Ir al contenido principal

30 Domingo TO-B 2024

30º domingo do tempo ordinario.2024

Na mestura do mundo, diverso e plural, sempre está Deus

Cantos.-

Entrada.- Eu soñei ( 58)
Lecturas.- Déixate querer ( 61 )
Ofertorio. Quédate, Señor, connosco ( 60 )
Comuñón.- Acharte presente na vida ( 51 )

Abríndonos ao compartir

Escoitaremos hoxe na palabra que imos proclamar que Deus sempre achega e acolle. Fíxoo co pobo de Israel en momentos duros e difíciles; fíxoo por medio de Xesús nun tempo no que os poderosos dicían que Xesús so era un tolo; segue a facelo hoxe, co forza do Espírito, neste noso mundo tan pouco acolledor e disposto sempre a xulgar aos demais e a botar fóra a quen non é de aquí nin pensa coma nós.
Poñamos entón o mellor de cada un e cada unha de nós para que esta palabra que hoxe vai resoar nos noso oídos, sexa palabra alentadora e transformadora da nosa maneira de ver o mundo e tratar a todas e todos os que que nel vivimos como iguais.

Precisados de misericordia

  • Porque nos falta convicción e nos sobra intolerancia. Señor, que miremos con agarimo.
  • Porque acabamos de entender que como ti acolles, tamén temos que acoller nós. Cristo, que miremos con agarimo.
  • Porque non deixamos que a túa mirada de misericordia acampe no noso corazón. Señor, que miremos con agarimo.

Para acoller a Palabra

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS

Así fala o Señor:
‑Aclamade a Xacob con gritos de alegría,
gritádelle á primeira das nacións.
Pregoade, louvade, clamade:
"Salva, Señor, o teu pobo,
salva o resto de Israel".
Vede: vounos traer do país do norte,
vounos reunir desde os cabos do mundo.
Entre eles haberá cegos e coxos,
a que está en cinta xunto coa parida,
volverán en enorme multitude.
Velaí, chegarán chorando;
pero entre aclamacións de agradecemento,
heinos conducir, heinos levar ós regueiros de auga
por un camiño seguro onde non han tropezar.
Si, volvereime pai de Israel,
e Efraím será o meu primoxénito. Palabra do Señor.

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS

Todo Sumo Sacerdote escóllese sempre entre os homes e se constitúe Sumo Sacerdote para o ben dos homes nas súas relacións con Deus, a fin de que ofreza oblacións e sacrificios polos pecados. É capaz de tratar con indulxencia os ignorantes e os descamiñados, porque tamén el está rodeado de fraquezas. Por mor destas fraquezas ten que ofrecer sacrificios polos pecados, tanto polos pecados do pobo coma polos seus propios pecados. Ora, ninguén pode coller en por si este honor, senón que hai que ser chamado por Deus, como foi chamado Aarón.
Do mesmo xeito, tampouco Cristo non procurou a súa gloria facéndose Sumo Sacerdote, senón que lla procurou o que lle dixo:
"Ti e-lo meu Fillo,
hoxe xereite Eu".
Entendido conforme o que di noutro sitio:
"Ti es sacerdote para sempre,
á maneira de Melquisedec". Palabra do Señor

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

Chegou Xesús a Iericó. Cando saía cos seus discípulos e outra moita xente, Bartimeo, o fillo de Timeo, un cego pobre de pedir, estaba sentado a carón do camiño. Oíndo que pasaba Xesús o Nazareno, empezou a berrar:
‑¡Xesús, Fillo de David, ten piedade de min!
Moitos mandábano calar; pero el berraba aínda máis alto:
‑¡Fillo de David, ten piedade de min!
Deténdose Xesús, dixo:
‑Dicídelle que veña aquí.
E chamaron polo cego, dicíndolle:
‑¡Veña, érguete, que te chama!
El, ceibándose do manto, veu dando brincos ata onde estaba Xesús. Este preguntoulle:
‑¿Que queres que che faga?
O cego respondeu:
‑Mestre, que volva a ver.
Xesús díxolle:
‑Ve, salvoute a túa fe.
E no instante comezou a ver, e seguiuno polo camiño. Palabra do Señor

Remoéndoa para a vida

Escoitabamos na profecía de Xeremías, que liamos como primeira lectura, que Deus é un Deus que xunta, acolle, escoita, agarima... e sempre o fai con alegría e sen resquemor nin resabidos. Todo un camiño que El nos invita a percorrer a cada un e cada unha de nós. Un camiño cheo de espiños, si, pero tamén de pétalos recendosos de encontro e familiaridade fraternal. Por iso o noso camiñar ha ser sempre comunitario e non individualista nin autorreferencial. A súa man, sempre dirixida a ser acollida por nós, é man que non deixa que nos perdamos porque é brúxula que orienta e da horizonte ao noso camiñar na vida . Porque o Deus cristián é un Deus de comunidade, de colaboración, de participación e sempre con capacidade de facer da misericordia estímulo e alento para non deixarnos derrubar polas nosas fraxilidades. Fronte a elas, El sempre pon alegría e esperanza. Unha alegría e esperanza que van, como a choiva miúda, enchoupando o noso corazón e axudándonos a cambiar a mirada respecto do mundo no que estamos e das persoas que nel o compartimos. Que o noso camiñar sexa un camiñar compartido e agradecido pola presenza, ao noso lado, deste Deus para o que nós somos sempre raíz e cerne de solidariedade compartida.
Vemos este despregue de entrega en gratuidade de Deus nas palabras do evanxeo que vimos de proclamar na celebración de hoxe. Diante da angustia de Bartimeo por non poder ver, Xesús escoita e ofrécelle unha mirada nova; unha mirada que non so está nos ollos, tamén chega ao corazón para transformárllelo en latexos de tenrura e agarimo. Fronte á chamada angustiada pola desesperación daquel home, Xesús consegue trasladarlle acougo, esperanza, capacidade de sentirse querido e escoitado. Cantas veces nós temos deixado pasar ocasións coma estas para ofrecer a quen o precisaba, esta paz e escoita que nos trae Xesús? Cantas veces nós, ante a mirada, a palabra a man que busca ser acollida, temos respondido en sentido contrario ao que fai Xesús? Por iso é tan importante que as palabras do evanxeo non esvaren por nós sen prestarlle atención, todo o contrario: a súa quere ser unha palabra que nos faga cambiar, ver a realidade cos ollos daquel home ao que Xesús lle deu outra oportunidade para ver doutro xeito, para que a súa mirada fose mirada de recoñecemento e non de negatividade e confrontación.
Non afoguemos logo con comentarios, críticas, murmurios... o traballo, a xenerosidade, a participación e a colaboración daquelas persoas que tentan e se esforzan cada día por levar a cabo unha mirada como a de Xesús coas persoas e coa realidade do seu/noso redor. Miradas de prestarlle atención ás persoas, miradas de ser capaces de escoitar e non de rexeitar a quen nos fala, miradas de humanidade capaces de descubrir que o mundo inda é posible cambialo desde o pequeno e sinxelo, desde a realidade que temos ao lado, desde a nosa capacidade de facer as cousas con cariño e ofrecendo a nosa man a quen precisa camiñar e so non pode. Unha mirada ao estilo de Xesús.

Nunha oración compartida

Uníndonos nunha mesma oración co Deus de Xesús, o Deus que non escorrentaba, pero si acollía, dicimos: que teñamos mirada acolledora.
  • Para que construamos, entre todos e todas, unha Igrexa que mire desde o corazón e non desde a imposición e a friaxe das normas. Oremos. Que teñamos mirada acolledora.
  • Para que nos nosos parroquias construamos relacións de encontro, acollida e cercanía dunhas persoas para coas outras. Sen darnos nunca as costas. Oremos. Que teñamos mirada acolledora.
  • Para que nunca nos quitemos as lentes que nos permiten ver ás demais persoas con ollos de fraternidade, evitando mirar coa dureza que xulga, impón e nunca é capaz de perdoar. Oremos. Que teñamos mirada acolledora.
Que non deixemos de mirar nunca Señor coa túa mirada aos irmáns e irmás. Por Cristo o noso Señor. Amén.

Na que Deus nos acompaña

Neste mundo líquido é necesario falar novamente do corazón, apuntar cara alí onde cada persoa, de toda clase e condición, fai a súa síntese; alí onde os seres concretos teñen a fonte e a raíz de todas as súas demais potencias, conviccións, paixóns, eleccións.
Conta o Evanxeo que un rico achegouse a el, cheo de ideais, pero sen forzas para cambiar de vida. Entón « Xesús mirouno con amor » (Mc 10,21). Podes imaxinar ese instante, ese encontro entre os ollos deste home e a mirada de Xesús? Se te chama, se te convoca a unha misión, primeiro mírate, penetra o máis íntimo do teu ser, percibe e coñece todo o que hai en ti, deposita en ti a súa mirada: « Mentres camiñaba á beira do mar de Galilea, Xesús viu a dous irmáns […]. Continuando o seu camiño, viu a outros dous irmáns » (Mt 4,18.21). .. Porque está atento a nós, el é quen de recoñecer cada boa intención que teñas, cada pequeno acto bo que realices. ( Francisco, Dilexit nos).

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...