Ir al contenido principal

5 Coresma C 2025

DEUS ESTÁ FACENDO ALGO NOVO; XA AGROMA. NON VOS DECATADES?.

SINAL DE CORESMA

Colocamos o quinto pétalo da nosa flor.

CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Déixate querer (Nº 61)
  • LECTURAS: Benaventurados ( Nº 119)
  • OFERTORIO: Eu soñei (Nº 58) 
  • COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos (Nº 103)

PARA NON PERDER O PASO

Rematamos hoxe o noso camiño coresmal. Xa divisamos Xerusalén, lugar de festa, de banquete compartido, de soedade e morte; pero tamén lugar de resurrección e vida nova.
Por iso nós, con Isaías, tamén sentimos a chamada de Deus, que nos invita a deixar atrás o vello, o antigo, o que non nos fai felices, os desertos da nosa vida para abrir camiños novos, camiños frescos, camiños creativos, camiños de comuñón e sinodalidade. Uns camiños que necesariamente han transitar pola igualdade, porque a dignidade que Deus pousou no corazón de cada persoa úrxenos a afastar de nós a tentación de crérmonos superiores ou mellores ca ninguén. O encontro de Xesús coa muller adúltera que hoxe escoitaremos no Evanxeo esixe un esforzo final neste camiño coresmal para botar do noso corazón o noso fariseísmo, a nosa hipocrisía, os nosos prexuízos e a nosa soberbia de crérmonos mellores e máis santos.

CO CORAZÓN FERIDO

  • Porque somos extremadamente tolerantes con nós e cos nosos erros; e extremadamente intransixentes cos dos demais, SEÑOR, SEGUIMOS A PRECISAR DA TÚA AXUDA.
  • Polas veces nas que por medo, por vergoña, por covardía, por quedar ben, por temer facer o ridículo… tiramos nós a primeira pedra ou non saímos en defensa da persoa lapidada e menosprezada; CRISTO, SEGUIMOS A PRECISAR DA TÚA AXUDA.
  • Porque dentro da nosa Igrexa seguimos considerando ás mulleres como inferiores; SEÑOR, SEGUIMOS A PRECISAR DA TÚA AXUDA.

ESCOITANDO A TÚA PALABRA

PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

Así fala o Señor, que fixo un camiño polo mar e unha verea polas augas impetuosas,
que fixo saír carros e cabalos, un exército moi poderoso.
Eles deitaranse e non se levantarán, apagáronse coma a torcida dun candil, extinguíronse.
¿Non vos lembrades das cousas pasadas? ¿Non comprendedes as cousas antigas?
Ollade: eu estou facendo algo novo; xa agroma: ¿non vos dades conta?
Si, vou abrir un camiño no deserto, ríos na estepa.
Os animais do campo honraranme, os chacais e os poliños da avestruz,
porque porei augas no deserto, ríos no ermo,
para darlle de beber ao meu pobo, ao meu escollido,
ao pobo que eu criei para min, e que contará a miña loanza.
PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO AOS FILIPENSES

Irmás e irmáns:
Todo me parece perda comparado co grande que é coñecer a Cristo Xesús, o meu Señor. Por El tirei con todo e doulle tanto valor coma ó lixo con tal de gañar a Cristo e de vivir nel; non por ter unha xustiza miña propia por cumprir a Lei, senón pola xustiza que se recibe coma resposta á fe.
Así podereino coñecer a El, experimentar a forza da súa resurrección e solidarizarme cos seus sufrimentos, reproducindo en min a súa morte, para ver de chegar eu tamén á resurrección dos mortos.
Non é que eu xa chegase á meta nin que xa teña chegado á perfección. Non. Eu aínda vou correndo, a ver se a alcanzo, xa que tamén eu fun alcanzado por Cristo Xesús. Irmáns, eu non boto de conta que a teña alcanzado. Velaquí o único que fago: esquezo o que quedou atrás, lánzome cara ó que está diante, bulo para pillar o premio ó que Deus desde arriba nos convoca en Cristo Xesús.
PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACION DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO XOÁN

Xesús saíu para o Monte das Oliveiras. Pero á alborada, presentouse outra vez no templo e toda a xente veu onda el; el sentouse e empezou a ensinar.
Os escribas e fariseos trouxéronlle unha muller sorprendida en adulterio; puxérona no medio e medio e preguntáronlle:
- Mestre, a esta muller collérona en flagrante adulterio. Moisés, na Lei, mandounos apedrar a esta xente. ¿Ti que dis?
Preguntábanllo á mala fe para teren así de que o acusar. Pero Xesús, abaixado, escribía co dedo na terra. Como lle seguían preguntando, ergueuse e díxolles:
- Quen de entre vós non teña pecado, que lle tire a primeira pedra.
E, abaixándose outra vez, escribía na terra. Pero eles, ó que o escoitaron, foron liscando un a un, comezando polos máis vellos. Quedou el só coa muller, que seguía no medio. Ergueuse entón e preguntoulle:
- Muller ¿onde van? ¿Ninguén te condenou?
Ela respondeulle:
- Ninguén, Señor.
Díxolle Xesús:
- Tampouco eu non te condeno: vaite e desde agora non peques máis.
PALABRA DO SEÑOR

UNHA PALABRA QUE AGROMA

As adúlteras deben ser apedradas, segundo a lei. Así razoaban os escribas e os fariseos, os sabios e perfectos do tempo de Xesús... aqueles que se consideraban escrupulosos cumpridores da Lei de Moisés, aqueles que cargaban pesados fardos sobre os ombreiros da xente e non movían nin un dedo para poder axudala, aqueles que, a mala fe, tentan poñer en evidencia a Xesús. Así reaccionan os hipócritas e fariseos do tempo de hoxe. Nunha sociedade patriarcal e machista (pasaron moitos séculos e seguimos a vivir nunha sociedade patriarcal e machista!!!!!!), a muller non era ninguén. Eran consideradas como ocasión e fonte de pecado; desde nenos advertíaselles aos homes para non caer nas súas artes de sedución, porque, como ben se nos ensinou desde crianzas: “Por Eva entrou o pecado no mundo”. A muller é a grande tentadora e fonte de impureza. Ela é a culpable de que exista o mal no mundo. Así nolo di o evanxeo de hoxe, no que non se fala do home adúltero. Onte, coma hoxe, coma sempre, condénase á muller porque “deshonrou á familia” e descúlpase con facilidade ao home.
Porén, os evanxeos falan en numerosas ocasións de mulleres que seguían a Xesús: María Magdalena, as irmás Marta e María de Betania, Salomé, Susana.... e tantas e tantas mulleres anónimas (a samaritana, a muller cananea, a viúva de Naím..... Nunca tan cousa se vira!!!! Xesús trátaas como iguais, míraas con ollos diferentes, cunha tenrura descoñecida, achegándose a elas sen temor, rompendo tabús e prexuízos, micro e macromachismos e mesmo aceptándoas na súa mesa e deixándose unxir por elas. Xesús, facendo súas as palabras da profecía de Isaías, estaba facendo algo novo: unha sociedade de iguais, unha sociedade fraterna, unha sociedade na que todas as persoas sumen, unha sociedade na que ningunha persoa se sinta estraña.
Bastou unha mirada, unha simple ollada chea de tenrura e de empatía para que aquela adúltera se sentise como o que verdadeiramente era: imaxe e semellanza de Deus. Ata entón aquela muller coñecía dúas miradas: a do desexo ou cobiza e a da condena. Agora os seus ollos cruzan cos dun home que mira nela non un obxecto de pracer nin un branco para as pedras, senón unha dignidade pisada e menosprezada. A de Xesús é unha mirada creadora que pon en pé a unha muller que estaba tirada por terra. Ninguén en nome de lei algunha, de ningún principio nin de ningunha moral ten dereito a marxinar, condenar ou xulgar a ningunha persoa. Velaquí o criterio co que Deus nos mira... tamén ás mulleres!!!!!!!
No remate do camiño coresmal convídasenos a mirar cara dentro para reflexionar sobre todas as veces nas que, créndonos en posesión da verdade, puxemos a alguén no medio e medio, para cuestionar, para facer preguntas envelenadas, para menosprezar, para invisibilizar, para humillar, para burlarnos, para xulgar, para apedrar de calquera xeito. No xigantesco patio de veciñanza no que temos convertido o noso mundo gústanos moito tirar a pedra e agochar a man, mais o camiño novo que nos abre Xesús invítanos a mirar e a actuar sempre desde a misericordia. A globalización da tenrura, a proposta de Francisco, pode ser un bo antídoto para o veleno de xulgar e condenar. 

DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA

Coresma é tempo de cambio persoal e comunitario, non de palabras baleiras; por iso dicimos xuntos:
GRAZAS, SEÑOR, POR ABRIRNOS CAMIÑOS NOVOS
  • Pola Igrexa, para que neste tempo de graza sexa quen de abrir as súas fiestras para botar fóra dela tanto fariseísmo que enche de po os recintos sagrados, as condutas correctas, as institucións venerables, OREMOS
  • Para que nas nosas parroquias non caiamos na tentación de ferir ás persoas coas pedras da calumnia, a murmuración, a indiferenza ou a invisibilidade, OREMOS.
  • Por cada unha e cada un de nós, para que nos esforcemos por mirar cos ollos de Deus, que non condenan, senón que liberan e levantan á persoa caída, OREMOS.
Señor, sabémonos necesitados de Ti, e moitas veces caemos na tentación de esquecerte. Dános azos para non deixarnos ir por este camiño. PXNS. Amén.

PARA QUE TODOS SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO

Os teus debuxos no chan tiveron un efecto sorprendente: romperon o círculo moralista e acusador e, a soas contigo, por primeira vez, sentinme libre.
Os teus debuxos no chan foron o primeiro espello non enganoso que me fixo ver o meu rostro triste, o meu ser pobre e vacilante, os meus medos de sempre.
Os teus debuxos no chan crearon un silencio fondo, pois puxeron ao descuberto a tráxica parodia que vivimos cando nos cremos diferentes.
Os teus debuxos no chan devolvéronme a dignidade perdida, cando o teu dedo suave e firme, co po de sempre e coas miñas bágoas perdidas, debuxaron de novo o meu rostro sorrinte.
Despois erguícheste, serenamente miraches os meus ollos, bicáchesme coma ninguén e dixécheslle ao aire: vai e vive; xa sabes.
E eu non me atrevín a abrazarte. Pero levo os teus debuxos do chan tatuados na miña pel para sempre.

Comentarios

Entradas populares de este blog

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...