo que alivia.

Señor, que aprendendo de ti, saibamos facer presente a salvación que en Cristo nos invita a mirar o mundo con ollos de fraternidade e non de confrontación. El que vive e reina por sempre eternamente. Amén.

Deixándonos alentar no camiño

“Xesús, co seu amor misericordioso, permítenos aproveitar, incluso na enfermidade, por moi dolorosa e difícil de entender, unha oportunidade para atopar ao Señor .No momento da enfermidade, se por un lado sentimos toda a nosa fraxilidade, por outro experimentamos a proximidade e a compaixón de Deus, que en Xesús participou no noso sufrimento. Non nos abandona .

O Compartir, que se expresa no sorriso dun profesional sanitario, o aspecto agradecido e confiado dun paciente, a cara de comprensión e coidado dun médico ou dun voluntario, a cara expectante dun cónxuxe, un neno, un neto, un querido amigo . Todos estes son raios de luz para valorar , que incluso durante a escuridade da enfermidade, non só dan forza, senón que dan o verdadeiro sabor da vida, no amor e a proximidade ”. 

( Francisco. Mensaxe para a Xornada do enfermo 2025)”.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...