Ir al contenido principal

3 domingo TO 2025

 Domingo da Palabra

COMA AQUEL DÍA, TAMÉN HOXE ESPERAMOS NA SÚA PALABRA

(Sal 119, 74)

Sinal: Poñemos diante do altar, sobre unha mesa, o leccionario aberto no evanxeo do día. No momento da proclamación levámolo desde alí ao ambón para proclamalo. Ao remate volvemos poñelo diante do altar.



CANTOS

  • ENTRADA: Non vou so ( 60 )
  • LECTURAS: As túas palabras ( )
  • OFERTORIO: Escoita ti a palabra de Deus (26 )
  • COMUÑÓN: No colo de miña nai ( 49 )

ABRAMOS OS OLLOS

O ano 2019 o papa Francisco instituíu o domingo da Palabra, a celebrar sempre no terceiro domingo do tempo ordinario. Con esta iniciativa busca o papa que as persoas crentes, oíntes da Palabra, comprendamos a súa importancia para a nosa vida cotiá. Porque a Palabra non está pechada nun libro, por moi valiosos que este sexa. Non. A palabra ábrese ao cotián da nosa vida para ser escoitada, ser acollida, ser pensada e, como non, ser vivida coas nosas accións e nas nosas tarefas de cada día. Por iso é Palabra viva e de vida.
Esperemos sempre, como di o lema deste ano, nesta Palabra, sempre esperanza e dinamismo no noso facer do mundo casa de todas e todos.
Que hoxe, ao proclamala, poñamos o mellor da cada un e cada unha de nós para facela nosa.

CO CORAZÓN AQUECIDO

  • Polas veces nas que non temos prestado atención a túa Palabra. SEÑOR, QUE ESPEREMOS NA TÚA PALABRA.
  • Polas veces nas que non nos deixamos enchoupar da túa Palabra. CRISTO, QUE ESPEREMOS NA TÚA PALABRA.
  • Polas veces nas que convertemos a túa Palabra en xustificación dos nosos comportamentos. SEÑOR, QUE ESPEREMOS NA TÚA PALABRA.

A ACOLLER A PALABRA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DE NEHEMÍAS

O sacerdote Esdras trouxo a Lei diante da asemblea, onde se atopaban os homes, mulleres e todos cantos eran capaces de comprende-lo que oían. Era o primeiro día do sétimo mes.

El leu no libro, desde o amañecer ata o mediodía, ós homes, mulleres e a cantos tiñan uso de razón. Os oídos de todo o pobo estaban atentos ó libro da Lei.

O escriba Esdras estaba en pé sobre unha tarima de madeira, preparada con esta ocasión

Esdras abriu o libro á vista de todo o pobo, pois colocárase por cima da comunidade, e cando o abriu, o pobo púxose en pé. Entón Esdras bendiciu ó Señor, o gran Deus, e todo o pobo respondeu: ‑"Amén, amén", levantando as mans. Despois inclináronse e prosternáronse diante do Señor, rostro en terra.

Lían no libro da Lei de Deus, traducíndoo e facendo comprende-lo que lían.

Entón o gobernador Nehemías, o sacerdote-escriba Esdras e os levitas que explicaban a Lei ó pobo, dixeron a toda a asemblea:

‑"Este día está consagrado ó Señor, o voso Deus. Polo tanto, cesade no voso pranto e non choredes máis" (pois todo o pobo choraba ó oí-las palabras da Lei).

El díxolles:

‑"Ídevos e comede ben, e bebede excelentes viños, e levádelles tamén ós que non teñen nada preparado, pois este día está consagrado ó noso Señor. Nin sigades tristes, porque o gozo do Señor é a vosa forza".

SALMO RESP..-   As túas palabras, Señor, son Espírito e vida

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

Igual que o corpo, sendo un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos, non fan máis dun corpo: así tamén Cristo. Porque a todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo: tanto xudeus coma gregos, tanto escravos coma libres. E a todos se nos deu a beber un único Espírito.

Pois ben, o corpo non está formado por un único membro senón por moitos.

Ben, pois vós sodes corpo de Cristo e tamén membros, cada un pola súa parte. Palabra do Señor.

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Posto que moitos emprenderon a tarefa de narrar axeitadamente os feitos ocorridos entre nós, tal como nolos transmitiron desde o principio as testemuñas oculares e mailos predicadores da palabra, decidín eu tamén, despois de me informar con tino desde as orixes, escribirchos ordenadamente para ti, ilustre Teófilo, a fin de que coñezas ben a firmeza das ensinanzas nas que te instruíron.

Coa forza do Espírito Santo, Xesús volveu a Galilea, e a súa sona estendeuse por toda a redonda.

Ensinaba nas sinagogas, e todo o mundo dicía moito ben del.

Chegou a Nazaret, onde se criara, e o sábado entrou, como estaba afeito, na sinagoga. Ergueuse para face-la lectura, e déronlle o libro do profeta Isaías. Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía:

O Espírito do Señor está sobre min

porque El foi quen me unxiu

para proclamárlle-la Boa Nova ós pobres.

Mandoume para lles anuncia-la liberación ós secuestrados

e a vista ós cegos,

para lles dar liberdade ós asoballados,

e proclama-lo ano de gracia do Señor.

Pechando o libro, devolveullo ó encargado, e sentou. Tódolos ollos da sinagoga enteira estaban fixos nel. Logo empezoulles a dicir:

‑Hoxe cómprese diante de vós esta pasaxe da Escritura. Palabra do Señor.

FACÉNDOA VIDA

Neste VI domingo da Palabra vimos de escoitar nela como Deus nos invita non só a escoitala, senón tamén a interiorizala e reflexionala, converténdoa en vida que vaia alentando o noso camiñar cotián. Ese camiñar que nunca se fai de maneira individual, pois é sempre camiñar comunitario; camiñar acompasado e compartido con quen nos imos atopando ao longo do camiño.
E neste camiñar compartido, dinos o Señor que o domingo é día para xuntarnos, para compartir, para celebrar que El está e vai no medio de nós. Un nós que se fai corpo de Cristo en cada un dos membros que conformamos as comunidades cristiás. Un nós que acolle o testemuño que, ao longo dos séculos nos foron transmitindo homes e mulleres que tamén o recibiran das xeracións anteriores. Neste nós comunitario, hoxe reunímonos para facer desta Palabra guieiro esperanzado nas noites, tantas veces escuras! , das nosas vidas.
Non fagamos oídos xordos a esta achega que Deus nos fai a través por medio da súa Palabra anunciada, vivida e testemuñada por tantas xeracións ao longo dos tempos.
· “Este día está consagrado ó Señor, o voso Deus”. O Deus que, fundamentalmente e por riba de todo, é esperanza invítanos vivir o domingo como día de encontro, de oración participada, de aloumiño comunitario, de sorriso compartido e saúdo de bendición entre todas e todos nós. Si, porque achegarnos á celebración do domingo non é nin un costume nin tampouco unha rutina. Iso, quizais teña sido noutro tempo, pero xa quedou atrás. É unha decisión libre e gozosa para que nos volvamos ver, para que volvamos escoitarnos, para que volvamos a compartir a forza da Palabra proclamada para alentar a nosa vida de cada día. Por iso, dedicando un pouco do noso tempo ao Señor, estamos facendo posible que a forza da súa esperanza poida ser tamén compartida por nós ao reunirnos no seu nome.
· “Vós sodes corpo de Cristo e tamén membros“. E iso por que? Poderiamos preguntarnos. E Paulo danos a resposta, porque como vimos de escoitar somos corpo de Cristo, non individuos na procura do seu propio interese. Non. Somos corpo, e como corpo conformamos unha vivencia plural, gozosa, leda, solidaria e caritativa do noso ser cristiás e cristiáns, do noso ser vivencia e encontro comunitario. Non imos cadaquén polo seu lado buscando o que nos convén. Ao contrario, camiñamos paseniño tendendo a man e entrelazándoa para ir construíndo espazos e experiencias de axuda, colaboración, de participación comprometida contra toda desesperanza que puidera xurdir nos nosos corazóns.
A celebración do domingo temos que intentar que sexa mesa fraterna de pan compartido. E nese pan non están só as cousas boas e ledas, tamén compartimos; e nese compartir buscamos axudar a superar as dificultades, as tristuras e mesmo os desacougos. E iso por que? Porque somos corpo entrelazado nun camiñar cara a meta común.
· “Tal como nolos transmitiron desde o principio as testemuñas“. E podemos falar desta experiencia porque nola foron transmitindo tódalas testemuñas que antes ca nós tamén compartiron este mesmo camiño de seguimento de Xesús no medio de mundos e momentos difíciles e, moitas das veces, que ían a contracorrente do que pensaban que era o mellor. E se eles e elas foron as testemuñas que fixeron posible que esta experiencia chegase ata nós, hoxe correspóndenos a nós seguir testemuñando, coa nosa vida, non o esquezamos, a forza que nos transmite a Palabra que Xesús nos legou, así como o seu xeito de vivir, tratar e compartir con aqueles que gozaron da súa presenza e da forza da súa persoa. E, neste ano xubilar guiado sempre pola esperanza, vivamos, actuemos, recemos, compartamos, acollamos... sempre con mans abertas e corazón aquecido, sen levantar os pés do chan, a quen o precise, e sabendo sempre que como corpo de Cristo, estamos chamadas e chamados a abrir fendas de fraternidade que rachen calquera exclusión, violencia ou discriminación. No nome do Deus da esperanza, traballemos para levar esa esperanza coa nosa vida, os nosos feitos e a nosa palabra!, que ha chegar sempre ao corazón.

DESDE O COMPARTIR COMUNITARIO

Irmáns e irmás, ao reunirnos en asemblea para celebrar os misterios da nosa redención, imploremos a Deus Todopoderoso, para que a través da súa Palabra se renove o noso camiño cara á santidade. Oremos xuntos e digamos: FAINOS, SEÑOR, PERSOAS ANUNCIADORAS DA TÚA PALABRA.
  • Polos lectores e catequistas que hoxe recibirán o seu ministerio, para que, afondando cada día na Palabra de Deus, se configuren con ela e a transmitan co testemuño da súa propia vida. OREMOS. 
  • Para que os pais e nais, iluminados e fortalecidos pola Palabra de Deus, teñan a sabedoría para guiar ás súas crianzas, transmitíndolles a fe, OREMOS.
  • Por toda a comunidade cristiá que escoita a Deus reunida arredor da súa Palabra, para que medre en unidade e dea un auténtico testemuño do amor de Deus, OREMOS.
  • Pola Igrexa, chamada a estar unida en Cristo, para que, escoitando a Sagrada Escritura, saiba descubrir o camiño para acadar unha auténtica e sólida unidade, OREMOS.
  • Por nós, para que abramos o noso corazón á Palabra de Deus e así traballemos xuntas e xuntos cada día para construír a paz, OREMOS.
Acompaña, Pai misericordioso, estas oracións que compartimos con fe sabéndonos comunidade reunida no nome do teu fillo Xesús. El que vive e reina por sempre eternamente. Amén.

QUE NOS CHAMA A CAMIÑAR

Deus quere ter unha relación persoal e íntima connosco. Xesús tocou o corazón de tantos que o atoparon no Evanxeo. Estes entenderon que ter unha relación de amizade con Xesús implica confiar na súa palabra, recoñecer que só El ten palabras de vida eterna (cf. Xn 6,68), aínda que non sempre é doado entender a súa forma de actuar, nin sequera para os discípulos nin para nós hoxe. Vémolo en Pedro, cando lle di a Xesús: "Traballamos toda a noite e non collemos nada". Porén, había algo nel que fomentaba a confianza, inspiraba seguridade e facía nacer a esperanza na súa Palabra: "na túa palabra botarei as redes". Na intimidade con El, “Pedro e os demais apóstolos atoparon só nel a resposta á sede de vida, a sede de alegría, a sede de amor que os anima; Só grazas a El experimentaron a plenitude de vida que buscan”
(Papa Francisco, Ánxelus, 25 de agosto de 2024)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

2 Nadal 2026

  PERSOAS BENDICIDAS NA PALABRA ENCARNADA     CANTO GOZOSO           - Entrada: Que ledicia (nº 4)          - Lecturas: Con tódalas criaturas (Nº 22)          - Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)    - Comuñón: Acharte presente (Nº 51)   A MAXIA DE ABRIR OS OLLOS Escoitaremos hoxe na proclamación da palabra que somos persoas bendicidas por Deus. Unha bendición que temos recibido na Palabra Encarnada que, como dicíamos o día de Nadal, faise dos nosos para que nós poidamos ser Del. Pero grazas á Encarnación non só somos persoas bendicidas, senón elixidas para facer do Deus Amor presenza viva a través do noso testemuño.  A isto se nos convida neste tempo de Nadal: no medio de tanto balbordo chámasenos a facer silencio dentro de nós para escoitar a súa chamada; no medio de tanto lucerío invítasenos a descubrir a Luz verda...