“Ide e anunciade”
Cantos
- Entrada.- Que ledicia miña
- Lecturas.- Canta Aleluia
- Ofertorio.- Velaquí, Señor, o viño
- Comuñón.- Acharte presente
PÓRTICO
Volvemos xuntarnos ao redor da mesa do altar e hoxe, sentíndonos Igrexa universal e en comuñón, que na solidariedade se une en oración con tódalas Igrexas do mundo, nesta Xornada Mundial das Misións, o Día do DOMUND.Unámonos logo nun mesmo sentir para participar desta mesa de fraternidade que sempre é a Eucaristía.
PERDÓN
· Polas veces nas que non fomos quen de sentirnos Igrexa universal, e só pensamos en nós e no noso. Señor, aléntanos na misión de evanxelizar.· Polas veces nas que camiñamos máis na nostalxia do que foi, que na esperanza cara á que camiñamos. Cristo, aléntanos na misión de evanxelizar.
· Polas veces nas que a tristura pesou máis no noso corazón que a ledicia do evanxeo. Señor, aléntanos na misión de evanxelizar.
PALABRA AGASALLADA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO
Viñeron os amalecitas e atacaron a Israel en Refidim. Moisés díxolle a Xosué: ‑"Escolle uns poucos homes e sae a loitar con Amalec. De mañá eu estarei no cume do outeiro, coa vara de Deus na man".
Xosué fixo o que lle mandaba Moisés, e foi loitar con Amalec mentres Moisés, Aharón e Hur subían ó cume do outeiro. Cando Moisés erguía as mans, vencía Israel; cando as baixaba, vencía Amalec. As mans de Moisés estaban cansas, e eles colleron unha pedra e puxéronlla de asento, ó tempo que Aharón e Hur, un por cada lado, lle sostiñan as mans ergueitas. As mans de Moisés estiveron ergueitas ata a posta do sol.
Xosué venceu a Amalec e á súa xente, a fío de espada. Palabra do Señor. Grazas a Deus.
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO A TIMOTEO
Benquerido irmán:
Mantente no que aprendiches e no que criches, e que non che esqueza quen cho aprendeu. Porque xa desde neno coñéce-las letras santas, que son podentes para che facer sabe-lo camiño da salvación pola fe en Cristo Xesús.
Toda a Escritura está inspirada por Deus e é útil para ensinar, para corrixir, para enmendar, para educar na xustiza. Dese xeito, o home de Deus tórnase perfecto e competente para toda obra boa.
E pídoche por favor unha cousa diante de Deus e de Cristo Xesús, que ha vir xulgar a vivos e mortos, pola súa vinda gloriosa e polo seu reinado: pregoa a palabra, insiste a tempo e a destempo, corrixe, reprende, aconsella con toda a paciencia que require a doutrina. Palabra do Señor. Grazas a Deus
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Xesús propúxolles ós seus discípulos unha parábola acerca da necesidade de orar sempre, sen cansar:
‑Había nunha vila un xuíz que nin temía a Deus nin respectaba o home. Na mesma vila había tamén unha viúva, que acudía a el dicíndolle: "Faime xustiza fronte ó meu contrario". El durante moito tempo non lle fixo caso ningún; pero despois cavilou: "Anque non temo a Deus nin respecto o home, como esta viúva me está amolando, voulle facer xustiza, para que non me siga toleando toda a vida".
E o Señor continuou:
‑Escoitade o que di un xuíz inxusto. ¿E logo Deus non lles vai facer xustiza ós seus elixidos, que claman día e noite, e non vai ter paciencia con eles? Asegúrovos que lles fará xustiza a tempo. Pero cando chegue o Fillo do Home, ¿el atopará fe sobre a terra? Palabra do Señor. Gloria a Ti, Señor Xesús.
PALABRA REMOÍDA
- A Palabra sempre é invitación a mirar dentro do noso corazón, e forza para que a nosa vida camiñe por vieiros que van mostrando esperanza, alegría e solidariedade. Pero non unha esperanza efémera, unha alegría aparente e unha solidariedade que queda na aparencia dun xesto baleiro de sentido. Non. Esta Palabra que hoxe proclamamos úrxenos a facer da nosa vida entrega e compromiso con todo canto vai ocorrendo no mundo do que todas e todos nós formamos parte. Porque, como nos di a Gaudium et Spes, constitución do Concilio Vaticano II, nada hai verdadeiramente humano que escape á mirada do noso corazón, pois só así seremos quen de saber ler e interpretar os sinais dos tempos; é dicir, as cousas que van pasando ao noso redor e no noso mundo. Por iso a Palabra de Deus non pode ser endexamais ritualismo formal e baleiro de contido.
- E esta Palabra hoxe fainos unha invitación especial, como lle dicía Paulo ao seu discípulo Timoteo: que fagamos dela a nosa educadora na xustiza, nese traballar na busca da igualdade, do entendemento, do diálogo, do respecto, sen exclusións. E úrxenos a facelo a tempo e a destempo, é dicir, sempre. Nesta invitación que Desde as palabras de Paulo nos fai Deus, temos que entender este día do Domund, este día das misións. Non como un desprendernos duns cartos, senón dun autoesixirnos un esforzo permanente por non calar cando as persoas, calquera persoa, sexa ou non das nosas ou das coñecidas, precise compaña, agarimo, axuda material... porque a misión que Deus, en Xesús, nos encomenda vai máis alá de fronteiras, muros ou aduanas.
- O Deus de Xesús é un Deus de fraternidade que chama a facer desa fraternidade guieiro de vida e compromiso e preocupación de universalidade, sendo persoas solidarias, especialmente coas máis pobres. Así tamén nolo acaba de dicir o papa León na “Dilexit te”, o documento no que nos chama a non dar as costas nin aos pobres nin á pobreza que fai que moitas persoas non poidan experimentar a ledicia de ser recoñecidas como iguais e queridas polo Deus que nos coñece polo noso nome e nos chama a ser, co noso esforzo e compromiso polas persoas máis pobres e esquecidas, continuadores e continuadoras da súa tarefa.
- E como nos di o evanxeo de hoxe, este Deus paciente e sempre escoitador, quere de nós hoxe que espertemos do sono de converter a fe nunha rutina que só mira ao pasado con nostalxia e pechado na comodidade da nosa propia vida, para que sexamos crentes espertos e capaces de renovar, crear e mirar o mundo con ollos que superan fronteiras para pararse no corazón das persoas... sexan de onde sexan e veñan de onde veñan.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Nesta festa da universalidade da fe vivida desde unha Igrexa, que se sabe tamén universal e aberta, rezamos comunitariamente dicindo:
SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS ACOLLENDO E SEN DISCRIMINAR.
- No día do Domund, unímonos a toda a Igrexa universal; Igrexa que se sabe camiñando na senda da solidariedade compartida e da vida celebrada, para que nunca nos deixemos superar pola tentación de crear muros e fronteiras. Oremos. Señor, que camiñemos acollendo e sen discriminar.
- Polas nosas comunidades parroquiais, especialmente polas desta Unidade Pastoral de Caselas, que hoxe comeza a súa andaina. Para que sempre teña mirada de universalidade capaz de saír das lindes do seu propio territorio, para abrirse a participar na liberación de tantas persoas escravizadas pola pobreza. Oremos.
- Polo noso Bispo Antonio, e polas persoas que el escolleu: Almudena e Clodo. Para que a partires de hoxe acompañen o noso camiñar alentándonos, aledándonos, animándonos e facéndose uns máis entre nós. Oremos. Señor, que camiñemos acollendo e sen discriminar.
Comentarios