Ir al contenido principal

2 domingo Nadal 2025

Bendito Aquel que coa súa encarnación nos trouxo a esperanza! 

Cantos.

Entrada.- Que ledicia miña (4)
Lecturas.- Escoita ti a palabra de Deus (25)
Ofertorio.- Na nosa terra (36)
Comuñón.- No colo de miña nai (49 )

Ollos abertos e corazón aquecido

Escoitaremos hoxe na proclamación da palabra que fomos bendicidos por Deus; unha bendición que temos recibido coa encarnación de Xesús. El fíxose dos nosos para que nós puideramos ser Del. Neste dinamismo revolucionario, Deus non queda no abstracto de ser algo que vixía e controla, ao contrario, faise alguén para, poñendo os pés na terra, ofrecernos un proxecto de dignificación, de salvación e de esperanza.
Nesta esperanza volvemos reunirnos nesta mañá para agradecela, compartila, celebrala e rezala comunitariamente.

Corazón de misericordia

  • Porque non sempre temos sido capaces de facer da oración experiencia comunitaria. Señor, que amemos de corazón.
  • Porque moitas veces damos as costas a sabernos bendicidos e queridos por Deus. Cristo, que amemos de corazón.
  • Porque non acabamos de esforzarnos para que a tebra non aniñe en nós. Señor, que amemos de corazón.

 

Palabra proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO

A Sabedoría fai a propia louvanza
e gábase no medio do seu pobo;
Abre a boca na asemblea do Altísimo,
proclama a súa gloria diante do seu exército:
‑"Eu saín da boca do Altísimo
e recubrín a terra coma a néboa;
plantei a miña tenda no máis alto
e pousei o meu trono nunha columna de nubes.
Foi entón cando o creador universal me ordenou
e o que me formou fíxome planta-la tenda
dicíndome: Afinca en Xacob,
colle por herdanza a Israel.
Antes dos séculos, desde o comezo, creoume
e endexamais non deixarei de existir;
oficiei na súa tenda santa, diante del,
e deste modo estableceume en Sión;
do mesmo xeito, fíxome acougar na súa cidade amada,
Xerusalén, onde goberno.
Botei raiceiras nun pobo de moita sona
e teño a miña herdanza na parcela do Señor. Palabra do Señor.

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS EFESIOS

¡Bendito sexa o Deus e Pai do noso Señor Xesús Cristo, que por medio de Cristo nos bendiciu no ceo con toda clase de bendicións do Espírito! Porque nos escolleu antes da formación do mundo, para que fósemos santos e sen mancha perante El polo amor.
El decidiu xa daquela porfillarnos por medio de Xesús Cristo, para El, conforme o designio da súa vontade
Por iso, tamén eu, tendo oído falar da vosa fe no Señor Xesús e do voso amor a tódolos crentes, non paro de lle dar gracias a Deus por vós, recordándovos nas miñas oracións, de xeito que o Deus do noso Señor Xesús Cristo, o Pai glorioso, vos conceda espírito de sabedoría e de revelación, para coñece-lo ben; que manteña iluminados os ollos da vosa alma, para que comprendáde-las esperanzas que abre a súa chamada, a riqueza que supón a súa gloriosa herdanza destinada ós crentes. Palabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN 

No principio existía a Palabra,
e a Palabra estaba onda Deus,
e a Palabra era Deus.
Ela estaba no principio onda Deus.
Todo foi feito por ela,
e sen ela non se fixo
nada do que foi feito.
Nela estaba a vida,
e a vida era a luz dos homes;
a luz aluma na tebra,
e a tebra non a deu apagado.
(A Palabra) era a verdadeira luz
que aluma a todo home
que vén a este mundo.
Ela estaba no mundo,
e o mundo foi feito por ela,
pero o mundo non a recoñeceu.
Veu á súa propiedade,
e os seus non a acolleron.
Pero a cantos a recibiron,
‑ós que cren no seu nome‑
déulle-lo poder
de seren fillos de Deus.
Estes, non naceron do sangue,
nin da vontade da carne,
senón de Deus.
E a Palabra fíxose carne,
e plantou entre nós a súa tenda,
e nós vímo-la súa gloria,
gloria coma de Unixénito
que vén do Pai,
cheo de gracia e de verdade. Palabra do Señor.

Palabra remoída

·      Bendiciunos. Porque en Deus todas e todos recibimos a súa bendición, podemos dicir que nela e con ela chegounos a dignidade. Esa dignidade compartida e que nos fai iguais, por riba de calquera das diferenzas que as persoas nos empeñemos en impoñer, mandar ou converter en poder. Deus fainos iguais para que nesa igualdade ninguén se crea nin mellor nin superior nin con capacidade de dominar e controlar aos demais. E esta dignidade, sempre bendicida, é froito da encarnación do seu Fillo; encarnación que celebramos neste tempo de Nadal como eixe da presenza de Deus no medio do mundo, non para dominalo ou manipulalo, senón para desenvolvelo desde a esperanza, a xustiza, a igualdade e a solidariedade. Sendo estes catro eixes desde os que a bendición recibida de Deus cobra sentido e nos dá pulo para que a indiferenza diante do que pasa no mundo non se achegue e quede en nós. Desde a dignidade da bendición recibida, non calamos diante do abuso, a violencia, o maltrato ou a invisibilidade. E fronte dos que din que a fe para nada serve, nós podemos presentarlle o noso compromiso por cambiar o mundo, no pequeno que xira e se move ao noso redor, desde onde as persoas facemos, na sinxeleza dun Neno que nos viu traer unha bendición que nos dignifica e nos urxe a  que o amor nos prema sempre en favor de tódalas persoas, concreción e realidade as palabras que rezamos no credo: creo.

 

·      Non paro de lle dar gracias a Deus por vós. E sabernos persoas bendicidas, que non esquecidas, lévanos a aprender, si a aprender, porque non estamos moi habituados a facelo, a dar grazas. Unha gratitude que ensancha a nosa mirada, aquece o noso corazón, abre as nosas mans a colaborar onde se nos precise, e fai dos nosos pés movemento a prol de todo proxecto, obxectivo ou plan que poña ás persoas no centro. Como non imos dar grazas a Deus por esta fermosa proposta na que atopamos o sentido e a razón do noso vivir? E do mesmo xeito que Paulo lle lo dicía aos Efesios, Deus non nos ignorou, ao contrario: dignificounos a todas e todos, sen distinción nin diferenza. E en Xesús, o Fillo na comuñón co Pai/Nai, nós recibimos o recoñecemento de ser alguén se ve recoñecido nos e nas demais alguéns que teñen/temos como tarefa converter esta bendición en entrega e servido á dignificación e á esperanza.

·      Era a verdadeira luz”. E deste xeito seremos quen de entender o que nos volvía dicir Xoán no evanxeo de hoxe: a luz chegou para non deixar que a tebra a apagase. E esa Luz é agora a que nos vai iluminando o camiño para que fagamos posible que alí onde haxa tebra volva a luz; que alí onda haxa odio asente o amor; que alí onde haxa violencia agrome a paz. E deste xeito esta luz que viu ao mundo, e que moitos non quixeron recibir, aquelas e aqueles que si a temos acollido, co noso vivir e facer vaiamos mostrando que a fe vainos movendo a traballar pola dignidade bendicida que en Deus todas e  todos temos recibido. 

Oración compartida

O Señor, luz que vai alumeando o noso camiño, non deixa de invitarnos a rezar comunitariamente. Acollendo a súa invitación dicimos: QUE A TÚA BENDICIÓN ALENTE O NOSO CAMIÑO.
  • Que na Igrexa non deixemos nunca de traballar por ser luz de dignidade e respecto para tódalas persoas, sen facer distinción entre unha e outras. Oremos. Que a túa bendición alente o noso camiño.
  • Que nós, fagamos da palabra proclamada e escoitada na nosa celebración, luz que nos vaia abrindo camiños de perdón e misericordia. Oremos. Que a túa bendición alente o noso camiño.
  • Que cada un e cada unha de nós non esquezamos nunca que como persoas bendicidas, somos urxidas a construír proxectos que unan, alenten, humanicen e superen desencontros. Oremos. Que a túa bendición alente o noso camiño.
Grazas, Señor, por non deixarnos camiñar de costas a Ti e ao teu proxecto de salvación e de amor. Por Cristo o noso Señor. Amén.

Aquecendo o corazón

O Evanxeo trázanos un camiño: ensínanos o importante que é estar con Xesús, mesmo cando non é fácil comprender todo o que di e fai por nós. Estando con El, aprendemos a recoñecer, no seu rostro, a beleza luminosa do amor que se entrega, mesmo cando leva as marcas da cruz.
E é na súa escola onde aprendemos a captar a mesma beleza nos rostros das persoas que camiñan ao noso lado cada día: familiares, amigos, compañeiros, aqueles que das formas máis diversas nos coidan.
Cantos rostros luminosos, cantos sorrisos, cantas engurras, cantas bágoas e cicatrices falan de amor o noso redor!
A contemplación das marabillas de Deus, a contemplación do rostro de Deus, da cara do Señor, débenos empurrar ao servizo aos demais".
(Francisco)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...