Ir al contenido principal

4 domingo TO A 2026

DITOSAS AS PERSOAS DE CORAZÓN LIMPO, PORQUE NON ENCIRRAN DESPREZO PARA COA DEMAIS XENTE

Cantos.-

·      ENTRADA.- Andarei na presenza ( 11 )

·      LECTURAS.- Benaventurados   ( 119 )

·      OFERTORIO.- Na nosa terra  ( 36 )

·      COMUÑÓN.-  Quédate, Señor, connosco  ( 63 )

Abríndonos á esperanza

Hoxe imos escoitar no evanxeo a proclamación das Benaventuranzas. O ditosos vai resoar nos nosos oídos, si, pero tamén ten que facelo no noso corazón.
Porque, sentímonos de verdade persoas ditosas, ledas, agarimadas e movidas pola esperanza? Ou máis ben seguimos sendo de pedal fixo, sen abrirnos nin á dozura da palabra nin á esixencia de facela vida co noso actuar e comportarnos? Seguimos sendo do “sempre se fixo así, e non se vai facer doutra forma?”. Porque se estamos nese nivel de vivencia, participación e colaboración eclesial, ben pouco temos entendido do que dixo Xesús e da realidade que estamos a vivir neste momento na Igrexa. Francisco invitaba a ser persoas renovadoras, creativas, audaces, de verdade, estámolo sendo?
Que a palabra que hoxe imos compartir na celebración nos axude a non esquecer que so cambiando podemos ser persoas felices, ditosas e benaventuradas dando testemuño da nosa fe no mundo. Poñamos os pés no chan, tomemos conciencia da nosa realidade, e ofrezamos mans e corazón para colaborar e participar en facela mellor.

Precisando da túa misericordia

·      Porque nos pode máis o pasado que ser conscientes da realidade do presente. Señor, que cambiemos mirada e corazón.

·      Porque estamos demasiado instalados na rutina, e fáltanos audacia para facer cousas novas. Cristo, que cambiemos mirada e corazón.

·      Porque nos sobran queixas e críticas e nos faltan esperanzas e ilusións. Señor, que cambiemos mirada e corazón.

Palabra proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE SOFONÍAS 

Buscade o Señor, tódolos pobres do país, que cumpríste-los seus decretos, buscade a xustiza, buscade a   humildade.

Quizais poidades escondervos no día da ira do Señor.

Farei que quede no medio de ti un pobo pobre e humilde, e no Nome do Señor terá o seu refuxio o resto de Israel.

Non farán maldades nin dirán mentiras; non se atopará na súa boca lingua mentireira.

Si, eles pacerán e deitaranse sen que ninguén os espantePalabra do Señor.

 

SALMO RESP.-   Ditosos os que teñen espírito de pobres, porque deles é o Reino dos Ceos

El garda por sempre a súa fidelidade:

failles xustiza ós oprimidos

e dálles pan ós famentos.

O Señor libra os cativos,

 

o Señor abre os ollos dos cegos,

o Señor endereita os dobrados,

o Señor ama os xustos.

O Señor protexe os forasteiros,

 

sostén os orfos e as viúvas,

extravía os camiños dos malvados.

Reine o Señor por sempre,

o teu Deus, Sión, polas xeracións.

Aleluia.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS 

Reparade, irmáns, en quen sóde-los chamados: entre vós, mirando as cousas con criterios deste mundo, non hai moitos sabios, nin moitos poderosos, nin moitos da nobreza. O contrario, o que hai de parvo no mundo, iso foi escoller Deus para desconcerta-los sabios; e o que hai de débil no mundo, iso foi escoller Deus para desconcerta-lo poder; o plebeo e mailo desprezado, iso foi escoller Deus: o que non é, para anula-lo que é; de xeito que ningún mortal poida campar diante de Deus. Por El é por quen existides vós en Cristo Xesús, quen se fixo para nós a sabedoría e maila xustiza, a santificación e maila redención que veñen de Deus. E así, como está escrito, "quen está orgulloso, que o estea do Señor".Palabra do Señor.

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

Vendo Xesús a multitude, subiu ó monte e sentou. Achegáronselle os seus discípulos, e el, tomando a palabra, ensinábaos dicindo:

‑Ditosos os que teñen espírito de pobres,

porque deles é o Reino dos Ceos.

Ditosos os que choran,

porque eles serán consolados.

Ditosos os non violentos,

porque eles herdarán a terra.

Ditosos os famentos e sedentos de xustiza,

porque eles ficarán fartos.

Ditosos os misericordiosos,

porque eles acadarán a misericordia.

Ditosos os de corazón limpo,

porque eles verán a Deus.

Ditosos os que traballan pola paz

porque eles serán chamados fillos de Deus.

Ditosos os perseguidos por causa da xustiza,

porque deles é o Reino dos Ceos.

Ditosos vós cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa: alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos Ceos. Palabra do Señor.

 

Palabra remoída

 

         Tres afirmacións preséntanos hoxe a palabra que vimos de proclamar. A primeira delas invítanos a buscar xustiza e humildade; a segunda dinos que Deus chama sempre aos máis débiles e fráxiles do noso mundo; e a terceira é unha chamada a non esquecer nunca: ditosos, si, pero so o poderemos ser se cumprimos as outras dúas tarefas ás que Deus nos chama: busca-la xustiza e saber estar e acompañar ás persoas débiles e fráxiles que temos preto de nós. E iso é así porque a fe non é un consumir misas, novenas e procesións, senón unha opción por seguir a Xesús ao que recoñecemos nas persoas que van quedando nas beiras do noso mundo

·      Buscade a xustiza, buscade a humildade: A invitación que escoitabamos na lectura do profeta Sofonías lévanos a poñer os pés no chan, con realismo e conscientes da realidade da que formamos parte, e ir recoñecendo a necesidade de poñer un testemuño de trato xusto, honesto e igualitario nunha sociedade que parece que so lle importa confrontar e pensar desde o posuír e non desde o compartir. A Igrexa española, bispos e crentes, viñan pedindo, desde criterios evanxélicos, non o esquezamos nunca, que o trato para coas persoas migrantes ha ser sempre desde o recoñecemento da dignidade compartida e a fraternidade que nos fai ser fillas e fillos de Deus. Fraternidade que non ten nin pasaporte nin credo nin tampouco cor de pel ou fala. O Deus cristián é o Deus que nos  fai compartir o ser imaxe e semellanza súa. É dicir, iguálanos, El non fai diferencias, nós si. E a isto nos leva a lectura que hoxe escoitamos. Porque buscar a xustiza é non facer distincións, é non practicar a xenofobia, é non facer discriminación de persoas. E non por criterio político, non o esquezamos, senón por criterio evanxélico. E fagámolo sempre sen buscar nin recoñecemento nin honores, senón con humildade.

 

·      O que hai de débil no mundo, iso foi escoller Deus para desconcertar o poder.- Por iso a nosa mirada ha estar sempre posta no pequeno, no débil, no fráxil do noso mundo, do que temos ao lado. E isto non podemos nin deberamos esquecelo nunca. Porque a presenza, as presenzas de Deus, como di a lectura está en quen non é importante aos ollos dos poderes do mundo; en quen non se sube a tribunas para que os vexan e aplaudan; nos que se converten en altofalantes do poder e da imposición. Non, Deus está nas persoas que sofren, que están solas, que non atopan camiño, que... e se Deus está aí, onde temos logo que estar nós? 

 

·      Ditosos.- E esta opción pola sinxeleza, polo acompañamento, pola cercanía, por camiñar e compartir traxectos de humildade e servizo é o que nos fai verdadeiramente ditosos, tal e como acabamos de escoitar no evanxeo. As Benaventuranzas son proxecto de vida e fe vivida desde a realidade que temos e compartimos cada día. Non son unha tese de doutoramento para gardar nas bibliotecas, senón un camiño de servizo compartido ao lado de quen se ve so e esquecido. Ditosos eles, e ditosos nós se somos capaces de baixar das nosas ideoloxizacións relixiosas que nos fan crer que nos ritos está a salvación.


Oración da comunidade 

O Deus das Benaventuranzas chámanos a rezar comunitariamente dicindo: GRAZAS, SEÑOR, POR QUERERNOS PERSOAS DITOSAS.

 

·      Para que a Igrexa non renuncie nunca a facer da denuncia profética camiño de esperanza nun mundo cheo de intereses e desesperanzas.. Oremos. Grazas, Señor, por querernos persoas ditosas .

·      Para que nas nosas comunidades non vivamos nunca mirando ao pasado, por moi glorioso que teña sido, e saibamos asumir con humildade a realidade na que hoxe vivimos. Oremos. Grazas, Señor, por querernos persoas ditosas.

·      Por todas e todos nós: crianzas, mocidade, persoas adultas... para que nos esforcemos por ser persoas que sabéndonos ditosas, sexamos quen de levarlle esa alegría a quen está a pasar por momentos de dificultade, soidade ou enfermidade. Oremos. Grazas, Señor, por querernos persoas ditosas .

 

Señor, que as Benaventuranzas que hoxe temos proclamado no Evanxeo, nos leven a concretar a nos fe desde o servizo e a solidariedade con quen menos ten e mais lle falta. Por Cristo o noso señor. Amén.

 

Corazón aquecido


O sorprendente das Benaventuranzas é que nos propón un camiño de felicidade que non é o que establece o mundo, a sociedade actual, o sistema establecido. Namentres, a nosa sociedade se vai rexendo polos cartos, o consumo desmesurado, a competitividade, as inxustizas, a corrupción, a ocultación das bágoas, o desprezo da mansedume ou a misericordia, este texto do evanxeo proponnos un camiño que vai noutra dirección totalmente oposto . O camiño da esperanza, do servizo, da fraternidade.

(https.// laicos.conferenciaepiscopal.es/wp-content/uploads/ 2019/04/ unnuevoestilodevida. )

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...