Ir al contenido principal

27 domingo TO B 2024

CAMIÑANDO NA COMPLEMENTARIEDADE: CREOUNOS HOME E MULLER

CANTO GOZOSO

ö ENTRADA: Con ledicia vimos (Nº 3)

ö LECTURAS: Benaventurados (Nº 119)

ö OFERTORIO: Déixate querer (Nº 61)

ö COMUÑÓN: Quédate, Señor, connosco (Nº 63)

 

PARA NON PERDER O PASO

         Neste noso mundo tan susceptible a sentirse ferido cando alguén manifesta unha posición ou unha toma de postura distinta ao socialmente correcto; nun mundo moi dado a censurar e silenciar a quen renega de facer os que fan todos, sen permitir pensamento, ou postura ante as diferentes e diversas situacións, non acaba de entenderse que home e muller son iguais en dignidade e capacidade, á vez que tamén son merecedores, ámbolos dous, do mesmo respecto. 

A isto tamén debemos engadir que son/somos diferentes pero complementarios; que uns e outras aportamos á vez ao enriquecemento mutuo; que nesta complementariedade sentímonos chamados e chamadas e crecer, madurar e a aportar mutuamente, para que as nosas relacións sexan cada vez máis robustas, asentadas e estables.

         Disto é do que hoxe nos falan as lecturas que imos proclamar esta mañá: da igualdade que enriquece desde a diferencia, e da necesidade de descubrir que sendo iguais en dignidade, somos diferentes noutras moitas cousas, desde as que nos unimos nun mesmo camiñar para fortalecer o saber estar no mundo desde a liberdade de opción e non dese o sometemento da imposición.

CO CORAZÓN FERIDO

·      Para que nunca consintamos na tentación de impoñer unha visión patriarcal e masculina da fe; SEÑOR QUE A NOSA SEXA PEDAGOXÍA DE IGUALDADE.

·      Para que non deixemos que aniñe en nós calquera pensamento que se opoña á igualdade entre home e muller; CRISTO, QUE A NOSA SEXA PEDAGOXÍA DE IGUALDADE.

·       Para que nin nas nosas familias nin nas nosas parroquias, contribuamos ao sometemento e á exclusión á hora de tomar decisións entre todos e todas; SEÑOR, QUE A NOSA SEXA PEDAGOXÍA DE IGUALDADE.

O AGASALLO DA PALABRA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

 

O Señor Deus pensou: ‑"Non está ben o home só. Vou facer para el unha axuda ó seu xeito". O Señor Deus formou de terra as feras do monte e os paxaros do ceo, e presentoullos ó home, para ver que nomes lles puña. Cada ser vivo levaría o nome que o home lle puxese. O home púxolles nomes ós animais domésticos, ós paxaros do ceo e ás feras do monte. Pero entre eles non había unha axuda ó seu xeito.

Entón infundiu o Señor Deus un sono profundo no home, e este adormeceu. Tiroulle unha costela e cerrou con carne o sitio. Da costela do home formou unha muller e presentoulla ó home.

O home exclamou: ‑"Agora esta é coma min, o mesmo óso, a mesma carne. Chamarase muller, porque foi tirada do home". Por iso deixa o home seu pai e súa nai para xuntarse coa súa muller e faceren un mesmo corpo. Palabra do Señor.

 

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS

 

Irmáns e irmás:

Aquel que "rebaixaron só un chisco con respecto ós anxos", Xesús, por aguanta-los padecementos da súa morte, está coroado de gloria e dignidade. Deste xeito, a súa morte foi unha bendición de Deus para todo home.

Efectivamente, conviña que Aquel para quen e por quen todo existe, se quería levar moitos fillos á gloria, levase á máxima perfección por medio do sufrimento o que ía ir  á cabeza dos que se salvarían; pois o consagrante e os consagrados teñen  que ser todos da mesma liñaxe. Por isto non se avergonza de lles chamar irmáns. Palabra do Señor.

 

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

Achegáronselle a Xesús algúns fariseos, preguntándolle para probalo, se lle está permitido ó home repudia-la muller. El replicoulles:

‑¿Que foi o que mandou Moisés?

Respondéronlle:

‑Moisés permitiu despedila, dándolle certificado de divorcio.

Díxolles Xesús:

‑Tendo en conta a dureza de voso corazón, escribiu Moisés para vós esa norma. Pero desde o principio da creación, fíxoos varón e femia. Por iso deixará o home a seu pai e mais a súa nai, unirase coa súa muller, e serán os dous unha soa carne. De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. O que Deus uniu, que non o separe o home.

Xa na casa, os discípulos volvéronlle a preguntar acerca disto. El díxolles:

‑O que repudia a muller e casa con outra, comete adulterio contra a primeira. E se a muller abandona o marido e casa con outro, comete adulterio. Palabra do Señor.

 

UNHA PALABRA QUE AGROMA

·       As lecturas de hoxe xiran ao redor de dúas ideas fundamentalmente: as persoas, homes e mulleres, somos iguais compartindo unha mesma dignidade e merecendo un mesmo respecto. Por iso non se ha favorecer endexamais nin actitudes nin comportamentos que exclúan, enfronten e dividan entre fortes e débiles; entre os que impoñen e os que someten; entre os que mandan e os que obedecen. Porque se Deus nos creou iguais constitucionalmente, esa igualdade ha de seguir logo manifestándose á hora de consultar e tomar decisións ou á hora de outorgar responsabilidades nos diferentes ámbitos da vida: familiar, parroquial, laboral ou eclesial. Ninguén é, nin pode tampouco considerase a si mesmo, máis e por riba das demais persoas. Non somos illas esquecidas e incomunicadas, ao contrario, estamos chamadas e chamados a ser pontes de colaboración, participación e responsabilidade compartida. As persoas somos sempre relación de igualdade.

·       Unha igualdade que compartimos do mesmo ser de Xesús, quen asumindo a nosa condición humana, foi un exemplo de participación e colaboración, invitando aos que o escoitaban e acompañaban a seguilo desde o que facía e dicía. O seu foi un testemuño no que ía mostrando como o proxecto de Deus, que El tiña a encomenda de realizar e concretar no seu paso polo mundo, nos era ofrecido non como algo teórico, abstracto e sen ter que ver coa realidade, senón todo o contrario: o seu acompañar, escoitar, mesmo o seu sufrir, convértese para nós en camiño desde o que somos invitadas e invitados a andar en común e sen facer nin distingo nin exclusión. Fíxose un de nós para mostrársenos como guieiro capaz de romper moldes establecidos e tradicións baleiras e sen contido.

·       E iso era o que non lles gustaba aqueles que vivían das tradicións baleiras e dos ritos  sen corazón nin quecemento. Por iso tentaban pillalo sempre nalgún renuncio, sen deixar de poñelo a proba constantemente. Pero, inda que non o pareza, quen así actuaba non era a xente sinxela e con capacidade de aquecer o corazón e actuar ao estilo do que el facía e dicía. Os que buscaban quedar ben, lucimento, publicidade... eran os que tiñan poder, e sabían aproveitalo en proveito propio, na súa comenencia. De aí que non lles gustase nada o espírito libre e a capacidade de Xesús de xestionar novas propostas e novos camiños. Algo así como hoxe está a ocorrer con papa Francisco. Os que teñen poder, os que se consideran por riba dos demais, os que sempre mandaron e impuxeron o seu criterio, na Igrexa e fóra dela, son os que non son capaces de entender que hoxe temos que ser Igrexa doutro xeito. Igrexa sinxela, colaborativa, aberta a non excluír, con capacidade de facer da misericordia camiño e bálsamo. Sen impoñer criterios nin facer xuízos condenatorios, cando non de excomuñón. Son os mesmos que poñen trabas na roda que ten que levar a non ter medo a que o Sínodo, rompa esquemas anquilosados e concepcións do como vivir a fe, que non responden nin ao evanxeo nin á urxencia de servir. Nun mundo de desiguais e cheo de discriminación, a colaboración e busca de camiños que poñan sempre a persoa no centro, sen illala nin deixala soa e esquecida ha ser logo o xeito de camiñar dos que nos chamamos seguidoras e seguidores do mestre. Porque, se Deus non descarta, por que nos si?.

 

DESDE A ORACIÓN COMUNITARIA

Compartamos agora a nosa oración comunitaria desde os vieiros da igualdade e a sensibilidade dun corazón posto nas persoas e non noutros intereses. E digamos: SEÑOR, QUE A SOIDADE NON NOS DOMINE.

·      Por unha Igrexa solidaria, igualitaria, esperanzada a aberta sempre ao comunitario. Oremos. SEÑOR, QUE A SOIDADE NON NOS DOMINE.

·      Por unhas parroquias sinxelas, acolledoras e de relacións fraternas, OREMOS. SEÑOR, QUE A SOIDADE NON NOS DOMINE.

·      Para que a nosa vida non se peche, egoistamente, no que nós cremos, pensamos, dicimos ou queremos impoñer, sen ter en conta ás demais persoas. Oremos. SEÑOR, QUE A SOIDADE NON NOS DOMINE.

Señor, porque non é bo que esteamos en soidade, danos azos para saír da tentación de crernos únicos e superiores ás demais persoas. Por Cristo o noso Señor. Amén.

MIRADA DE ESPERANZA

Ninguén naceu perfecto, completo. Precisámonos, por iso debemos ser participativos e abertos camiñar con outras persoas. Se temos a tarefa de darnos conta de quen somos, de crecer, de perfeccionarnos, nunca o conseguiremos se permanecemos illados. Adquirimos valores e enriquecemento a través das nosas relacións e, se non nos relacionamos, non haberá crecemento e viviremos de xeito illado.

         Deus dinos que se non nos relacionamos entre nós, seremos máis pobres. Así, debemos amosar os nosos valores entre nós e descubrir a súa presenza nas nosas camiñadas. Isto é o que Deus nos di: que unirá ao home e á muller; cada un deixará todo para unirse co ser querido e engadir valores. As dúas pequenas e grandes accións deben ser valoradas e celebradas na vida durante dous. Iso é amor. Coñecemos aos outr@s cando recoñecemos os seus valores. Porque só camiñando en relación seremos quen de facer camiño. ( W.S.J.)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...