Ir al contenido principal

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA

CANTOS: Panxoliñas

OLLOS ABERTOS

Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo.
Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida.
Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR.
Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR.
Señor, polas veces nas que nos fallan as formas e non somos capaces de acoller a maxia da túa mensaxe, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR.

PALABRA REGALADA

PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

Levántate, brilla, que a túa luz xa chegou;

si, a gloria do Señor resplandece sobre ti.

Pois, olla, a escuridade encobre a terra

e a negrura os pobos,

pero sobre ti resplandece o Señor

e a súa gloria faise ver sobre ti.

Certo que os pobos camiñarán coa túa luz

e os reis co resplandor do teu alborexar.

Levanta os teus ollos arredor,

todos estes xuntáronse, viñeron a ti.

Os teus fillos veñen de lonxe

e as túas fillas son traídas no colo.

Entón, cando o vexas,

estarás radiante

e o teu corazón latexará e ensanchará,

pois as riquezas do mar traeránchese a ti

e os bens dos pobos virán para ti.

Estarás cuberta dunha chea de camelos,

de dromedarios novos.

Todos eles virán de Sabá.

Virán cargados de ouro e incenso,

e proclamarán lediciosos a louvanza do Señor.

Palabra do Señor

PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS EFESIOS

Coido que oístes falar da encomenda que a graza de Deus me fixo en favor voso: xa que por medio dunha revelación se me deu a coñecer o misterio que noutras xeracións non se lle dera a coñecer á humanidade como agora llelo manifesta o Espírito ós seus santos apóstolos e profetas: que os xentís son parceiros, membros do mesmo corpo e copartícipes da promesa en Cristo Xesús polo Evanxeo.

Palabra do Señor

PROCLAMACION DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEU

Xesús naceu en Belén de Xudea, en tempos do rei Herodes. E nisto uns magos de Oriente chegaron a Xerusalén preguntando:

-       ¿Onde está o Rei dos xudeus que acaba de nacer? Porque vimos saír a súa estrela alá no Oriente, e vimos para lle rendermos homenaxe.

Oíndo isto, o rei Herodes alporizouse, e con el toda Xerusalén. Convocou a todos os sacerdotes e letrados do pobo, para lles preguntar onde tiña que nacer o Mesías. Eles responderon:

-       En Belén de Xudea, que así o deixou escrito o profeta:

E ti Belén, terra de Xudea,

de ningún xeito es a máis pequena,

entre as vilas de Xudea,

que de ti ha saír o guía

que será o pastor do meu pobo Israel.

Entón Herodes, ás agachadas, chamou ós magos, para se informar ben de cando lles aparecera a estrela. Logo mandounos a Belén, dicíndolles:

-       Ide e informádevos ben do que hai dese neno; e unha vez que o atopedes, avisádeme, para ir eu tamén a lle render homenaxe.

Eles, despois de oíren ó rei, puxéronse en camiño. E, velaí, a estrela que viran saír no Oriente foinos guiando ata se deter enriba de onde estaba o neno. Grande alegría sentiron ó veren saír de novo a estrela.

E cando entraron na casa atoparon o neno con María, súa nai. Prostráronse e rendéronlle homenaxe; logo, abrindo os seus tesouros, ofrecéronlle coma regalo ouro, incenso e mirra. Logo, avisados en soños de que non volvesen por onda Herodes, saíron para a súa terra por outro camiño

Palabra do Señor

PALABRA REMOÍDA

A TÚA LUZ XA CHEGOU: O pobo de Israel regresa do exilio de Babilonia co andazo de ter vivido baixo o dominio dunha nación que tentaba rematar coa súa cultura, coa súa relixión e mesmo coa súa esperanza. Babilonia é a experiencia máis triste que viviron os xudeus, e fixo que moita xente se preguntase onde está Iavé?. Pero a pesares da realidade da tristura e da opresión, o profeta Isaías animaba á esperanza, anunciando a reconstrución; asegurando que era posible sandar as feridas e comezar de novo. Pero nesta reconstrución terán que ter cabida todas as persoas, porque todas formamos parte do plan de Deus. Que ben o captou Paulo cando lle lembra á comunidade de Éfeso que os xentís tamén son herdeiros e membros do mesmo corpo!. Por que a nós nos custa tanto asumir que non somos os únicos nin os mellores?. Deixémonos enchoupar da universalidade dun Deus para o que ningunha persoa é estranxeira!.
Pero claro, para iso non temos que quedar na Xerusalén da opulencia, da rutina, do sempre se fixo así, do relixiosamente correcto ou do culto baleiro. Non. Porque unha vez que te deixas guiar pola súa estrela, de certo que toda a túa vida colle un rumbo novo, que moitas veces non sabemos onde nos levará, pero no que atopamos a Deus como caxato no camiño. Se non nos deixamos vencer polo desalento, polo andazo ou pola rutina.... chegaremos a Belén, a esa Belén que nos ensina a vivir na sinxeleza, lembrándonos unha vez máis que a Deus non lle van os fastos, os palacios ou a publicidade. Que, coma os nenos e as nenas que hoxe celebran o seu día, nós tamén lle pidamos aos Magos un chisquiño de ilusión para convencernos de paga a pena traballar por un mundo mellor.
Polo tanto, alumeados por Aquel que se manifesta para toda a humanidade, estamos chamados a sermos tamén nós fachos que alumeen a tantos irmáns e irmás nosos que viven na escuridade, que alumeemos tantas situacións sociais adversas: o consumismo deste primeiro mundo, a fame que mata millóns de persoas, a violencia e as guerras, os escravos incontables, a natureza explotada, os ideais mortos... Porque só si tomamos en serio o noso compromiso activo coma cristiáns seremos capaces de alumear e vencer escuridades. De seguro que se escoitamos o noso corazón, tamén nós chegaremos a Belén.

ORACIÓN COMPARTIDA

Acheguémonos a carón do Deus que hoxe se nos manifesta como luz, paz e xustiza sen distinción de razas, culturas ou linguas, e digamos:
LÉVANOS Á BELÉN DA SINXELEZA
· Pola Igrexa, que hoxe celebra a Epifanía –manifestación- do Señor á todos os pobos. Para que nunca se peche á universalidade, senón que pola contra sexa nai agarimosa que acolle a todas as persoas no seu colo, OREMOS.
· Polas nosas parroquias, para sempre esteamos dispostas e dispostos a agasallar a todas aquelas persoas que piden a nosa man, necesitan a nosa compaña ou agradecen a nosa visita, OREMOS.
· Por cada un e cada unha de nós para que nos poñamos en marcha cara Belén para ensinarlle ás persoas que o amor e o esforzo por facer as cousas ben son o mellor dos agasallos cos que Deus nos agarima cada día, OREMOS.
Ilumina, Señor, o noso camiñar para que sexa xusto e solidario, e fainos testemuñas da túa luz e do teu amor. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DE ESPERANZA

Señor, coma os Magos
queremos buscarte neste mundo insolidario e frío;
queremos atoparte nos barrios marxinais e nos arrabais;
queremos verte nas persoas que esta sociedade esconde e esquece;
queremos descubrirte nas persoas que non contan para os dominantes;
queremos acollerte nas persoas que non teñen o básico e necesario;
queremos darche unha aperta nos que viven nas tebras da desesperanza.
Nas persoas pobres e marxinadas de sempre,
nas persoas emigrantes e paradas sen horizonte,
nas mulleres maltratadas,
na xente maior abandonada,
nas crianzas indefensas,
na xente estrelada,
en todas as persoas feridas e abandonadas á beira do camiño...
queremos buscarte, atoparte, verte, descubrirte, acollerte e abrazarte.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...