Ir al contenido principal

29 Domingo TO B 2024 - DOMUND

 Xornada do DOMUND 2024 

IDE E CONVIDADE A TOD@S AO BANQUETE

Cantos

            Entrada.- Camiñando pola vida (  )

            Lecturas.- Eu sei de quen me fiei ( )

            Ofertorio.- Grazas, Señor, graciñas ( 50)

            Comuñón.- Ide e pregoada. ( 55)

Ollos abertos e oídos atentos

            Celebramos neste domingo a Xornada Mundial das Misións, o día do DOMUND, como adoitamos dicir habitualmente. Unha xornada na que como Igrexa queremos mostrar a universalidade da fe e o compromiso coa misión encomendada por Xesús aos apóstolos, e a todas e todos cantos fomos vindo despois, “ ide e anunciade”. Desde este ide e anunciade hoxe reunímonos para compartir, celebrar e agradecer a fe no Deus de Xesús que nos alenta coa forza do Espírito e nos invita a facer da nosa vida misión compartida e anuncio de esperanza. Porque, todas e todos nós recibimos a invitación de ser misioneiros e misioneiras co noso quefacer e o noso testemuñar que Xesús é guieiro de humanización e fraternidade para ser acollido e compartido.

Misericordia compartida

·       Para que saibamos facer da misión razón do noso vivir. Señor, grazas por convidarnos.

·       Para que saibamos  testemuñar que a misión non é imposición, senón acompañamento compartido. Cristo, grazas por convidarnos.

·       Para que saibamos afastar de nós a tentación de excluír e facer de menos ás persoas que chegan chamando na porta do primeiro mundo. Señor, grazas por convidarnos.

Palabra proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

O Señor quixo esmagalo co seu sufrimento:

Si, entrega a túa vida en expiación polo pecado.

Pero el verá descendencia, alongará os seus días

e por medio del cumprirase a salvación do Señor.

Polos traballos da súa vida verá a luz,

alcanzará a sabedoría.

O Xusto volverá xusto o seu Servo

para o ben de moitos

e as iniquidades destes el soportará.  Palabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS

Irmáns e irmás:

Xa que temos un gran Sumo Sacerdote que xa penetrou no ceo, Xesús, o Fillo de Deus, manteñámo-la esperanza que profesamos.

Pois así é: nós non temos un Sumo Sacerdote que non se poida compadecer das nosas debilidades, senón un Sumo Sacerdote probado en todo coma nós, fóra do pecado. Acheguémonos, con liberdade ó trono da gracia, para conseguirmos misericordia e atoparmos gracia para unha axuda no seu debido tempo. Palabra do Señor. 

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

Achegándose a Xesús os fillos de Zebedeo ‑San-tiago e mais Xoán‑, dixéronlle:

‑Mestre, nós queriamos que nos fixése-lo que che imos pedir.

El preguntou:

‑¿E logo, que é o que queredes que vos faga?

Contestáronlle:

‑Concédenos que na túa gloria sentemos un á túa dereita e outro á túa esquerda.

Respondeulles Xesús:

‑Vós non sabedes ben o que pedides. ¿Seredes capaces de bebe-lo cáliz que eu teño que beber, e recibi-lo bautismo que eu teño que recibir?

Respondéronlle:

‑Somos.

Xesús replicou:

‑O cáliz que teño que beber, si que o beberedes, e tamén recibiréde-lo bautismo que eu teño que recibir, pero o sentardes á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min o concedelo, senón que é para os que está reservado.

O escoitaren isto, os outros anoxáronse con Santiago e con Xoán. Entón Xesús chamounos e díxolles:

‑Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos, quen queira ser importante, que sirva os outros, e quen queira se-lo primeiro, que sexa o máis servicial. Que o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir, e a entrega-la súa vida en rescate por todos.

Palabra remoída

·       Lémbranos o texto ao Hebreos que vimos de proclamar na celebración de hoxe, que Xesús é a nosa referencia diante de Deus Pai. El, que xa  rematou o seu camiñar, convértese no noso mellor valedor para renovar, alentar e reforzar a nosa esperanza. Nun mundo tan cheo de desesperanza e desacougo. Fronte á escuridade que, tantas veces, nos impide gozar da luz da presenza de Deus no noso camiñar, Xesús móstrasenos como o ceo solleiro e azul que vai ofrecendo luz de sentido, solidariedade,  acompañamento e fraternidade, de xeito que a nosa vida recobre e a forza e non se deixe avasalar polos profetas de calamidades que non fan máis que escurecer a luz dunha boa nova que nos chama a  ir e desenvolver a misión de facernos sentir iguais e fillas e fillos nun mesmo Pai Deus. Sen poñer fronteiras nin deixarse vencer polos atrancos de quen no canto de poñer paz e entendemento so busca confrontación.

 

·       No ide e convidade ao banquete, sen facer exclusión nin tampouco impoñer vetos que non deixen que nos atopemos ao redor do altar, sentímonos todas e todos nós incluídos como parte desa misión que Xesús  deixa aos apóstolos e que estes foron legando, xeración tras xeración, ao longo dos séculos. Hoxe tócanos a nós ser os e as misioneiras que falen neste noso mundo lastrado pola violencia, o enfrontamento e o desencanto, da paz como tarefa posible, e non como simple retrouso retórico rutineiro. A misión á que el nos chama esixe homes e mulleres que desde a súa normalidade sexan/mos quen de entregarnos a toda aquela causa que supoña a defensa da dignidade humana e da busca do ben sen impoñer nin fronteiras nin visados que acepten a uns e rexeiten aos outros.

 

·       E esta misión á que nos urxe sen distinción de xénero, fala, cor de pel ou condición social, está chamada a ser mesa compartida de busca de canto temos en común, e non do que nos espera. Mesa na que caibamos todas e todos; mesa de paz compartido e repartido. Pan de humanización, respecto, humildade, sinxeleza e diálogo. E esta tarefa témola que ir desenvolvendo dun cabo a outro do  mundo co noso actuar, co noso dicir e co noso testemuñar. Porque a fe non é o anuncio  dunha marca publicitaria nin tampouco un produto que se pon no mercado para obter beneficios económicos, todo o contrario. A fe é proposta de salvación e horizonte de plenitude a todo home e muller que queira compartir a fermosa tarefa de mirar aos ollos ao irmán ou á irmá que nos precisa e agarda de nós que nos paremos e lle digamos: como podemos camiñar xuntos? Sen tiranizar nin asoballar, simplemente recoñecendo que nel e nela está a imaxe e semellanza do Deus que nos quere e nos acubilla. Esta a tarefa que hoxe, na xornada das misións nos pide Xesús.

Oración agradecida

Neste camiñar sinodal da Igrexa universal, que require un compromiso de todos e todas, presentemos ao Señor as nosas necesidades, o mesmo que confía un fillo no seu pai. Facémolo dicindo: Señor, grazas por convidarnos a túa mesa.
1.- Pola Igrexa, misioneira como Cristo; para que, creando espazos de diálogo, camiñando xuntos, se ofreza aos homes e mulleres de o noso mundo como servidora da paz que nos trae o Resucitado.
Roguemos ao Señor. Señor, grazas por convidarnos a túa mesa.
2.- Polo papa Francisco, os bispos, sacerdotes e responsables da pastoral da Igrexa universal; para que, a exemplo do Señor, estean dispostos a seren servidores e estar cerca dos sufrimentos da nosa xente. Roguemos ao Señor. Señor, grazas por convidarnos a túa mesa.
3.- Polos misioneiros; para que sintan sempre a achega das comunidades que rezan e colaboran, coa súa solidariedade, para que a súa misión siga a ser anuncio de fraternidade e humanidade alí onde están. Roguemos ao Señor. Señor, grazas por convidarnos a túa mesa.
Escoita ao pobo que se dirixe a Ti, como o fai un pai cos seus fillos, e fai que podamos ser fieis á misión evanxelizadora que nos con fiaches. Por Xesucristo, o noso Señor

Palabras de esperanza

Os dous verbos que expresan o núcleo da misión —"IDE" e "CHAMADE" co sentido ou significado de "invitade".

A misión é un incansable ir cara a toda a humanidade para invitala ao encontro e á comuñón con Deus. Incansable! Deus, grande no amor e rico en misericordia, está sempre en saída ao encontro de todo home para chamalo á felicidade do seu Reino, malia a indiferenza ou o rexeitamento. Así, Xesucristo, bo pastor e enviado do Pai, Ía en busca das ovellas perdidas do pobo de Israel e desexaba ir máis alá para chegar tamén ás ovellas máis afastadas (cf. Xn 10,16). El dixo aos discípulos, tanto antes como despois da súa resurrección: “ ide!", involucrándoos na súa mesma misión (Lc 10,3; Mc 16,15). Por isto, a Igrexa seguirá e máis alá de toda fronteira, seguirá saíndo unha e outra vez sen cansarse ou desanimarse ante as dificultades e os obstáculos, para cumprir fielmente a misión recibida do Señor. ( Da mensaxe do papa para esta xornada)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...