BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE
Canto para agradecer
Ø  Entrada.- Benaventurados
Ø  Lecturas.- Podo do divino e do humano
Ø  Ofertorio.- Na nosa terra
Ø  Comuñón.- No colo da miña nai
Ollos para ver
         Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.
         Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a súa vida facía felices outras vidas sen que se notara nin buscasen sobresaír sobre os demais.
Participemos logo desta celebración facendo memoria agradecida do testemuño de vida de tódolos homes e mulleres que sen facer barullo deixáronnos a súa entrega xenerosa pola que, inda sen estar no calendario, son para nós exemplos de santidade.
Corazón misericordioso
Ø Porque non acabamos de camiñar na sinxeleza. SEÑOR, QUE SEXAMOS PERSOAS XENEROSAS.
Ø Porque non nos deixamos acompañar pola presenza de Deus. CRISTO, QUE SEXAMOS PERSOAS XENEROSAS.
Ø  Porque somos máis de ritos que de evanxeo. SEÑOR, QUE SEXAMOS PERSOAS XENEROSAS.
Palabra para escoitar
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA APOCALIPSE 
Vin outro anxo máis, que berraba: 
- ''¡Non lles fagades mal á terra nin ao mar, nin ás árbores, ata que marquemos co selo na testa os servos do noso Deus!''. 
E oín o número dos que tiñan a marca, cento corenta e catro mil, marcados de entre todas as tribos dos fillos de Israel. 
Despois disto mirei e vin un mundo de xente, que ninguén era capaz de contar, de todas as nacións, familias, razas, pobos e linguas, en pé diante do trono do Año. Vestían roupa branca e levaban ramallos de palma nas mans. 
Proclamaban con grande voz: 
''A salvación perténcelle ao noso Deus,
que senta no trono, e mais ao Año''.
PALABRA DO SEÑOR
Proclamación da Palabra recollida na primeira carta de san Xoán
Benqueridos irmáns e irmás:
Vede o moito que nos quixo o Pai, para nos chamarmos fillos de Deus e sérmolo de verdade. Por iso o mundo non nos recoñece: porque tampouco non o recoñeceu a El. Meus amigos, xa somos fillos de Deus, pero aínda non está á vista o que seremos; sabemos que cando Xesús apareza, nós seremos coma El, xa que o veremos tal e como é. Todo o que ten posta en Xesús esta esperanza, trata de vivir unha vida limpa, para ser limpo coma El. Palabra do Señor.
Proclamación do santo Evanxeo segundo Mateo
Vendo Xesús a multitude, subiu ó monte e sentou. Achegáronselle os seus discípulos, e el, tomando a palabra, ensinábaos dicindo:
-Ditosos os que teñen espírito de pobres,
porque deles é o Reino dos Ceos.
Ditosos os que choran,
porque eles serán consolados.
Ditosos os non violentos,
porque eles herdarán a terra.
Ditosos os famentos e sedentos de xustiza,
porque eles ficarán fartos.
Ditosos os misericordiosos,
porque eles acadarán a misericordia.
Ditosos os de corazón limpo,
porque eles verán a Deus.
Ditosos os que traballan pola paz
porque eles serán chamados fillos de Deus.
Ditosos os perseguidos por causa da xustiza,
porque deles é o Reino dos Ceos.
Ditosos vós cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa: alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos Ceos. Palabra do Señor.
Palabra para remoer
Ø Benaventuradas: Hoxe é o día das persoas Benaventuradas: homes e mulleres que acolleron no seu corazón e na súa vida a mensaxe que Xesús nos deixou no evanxeo. E nesta benaventuranza que hoxe celebramos faise presente a urxencia na nosa vida, para que nos esforcemos por ser persoas tamén benaventuradas. Persoas que deixemos atrás o eu do “eu son; eu fago; eu, eu, eu...”e comecemos a camiñar desde o nós, o vós, os demais. Porque a fe é un camiño de entrega e de mirada cara ás demais persoas, e non so cara nós e as nosas teimas. Por iso é importante que no calendario litúrxico estea situada esta festa con letras grandes de xenerosidade e entrega cara aos demais. A festa da santidade, que hoxe celebramos, é chamada a que tamén nós convertamos en testemuñas do evanxeo no medio dun mundo no que algunha xente segue créndose mellor, máis lista, máis importante, máis traballadora e superior aos demais. Non deixemos que aniñe en nós esta idea, desterrémola non só do noso pensamento, tamén da nosa palabra e no noso xeito de facer as cousas, e comecemos a vivir, sentir e actuarcomo verdadeiras testemuñas daquel que, pasando polo mundo facendo o ben, fixo da súa humildade entrega xenerosa e sempre agradecida a Deus desde o servizo, sen necesidade de publicidade, para con outras persoas.
Ø Fagamos memoria agradecida desta xente de ben. Moitas delas foron para nós mans que se nos tendían, sorriso que nos alentaba, camiño que compartíamos, alento nos nosos desacougos, por iso hoxe queremos darlle grazas a Deus por elas e por como a súas vidas nos foron dicindo que o evanxeo non pode ser outra cousa máis que vida e xenerosidade. Moitas delas tamén están nos nosos cemiterios e sempre nos nosos corazóns. 
Ø Que a participación de hoxe nesta celebración nos axude a ver con mirada de agarimo e tenrura tantas vidas que, de xeito calado, humilde e sinxelo, foron sementando, alí onde estaban, coherencia e fidelidade ao evanxeo de Xesús. Benaventurados eles e elas por ser transmisores do mellor dos testemuños: o amor!
Oración para compartir
         Abrimos o corazón a deixarse enchoupar da forza da xenerosidade das persoas de ben, e dicimos comunitariamente:
Grazas, Señor polos testemuños de santidade
·      Para que na Igrexa saibamos valorar e dignificar o esforzo, moitas veces criticado e incomprendido, de tantas persoas que fan da súa vida unha experiencia de xenerosidade e de servizo solidario. Oremos. Grazas, Señor polos testemuños de santidade.
·      Por cantos hoxe celebramos con gozo e esperanza esta festa de Tódolos Santos, para que saibamos, agradecidos, poñerlle nome e rostro a tantas persoas que pasaron polas nosas vidas facendo o ben. Oremos. Grazas, Señor polos testemuños de santidade.
·      Por nós, para que esteamos cos ollos sempre abertos e os oídos atentos, para aprender da entrega, sempre solidaria e alegre, de tódalas  persoas que fan da defensa da dignidade que Deus puxo en todas e todos nós, eixo das súas vidas. Oremos. Grazas, Señor polos testemuños de santidade
Señor, acolle a oración que no día de Tódolos Santos, poñemos na túa man. Dámos grazas polo seu testemuño, e pola alegría coa que viviron o servizo aos demais. Por Xesucristo o noso Señor. Amén.
Corazón para latexar
Axúdame, Señor, a que os meus ollos sexan misericordiosos, para que eu endexamais desconfíe ou xulgue segundo as aparencias, senón que busque o fermoso na alma do meu próximo e acuda a axudarlle.
Axúdame, Señor, a que os meus oídos sexan misericordiosos, para que teña en conta as necesidades do meu próximo e non sexa indiferente aos seus sufrimentos e queixas.
Axúdame, Señor, a que a miña lingua sexa misericordiosa, para que endexamais fale negativamente do meu próximo, senón que sempre teña unha palabra de consolo e perdón para todos.
Axúdame, Señor, a que as miñas mans sexan misericordiosas e estean cheas de boas obras, para que saiba facer ao meu próximo exclusivamente o ben e cargue sobre min as tarefas máis difíciles e penosas. 
Axúdame, Señor, para que os meus pés sexan misericordiosos, vencendo a miña propia fatiga e cansazo. O repouso verdadeiro está no servizo ao próximo.
Axúdame, Señor, a que o meu corazón sexa misericordioso, para que eu sinta tódolos sufrimentos do meu próximo. A ninguén negarei o meu corazón. Serei sincera mesmo con aqueles que sei abusarán da miña bondade... Que a túa misericordia, Señor, repouse en min. 
(Oración de sor Faustina. Tomado do libro de W. Kasper, La misericordia, Clave del Evangelio y de la vida cistiana,p.142/3)
Comentarios