Ir al contenido principal

Igrexa Diocesana 2025

 DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN

(DÍA DA IGREXA DIOCESANA)

UN CHAMADO Á SANTIDADE

CANTO GOZOSO

 

*  ENTRADA: Non vou so

*  LECTURAS: Eu sei de quen me fiei

*  OFERTORIO: Cantádelle ao Señor

*  COMUÑÓN: Acharte presente

 

PÓRTICO

Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa.
Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar.
Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana.
Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración.

O PERDÓN 

  • Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos que colaborar; SEÑOR, ALENTA O NOSO CAMIÑAR.
  • Por deixarnos levar pola desesperanza e a desilusión; CRISTO, ALENTA O NOSO CAMIÑAR.
  • Por non ter sabido dar testemuño da nosa fe; SEÑOR, ALENTA O NOSO CAMIÑAR.

PALABRA REGALADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECIA DE EZEQUIEL

O Señor logo fíxome volver á entrada do templo, e velaí que debaixo do vestíbulo do templo saía auga cara ó nacente, pois a fachada do templo daba ó nacente e a auga baixaba polo lado dereito do templo, ó sur do altar. Logo fíxome saír pola porta do norte e dar a volta polo exterior ata a porta exterior, que mira ó nacente, e velaí que a auga ía correndo pola ladeira dereita.
Entón díxome:
‑Esta auga está correndo cara á bisbarra do nacente, e baixará sobre a Arabah e entrará no mar Morto; estas augas conducidas cara ó mar, quedarán de certo saneadas. E todo ser vivente, que rebula en calquera lugar onde vai tal río, vivirá; peixes haberaos abondo, pois estas augas chegarán alí e farán revivir todo o lugar: onde desemboque o río haberá vida.
A beira do río, nunha marxe e noutra, medrará toda clase de árbores froiteiras: a súa follaxe non murchará, e a súa froita non acabará, senón que cada mes dará unha nova colleita, pois as augas do río son as que saen do santuario; por isto a súa froita servirá para comer, e as súas follas servirán para remedios.
PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS CORINTIOS.

Irmás e irmáns:
Ninguén pode poñer unha cimentación distinta da que está posta, que é Xesucristo.
¿Non sabedes que sodes templo de Deus e que o Espírito de Deus habita en vós?. Se alguén destrúe o templo de Deus, Deus destruirao a el. Porque o templo de Deus é sagrado e iso sodes vós.

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DE XESUCRISTO SEGUNDO XOÁN

Estaba a chegar a Pascua dos xudeus e subiu Xesús a Xerusalén. Atopou no templo os que vendían bois, ovellas e pombas e mais os cambiadores, sentados; foi el e fixo un vergallo con cordas de xunco, botounos a todos fóra do templo e as ovellas e os bois tamén; guindou cos cartos e virou as mesas dos cambiadores e ós que vendían as pombas, díxolles:
‑Arredádeme de aquí estas cousas, non fagades da casa do meu Pai unha casa de negocio.
Lembráronse os seus discípulos de que estaba escrito: "O celo da túa casa devórame".
Pola súa parte, os xudeus preguntáronlle:
- ¿Que sinal nos mostras, para faceres estes feitos?
Respondeulles Xesús:
- Derrubade este templo e erguereino en tres días.
Replicáronlle os xudeus:
- Corenta e seis anos levou edificar este templo ¿e halo erguer ti en tres días?
Pero el dicíao referíndose ó templo do seu corpo. Cando se ergueu de entre os mortos, lembraron os seus discípulos o que dixera e creron na Escritura e no dito de Xesús.
PALABRA DO SEÑOR

QUE ALUMEA O CAMIÑO

Neste Ano Xubilar da Esperanza, no que volvemos a vista atrás, ás nosas raíces, para comprender o significado deste xubileo, celebramos hoxe a Dedicación da Basílica de S. Xoán de Letrán, catedral de Roma, erixida no ano 320 e que é a nai de todas as igrexas e onde está a cátedra do seu bispo, é dicir, do Papa.

E quere a casualidade que neste día celebremos tamén a Igrexa Diocesana, que nos fai sentírmonos pedras vivas dentro da diocese de Tui-Vigo. É un bo día para reflexionar ao respecto do noso compromiso de persoas bautizadas, do noso compromiso como pobo de Deus.

Paulo, coa súa teoloxía ao respecto do corpo, lémbranos a sacralidade da persoa, templo do Espíritu que, como escoitabamos na profecía de Ezequiel, vivifica e dá vida. Desde aí entendemos o chamado a dar froito que hoxe se nos fai, un froito de boas obras, de boas palabras, de empatía, de diálogo..

E á luz do Evanxeo entendemos que o comercio non casa ben coa relixión. Deus é gratuidade, dase de balde; pero nós seguimos tentando comerciar con el a través de estipendios, de ofrendas de cumprimento e de mil historias máis que pensamos que nos van facer gañar unha salvación que xa conseguiu para nós o noso irmán máis vello.

Hoxe, no día da Igrexa Diocesana fáisenos un convite claro: a Igrexa, esa gran familia que formamos as persoas bautizadas, precisa das nosas mans, do noso sorriso, do noso esforzo... precisa de nós. ¿Queremos comprometernos?

REZAMOS EN COMUNIDADE

Presentamos a Deus Pai a nosa oración dicindo: GRAZAS POR QUERERNOS FAMILIA.
  • Pola Igrexa universal, para que sexa sempre sinal de unidade e de amor no medio do mundo, OREMOS.
  • Pola nosa diocese de Tui-Vigo, para que vivamos con alegría a misión de anunciar o Evanxeo e construír comuñón, OREMOS.
  • Polas persoas pobres e enfermas, polas que están soas ou perderon a esperanza, para que atopen na Igrexa unha nai que acompaña e sostén, OREMOS.
  • Por todas as persoas que colaboran na vida das nosas comunidades, para que experimenten a alegría de ser parte dunha familia, OREMOS. 
Escoita, Pai, as súplicas da túa Igrexa e fai que, dóciles ao teu Espírito, camiñemos unidos na fe e na caridade cara á santidade á que nos chamas. PXNS. Amén.

RECENDO DE GRATUIDADE

No templo entendido como mercado, para estar ben con Deus bastaba comprar un cordeiro, pagalo e consumilo nas brasas do altar. Comprar, pagar, consumir, e despois cada un á súa casa. En cambio, no templo entendido como casa, sucede o contrario: vai para visitar ao Señor, para estar unido a El e aos irmáns, para compartir alegrías e dores. Aínda máis, no mercado xógase co prezo, en casa non se calcula; no mercado búscase o propio interese, en casa dáse gratuitamente. E Xesús é hoxe duro porque non acepta que o templo-mercado substitúa ao templo-casa, non acepta que a relación con Deus sexa distante e comercial no canto de próxima e chea de confianza, non acepta que os postos de venda substitúan á mesa familiar, os prezos aos abrazos e as moedas ás caricias. E por que Xesús non acepta isto? Porque dese modo créase unha barreira entre Deus e o home, e entre irmán e irmán, mentres que Cristo veu traer comuñón, a traer misericordia -é dicir, perdón-, a traer proximidade.
(Francisco)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...