Ir al contenido principal

4 domingo de Pascua 2025

 BENVIDA E PARABÉNS PARA O CONTINUADOR DO PASTOREO DE CRISTO RESUCITADO  

Sinal.- Engadimos un novo pétalo á flor da pascua que estamos a conformar.

Cantos.-

·       Entrada.- Que ledos (  5  )

·       Lecturas.- Canta Aleluia ( 21 )

·       Ofertorio.- Recibe, Señor. ( 31 )

·       Comuñón.- O Señor é o meu Pastor (     )

ACOLLENDO O ALETEXO DO ESPÍRITO

 

(Quen así o estime/considere, tamén pode substituír o momento penitencial pola aspersión da comunidade.)

 

Con expectación agardabamos a elección do novo papa. Unha expectación que tiña moita razón de ser, pois non sabiamos se os cardeais electores se decidirían por un papa continuador dos muros abertos por Francisco, ou por un papa con pouca disposición a tirar muros e construír pontes. A primeira vista, parece que a decisión decantouse cara á primeira das opcións, por iso podemos dicir con ledicia: habemus papam renovatorem!. Nesta mañá de domingo, día da festa do Bo Pastor, damos grazas a Deus, e pedímoslle que alente ao papa, León XIV, nesta nova tarefa que a Igrexa lle encomenda, para que seguindo as pegadas de Cristo Bo Pastor, anime, alente, acompañe e escoite á comunidade que tantas veces se sente sola, entristecida e desacougada.

 

CO CORAZÓN CHEO DE MISERICORDIA

  • Polas veces nas que non queremos seguir as pegadas de Cristo, o Bo Pastor.SEÑOR, ÉNCHENOS DA TÚA MISERICORDIA.
  • Polas veces nas que descoidamos o coidado e a atención de quen se sente so e esquecido/a. CRISTO, ÉNCHENOS DA TÚA MISERICORDIA.
  • Polas veces nas que non valoramos que so en comunidade podemos seguir a Cristo. SEÑOR, ÉNCHENOS DA TÚA MISERICORDIA.

PARA ACOLLER A TÚA PALABRA

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

Pasando Paulo e mais Bernabé desde Perxe, seguiron a Antioquía de Pisidia. Un día de sábado entraron na sinagoga e sentáronse. Moitos xudeus e prosélitos practicantes seguiron a Paulo e Bernabé, que, falando con eles, os animaban a perseverar na gracia de Deus.

Para o outro sábado xuntouse case toda a cidade para escoita-la palabra de Deus, pero os xudeus enchéronse de envexa, ó veren tanta xente, e opoñíanse cos insultos ó que Paulo dicía. Entón Paulo e Bernabé dixeron ousadamente:

‑Tiñamos que anunciárvo-la palabra de Deus primeiro a vós; pero, visto que a refugades e non vos considerades dignos da vida eterna, volvémonos cara ós pagáns; pois así nolo mandou o Señor: Púxente como luz das nacións, para leváre-la salvación ata os confíns da terra.

Os pagáns, sentindo isto, enchíanse de alegría, louvando a mensaxe do Señor; e creron tódolos que estaban destinados á vida eterna. Deste xeito a palabra de Deus espallábase por toda a bisbarra.

Pero os xudeus encirraron ás señoras de alta categoría que eran devotas e ós principais da cidade e promoveron unha persecución contra Paulo e Bernabé, expulsándoos do  seu territorio.

Estes, sacudindo contra eles o po dos seus pés, marcharon para Iconio, mentres os discípulos ficaban cheos de alegría e do Espírito Santo. Palabra do Señor.

 

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA APOCALIPSE DE SAN XOÁN

 

Eu, Xoán, mirei e vin un mundo de xente, que ninguén era capaz de contar, de tódalas nacións, tribos, pobos e linguas, en pé diante do trono e do Año. Vestían roupa branca e levaban ramallos de palma nas mans. 

E díxome un dos anciáns: "Estes son os que veñen de pasa-las súas grandes penas; lavaron os seus vestidos e branquexáronos co sangue do Año.

Por iso están diante do trono de Deus,

e adórano día e noite no seu santuario.

E quen está sentado no trono chantará a súa tenda cabo deles.

Non terán máis fame nin sede,

nin caerá endexamais sobre eles o sol,

nin ningunha queimadura del.

Porque o Año, que está no medio do trono, será o seu pastor,

levaraos ás fontes de auga

e Deus enxugará dos seus ollos toda bágoa". Palabra do Señor.

 

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

Di Xesús:

As miñas ovellas escoitan a miña voz: eu coñézoas e elas séguenme; eu doulles vida eterna, e non se perderán para sempre: ninguén mas quitará da man. Meu Pai, que mas deu, é máis ca todos, e ninguén pode arrepañalas da man do Pai. Meu Pai e mais eu somos un. Palabra do Señor.

 

 

E REMOELA CON MANS E CORAZÓN

· Que ben acaída nos chega este ano a festa do Bo Pastor! Si, porque como xa sabedes, desde o xoves pola tarde temos un novo papa. León XIV. Seguro que algúns/has de vós escoitastes e vistes o momento no que desde o balconada de San pedro nos bendicía e nos falaba. Bendicíanos no nome do Señor para darnos alento e esperanzarnos no noso camiñar de cada día. E dicíanos que el chega no nome de Xesús resucitado. E que ben escoitar neste tempo de Pascua, que é no seu nome, e non no daquel cura, bispo... que nos cae mellor, como nós temos que vivir e celebrar a resurrección de Xesús! Aínda máis, dicíanos o papa León que seguindo as pegadas do Resucitado vén para traballar pola paz, a escoita, o encontro, o diálogo e a busca de camiños que unan e non exclúan. Tal como acabamos de escoitar na lectura do Feitos dos Apóstolos, tamén eles saíron e anunciaron a todos, sen exclusión ao Señor resucitado. Claro que, como escoitabamos tamén, non todos lles prestaron atención nin lles fixeron caso. Traballemos entón acollendo estas palabras do papa, e esforcémonos por levalas á vida, ao noso facer, pensar e relacionarnos unhas persoas coas outras.
· Sen encirrar e xerando alegría, ao estilo dos apóstolos naquela primeira hora na que comezaron a desenvolver a misión que lles encomendara Xesús. O seu ide e anunciade, converteuse para Paulo e Bernabé en mensaxe que moveu os seus corazóns e os motivou para saír e dicir que Xesús vive, que camiña ao noso lado, que temos que descubrilo nos pequenos e esquecidos, nos entristecidos e masacrados do noso tempo. Un noso tempo que pasa e concede rostro a quen temos preto e está a vivir na dificultade de tristura e do desacougo. Non teñamos medo, animémonos, sexamos verdadeiras testemuñas de Xesús resucitado sen excluír, sen diferenciar entre os meus e os contrarios, sen deixar que pola nosa boca saían palabras que firan e doan. Apostemos polo resucitado camiñando na alegría da esperanza que nos viu traer.
· E así, deste xeito e pouco a pouco, iremos facendo camiño como o bo Pastor. Un camiño que non fira, que non xere indiferenza, que non minta, que non manipule, que non se afaste de todo canto dixo e fixo Xesús. Fagamos logo este camiño seguindo as pegadas do Pastor Xesús, e daquelas persoas que, seguindo estas pegadas, foron e van sendo sementadores de todo canto leva ás persoas a ser mellores, máis felices, máis esperanzadas e ledas. Seguindo ao noso Pastor, sexamos pastoriños e pastoriñas de amor, fraternidade e amizade social neste noso mundo tan precisado delas.

RENOVACIÓN DAS PROMESAS BAUTISMAIS

(Propoñemos facer a renovación das promesas bautismais durante todos os domingos da Pascua. A poder ser, farémola desde a fonte bautismal)
Neste tempo de Pascua, non podemos pasar por alto renovar o compromiso de fe que un día fixeron por nós no bautismo e que hoxe se os chama a proclamar ben alto. Por iso:
1. Renunciades a formar unha comunidade triste e desesperanzada?
2. Renunciades aos novos deuses do consumo, o aparentar ou os cartos, que nos afastan do Deus verdadeiro?
3. Renunciades á violencia, a crernos superiores aos demais, á marxinación e ao desprezo das persoas?
4. Renunciades á desesperanza, ao desánimo, á tristura; e tamén á resignación e á pasividade diante da realidade?
5. Credes en Deus, a quen podemos chamar con confianza Pai?
6. Credes en Xesús, o “Fillo amado do Pai”, que nos falou palabras de vida, padeceu e morreu, pero Deus resucitouno e está xa sempre con nós?
7. Credes no Espírito do Amor, que procede do Pai e do Fillo, e que conduce á Igrexa e ás persoas cara á Verdade plena?
8. Credes no perdón, na forza liberadora do amor, na misericordia como estilo de vida?
9. Credes nunha nova creación na que habite a xustiza, onde Deus sexa todo en todos e as persoas sexamos irmás?
Esta é a nosa fe. Esta é a fe da Igrexa na que fomos bautizadas e bautizados e que hoxe renovamos en comunidade. 

FACENDO COMUNIDADE DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA

Uníndonos con agradecemento a Deus que fai posible que volvamos atoparnos ao redor do altar para celebrar que Cristo, o Bo pastor, resucitou, digamos: GRAZAS, SEÑOR, POR SER O NOSO PASTOR.
· Polo papa León, para que a súa sabedoría, a súa fondura espiritual e o seu testemuño nos alenten a camiñar seguindo as pegadas de Cristo, o Bo Pastor. Oremos. Grazas, Señor, por ser o noso Pastor.
· Para que sigamos camiñando sendo Igrexa acolledora, solidaria, sinodal e misericordiosa. Oremos. Grazas, Señor, por ser o noso Pastor.
· Para que todas e todos nós sintamos a alegría de seguir co noso actuar e o noso facer as pegadas de Cristo, O Pastor e amigo, o compañeiro que non nos deixa sos, o irmán que nos pide achegarnos e tender a man a quen o precise. Oremos. Grazas, Señor, por ser o noso Pastor.
Grazas, pastor bo, por acompañarnos nesta andaina da vida pola que camiñamos entre ledicias e tristuras, esperanzas e desacougos. Por Cristo o noso Señor. Amén

PARA ALENTAR A NOSA ESPERANZA 

A paz sexa convosco! Irmáns e irmás queridos, este é o primeiro saúdo do Cristo Resucitado, o bo pastor que deu a súa vida polo rabaño de Deus. Tamén me gustaría que este saúdo de paz entre no voso corazón, chegando ás vosas familias, a todas as persoas, onde queira que esteades, a todos os pobos, a toda a terra. A paz estea contigo!
Esta é a paz do Cristo Resucitado, unha paz desarmada e unha paz desarmante, humilde e perseverante. Procede de Deus, Deus que nos ama a todos incondicionalmente. Seguimos escoitando nos nosos oídos esa débil pero sempre valente voz do papa Francisco que bendicía a Roma. O Papa que bendiciu Roma deu a súa bendición ao mundo, a todo o mundo, esa mañá de Pascua! Deixádeme continuar esa mesma bendición: Deus ámanos, Deus ámate a ti e a todos e o mal non prevalecerá! Todos estamos nas mans de Deus! Polo tanto, sen medo, unidos da man con Deus e uns cos outros, sigamos. Somos discípulos de Cristo. Cristo vai diante nosa. O mundo necesita a súa luz. A humanidade precisa del como a ponte para chegar a Deus e o seu amor. Axúdanos tamén a construír pontes co diálogo e co encontro, para que todas as persoas formemos un pobo sempre en paz. Grazas ao Papa Francisco! (León XIV)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...