Ir al contenido principal

Ascensión 2026 A


COMUNICAR A ESPERANZA NUNHA TERRA CON VOZ PROPIA 

CANTO GOZOSO 

  

  1. ENTRADA: Todos xuntos (Nº 56) 

  1. ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) 

  1. LECTURAS: Canta Aleluia (Nº 21) 

  1. OFERTORIO: Sementar, sementarei 

  1. COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) 

MIRADA AGRADECIDA 

Hoxe estamos de festa por partida dobre: celebramos a Ascensión e tamén o Día das Letras Galegas. Ámbalas dúas festas teñen unha mesma mensaxe: o que é noso, o que nos toca o corazón, non pode quedar gardado nun caixón nin perdido nas nubes.  

Xesús non ascende para que quedemos na orfandade, senón para que collamos o relevo, para que entendamos que agora a súa voz é a nosa, e que os seus milagres teñen que saír das nosas mans. E que mellor día para asumilo que hoxe, o Día das Letras Galegas. Porque a nosa lingua é moito máis que palabras: é a nosa raíz, o xeito no que os nosos maiores nos ensinaron a querer e a rezar. Reivindicar o noso hoxe, sen vergoña e con orgullo, é tamén unha forma de facer o Reino de Deus. Porque un pobo que esquece quen é, acaba esquecendo tamén como coidar aos seus. 

Benvidas, benvidos a esta casa, onde aprendemos que o ceo non está lonxe. O ceo está en cada palabra de alento que damos na nosa fala, en cada xesto de axuda e en cada anaco de terra que coidamos.  

Empecemos, pois, esta festa da responsabilidade e da identidade. 

CORAZÓN MISERICORDIOSO 

  1. Polo noso complexo de inferioridade e polo noso silencio; por todas as veces que permitimos que a nosa lingua e a nosa cultura se fagan pequenas ou as agochamos por vergonza, SEÑOR, FAI QUE NOS DOIA O MUNDO. 

  1. Por todas as veces que nos quedamos a "balconear a vida"; por mirar os problemas desde lonxe e desentendernos da nosa tarefa de persoas cristiás, preferindo a comodidade da barreira antes que mollarnos por un mundo máis xusto e humano, CRISTO, FAI QUE NOS DOIA O MUNDO. 

  1. Por buscarte só nas nubes e fuxir do compromiso co que é noso; por non ser a túa voz na rúa e por non defender a identidade e a dignidade do noso pobo galego, SEÑOR, FAI QUE NOS DOIA O MUNDO. 

PALABRA PROCLAMADA 

PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS 

O primeiro libro fíxeno, Teófilo, acerca de todo o que Xesús obrou e ensinou desde o comezo, ata o día que foi levado ó ceo, logo de ter dado instrucións polo Espírito Santo ós apóstolos que escollera. 

Os mesmos que tamén se lles amosara vivo, con moitas probas despois da súa paixón, aparecéuselles durante corenta días e faláballes das cousas referentes ó Reino de Deus. E comendo con eles, encomendoulles que non se retirasen de Xerusalén, senón que agardasen a promesa do Pai que me escoitastes a min: porque Xoán bautizou con auga, mais a vós bautizarásevos co Espírito Santo, de aquí a poucos días. 

Os que estaban reunidos preguntábanlle: 

  • Señor, ¿é agora cando vas restablece-lo Reino de Israel? 

El respondeulles: 

  • Non vos acae a vós coñece-lo tempo ou a oportunidade que o Pai fixou co seu propio poder. Pero recibiréde-la forza do Espírito Santo, que virá sobre vós e seréde-las miñas testemuñas en Xerusalén, en toda a Xudea e Samaría e ata os confíns da terra. 

En dicindo isto, elevouse á vista deles e unha nube quitóullelo da súa vista. E estando eles fitando para o ceo mentres el marchaba, presentáronselles dous homes con vestidos brancos, que dixeron: 

  • Galileos, ¿que facedes ollando para o ceo? Este Xesús que vos foi levado de entre vós ó ceo, ha volver do mesmo xeito que o vistes ir. 

PALABRA DO SEÑOR 

SALMO RESPONSORIAL 

Deus sobe entre aclamacións 

Aplaudide, pobos todos, 

aclamade a Deus con cancións. 

O Señor é excelso e terrible, 

o grande rei de toda a terra. 

Deus sobe entre aclamacións 

Deus sobe entre aclamacións, 

o Señor, ó son de trompetas. 

Cantádelle a Deus, cantádelle, 

cantádelle ó noso rei, cantádelle  

Deus sobe entre aclamacións 

Deus é o rei de toda a terra: 

cantádelle con xeito. 

Deus reina sobre as nacións, 

sentado no seu trono sagrado. 

Deus sobe entre aclamacións 

PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO AOS EFESIOS 

Irmáns e irmás: 

O Deus do noso Señor Xesús Cristo, o Pai glorioso, vos conceda espírito de sabedoría e de revelación, para coñece-lo ben; que manteña iluminados os ollos da vosa alma, para que comprendáde-las esperanzas que abre a súa chamada, a riqueza que supón a súa gloriosa herdanza destinada ós crentes, e o extraordinario portento que é o seu poder verbo de nós, os que cremos, en consonancia co vigor da súa potencia e da súa forza, que exerceu con Cristo resucitándoo de entre os mortos e sentándoo á súa dereita nos ceos, por riba de toda soberanía, autoridade, forza e dominio, e por riba de todo título recoñecido neste mundo e tamén no vindeiro. Someteuno todo baixo os seus pés e deullo por riba de todo como cabeza á Igrexa, que é o seu corpo, a plenitude daquel que o enche todo en tódalas cousas. 

  

PALABRA DO SEÑOR 

  

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEU 

Os once discípulos fóronse para Galilea ó monte onde Xesús os citara. E véndoo, postráronse ante el, anque algúns dubidaban. Xesús, achegándose, díxolles: 

  • Déuseme todo poder no ceo e mais na terra. Ide, pois, e facede discípulos meus a tódolos pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo; ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo. 

PALABRA DO SEÑOR 

PALABRA ENRAIZADA 

  1. As primeiras letras 

Sempre nos pasa o mesmo. Cando a realidade se pon difícil ou cando Deus parece que se nos escapa entre os dedos, dámonos ao vicio de estirar o pescozo e quedar embobadas e embobados mirando ás nubes. É moito máis cómodo buscar a Deus alí arriba, lonxe, onde non molesta, que buscalo aquí abaixo. A Ascensión non é a crónica dunha fuxida. Xesús non marchou para desentenderse de nós, nin para que quedásemos de espectadores mirando como escapa entre as nubes. A Ascensión dános as nosas "primeiras letras" para entendermos que a Xesús non se lle busca lonxe, senón na pegada que deixou na terra: na man que axuda, na palabra que defende a xustiza ou na beleza da casa común que agoniza. Se quedamos "plantados" mirando ás nubes, o Evanxeo pérdese porque non ten pés que o camiñen. Ser crente hoxe é ter a valentía de baixar a mirada, ver as feridas da nosa xente e entender que o único xeito de tocar o ceo é manchando as mans co barro do noso día a día. 

  1.  A gramática 

Paulo pídelle a Deus hoxe algo fundamental: que manteña iluminados os ollos da vosa alma. E pídeo porque a nosa maior pobreza é a cegueira de non valorar o que somos. Moitas veces vivimos a nosa fe e a nosa identidade como algo de segunda, como se fósemos unha tradución mal feita dun mundo máis importante que o noso. Pero a "gramática" de Paulo dinos que temos unha "gloriosa herdanza", un tesouro que nos define. Esa herdanza en Galicia ten un nome, ten un xeito de rezar, de cantar e de falar. Recoñecer o "portento" do poder de Deus é recoñecer que El se quixo manifestar precisamente a través da nosa cultura e da nosa lingua. Se non somos capaces de amar a nosa raíz, se nos avergoñamos do noso acento ou se pensamos que a nosa fala non serve para o sagrado, estamos desprezando o agasallo que Deus nos deu. Ter os ollos iluminados é descubrir que a nosa identidade non é un estorbo, senón o lugar exacto onde Deus nos citou para construír o seu Reino. 

  1. O dicionario 

O Evanxeo hoxe non nos pide permiso, dános unha orde: Ide polo mundo enteiro e anunciade. Ese é o noso dicionario, un libro de combate que non está feito para quedar nas sancristías, senón para ser gastado no camiño. A Gaudium et Spes dinos que se a nosa fe non se "incultura", se non se abraza á nosa lingua e á nosa pel, acaba sendo só unha pose que non convence. Como nos ensina o Concilio, a Igrexa non ten unha única cara, ten que ter a cara do pobo onde habita. Por iso, o noso compromiso é que a palabra de Deus non soe a unha tradución mal feita que chega de lonxe, senón a unha verdade que nace das nosas propias entrañas. Ser testemuñas nesta esquina do mapa é ter a coraxe de que a nosa esperanza teña o noso acento, porque un Evanxeo que non se molla na nosa cultura é un Evanxeo que non ten sangue. Ou lle poñemos voz ao que somos, ou o noso anuncio será só un eco baleiro. 

ORACIÓN COMPARTIDA 

Non quedemos inmóbiles mirando ás nubes. Xesús ascende para que nós sexamos os seus pés, as súas mans e a súa voz aquí, no medio do noso pobo. Hoxe, co orgullo da nosa lingua e a esperanza do Evanxeo, presentámoslle ao Pai o que somos dicindo: 

QUEREMOS SER A TÚA VOZ CO NOSO PROPIO ACENTO 

  • Pola Igrexa, para que entenda que a súa misión non é impoñer unha cultura sobre outra, senón inculturar o Evanxeo en cada recuncho do mundo, para que a mensaxe de Xesús non sexa un produto de exportación, senón unha semente viva que brota en cada lugar coa súa propia forza. OREMOS. 

QUEREMOS SER A TÚA VOZ CO NOSO PROPIO ACENTO 

  • Neste día no que celebramos as nosas Letras e sentimos que a nosa lingua é un agasallo sagrado, pedímosche que saibamos defendela e coidala como o altar onde a nosa fe se fai máis de verdade, OREMOS.  

QUEREMOS SER A TÚA VOZ CO NOSO PROPIO ACENTO 

  • Hoxe, no día no que celebramos a Xornada Mundial das Comunicacións Sociais, pedimos por todas as persoas que teñen o poder da palabra nos medios e nas redes. Para que sexan artesás da verdade e fuxan da mentira que divide e enfronta, OREMOS.  

QUEREMOS SER A TÚA VOZ CO NOSO PROPIO ACENTO 

  • Por cada unha e cada un de nós, para que a Ascensión nos saque da comodidade do sofá e entendamos que se nós non traballamos pola xustiza e polas persoas que sofren, o Reino de Deus quedará sen mans. OREMOS. 

QUEREMOS SER A TÚA VOZ CO NOSO PROPIO ACENTO 

Concédenos, Señor, a graza de sermos as túas testemuñas valentes. Que a nosa fe se encarne na nosa cultura e na nosa lingua, que a nosa comunicación sexa sempre semente de verdade, e que ao baixar hoxe deste monte da Ascensión, saibamos ser semente do Reino alí onde estamos. PXNS. Amén.  

MIRADA ESPERANZADA 

Grazas, Señor, porque hoxe a túa Ascensión non nos separa, senón que nos pon en camiño. Grazas porque non es un Deus de silencios, senón a Palabra que quixo ter a nosa carne e a nosa historia. 

Hoxe darchas grazas é agradecerche o noso propio acento. Grazas por ese "dicionario" de esperanza que hoxe escribimos con compromiso, e por ensinarnos que ser a túa "plenitude" é facer que ninguén se sinta estraño na túa casa. 

Grazas por confiarnos a Verdade nun tempo de ruído, e por facernos entender que a mellor comunicación é unha vida que se entrega, con verdade e sen complexos, desde esta terra que tanto amamos. 

Grazas pola nosa lingua e pola nosa cultura. Grazas porque nelas atopamos a gramática do amor e a raíz onde Ti queres habitar. Grazas, Señor, por deixarnos falar contigo coa nosa propia voz e co noso propio acento. 

 





Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...