Ir al contenido principal

30 domingo TO C 2025

 Non fagamos da apariencia o noso estilo de vida

CANTO GOZOSO

·      ENTRADA: Con ledicia  vimos ( 3  )

·      LECTURAS:  A túa palabra (  25 )

·      OFERTORIO: Recibe Señor  (31)

·      COMUÑÓN:  No colo de miña nai ( 49)

ESCOITA ACTIVA

Nunca tanto coma hoxe temos escoitado falar de igualdade, escoita, acollida, respecto, diálogo... e tamén, nunca tantas veces como van ocorrendo hoxe imos vendo como os malos tratos seguen a sufrilos as mulleres, o machismo vai crecendo cada día máis entre a xente máis nova ou a falta de respecto leva a que as persoas máis fráxiles sufran violencia e mesmo exclusión.

Porén, a Palabra de Deus que hoxe imos proclamar vainos marcando un enderezo distinto; un enderezo de sinxeleza, humildade, solidariedade ou igualdade.

Non nos deixemos levar entón polo arrouto de todo canto nos converte en persoas individualistas, insolidarias, soberbias ou mellores que as demais.

E para iso, que mellor poñer xa desde o comezo o noso corazón na presenza e na man do Señor.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

· Por non saber escoitar e calar. Señor, aquece o noso corazón.
· Por non querer baixarnos das nosas teimosías que crean muros e derruban pontes. Cristo, aquece o noso corazón.
· Por non deixar que a participación, a colaboración e o respecto guíen o noso camiñar. Señor, aquece o noso corazón.

PALABRA AGASALLADA

PROCLAMACIÓN DA PALBRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO

Deus é un Deus xusto
e non ten preferencias de persoa;
non tomará parte contra o pobre
mais presta oídos ás demandas do asoballado,
non refuga os saloucos do orfo
nin da viúva que repite o seu laio
Semellante laio acada o seu favor,
o seu berro chega ata as nubes.
O grito do pobre traspón as nubes,
non apousa ata chegar á meta,
non cede ata que Deus o atende
e que o xuíz veraz faga xustiza;
tampouco Deus a retardará.
Palabra do Señor. Grazas a Deus.

SALMO RESPONSORIAL :  Clamou o pobre e Deus escoitouno

Eu bendigo ó Señor en todo instante,
teño sempre na boca a súa louvanza;
gloríome no Señor,
e os humildes alégranse, ó escoitalo. Clamou o pobre e Deus escoitouno

mais o Señor mira con enfado ós malvados,
para borrar da terra a súa memoria.
claman aqueles, e o Señor escoita,
líbraos de tódalas angustias. Clamou o pobre e Deus escoitouno

O Señor está preto do aflixido,
salva ó asoballado.
O Señor redime os seus servos:
non será castigado quen a El se acolle. Clamou o pobre e Deus escoitouno

PROCLAMACIÓN DA PALBRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO A TIMOTEO

Benquerido irmán:
A min xa me falta pouco para derrama-lo meu sangue, e o meu pasamento está a chegar. Combatín unha loita brillante, rematei a miña carreira, gardei a fe. O que me resta é a coroa da xustiza que me está reservada. E o Señor, que é xuíz xusto, hama entregar aquel Día. E non só a min senón a tódolos que arelan a súa Vinda gloriosa.
Na miña primeira defensa non me asistiu ninguén, todos me deixaron. ¡Que Deus llelo perdoe! Pero o Señor asistiume e deume forza para que eu rematase a predicación e tódalas nacións a escoitaran. E libroume da boca do león. O Señor hame librar de toda obra perversa e hame manter vivo para o seu Reino celestial. Sexa para El a gloria polos séculos dos séculos. Amén.

Palabra do Señor. Grazas a Deus.

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Xesús propuxo esta parábola dirixíndose a uns que estaban moi seguros de si mesmos, créndose perfectos e desprezando os demais:
‑Dous homes subiron ó templo a orar; un era fariseo e outro recadador de impostos.
O fariseo, de pé, oraba para os seus adentros deste xeito: "Meu Deus, douche gracias porque non son coma os demais: ladrón, inxusto e adúltero; nin coma ese recadador. Gardo o xexún dúas veces por semana e pago o dezmo de todo canto gaño".
O recadador, en troques, manténdose a distancia, non se atrevía nin a levanta-los ollos ó ceo, senón que petando no peito dicía: "Meu Deus, ten compaixón de min, que son un pecador".
Asegúrovos que este baixou reconciliado con Deus para a súa casa e, en cambio, o outro non. Porque a todo o que se teña por moito rebaixarano e a todo o que se rebaixe enaltecerano.

Palabra do Señor. Gloria a Ti, Señor Xesús.

PALABRA REMOÍDA

· Escoitabamos na primeira lectura que se nos dicía que Deus non fai distincións, diferenzas, agravios, acepción de persoas... e non o fai porque é un Deus xusto, acolledor, acompañante nas ledicias e tristuras... sempre querendo levar o noso mesmo paso. E que importante é entender esta palabra, e despois levala a nosa vida de cada días nas relacións coa xente que temos máis preto, co que compartimos amizade e momentos, ledos, pero tamén difíciles da nosa vida. Por iso, se que remos seguir as pegadas e vivir desde o estilo deste Deus amor e coleiro ( que nos colle nos colo), temos que deixar atrás toda esa carga de actitudes que van no camiño contrario ao que este Deus con rostro de Pai/Nai sorrinte agarimoso, temos que cambiar moitos dos nosos comportamentos, e o que é máis difícil: temos que cambiar pensamentos, rutinas costumes que durante anos foron aniñando na nosa vida, e que nos foron , moitas veces sen decatarnos, sacando do berce sempre aquecido no que o Deus nos invita a acougar logo da dureza do camiño.
· Na segunda das lecturas Paulo, o apóstolo que superou fronteiras para levar o evanxeo a outras culturas, lémbralle a Timoteo, o seu discípulo a quen el fora falándolle de Xesús e explicándolle que a súa mensaxe so tiña unha palabra, e que todo o demais sería secundario: o amor. E so desde ese amor se ha de rezar, vivir a fe, compartir e acompañar ledicias e tristuras, acertos e erros, ilusións e fracasos. E que ben o soubo facer! Con sinxeleza, sen impoñer, facendo da súa vida o espello onde Timoteo fose aprendendo. Coma Paulo naquel tempo con Timoteo, tamén nós temos que ser hoxe discípulos ledos que alenten a quen ¡vexamos so, triste, incomprendido, tratado inxustamente... e que na linguaxe de hoxe se di: que sofre acoso, a quen se lle fai baleiro, a quen se insulta, a quen se intenta facer de menos, a quen... e iso é así porque sendo hoxe nós seguidores e seguidoras de Xesús, temos que ser voz das persoas excluídas, invisibles e silenciadas das nosas parroquias, os nosos barrios, os nosos traballos, os nosos colexios...
· E o mellor de todo é a parábola que Xesús lle conta a aqueles que se crían mellores, intachables, más bos, máis listos, máis... ca todos e todas as demais. Esta xenialidade de Xesús de dicirlles que non todo o que se ve, é o que somos. Que moitas veces so aparentamos, disimulamos, enganámonos e enganamos ás outras persoas; e que ese xeito de actuar, comportarse e facer as cousas está moi, pero que moi lonxe do que El vivía e de como facía as cousas.
A parábola é unha invitación a que nós nos preguntemos de que maneira nos imos apartando da tentación de crernos mellores e máis perfectos ca os demais; de que maneira imos deixando atrás a dureza coa que xulgamos aos demais; de que maneira somos quen de esforzarnos por mirar dentro de nós e ser capaces de descubrir a nosa incoherencia por esixirlle aos demais aos demais o que nós somos incapaces de facer e vivir.
O papa Francisco non cansou , seguindo esta invitación de Xesús, de repetirnos que temos que evitar ser autorreferenciais e xulgadores das outras persoas.

COMPARTINDO A ORACIÓN 

Compartimos agora a nosa oración comunitaria e facémolo dicindo: 

Señor, que as nosas seguridades non nos fagan persoas soberbias.

·      Para que sexamos unha Igrexa samaritana e de escoita, nun mundo tan xordo de paz e colaboración. Oremos.

Señor, que as nosas seguridades non nos fagan persoas soberbias.

·      Para que camiñemos dando pasos que saiban descubrir nas beiras a persoas que sofren e están solas e esquecidas. Oremos.

Señor, que as nosas seguridades non nos fagan persoas soberbias.

·      Para que as persoas maiores, especialmente as que están solas e esquecidas, poidan a topar en nós agarimo, escoita e axuda. Oremos.

Señor, que as nosas seguridades non nos fagan persoas soberbias.

            Grazas, Señor, por queremos, acompañarnos e invitarnos a nós a seguir os teus pasos. Por Cristo o noso Señor. Amén.

ALENTANDO A VIVIR CO PÉS NO CHAN

O Señor, O Pai é moi misericordioso. Sempre perdoa e sempre quere facer as paces con nós. Por iso o estilo cristián non é o da soberbia, non é a condena e non é falar mal dos demais senón o de apoiar aos demais, perdoar e ser misericordiosos.
O soberbio: é aquel que cre ser moito máis do que en realidade é; aquel que se estremece por ser recoñecido maior que os demais, aos que despreza por consideralos inferiores.
Xesús nos Evanxeos deunos moi poucos preceptos morais, pero nun deles foi inflexible: non xulgar nunca.
( Francisco)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...