Ir al contenido principal

Santos 2024

 Tódolos Santos. 2024

Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo

Cantos

Entrada.- Benaventurados ( 118)

Lecturas.- O amor é o meirande ( 119)

Ofertorio.- Quédate, Señor, connosco  ( 63 )

Comuñón.- Non vou so  ( 60 )

 

Ollos para ver

         As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.

         E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito santo que nos fai persoas agradecidas e dispostas a seguir as pegadas de tantos homes e mulleres que nos foron abrindo camiño, ao estilo de Xesús, para que nós tamén poidamos practicar a samaritanía do servizo con aquelas persoas que nos precisen.

         Comecemos entón poñéndonos na man e na presenza do Señor, e dando grazas a Deus polo testemuño das persoas benaventuradas, santos e santas, ás que hoxe honramos.

Corazón para perdoar

·      Porque nos falta esperanza e nos sobra resignación. SEÑOR, NON DEIXES DE ALENTARNOS.

·      Porque nos falta audacia para superar os nosos prexuízos, CRISTO, NON DEIXES DE ALENTARNOS.

·      Porque non sabemos recoñecer que a santidade é tomar en serio o servizo aos demais. SEÑOR, NON DEIXES DE ALENTARNOS.

 Palabra par escoitar

Proclamación da Palabra recollida na primeira carta de san Xoán

 

Benqueridos irmáns e irmás:

Vede o moito que nos quixo o Pai, para nos chamarmos fillos de Deus e sérmolo de verdade. Por iso o mundo non nos recoñece: porque tampouco non o recoñeceu a El. Meus amigos, xa somos fillos de Deus, pero aínda non está á vista o que seremos; sabemos que cando Xesús apareza, nós seremos coma El, xa que o veremos tal e como é. Todo o que ten posta en Xesús esta esperanza, trata de vivir unha vida limpa, para ser limpo coma El. Palabra do Señor.

 

 

Proclamación do santo Evanxeo segundo Mateo

 

Vendo Xesús a multitude, subiu ó monte e sentou. Achegáronselle os seus discípulos, e el, tomando a palabra, ensinábaos dicindo:

-Ditosos os que teñen espírito de pobres,

porque deles é o Reino dos Ceos.

Ditosos os que choran,

porque eles serán consolados.

Ditosos os non violentos,

porque eles herdarán a terra.

Ditosos os famentos e sedentos de xustiza,

porque eles ficarán fartos.

Ditosos os misericordiosos,

porque eles acadarán a misericordia.

Ditosos os de corazón limpo,

porque eles verán a Deus.

Ditosos os que traballan pola paz

porque eles serán chamados fillos de Deus.

Ditosos os perseguidos por causa da xustiza,

porque deles é o Reino dos Ceos.

Ditosos vós cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa: alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos Ceos. Palabra do Señor.

 

Palabra par remoer

  • ”Vede o moito que nos quixo o Pai”. Deus é sempre, e por riba de todo, amor. Por amor crea, por amor acompaña, por amor ofrécenos un camiño de esperanza cheo de xenerosidade e entrega cara aos demais. Que lonxe nos queda aquela idea, que nos meteron de pequenos, de que Deus era medo e condena! 

A carta de Xoán quérenolo poñer de manifesto cando, con insistencia, afirma que O amor de Deus foise, vaise e seguirase manifestando en todos e cada un e cada unha de nós. Porque o seu amor é un amor de inclusión, un amor de igualdade, un amor pacificador e que busca a xustiza. E desde esta achega á imaxe de Deus, entendemos nós a festa de hoxe. A festa de tódolos santos e santas, homes e mulleres capaces de converter en entrega e servicialidade o seguimento de Xesús, a maneira de vivir a fe, o xeito de facer da palabra de Deus comportamentos, actitudes e miradas das persoas e do mundo que poñan o amor e a dignidade respectada, de todas e todos no centro; é a festa dunha Igrexa en comuñón que é quen de superar a súa propia fraxilidade para seguir ofrecendo ao mundo espazos de dignidade compartida e de busca de felicidade e xustiza. 

 

  • “Seremos coma El” . Neste camiñar desde o amor a nosa tarefa e compromiso cotián é esforzarnos, non por ser mellores ca os demais, ou sentirnos máis perfectos e súper cumpridores de normas e ritos, non. O noso ha ser un camiñar marcado polo relación entre o servizo e a humildade, porque so é quen de servir de verdade; aquela ou aquel que o fai sen buscar nin recoñecemento nin a exposición, para que o/a miren as demais persoas, será quen de sentir de verdade que Deus é amor entregado.

·      “Ditosos“ Unha entrega para con nós para que sexamos persoas ditosas, benaventuradas, felices... indo a contracorrente de modas e tendencias. As e os cristiáns non podemos ser “influencers” en permanente exposición; tampouco clase política na procura de votos. A nós a dita, a felicidade, a benaventuranza ten que levarnos a sentir a presenza do amor de Deus no servizo e na entrega ás demais persoas. As santas e santos que hoxe recoñecemos e honramos agradecendo a súa vida a prol dos demais, foron homes e mulleres normais, serviciais, honestos/as, loitadores polo ben e a felicidade dos demais. Séndoo, a súa dita foi plenitude acollida ao abeiro de Deus. E hoxe, desde esa presenza a ao lado de Deus, comparten tamén a nosa oración comunitaria. E nós non podemos máis que dar garzas a Deus polo moito que deles e delas temos recibido e aprendido.

Oración para compartir

         “Felices os que son sinxelos”, cantamos moitas veces nas celebracións. Desde esa sinxeleza de vida, á que Deus non invita sempre, compartamos a nosa oración  comunitaria dicindo: Señor, grazas polo testemuño da xente de ben.

·      Que sempre saibamos recoñecer, en toda a Igrexa e en tódalas igrexas, o testemuño gozoso das persoas que traballan pola servicialidade e a igualdade Oremos. Señor, grazas polo testemuño da xente de ben.

·      Que sempre saibamos descubrir a presenza de Deus nas persoas que pasan polo mundo facendo o ben e acollendo ao estilo de Deus. Oremos. Señor, grazas polo testemuño da xente de ben.

·      Que sempre saibamos poñer o noso corazón ao servizo da xente máis humilde e precisada de axuda, colaboración e xustiza. Oremos. Señor, grazas polo testemuño da xente de ben.

Grazas, Señor, por invitarnos a non deixarnos vencer polo pesimismo e a tristura. Por Cristo o noso señor. Amén.

Corazón para latexar

Felices:

Os que poñen a súa alegría en alegrar a outros, 
porque eles experimentarán a alegría de Deus
Os que se fan dignos de que os seus amigos lles confíen os seus segredos, 
porque deles é o reino dos corazóns
Os que loan, os que colaboran, os que dan, os que entregan, 
porque coa mesma medida que mediran serán medidos. 
Os que fan favores aos seus amigos, aforrándolles a molestia de pedilos; 
porque eles coñecerán que o gozo de dar é maior que o de recibir.
Os que seguen amando aos seus amigos cando os ven caídos en desgraza, 
máis aínda os que aportan o seu diñeiro, 
o seu tempo e a súa bondade para que non caian, 
porque eles serán levantados nos seus días.
Os que aman a Xesús Cristo que amou incluso aos descoñecidos, aos ingratos, aos molestos, 
porque eles cumpren o mandato novo do Amor
Os que teñen fame e sede de amor como quere Cristo, 
porque eles serán saciados coa amizade da familia de Deus.
Os que aman con corazón limpo, 
porque eles verán a Deus.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...