CANTO GOZOSO
Ao prender o lume: Lumiño de lúa clara (Nº 123)
Na procesión cara ao templo: A Cristo cantamos (Nº 110)
Lecturas
1ª Manda o teu Espírito (Nº 125)
2ª Cantádelle ao Señor (Nº 33)
3ª As túas palabras, Señor, son Espírito e vida (Nº 113)
3ª Dános un corazón
4ª Aleluia, aleluia; aleluia, aleluia (Bis)
Aspersión: A auga do Señor (Nº 124)
Ofertorio: Sementar, sementarei
Santo: Santo es Ti, Señor da vida (Nº 39)
Noso Pai: No camiño do amor (Nº 43)
Paz: Que veña a paz (Nº 45)
Comuñón: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)
Canto final á Virxe: Nosa Señora da Luz
SINAL
No momento das ofrendas achegamos ao altar o sinal de coresma, a flor de follas murchas. E alí mesmo, poñemos o primeiro dos pétalos ao que, ao longo do tempo de Pascua, se irán unindo ata completar unha nova flor chea da savia nova da resurrección.
COA CHEGADA DA PASCUA, AS NOSAS SEDES SON SACIADAS. CRISTO CONVÉRTESE EN FONTE DE AUGA FRESCA E SEMPRE VIVA
Porque o evanxeo é Boa Nova, vinde e achegádevos
Para as persoas cristiás comeza hoxe un novo tempo, un tempo de salvación. Cristo resucita, abríndonos os ollos, a mente e o corazón á esperanza. Esa esperanza que moitos dos días, cando escoitamos as noticias, cando sabemos de certos comportamentos, cando non somos capaces de acadar aquilo que nos propuxemos, cando... parece que xa non existe. Porén, diante desta sensación que ás veces temos, a realidade da fe compartida e celebrada dinos todo o contrario: Cristo resucitou e con El volveu a esperanza. Esa esperanza que nos chama a superar atrancos e dificultades; esa esperanza que nos volve ilusionar; esa esperanza que fai posible que as persoas sigan sendo centro, dignidade e imaxe e semellanza de Deus. O Deus que esta noite nos chama a camiñar da tebra á luz.
Canto: LUMIÑO DE LÚA CLARA (Nº 123)
Lumiño de lúa clara, lume novo da alborada,
Ti alumeas a noite, ai a noite das nosas casas! (bis)
Na noite triste poñemos a ledicia dun luceiro.
Non temos medo da noite, que xa hai luz nos nosos carreiros (bis).
A noite fíxose día e dentro de nós temos festa
Temos a man dun amigo, e no ceo un Pai que nos queira (bis)
1.- Liturxia da luz
Auga e lume para prender a luz que quere cambiar o mundo
Dispoñámonos logo a dar este paso cara adiante para seguir camiñando na esperanza que renova, alenta, acompaña, acolle e se fai un dos nosos. Camiñemos deixándonos levar da man deste Deus que nos abriu un novo camiño no que o odio e o enfrontamento teñen que dar paso ao amor e o diálogo.
Bendición do lume
Señor, por medio do teu Fillo Xesús, déchesnos a terra, o aire, a auga e o lume. Neles estás Ti coma principio e orixe de todo. Señor, coa presenza dos membros da nosa comunidade, queremos bendicir + este lume,
sinal de túa presenza, e luz no noso camiñar cotián.
Que a Pascua que agora comeza
prenda en cada unha e en cada un de nós
para poder abrir brazos e agarimar, no teu nome,
a tantos irmáns e irmás que agardan de nós
a aperta solidaria do teu amor. P.X.N.S. Amén.
B) Logo da bendición do lume, acéndese nel o cirio pascual.
(Unhas poucas persoas acenden as súas candeas no cirio, e despois van acendendo coa súa candea as dos demais, ata telas todas acendidas).
C)Procesión cara á Igrexa
Canto: A CRISTO CANTAMOS (nº 110)
A Cristo cantamos na luz que alumea,
a Cristo cantamos co lume da fe.
A esperanza é unha fonte
que está ao final do camiño.
Sede é a fonte que nos move,
Deus nos manteña sedentos!
Deus nos manteña sedentos,
romeiros a camiñar
á procura dunha terra
que deite o viño da paz.
Imos rematar as tebras
que a noite abondo durou,
e se o sol non quere saír
alumeamos todos nós.
Alumeamos todos nós,
co facho dunha esperanza
limpa, quente, fonda e rexa
coma a cantiga das augas.
Anunciando o comezo da festa: Pregón pascual (con todas as luces apagadas, só mantemos prendidas a luz do cirio e as das nosas candeas)
Con alegría compartida unámonos para dicir:
ROMPEUSE A TEBRA DA NOITE, CHEGOUNOS A LUZ DA VIDA
Atención. Atención. Temos algo novo que contar.
Unha boa nova sobre Xesús, o fillo de María.
Aquel ao que perseguiron e levaron á cruz,
RESUCITOU!.
Está vivo entre nós.
Foi quen de rachar as cadeas da morte,
deixou baleiro o sepulcro.
Non o busquedes alí porque xa non está.
A terra encheuse de luz
e as tebras foxen ás carreiras e cheas de medo.
ROMPEUSE A TEBRA DA NOITE, CHEGOUNOS A LUZ DA VIDA
Xesús xa vén cara nós para quedarse e acompañarnos!
Venceu a trampa dos homes, trampa de morte e condena.
Abriu un novo camiño, que con Deus fixo posible.
Neste día, resucitou para nós.
Desarmada e morta quedou a morte.
E agora está aquí.
Coma no primeiro día naquela cova en Belén.
Está aquí entre nós,
eternamente e para sempre!
ROMPEUSE A TEBRA DA NOITE, CHEGOUNOS A LUZ DA VIDA
Este camiño hoxe aberto tráenos alegría e esperanza.
Porque como El venceu a morte, chama a seguir os seus pasos.
Pasos de luz e esperanza; pasos de plenitude eterna
nesta nova creación, onde a súa iniciativa faise en nós salvación.
Porque a súa resurrección superou calquera baleiro.
A morte quedou atrás.
Chegan a vida, a luz e a paz.
ROMPEUSE A TEBRA DA NOITE, CHEGOUNOS A LUZ DA VIDA
E o que agora son palabras, convertámolo nós en vida.
Que dita e que grande gozo:
saber que á fin do camiño El estanos agardando,
coas súas mans abertas e facéndonos oco ao seu lado.
Deixemos atrás sepulcros, rompamos vellas historias,
Cristo vive, está connosco, e mándanos anuncialo!
ROMPEUSE A TEBRA DA NOITE, CHEGOUNOS A LUZ DA VIDA
Non pechemos nós ollos, ignorando a súa presenza.
El camiña ao noso lado, sinxelo e sen reverencia.
Schalom, paz, amigas e amigos todos.
Alegría e moita festa.
Esta vida ten sentido,
e Deus é a mellor colleita: terra, auga, aire e lume.
Esperanza celebrada, vivida e compartida.
O principio dunha vida por Deus esclarecida nesta noite sen feridas.
ROMPEUSE A TEBRA DA NOITE, CHEGOUNOS A LUZ DA VIDA
Celebremos logo a vida, irmáns e irmás benqueridas!
Acollamos a palabra nesta noite verdecida.
Xesús vence á mentira na mesa aberta e compartida.
Compartamos o seu pan, que alenta e fornece a vida.
Celebremos este día a resurrección por El querida!
ROMPEUSE A TEBRA DA NOITE, CHEGOUNOS A LUZ DA VIDA
Acéndense as luces e cantamos/rezamos o GLORIA (Nº 14))
2.- Liturxia da Palabra
PRIMEIRA LECTURA (Xén 1, 1-2, 2)
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE
No principio creou Deus o ceo e a terra.
Despois dixo Deus:
- “Fagamos o home á nosa imaxe e á nosa semellanza e que mande nos peixes do mar, nos paxaros do ceo, nos animais domésticos e nos réptiles todos da terra”.
E creou Deus o home á súa imaxe, creouno á imaxe de Deus, varón e femia creounos.
E bendiciunos así:
- “Reproducídevos, crecede, enchede a terra e sometédea. Mandade nos peixes do mar, nos paxaros do ceo e nos réptiles todos da terra”.
E díxolles aínda:
- “Aí vos dou as herbas todas que hai na terra, coa súa propia semente, e tódalas arbores que dan froito, coa súa propia semente, a fin de que vos sirvan para a mantenza; ás feras todas do monte, ós paxaros do ceo e ós réptiles que viven na terra doulles a herba para a mantenza”.
E así foi.
E viu Deus canto fixera e velaí que era de verdade moi bo.
PALABRA DO SEÑOR
ORACIÓN: Pai, que pos diante de nós o mundo e nos convertes en señoras e señores de canto fixeches, aleda o noso esforzo por facer del a casa de todas e de todos, onde ningunha persoa se poida sentir estraña e desprazada. P.X.N.S. Amén.
Salmo : Canto: Manda o teu Espírito (Nº125)
Manda o teu Espírito, manda o teu Espírito;
manda o teu Espírito e renova a faciana da terra.
SEGUNDA LECTURA (Éx., 14, 15-15, 1)
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO
Naqueles días, o Señor díxolle a Moisés:
Manda aos israelitas que se poñan en marcha.
Moisés alongou a man sobre o mar, e o Señor moveuno cun vento forte do leste, que soprou toda a noite, ata secar o mar, coas augas partidas. Os israelitas entraron polo medio do mar a pé enxoito. As augas facían muros á súa dereita e á súa esquerda. Os exipcios que os perseguían, a cabalería do faraón, os carros e os cabaleiros, entraron no mar tras deles.
O Señor díxolle a Moisés:
Estende a man cara ó mar, e as augas volveranse sobre os exipcios, os seus carros e os seus cabaleiros.
As augas, ao xuntárense, cubriron os carros, os cabaleiros e todo o exército do faraón, que entrara no mar tras de Israel. Non quedou nin sequera un.
Os israelitas pasaron a pé enxoito polo medio do mar, mentres as augas facían muro á súa dereita e á súa esquerda.
Aquel día salvou o Señor a Israel do poder dos exipcios.
PALABRA DO SEÑOR
ORACIÓN: Tamén nós, Señor, temos desexado moitas veces saír de Exipto, é dicir, deixar atrás as escravitudes que nos van atando e impedindo ser nós e verdadeiramente felices. Unhas escravitudes do efémero que van esmorecendo e deixándonos no máis absoluto dos baleiros. Que non desistamos, coa a túa axuda, nesta tarefa. P.X.N.S. Amén.
Salmo: Canto: Cantádelle ao Señor (Nº 33)
Cantádelle ao Señor unha cantiga nova,
cantádelle, cantádelle, unha cantiga triunfal.
TERCEIRA LECTURA (Is 54, 5-14)
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
Isto di o Señor:
“Oíde, sedentos todos, vinde por auga!
Os que non tedes prata, vinde,
comprade comida e comede,
vinde e comprade comida;
sen prata e sen diñeiro comprade viño e leite.
Porque cambiades prata polo que non é pan
e o voso xornal polo que non farta.
Escoitádeme ben:
comede ben e que a vosa gorxa se alegre coa graxa.
Baixade o oído e vinde onda min,
facédeme caso e revivirán as vosas ilusións,
pois pactarei convosco unha alianza eterna.
Velaquí: como a chuvia e a neve baixan do ceo
e non voltan alá sen enchoupar a terra,
fecundala e facela brotar,
para que lle dea semente ao que sementou
e pan ao que come,
así tamén será a miña palabra que sae da miña boca:
non volverá a min en van,
senón que fará o que eu queira,
e conseguirá aquilo para o que a mandei”.
PALABRA DO SEÑOR
ORACION: Señor, aquí estamos para responder á túa chamada. Puxeches nas nosas mans o mundo, non para destruílo, senón para facer del casa común na que ninguén se sinta excluído. Que pouco caso che temos feito! Que sintamos o pulo da túa presenza para non deixar que o individualismo, a indiferenza e o esquecemento do irmán e da irmá se convertan en pensamento e común para o noso actuar. P.X.N.S. Amén.
Salmo: Canto: As túas palabras, Señor, son Espírito e vida (N º 113)
As túas palabras, Señor, son Espírito e vida (Bis)
CUARTA LECTURA (Ez. 36, 16-28)
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE EZEQUIEL
Veume a palabra do Señor nestes termos:
-dille á Casa de Israel:
Así fala o meu Señor, Iavé:
Casa de Israel, non por vós vou eu actuar,
senón por mor do meu santo Nome,
que vós profanastes entre as nacións onde fostes.
Pois vou facer que se recoñeza a santidade do meu grande Nome,
profanado entre as nacións nas que vós o profanastes.
Entón recoñecerán estas nacións que eu son o Señor
-é o meu Señor, Iavé, quen fala-,
cando eu vos faga recoñecer a miña santidade na súa presencia.
Pois recollereivos das nacións, xuntareivos de todos os países e traereivos á vosa terra.
Asperxerei sobre vós auga purificadora e quedaredes puros;
de todas as vosas impurezas e de todas as vosas idolatrías heivos purificar.
Dareivos un corazón novo
e poñerei nas vosas entrañas un espírito novo;
sacarei da vosa carne o corazón de pedra
e poreivos un corazón de carne.
Viviredes no país que lles dei a vosos pais:
seréde-lo meu pobo e eu serei o voso Deus.
PALABRA DO SEÑOR
ORACION: Canta dor nos produce un corazón roto! Pero ti, Señor, nunca o desprezas. Ao contrario: acóllelo ao teu abeiro para chorar con quen chora, para amar a quen o necesita, para unirse a quen está fundido e necesita de nós para erguerse. P.X.N.S. Amén.
Salmo: Canto: Danos un corazón
Danos un corazón, grande para amar
danos un corazón, forte para loitar.
QUINTA LECTURA (Rom. 6, 3-11)
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO AOS ROMANOS
Irmáns e irmás:
Ignorades que a cantos nos bautizaron en Cristo Xesús, bautizáronnos na súa morte?. Enterráronnos, logo, con el polo bautismo na morte, para que, como Cristo resucitou dos mortos pola gloria do Pai, así tamén nós camiñemos nunha vida nova.
Pois se nos enxertaron nel pola semellanza dunha morte coma a súa, seguro que tamén o farán por unha resurrección semellante.
Pois habedes saber que o noso home vello foi crucificado para destruír o corpo pecador, de xeito que non sirvamos máis ao pecado. Porque o que morre, queda liberado do pecado.
Se xa morremos con Cristo, cremos que tamén viviremos con El; e ben sabemos que Cristo, resucitando dos mortos, xa non morre máis, a morte xa non pode nada contra El. Porque o seu morrer foi un morrer ao pecado para sempre, mais o seu vivir é un vivir para Deus.
Así tamén, vós considerádevos mortos ao pecado e vivos para Deus en Cristo Xesús.
PALABRA DO SEÑOR
ORACION: O bautismo, Señor, incorpóranos á comunidade, pero moitas veces estas nosas comunidades esmorecen pola nosa pouca alegría e o noso desleixo. Que está incorporación á vida nova da graza e esperanza na que fomos incorporadas e incorporados o día do noso bautismo, saibamos mantela viva en cada momento da nosa vida. P.X.N.S. Amén.
Salmo/canto: Aleluia, aleluia, o Señor resucitou // Hoxe o Señor resucitou.
EVANXEO (Lc. 24, 1-12)
O testemuño da resurrección chéganos a través das mulleres. Signo da tarefa que como Igrexa temos por diante: a igualdade).
PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO LUCAS
A madrugada do primeiro día da semana foron ó sepulcro, levando os perfumes que tiñan preparados. Pero atoparon quitada a lousa, arredada do sepulcro. Entraron, e viron que o corpo do Señor non estaba alí. Entón, mentres estaban todas perplexas por aquilo, apareceron dous homes con vestidos resplandecentes. Cheas de medo, miraban para o chan; pero eles preguntaron:
¿Por que buscades entre os mortos a quen está vivo? Non está aquí; resucitou. Recordade o que vos dicía en Galilea: que cumpría que entregasen o Fillo do Home nas mans dos pecadores, que o crucificasen e que resucitase ó terceiro día.
A elas acordáronlles aquelas palabras súas, e, volvendo do sepulcro, anunciáronllelo ós Once e a todos os demais. Eran elas: María Magdalena, Xoana, María a de Santiago. E tamén as outras que as acompañaban lles dicían o mesmo ós apóstolos; pero eles non lles daban creto: parecíalles un desatino das mulleres.
Mesmo así, Pedro ergueuse e foi correndo ó sepulcro; abaixándose, viu as vendas soas; e, todo abraiado polo acontecido, volveu para a súa casa.
PALABRA DO SEÑOR
REMOENDO A forza da Palabra proclamada
A palabra que hoxe temos proclamado pon nos nosos oídos e no noso corazón os ecos da historia de salvación desde a creación do mundo, onde todo comeza a xurdir, e da vida que nela crece, persoas e demais seres vivos que Deus pon nas nosas mans e da que nos nomea persoas custodias para que termemos dela. Como ten insistido tantas veces o papa Francisco, tanto na súa carta encíclica Laudato si, como en outras moitas intervencións, xa sexan estas en forma de palabras ou de xestos, temos que coidala e non estragala. Ata a nova creación que é inaugurada coa resurrección de Xesús. E todo este camiño de diálogo de amor entre Deus e pobo non se vai facendo de maneira individual e segundo as ocorrencias e egoísmos de cadaquén. Non. Esta historia de amor, que é a historia da compaña de Deus ao longo do tempo, faise e desenvólvese sempre en unión e con outras persoas. E como vimos de escoitar esa salvación chega a nós desde do paso do pobo de Israel á comunidade cristiá. Esa comunidade que hoxe se reúne e celebra que Deus vive e o seu vivir non é para someternos, senón para acompañarnos, para irse facendo presente na nosa vida, no noso día a día. Esa vida que ten días bos e días malos; días ledos e días tristes; días de dor e días de gozo; esa vida que hoxe queremos agradecer compartindo esta celebración enchoupada de esperanza e na que fortalecemos ilusións, proxectos, ansias, obxectivos... para seguir camiñando. E se a tebra non foi capaz de vencelo a El, non deixemos logo que nos venza a nós. Gocemos desta noite de salvación e esperanza!
3.- Liturxia bautismal
MONICIÓN
A auga, ben cada vez máis escaso, mesmo para nós que sempre tivemos abondo, é signo de vida, purificación e limpeza; por iso a liturxia desta noite quere mostrarnos como Deus nos bendice con ela, á vez que nos invita a non malgastala. E se vén Del, convértese en signo da súa presenza e cercanía.
Entoemos agora as ladaíñas da resurrección que nos invitan a limpar o corazón coa auga fresca e clara que nos trae Xesús, véndonos reflectidas e reflectidos no testemuño e na vida daquelas persoas ás que chamamos santas.
LADAÍÑAS
Señor, ten piedade.
Cristo, ten piedade.
Señor, ten piedade.
Santa María, Nai de Deus, GRAZAS POLA ESPERANZA.
San Miguel, GRAZAS POLA ESPERANZA.
San Xosé, GRAZAS POLA ESPERANZA.
San Pedro, GRAZAS POLA ESPERANZA.
San Paulo, GRAZAS POLA ESPERANZA.
San Francisco de Asís, GRAZAS POLA ESPERANZA.
Santa Clara, GRAZAS POLA ESPERANZA.
San André, GRAZAS POLA ESPERANZA.
San Breixo, GRAZAS POLA ESPERANZA.
Santa María Magdalena, GRAZAS POLA ESPERANZA.
San Mamede, GRAZAS POLA ESPERANZA.
Santa Comba, GRAZAS POLA ESPERANZA.
San Bieito, GRAZAS POLA ESPERANZA.
San Xoán Bautista, GRAZAS POLA ESPERANZA.
San Simón, GRAZAS POLA ESPERANZA.
Santo Adrián, GRAZAS POLA ESPERANZA.
San Mateu, GRAZAS POLA ESPERANZA.
San Rosendo, GRAZAS POLA ESPERANZA.
San Froilán, GRAZAS POLA ESPERANZA.
San Martiño, GRAZAS POLA ESPERANZA.
San Ignacio, GRAZAS POLA ESPERANZA.
Santa Tareixa de Ávila, GRAZAS POLA ESPERANZA.
Santa Catarina de Siena, GRAZAS POLA ESPERANZA.
San Xoán XXIII, GRAZAS POLA ESPERANZA.
Santa Tareixa de Calcuta, GRAZAS POLA ESPERANZA.
S. Óscar Romero de América, GRAZAS POLA ESPERANZA.
S. Paulo VI, home de diálogo comunitario, GRAZAS POLA ESPERANZA.
Dom Helder Cámara, Bispo do pobres, GRAZAS POLA ESPERANZA.
Ghandi, Luther King e demais testemuñas de paz e amor, GRAZAS POLA ESPERANZA.
Tódolos homes e mulleres de ben, GRAZAS POLA ESPERANZA.
Pola túa morte e resurrección, GRAZAS POLA ESPERANZA.
Pola forza do Espírito Santo cada día en nós, GRAZAS POLA ESPERANZA.
(Si hai bautizos)
Para que o bautismo incorpore a estas/es fillas/os túas/teus na comunidade, GRAZAS POLA ESPERANZA.
Para que a auga do bautismo sexa para elas/es símbolo de nova vida, GRAZAS POLA ESPERANZA.
Xesús, Fillo de Deus e amigo de todas as persoas, GRAZAS POLA ESPERANZA.
Que a túa presenza nos acompañe, Deus de vida e luz. Que o Espírito se faga presente nas nosas tarefas para alentalas e acompañalas. Que a túa man acompañe a acción das persoas que sentimos a ledicia do Evanxeo construíndo unha Igrexa fraterna e misericordiosa. P.X.N.S. Amén.
BENDICIÓN DA AUGA (e inmersión do cirio na pía bautismal)
Señor da resurrección, Ti que nos agasallas coa auga para que sexa para nós fonte de vida e no sacramento do bautismo convértese en sinal que nos permite traspasar a porta e entrar a formar parte da comunidade, acompaña este momento no que reunidas e reunidos no teu nome queremos facer da auga sinal da túa presenza.
Señor da resurrección, que a través da auga lémbrasnos que nos incorporamos a unha comunidade que nos acolle, alenta e acompaña.
Señor da resurrección, que na frescura da auga ofrécesnos incorporarnos ao proxecto de renovación de que nos chama a deixar atrás tristuras e desacougos.
Mira, Pai, esta comunidade que hoxe a través da auga quere sentir a forza da presenza do teu Fillo, e o alento, sempre agarimoso, da compaña do Espírito Santo, e así, morramos ao vello que levamos en nós, e renazamos á luz dunha nova humanidade inaugurada no Resucitado.
Que a presenza do Espírito Santo, polo teu Fillo + descenda sobre esta auga que hoxe poñemos ao pé da pía bautismal, para que incorporadas e incorporados a Cristo, camiñemos cara á vida nova en esperanza. P.X.N.S. Amén.
RENOVACIÓN DAS PROMESAS BAUTISMAIS
Renovemos agora persoal e comunitariamente esta fe que hoxe celebramos cheos de esperanza e vida:
Estades dipost@s a loitar contra o mal que nos fai infelices e nos pecha no egoísmo?. Si, estou dispost@.
Estades dispost@s a non deixarvos levar de canto nos aparta de Deus e fire aos irmáns?. Si, estou dispost@.
Estades dispost@s a que no voso corazón non aniñen a cobiza, a insolidariedade e a envexa?. Si, estou dispost@.
Credes en Deus Pai e amigo da vida, que puxo nas nosas mans o mundo que el creou?. Si, creo.
Credes en Xesús, o seu Fillo, que naceu de Santa María, pasou polo mundo facendo o ben, e que no seu amor e fidelidade entregou a súa vida para abrirnos a nós o camiño da resurrección?. Si, creo.
Credes na forza e presenza do Espírito Santo, na Igrexa comunidade de fe e vida, na comuñón dos santos, no perdón e na resurrección que nos levará a gozar para sempre da presenza de Deus?. Si, creo.
Pai, que esta fe que acabamos de proclamar e confesar sexa sempre para nós alento e esperanza no camiño da nosa vida. P.X.N.S. Amén.
(Agora recibimos a aspersión coa auga bendicida, que sela o noso compromiso de ser fieis á alianza bautismal)
Canto: A auga do Señor, cambioume o corazón (Nº 124)
A auga do Señor, cambioume o corazón,
a auga do Señor Xesús (Bis).
1.O que queira e teña sede, que veña e beba gratis;
o que queira e teña sede, beba a auga que é a vida.
2.Sobre ti verterei a auga da miña vida,
e o teu corazón de pedra en amor transformarei.
Unindo corazóns en oración compartida
Nesta noite de comuñón e encontro, na que a luz de Cristo se nos mostra como vida, queremos, Señor, dicirche
SEÑOR, AQUÍ TES Á TÚA IGREXA
Para que como Igrexa saibamos testemuñar no mundo a luz renovadora do Evanxeo, OREMOS.
Para que a esperanza da resurrección apague os tambores de guerra e violencia que tanto barullo fan no noso mundo, OREMOS.
Para que nunca lle deamos as costas aos homes e mulleres que viven nas moitas pobrezas do noso mundo; e que as persoas enfermas sexan sempre para nós rostro da túa imaxe, OREMOS.
Para que nunca esquezamos aos nosos seres queridos, que nos foron abrindo camiños para que tiveramos unha vida máis humana, xusta e feliz e que agora descansan para sempre ao teu lado, OREMOS.
Para que a semente da resurrección que nesta Pascua pos en nós, nos leve a ser persoas sementadoras de esperanza alí onde agroma a desesperanza, OREMOS.
Grazas, Señor, por esta noite de luz, vida e esperanza. Que a forza da Palabra proclamada e compartida faga que non esquezamos que a fe supón sempre achega e preocupación polas irmás e polos irmáns, e non costume nin tradición baleira. P.X.N.S. Amén.
(Pregaria Eucarística IV)
4.- Dando grazas na esperanza
Señor, Ti es a vida, a miña vida, a vida verdadeira.
Diante do medo á perda das miñas seguridades,
Ti sempre es a miña abundancia.
Diante da inseguridade e a dúbida ao descoñecido,
Ti serás sempre a certeza absoluta.
Diante da dor e a fraxilidade,
Ti serás sempre a miña fortaleza.
Diante da escuridade e o descoñecido,
Ti serás sempre o faro que ilumine a s miñas decisións.
Diante da miña covardía e as miñas teimas,
Ti serás sempre o impulso en cada intento.
Diante do que parece que non ten saída,
Ti serás sempre o meu horizonte infinito.
Si, Señor, eu creo que Ti es o Cristo, a Resurrección e a Vida.
O alento para a miña vida. Amén.
Comentarios