Os discípulos alegráronse vendo ao Señor
Sinal.- Reconvertemos a flor murcha da coresma, nunha flor que xermola coa savia da esperanza. Polo que cada domingo iremos engadindo un pétalo verde como a esperanza que ha alentar a nosa vida.
Durante a pascua, cada un dos domingos faremos: a aspersión da comunidade no momento penitencial e a renovación das promesas do bautismo despois da homilía.
Cantos.-
· Entrada.- Que ledos ( 5 )
· Lecturas.- Canta Aleluia ( 21 )
· Ofertorio.- Recibe, Señor. ( 31 )
· Comuñón.- Bendito ti, Xesús resucitado ( 111)
Abríndonos ao Espírito
Comezado o tempo de Pascua recibimos a noticia do pasamento do papa Francisco. Sabendo que non estaba ben de saúde, que o sabiamos, pero véndoo o día anterior saudar desde o balcón da basílica, e achegándose á xente que estaba na praza de San pedro, ninguén de nós podería maxinar un acontecemento tal. Pero a nosa fraxilidade camiña parella ao noso camiñar e lémbranos que as nosas seguridades so son nosas, porque a El é o que vai mostrando o camiño.
Entón esta mañá, segundo domingo de Pascua reunímonos poñendo a nosa esperanza en Deus, e sen esquecer que somos persoas de paso. Un paso que , aos crentes, fainos sentir non donos absolutos, senón persoas fráxiles e limitadas, pero que sabemos que no final do camiño sempre atoparemos acollida.
Coñecemos logo a celebración da fe agradecendo a vida no Deus do esperanza.
Con un corazón misericordioso
· Porque non loitamos contra da desilusión que as veces aniña nos nosos corazóns. SEÑOR, ACOMPÁÑANOS NA TÚA ESPERANZA.
· Porque deixamos que os pensamentos excluíntes nos invadan e inmobilicen. CRISTO, ACOMPÁÑANOS NA TÚA ESPERANZA.
· Porque a diferenza dos apóstolos non facemos da acollida camiño da vida. SEÑOR, ACOMPÁÑANOS NA TÚA ESPERANZA.
Para proclamar a palabra
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Pola man dos apóstolos facíanse moitos sinais e prodixios entre o pobo. E todos se xuntaban de común acordo no pórtico de Salomón; dos outros ninguén ousaba xuntarse con eles, aínda que o pobo os tiña en grande estima. A cantidade dos que crían no Señor, homes e mulleres, medraba máis e máis. A tal punto que quitaban para as rúas os enfermos en camas e padiolas, para que cando pasase Pedro, polo menos a súa sombra cubrise algún deles. Viña moita xente das vilas veciñas de Xerusalén e traía enfermos e atormentados por espíritos impuros, e todos quedaban curados. Palabra do Señor.
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA APOCALIPSE
Eu, Xoán, voso irmán e compañeiro no sufrimento, no reino e na esperanza en Xesús, estaba na illa chamada Patmos, por cousa da palabra de Deus e do testemuño de Xesús. Caín en arroubo o día do Señor e oín detrás miña un berro forte, coma dunha trompeta, que dicía: "o que vas ver escríbeo nun libro e mándallelo ás sete igrexas".
E dei a volta para ver de quen era a voz que me falaba e, ó virar, vin sete candelabros de ouro e no medio dos candelabros unha figura humana vestida cunha túnica talar e cunha faixa de ouro cinguida á altura do peito.
O velo, caín ós seus pés coma morto. Pero el puxo a súa man dereita sobre min e díxome: "Non teñas medo. Eu son o Primeiro e o Ultimo, o que vive; estiven morto pero repara en que estou vivo polos séculos dos séculos e teño as chaves da Morte e do lugar dos mortos. Escribe, logo, todo o que ves, o que hai e o que ha vir despois disto. Palabra do Señor.
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Naquel día, o primeiro da semana, ó serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús, e, poñéndose no medio, díxolles:
‑Paz convosco.
Dito isto, mostróulle-las mans e mailo costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor. El díxolles outra vez:
‑Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.
E dito isto alentou sobre eles, e díxolles:
‑Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoéde-los pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.
Pero Tomé, un dos Doce, o chamado Xemelgo, non estaba con eles cando chegou Xesús. Dicíanlle entón os outros discípulos:
‑Vímo-lo Señor.
Pero el contestoulles:
‑Como non vexa nas súas mans as furas dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.
Oito días despois estaban outra vez dentro os discípulos, e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e poñéndose no medio, dixo:
‑Paz convosco.
Despois díxolle a Tomé:
‑Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.
Tomé respondeulle:
‑¡Meu Señor e meu Deus!
Xesús díxolle:
‑¿Tes fe porque me viches? ¡Benia os que creron sen veren!
Moitos outros signos fixo Xesús diante dos seus discípulos, que non se escribiron neste libro. Estes escribíronse para que creades que Xesús é o Mesías, o Fillo de Deus e, crendo, teñades vida nel. Palabra do Señor.
E convertela en vida
· Escoitabamos na primeira lectura do libro dos Feitos dos apóstolos que estes xuntábanse para animarse e axudarse en tempos recios e difíciles, como foron aqueles dos primeiros momentos. No canto de desanimarse e ir cada un polo seu lado, buscaron a sinerxía de permanecer uns ao lado dos outros para axudarse, animarse alentarse ou acompañarse. Deste xeito, apesares da incomprensión do ambiente no que se movían, non se sentían nin sos nin desanimados. Se trasladamos esa idea a hoxe, aos tempos nos que nós vivimos, vemos que esa non adoita ser o xeito que temos de manter a forza das nosas conviccións e o testemuño da nosa fe. Máis ben, parece, que nos escondemos e temos medo, que nos desanimamos ou que nos da vergoña manifestar que somos xente de fe. Esforcémonos logo por mirar a nosa vida hoxe desde o testemuño e o compromiso daqueles primeiros cristiáns/ás, que diante das dificultades non fuxiron en desbandada, senón que se buscaron para estar xuntos e sentir a calor da axuda, a colaboración e a fe compartida.
· E deste xeito foron camiñando e mostrándose diante de todos cantos so chamaban tolos ou iluminados, pero eles non perderon nunca nin a confianza uns nos outros nin tampouco a esperanza para mostrara todo canto lle escoitaran e viran facer a Xesús. Os seus medos, que existían, non acabaron nin dominándoos nin destruíndonos, porque era tan grande e fonda a credibilidade que foran vendo en Xesús, que ningunha dificultade, por dura que esta fose, os desanimaba. Nunha situación, e con unha linguaxe ben distinta, vemos como o así o manifesta o libro da Apocalipse. O non teñas/des medo resoa con forza no corazón daqueles primeiros seguidores e seguidoras de Xesús. Unha convicción que os movía e encamiñaba a dar razón da súa esperanza e da forza do comunitario. Sen comunidade a fe esmorece e acaba por desaparecer, porque o individualismo ou as heroicidades persoais non teñen moito percorrido. Rápido acaban cansando e desanimando.
Que neste tempo de Pascua que agora estamos a vivir saibamos descubrir que só con e desde a esperanza, como o queriamos expresar no sinal de ir facendo xermolar a flor de savia nova, e na compaña da comunidade seremos relevantes para responder, con fidelidade, aos retos deste noso tempo.
· Finalmente o evanxeo volve insistir de novo de que so con e desde a confianza é posible avanzar no camiño e facer del experiencia de encontro e colaboración. Como tantas veces nolo ten repetido Francisco nos últimos doce anos. Non teñamos medo entón a perder a ritualidade, o uniformismo, o legalismo baleiro de contido e sentido, para arriscar sendo distintos, mostrándonos tal e como somos e, deixando que o espírito alente o noso actuar, romper con formalidades que afogan e non deixan que o evanxeo prime sobre o eclesialmente correcto, ou o medo á creatividade renovadora nos afogue nun tradicionalismo sen contido nin percorrido persoal nin comunitario. Que o sopro do Espírito nos mova e nos alede.
Levándonos a rezar comunitariamente
Sabéndonos comunidade alentada pola presenza do espírito dicimos: Que o sopro do Espírito nos mova á creatividade pastoral.
· Para que a Igrexa non teño medo a seguir o camiño de renovación e achegamento ao pobo iniciado por Francisco. Oremos. Que o sopro do Espírito nos mova á creatividade pastoral.
· Para que nos esforcemos nas nosas comunidades por romper inercias, sen deixarnos caer no costume dunha vivencia consumista e individual da fe. Oremos. Que o sopro do Espírito nos mova á creatividade pastoral.
· Para que non pechemos a porta do corazón ao sopro do Espírito que nos chama a ser cristiáns/ás alegres, esperanzados, solidarios e sen medo a unirnos a todo proxecto que defenda ás persoas e a casa común na que vivimos. Oremos. Que o sopro do Espírito nos mova á creatividade pastoral.
Grazas, Señor, polo agasallo do Espírito para manternos sempre coa forza necesaria que nos faga sentir a fe como don que nos move a traballar pola xustiza no mundo. Por Cristo o noso Señor. Amén.
Deixándonos alentar no camiño
Francisco, home que non tivo medo a erguer a súa voz para defender a causa das persoas máis fráxiles díxonos:
· “O abuso de homes e mulleres da Igrexa -abuso de autoridade, abuso de poder e abuso sexual- é unha monstruosidade. Un sacerdote non pode seguir sendo sacerdote se é maltratador, porque ou está enfermo ou é un criminal.”
· O diñeiro debe servir e non gobernar. A maioría dos homes e mulleres do noso tempo seguen vivindo na precariedade diaria con consecuencias desastrosas: medo e desesperación. ”
· "Para algúns o Papa é comunista. Non se entende que o amor polos pobres está no corazón do Evanxeo. A terra, a casa e o traballo, polo que loitas, son dereitos sagrados. Non é estraño á fe, é a Doutrina Social da Igrexa. ”
· Hai tres palabras máxicas: ‘Pregunta sempre: podo? ’ para non ser invasivo na vida do cónxuxe; di sempre: ‘Grazas ’, grazas o que o outro fixo por min; e "perdón", que ás veces é máis difícil, pero é necesario dicilo. O segredo é que o amor é máis forte que o momento no que se discute e, polo tanto, aconsello aos cónxuxes: non remates o día en que argumentaron sen facer a paz, sempre. ”
Comentarios