Ir al contenido principal

4 domingo TO C 2025


Festa da Presentación do Señor

QUE A TÚA LUZ ACENDA OS NOSOS CORAZÓNS, SEÑOR, PARA SERMOS PERSOAS PEREGRINAS E SEMENTADORAS DE ESPERANZA

SINAL: 

Ao comezo da celebración acendemos o cirio pascual. Nel iranse prendendo algunhas candeas, para continuar acendéndose unhas doutras. Somos comunidade que comparte unha mesma luz: Xesús resucitado!.
Unha vez acendidas, procesionalmente, vaise facendo a bendición desde o fondo da igrexa.
Naquelas parroquias nas que traian o pan, bendicirase tamén.

CANTOS

· ENTRADA: Eu soñei (58)
· LECTURAS: Salvador do mundo (29)
· OFERTORIO: Cantádelle ao Señor (33)
· COMUÑÓN: Ide e pregoade (55).

ABRAMOS OS OLLOS

Hai corenta días celebrabamos que a Luz chegara para iluminar corazóns, vidas e proxectos de cada un e cada unha de nós. Hoxe, volvemos reunirnos no templo, presididos pola luz do cirio pascual, Cristo vivo e Resucitado, para compartir e participar desa luz, que quere acompañar os nosos pasos e iluminar a nosa vida.
Participemos sabéndonos candeas chamadas a facer tamén camiño de luz a quen camiña connosco e ao noso lado.

CO CORAZÓN AQUECIDO

· Por non ter sido luz para tantas persoas que viven na tebra. SEÑOR, ILUMINA O NOSO CAMIÑAR.
· Por non querer deixarnos guiar pola túa luz. CRISTO, ILUMINA O NOSO CAMIÑAR.
· Por non esforzarnos por facer da túa luz loita contra a desesperanza. SEÑOR, ILUMINA O NOSO CAMIÑAR.

A ACOLLER A PALABRA

Proclamación da Palabra recollida na profecía de Malaquías

 

Di o Señor Deus:
Velaí: eu envío ó meu mensaxeiro,
para que limpe o camiño diante de min.
Nun momento entrará no seu santuario
o Señor a quen vós estades buscando,
o mensaxeiro da Alianza, a quen vos lle tendes amor:
vede que chega -fala o Señor dos Exércitos-.
¿Quen aguantará o día da súa chegada?
¿Quen se manterá de pé cando El apareza?
Si, El será coma o lume do fundidor,
coma a lixivia dos que lavan.
Sentarase coma o fundidor que refina a prata,
refinará ós fillos de Leví e purificaraos;
coma a prata e coma o ouro, así serán para o Señor os que presenten a ofrenda con xustiza.
Entón seralle agradable ó Señor a ofrenda de Xudá e Xerusalén,coma nos días remotos, coma nos anos antigos.


Proclamación da Palabra recollida na carta ós hebreos   

 

Xa que os fillos participan todos na mesma carne e do mesmo sangue, tamén El participou igualmente da carne e do sangue, para que coa súa morte puidese deixar sen forzas ó que retiña o poder da morte, isto é, Satán; e deste xeito, librar a cantos por medo á morte pasaban a vida nunha escravitude.

Porque está claro que a quen lles vén botar unha man, non é ós anxos, senón ós fillos de Abraham. Por iso tiña que asemellarse ós seus irmáns en todo, para deste xeito poder ser sumo sacerdote, que se doia de nós e de quen un se poida fiar nas cousas que se refiren a Deus e así poida expia-los pecados do seu pobo; porque El xa pasou a proba de sufrimento, pode axudar ós que agora se atopan na proba.

 

Proclamación do santo Evanxeo segundo Lucas 


Cando chegou o tempo da purificación, conforme a Lei de Moisés, levaron o neno Xesús a Xerusalén, para llo presentaren ó Señor (pois así está escrito na Lei do Señor: "Todo varón primoxénito consagraredes ó Señor"), e tamén para faceren unha ofrenda, conforme se di na Lei do Señor: "Un par de rulas ou dous pombiños".
Vivía no tempo en Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado Simeón, que agardaba a restauración de Israel. O Espírito Santo, que estaba con el, tíñalle prometido que non había morrer sen ve-lo Unxido do Señor.
Movido polo Espírito, foi ó templo, e, cando entraban os pais do neno Xesús para cumpriren o mandado pola Lei do Señor, el, colléndoo nos brazos, louvou a Deus dicindo:
Agora podes, Señor, segundo a túa promesa
despedir en paz ó teu servo,
porque xa os meus ollos viron o teu Salvador,
o que preparaches para tódolos pobos:
luz de revelación para os xentís.
e gloria do teu pobo Israel.

PALABRA DO SEÑOR

FACÉNDOA VIDA

 

Escoitabamos na lectura do profeta Malaquías que se nos dicía que o Señor é o mensaxeiro da nova alianza. Ese proxecto que, a través de Xesús, se fai luz para acompañar o noso camiñar. Unha luz que non se deixa vencer pola tebra: dor, tristura, fracaso, desesperanza... fraxilidade. Si, porque é a fraxilidade a que mellor pon de manifesto a tentación á que sempre nos vemos sometidos/as diante de situacións que nos superan, e nas que precisamos ver para seguir camiñando sen deternos. E só desde o Deus que non nos deixa sos, e que nos enviou ao seu Fillo, podemos entendelo, compartilo e celebralo. Como o estamos a facer nesta mañá de domingo. Comezamos a celebración acendendo as candeas do cirio e unhas das outras. Todo un símbolo de que non camiñamos en solitario, e de que compartimos o mesmo paso sabéndonos comunidade que non está estática e parada. Todo o contrario, o comezo da celebración deixando que a luz que tiñamos na man fose iluminando o templo, quixo ser a mellor mostra de que indo xuntos e xuntas, as dificultades, sen desaparecer, lévanse moito mellor e non están abocadas ao fracaso. Deixemos logo que esta luz comunitaria vaia iluminando o quefacer da nosa comunidade e venza a tentación do individualismo!

Neste domingo, día de luz e purificación, tamén nós nos reunimos arredor da luz do Señor resucitado. Presentámonos no templo para unirnos nunha mesma pregaria gozosa e agradecida ao Deus que non quixo que a tebra nos acabara abranguendo e superando. El, co seu pasar, converteuse no sementador da esperanza que vence o fracaso e a limitación. E do mesmo xeito que os seus pais o levaron ao templo para, aparentemente, cumprir cun rito, que acabou dando un sentido novo, diferente e universal a aquela acollida, tamén nós somos hoxe persoas acollidas que desde este rito de compartir as candeas prendidas, somos iluminadas e iluminados pola forza da presenza do Señor para que non recuemos diante das dificultades, e sintamos a súa presenza ao noso lado para loitar contra elas. Fráxiles si, pero non vencidas nin dominadas pola desesperación.

Coma Simeón, tamén nós temos coñecido ao Señor, temos celebrado o seu nacemento, temos compartido e gozado da súa manifestación a tódolos pobos, culturas e linguas (un Deus universal para ser luz que supera fronteiras). O que fai que canto pasa no mundo teña que ser iluminado por esa luz na que El se nos manifestou; unha luz que hoxe, como candea prendida e compartida, vai pasando de man en man sen soltarse para que a indiferenza non aniñe no noso corazón e nos converta en seres indiferentes diante do que pasa no noso mundo: exclusión, violencia, maltrato, abuso, xenofobia, crispación, engano, mentiras... senón que sexamos lumieira que non se deixa nin dominar nin vencer polo social, cultural e politicamente correcto. Deus está na incorrección porque sempre se pon do lado dos últimos e esquecidos. E nós?

 

DESDE O COMPARTIR COMUNITARIO

O Deus que nos se nos ofrece como Luz no seu Fillo, invítanos agora a rezar dicindo: SEÑOR, SE PARA NÓS CANDEA DE ESPERANZA.
· Para que sabéndonos Igrexa, non deixemos que as tebras da dor e da indiferenza escurezan a forza do teu proxecto de salvación e liberación. Oremos. Señor, se para nós candea de esperanza.
· Para que aprendamos a ser parroquias onde saibamos ofrecer luz a aquelas persoas que están a pasar por momentos de dificultade, soidade ou enfermidade. Oremos. Señor, se para nós candea de esperanza.
· Para que cada un e cada unha de nós nos esforcemos por compartir camiños con outras persoas que queren ser luz para que o mundo non se entebreza. Oremos. Señor, se para nós candea de esperanza.
Agradecemos, Señor, este momento de oración e reflexión comunitaria para non dar as costas a quen nos precise. Por Cristo o noso Señor. Amén.

QUE NOS CHAMA A CAMIÑAR SEGUINDO A SÚA LUZ

As persoas CRENTES deben ser "peregrinas e sementadoras de esperanza" no medio da humanidade sedenta de xustiza, paz e abundancia que Xesucristo veu instaurar. Elas deben sementar relacións novas e espallar sementes de novidade nas relacións que precisan do impulso que só o amor de Cristo e a reconciliación co Pai, coas irmás e cos irmáns poden dar. Así mesmo, as persoas CRENTES deben acudir ao Señor e sentirse "ancoradas na esperanza", poderosamente estimuladas a aferrarse, con toda a Igrexa, ao "ancora da alma, suxeita e firme, que penetra alén da cortina, onde entrou, como precursor, por nós, Xesús".
A xornada de hoxe destaca a importancia da misión profética e das relacións novas como sementes de esperanza que as persoas CRENTES podemos espallar mentres peregrinamos cara a plenitude do reino de Deus. Sementemos namentres relacións novas e espallemos sementes de novidade, sabendo que o Señor sempre nos fai sentir persoas ancoradas na esperanza.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...