Ir al contenido principal

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE

CANTO GOZOSO

 

ö ENTRADA: Vinde axiña (  10    )

ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125)

ö LECTURAS: Manda o teu Espírito

ö OFERTORIO: Sementar, sementarei

ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)

MIRADA AGRADECIDA

Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo.

E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningunha persoa se lle ocorrería por separado. Iso é Pentecostes.

Ás veces, por pura comodidade ou porque nos asusta o que sae do guión, preferimos a seguridade de quedar encerradas e encerrados no de sempre antes que abrir as portas ao que o Espírito nos pide. Pero o vento de hoxe vén mover os cimentos desta igrexa e das nosas vidas. Vén lembrarnos que a nosa diversidade non é un problema que haxa que corrixir, senón a maior riqueza da nosa comunidade. Deus búscanos e conta connosco tal e como somos, coas nosas luces e coas nosas feridas reais, sen discursos prefabricados.

Benvidas cantas persoas formamos hoxe esta asemblea. Afinemos as vidas e poñámonos a escoitar a quen temos ao lado, porque hoxe a música do Alento faimos comuñón.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

*      Ti que nos chamas a ser orquestra viva, saíndo do noso propio egoísmo; SEÑOR, ESPÉRTANOS CO TEU SOPRO DE VIDA.

*      Ti que nos agasallas co Espírito para romper os muros que nos separan; CRISTO, ESPÉRTANOS CO TEU SOPRO DE VIDA.

*      Ti, que abres as nosas portas para que saiamos á rúa sen escusas nin medos; SEÑOR, ESPÉRTANOS CO TEU SOPRO DE VIDA.

PALABRA PROCLAMADA

PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

Cando se cumpriron os días de Pentecostes, estaban todos xuntos no mesmo sitio. De súpeto, veu do ceo un ruído coma dun forte golpe de vento, que encheu toda a casa onde estaban; e apareceron talmente coma linguas de lume, que, repartidas, foron pousando unha sobre cada un deles. Quedaron cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar noutras linguas, conforme lles concedía o Espírito.

Había daquela en Xerusalén xudeus piadosos de tódalas nacións da terra. O se producir aquel estrondo, xuntouse a xente e ficou moi desconcertada, porque cada un os sentía falar na súa propia lingua. Pasmados e admirados, dicíanlles uns a outros: "¡Olla! ¿E todos estes que están aí a falar non son galileos? ¿E logo como é que os sentimos falar cada un de nós no noso propio idioma nativo? Partos, medos, elamitas, xente da Mesopotamia, Xudea, Capadocia, Ponto, Asia, Frixia e Panfilia, do Exipto e da parte de Libia contra Cirene, forasteiros romanos tanto xudeus coma prosélitos, cretenses e árabes, sentimos falar nas nosas linguas das grandezas de Deus".

PALABRA DO SEÑOR

SALMO RESPONSORIAL

Manda Señor o teu Espírito e renova a faciana da terra

Alma miña, bendice ó Señor.

Señor, meu Deus, ti es moi grande,

¡Cantas son, Señor, as túas obras,

A terra está chea das túas creaturas.

Manda Señor o teu Espírito e renova a faciana da terra

Retiras o teu alento, e expiran,

voltando ó seu po.

Mandas o teu alento, e son creados

e renovas a cara da terra.

Manda Señor o teu Espírito e renova a faciana da terra

Gloria ao Señor por sempre,

alégrese o Señor coas súas obras.

Que El acolla o meu cantar

e alegrareime eu no Señor.

Manda Señor o teu Espírito e renova a faciana da terra

 

PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE PAULO AOS CORINTIOS

Irmáns e irmás:

Ninguén que diga "Arrenegado sexa Xesús", fala movido polo Espírito de Deus; e ninguén é capaz a dicir "Xesús é o Señor", se non é baixo o influxo do Espírito Santo.

Hai diversidade de dons, pero un mesmo Espírito. Hai diversidade de servicios, pero un mesmo Señor. Hai diversidade de realizacións, pero un mesmo Deus, que é quen realiza todo en todos.

A cadaquén dáselle a manifestación do Espírito para o ben común. A un o Espírito dálle palabra de sabedoría; a outro dálle palabra de ciencia o mesmo Espírito; a aqueloutro o mesmo Espírito concédelle fe. A un este mesmo Espírito dálle o don de curacións; a outro, o don de facer milagres; a outro, o don da profecía; a outro, discernimento de espíritos. A un, don de falar distintas linguas; a outro, o saber interpretar esas linguas. Pero todo isto é un e o mesmo Espírito quen o realiza, repartindo a cada un en particular, como a El lle parece.

Porque igual que o corpo, sendo un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos, non fan máis dun corpo: así tamén Cristo. Porque a todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo: tanto xudeus coma gregos, tanto escravos coma libres. E a todos se nos deu a beber un único Espírito.

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO XOÁN

Naquel día, o primeiro da semana, ó serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús, e, poñéndose no medio, díxolles:

-        Paz convosco.

Dito isto, mostróulle-las mans e mailo costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor. El díxolles outra vez:

-        Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.

E dito isto alentou sobre eles, e díxolles:

-        Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.

PALABRA DO SEÑOR

PALABRA ENRAIZADA

1-   O perigo de cheirar a pechado

Se estivésemos alí aquel día, o que veriamos non sería un grupo de heroes valentes listos para salvar o mundo. O que hai alí dentro é un grupo de persoas mortas de medo, cos ferrollos botados por dentro, as cortinas pasadas e botando contas de a quen lle tocaría caer despois de Xesús. Estaban aflixidos, si, pero nesa comodidade na que o medo che serve de escusa para non mover un dedo. Había xa cheiro a cerrado.

E de súpeto... ¡zas! Entra un vendaval sen pedir permiso que fai voar os papeis e racha as portas de par en par. O Espírito de Deus non é un ventilador suave para refrescar a sesta da nosa fe; é un furacán que vén ventilar as nosas rutinas. Hoxe dinos que pechar as portas da nosa igrexa ou do noso corazón por medo ao mundo que avanza non é prudencia, é covardía. O Espírito ponnos de patas na rúa e obrígamos a falar unha linguaxe que a xente entenda fóra, non esa xerga de sancristía que só entendemos catro e que xa non lle di nada á humanidade.

2-  Compoñentes dunha mesma orquestra

San Paulo dío de xeito maxistral, case con retranca: se todo o corpo fose ollo, onde quedaría o oído? Se todos fósemos ladrillos, o único que poderiamos construír sería un muro gris, frío e aburrido. Pero hoxe celebramos que somos pezas vivas. O perigo das nosas comunidades é que ás veces nos entra a querenza de que todo o mundo sinta coma nós, vote coma nós, rece coma nós e faga as cousas "como se fixeron toda a vida". Iso non é o Reino, iso é un cuartel.

Acomodar os dons de cada persoa dá traballo. Escoitar a quen desafina ou trae un ritmo diferente esixe paciencia. Pero aí está o milagre. O Espírito non homoxeneiza, non pasa o rodete para que todos sexamos iguais; o Espírito harmoniza. A túa historia, o teu xeito de ser, as túas feridas e incluso as túas dúbidas son o teu instrumento. Non queiras ser unha trompeta se naciches para violín. Sé ti mesma, sé ti mesmo, pero ponte a tocar coa túa comunidade.

3-  O xesto do envío a entregar a vida

Xesús ponse no medio dos seus amigos e o primeiro que fai é ensinarlles as mans e o costado. Non lles amosa un título de propiedade nin un carné de pureza; amósalles os buracos dos cravos, as súas cicatrices. E acto seguido, soprou sobre eles. Ese alento é o bico da paz que recrea as vidas rachadas. Xesús non agarda a que esteamos limpas, impecables e sen pecados para dicirnos: "Como o Pai me enviou, así vos envío eu". Envíanos tal e como estamos hoxe aquí, coas nosas canseiras da semana, coas nosas liortas na casa e coas nosas fraxilidades e contradicións.

O Espírito de Deus non é un frasco de colonia para botar os domingos e ulir a santo nos bancos da igrexa. É o motor para saír de aquí, cruzar esa porta e transformar a terra. Envíanos onde doe: a poñer paz alí onde a xente só se move por interese, a poñer unha palabra de agarimo onde hai berros e a ser testemuñas de que outra forma de vivir e de tratarnos é posible. Non somos ladrillos colocados nunha parede; somos pezas vivas na rúa.

ORACIÓN COMPARTIDA

Irmás e irmáns, o Espírito de Deus non nos deu a palabra para dar discursos bonitos, senón para poñer a vida sobre a mesa. Confiadas e confiados nese Alento que pon patas arriba as nosas seguridades, poñemos en común o que nos fire e o que agardamos, dicindo:

QUE O ESPÍRITO DO SEÑOR DERRUBE OS MUROS DO NOSO CORAZÓN

·       Para que na nosa Igrexa deixemos de ter nostalxia do pasado e medo do mundo de hoxe, OREMOS.

QUE O ESPÍRITO DO SEÑOR DERRUBE OS MUROS DO NOSO CORAZÓN

·       Por quen ten o poder de cambiar as cousas e prefire mirar para outro lado, por quen goberna e decide na política ou na economía coma se as persoas fósemos números ou ladrillos grises nunha parede, esquecendo a quen queda esnaquizada na rúa, OREMOS.

QUE O ESPÍRITO DO SEÑOR DERRUBE OS MUROS DO NOSO CORAZÓN

·       Polas nosas veciñas e veciños que hoxe teñen a alma cheirando a cerrado: por quen vive coas cortinas pasadas polo enfermidade, pola depresión, polo desemprego ou polo esquecemento dos seus, para que atopen en nós un bico de paz real e non un silencio de cara, OREMOS.

QUE O ESPÍRITO DO SEÑOR DERRUBE OS MUROS DO NOSO CORAZÓN

·       Por cada unha e cada un de nós, para que se nos quite a querenza de criticar a quen desafina ou a quen ten un ritmo distinto ao noso, OREMOS.

QUE O ESPÍRITO DO SEÑOR DERRUBE OS MUROS DO NOSO CORAZÓN

Escoita, Deus de hoxe e de sempre, esta música que che presentamos sen caretas. Ventila os nosos medos, bota abaixo os nosos cárceres e faimos pezas vivas na rúa. PXNS. Amén.

 

MIRADA ESPERANZADA

É moito máis doado ser ladrillo. Os ladrillos non protestan, non dubidan, non senten canseira nin teñen feridas. Só teñen que deixarse colocar na parede, un enriba doutro, idénticos, grises e mudos, para levantar muros que nos protexan de quen vén de fóra. En serie todo é máis cómodo. Todo está controlado.

Pero o Espírito de Deus non é un construtor de muros; é un Director de orquestra. E a orquestra esixe o risco de ser pezas vivas. Esixe aceptar que a persoa do lado non ten que soar coma ti, nin pensar coma ti, nin rezar coas túas mesmas palabras. Esixe paciencia para escoitar a quen desafina e xenerosidade para poñer o teu propio timbre ao servizo dunha melodía común que supera e envolve a toda a humanidade.

Pentecostes non é unha lembranza bonita de hai dous mil anos. É o vendaval que hoxe entra polas fendas dos nosos muros para dicirnos: “Deixade de cheirar a cerrado. Saíde á rúa. Vivide a diversidade sen medo”.

 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...