Ir al contenido principal

1 Advento 2025 A

ADVENTO: TEMPO DE PREPARAR O BERCE DO NOSO CORAZÓN

CANTO GOZOSO

o   ENTRADA: Volve Señor

o   LECTURAS: Moito me alegrei

o   OFERTORIO: Eiquí están Señor 

o   COMUÑÓN: No colo da miña nai 

ESPERTANDO Á RENOVACIÓN

E volveu chegar o Advento e con el o comezo deste camiño de preparación á celebración do nacemento de Xesús. Cando se comeza algo novo sempre se xera un momento de ilusión, esperanza, ledicia, estímulo… Deixemos, logo, que este tempo que nos abre o camiño do Nadal sexa tempo de revisión, renovación e misericordia, no que preparemos no noso corazón un berce ben quentiño para acoller ao Neno que vén para salvarnos.

ABRÓNOS Á MISERICORDIA

·      Para que poidamos chegar ao Nadal co corazón disposto a celebrar interiormente, superando a tentación do superficial e aparente; SEÑOR, SIGUE A CAMIÑAR CON NÓS.

·      Para que aproveitemos este tempo de Advento para poñer andar pausado e reflexivo na nosa vida; CRISTO, SIGUE A CAMIÑAR CON NÓS.

·      Para que a palabra que sae da nosa boca non sexa espada que fire, senón bálsamo que acolle; SEÑOR, SIGUE A CAMIÑAR CON NÓS.

PALABRA REGALADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS 

Palabras que en visión profética recibiu Isaías, fillo de Amós, acerca de Xudá e Xerusalén:
Vede: á fin dos días será creado o monte da Casa do Señor.
Vede: será levantado por enriba dos montes e máis cós petoutos,
axuntaranse nel tódalas xentes.
Irán a el pobos numerosos que dirán:
"Vinde, subamos ó monte do Señor, á casa do Deus de Xacobe,
para que nos mostre os seus camiños, e camiñemos polos seus vieiros.
Vede: de Sión sairá a Lei, a Palabra do Señor sairá de Xerusalén".
Xulgará os preitos entre as xentes, decidirá o que é xusto entre os pobos.
Non levantará un pobo contra outro a espada,
nin deprenderán de novo a face-la guerra.
¡Casa de Xacobe, ven; vaiamos e camiñemos á luz do Señor!

SAL. RESP.- Imos alegres para a casa do Señor 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS 

Irmáns e irmás: Sabendo o intre no que vivimos, xa é hora de que espertedes do sono, pois agora a salvación xa está mais cerca de nós que cando empezamos a crer. A noite vai andada, e o día está a chegar: rexeitémo-las obras das tebras e vistámo-las armas da luz. Como en pleno día camiñemos decentemente, nada de lupandas nin borracheiras, nada de obscenidades nin libertinaxe, nada de liortas nin envexas. En lugar diso vestídevos do Señor Xesús Cristo, e non lles fagades caso ós baixos apetitos.

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

Dilles Xesús ós seus discípulos:
Coma nos tempos de Noé, así pasará cando veña o Fillo do Home. Antes do diluvio comían, bebían e casaban ata o día que Noé entrou na arca; e de nada se decataron ata que veu o diluvio, e os enguliu a todos. O mesmo pasará cando veña o Fillo do Home. Entón estarán dous homes no agro; levarán a un e deixarán ó outro. Estarán dúas mulleres moendo no muíño, levarán unha e deixarán a outra.
Vixiade, porque non sabedes nada do día no que virá o voso Señor. Entendédeo ben: se soubese o dono da casa a que hora vai chega-lo ladrón, estará á espreita e non permitiría que lle asaltasen a casa. Así tamén: estade vós preparados, porque na hora menos pensada preséntase o Fillo do Home.

NA ESCOITA DA PALABRA

Empezar de novo nunca é tarde nin cansa: O salmo dinos que vimos ledos á casa do Señor. Á nosa casa. Esta ledicia ten que movernos a facer deste tempo de Advento que hoxe comezamos un tempo de vivencia profunda da fe e de preparación para o acontecemento que cambiou a historia da salvación: o nacemento de Xesús. Como non vai ser isto motivo de ledicia!. Como non ha movernos a deixar atrás todo canto nos fai persoas infelices, preguiceiras, hipócritas...!. Como non vai ser motivo de alegría coller a man de quen nos alenta a camiñar por vieiros de entendemento, colaboración, diálogo ou solidariedade!. Como non vai ser motivo de ledicia dicirlle si a Aquel que non leva conta do que fixemos, senón que sae ao noso encontro coa man sempre tendida e disposta a acoller!. Como, entón, non responder ao seu chamamento de facer deste tempo de Advento un tempo de apertura do corazón a ser mellores e a traballar por facer mellor o mundo no que vivimos: familia, parroquia, traballo … A salvación chéganos con Xesús, quitemos a coraza do noso corazón para que entre!!!!!!!!!!!!!!.
Para que esta chegada poida ser posible, necesitamos poñer un pouco ou un moito de cada un de nós. Temos que estar en disposición de cambiar, de deixar atrás todo canto sabemos que non nos fai mellores persoas nin nos axuda a ser máis felices. Advento é unha nova oportunidade para facer as cousas doutro xeito, para romper rutinas, para impedir que o costume marque e guíe a nosa vida. Fagamos destas catro semanas tempo de salvación, novidade e esperanza que mova e remova as nosas vidas; que nos faga pensar un pouco en canto temos que ir deixando atrás porque nos pesa demasiado. Porque, como ben di Xesús, non se avanza se non imos lixeiros de equipaxe.
Para que nada se perda e a nosa docilidade non sexa sometemento nin escravitude, temos que estar vixiantes. Vixiantes para que nada se nos cole e non faga retroceder. Xa non podemos mirar atrás. O que era xa non é, e temos por diante un fermoso tempo no que quitar a coraza que recobre o noso corazón volvéndoo insensible. Só así seremos quen de preparar un bo berce, un bo acubillo para Aquel que vén a salvarnos. Fagamos entón este camiño alegres e sen rostros tristeiros e desencaixados, senón coa forza de prepararnos a acoller a quen chega porque non quere que nos perdamos na voráxine de barullos, propostas e ofertas, moitas delas puro consumismo líquido, que non queren outra cousas máis que desorientarnos e apartarnos do camiño. Velemos logo e preparémonos para cando El chegue e nos chame.

COMPARTINDO O QUE NOS UNE

Pidámoslle ao Señor que nos axude a construír o berce da acollida e da misericordia e digamos:

SEÑOR, QUE NOS POÑAMOS AO CAMIÑO CON ESPERANZA

v Para que todas as persoas que conformamos a Igrexa, especialmente os que ocupan posicións de goberno, deixen atrás a tentación de impoñer, xulgar e condenar, Oremos

v Para que nas nosas parroquias non nos quedemos inmóbiles, senón que nos esforcemos por renovarnos como persoas crentes, como veciñanza activa e comprometida, Oremos.

v Para que no camiño da vida non nos estanquemos na rutina, a desesperanza e a indiferenza ante a violencia que sofren persoas que viven ao noso redor, Oremos. 

Grazas, Señor, pola oportunidade que nos dás de seguir subindo chanzos que nos axudan a cambiar a dureza do noso corazón. P.X.N.S. Amén.

AGRADECENDO O DON DA FE

Advento é un tempo de graza para quitarnos as nosas máscaras —cada persoa ten unha— e poñernos á fila cos humildes; para liberarnos da presunción de crernos autosuficientes, para ir confesar os nosos pecados, eses escondidos, e acoller o perdón de Dios, para pedir perdón a quen ofendín. Así comeza unha nova vida.

E a vía é unha soa, a da humildade: purificarnos do sentido de superioridade, do formalismo e da hipocrisía, para ver nos demais a irmáns e irmás, a pecadores coma nós e ver en Xesús ao Salvador que vén por nós, non polos demais, por nós; así como somos, coas nosas pobrezas, miserias e defectos, sobre todo coa nosa necesidade de ser levantados, perdoados e salvados. E lembremos de novo unha cousa: con Xesús a posibilidade de volver comezar sempre existe. Nunca é demasiado tarde, sempre está a posibilidade de volver comezar, porque El nunca cansa de nós.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...