Ir al contenido principal

REMOL CRISTO REI

DESCOLOCAD@S POLA SÚA REALEZA: UN REINADO PARA E DENDE O SERVIZO

PÓRTICO

Sempre que rematamos algún traballo, sexa individual ou colectivo, ao remate dun ciclo ou ao final do ano, toca revisar. Miramos cómo foron os resultados, en qué melloramos, en que fallamos e como podemos facer para corrixir os nosos erros. Todo este proceso temos que facelo con seriedade e de xeito meticuloso, con métodos e medios concretos.

Coa celebración de hoxe, Xesucristo Rei do Universo, chegamos ao remate do ano litúrxico, e cómpre que nós tamén miremos cara atrás e descubramos o bo, para dar grazas a Deus e o menos bo, para tratar de melloralo e así chegar ao comezo do Advento con ánimo e espera renovada. Que esta celebración sexa un coller folgos para non enganarnos a nós mesmos e descubrir o paso do Señor polas nosas vidas.

O PERDÓN

  • Polas veces nas que quixemos facer do teu Reino insolidariedade, enfrontamento e inxustiza, SEÑOR, ÁBRENOS AO PERDÓN.
  • Polas veces nas que non soubemos facer das nosas familias un berce de diálogo, respecto, amor e paz, CRISTO, ÁBRENOS AO PERDÓN
  • Polas veces nas que no noso traballo non actuamos con responsabilidade ou lle faltamos ao respecto aos nosos compañeiros, SEÑOR, ÁBRENOS AO PERDÓN

REMUÍÑO

Celebramos hoxe a festa de Cristo Rei, que pecha o ano litúrxico. Xesús acepta o calificativo de Rei cun sentido totalmente distinto ao dos romanos e xudeus. Para os romanos, rei era sinónimo de emperador ou xefe, con todos os poderes. Para os xudeus, o Mesías era o rei esperado que instauraría o reino de Israel. Porén, a realeza de Xesús responde ao proxecto de Deus sobre as persoas e a sociedade, no que o rei é defensor do pobo, o que imparte xustiza e defende aos débiles.

Por iso Xesús é rei ao longo do evanxeo, porque alimenta aos pobres, cura aos enfermos, practica o servizo, rexeita o dominio e a violencia, dá testemuño da verdade, implanta xustiza e entrégase ata o final pola causa do Reino. Inverte así os valores da súa sociedade... e tamén da nosa.

Porque con frecuencia, a frase "o meu reino non é deste mundo" que vimos de escoitar no evanxeo de hoxe, serviu para reforzar unha visión do cristianismo espiritualista, coma se fose unha relixión que non debe preocuparse polas cousas deste mundo. Moitos cristiáns pensan, de xeito erróneo, que canto máis entregado se vive á tarefa do Reino, menos debe comprometerse en asuntos sociais, económicos ou políticos. Porén, a frase que pronuncia Xesús comporta unha distancia e unha ruptura, pero non entre o relixioso e o temporal, senón entre a dominación e o servizo. O Reino de Xesús non é un reino de arbitrariedade, privilexios e dominación, senón que é un reino de xustiza e de servizo; que estamos chamad@s a facer medrar no medio das persoas, das institucións, da sociedade enteira.

A sentencia "o meu reino non é deste mundo", non debe levarnos á despreocupación e á evasión, senón ao incorformismo. Unha igrexa preocupada por non ser deste mundo deberá estar atenta a tomar distancia dos poderes influentes e a non caer na falsa ilusión de enfortecer o reino de Cristo con diplomacia, poder, cartos... Pero, ao mesmo tempo, se quere estar no mundo, coma Xesús, deberá asumir que "Onde estea a persoa sufrindo dor, inxustiza, pobreza ou violencia, alí debe estar a voz da Igrexa". Oxalá sexa así.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Poñemos agora diante de Deus e da comunidade a nosa oración, que quere ser acción de grazas e alento no noso camiñar. Por iso dicimos xunt@s:

FAINOS CONSTRUTORES DO TEU REINO

  • Pola Igrexa, comunidade cristiá que camiña no compromiso de facer do mundo a casa de todas as persoas, para que nunca esquezamos que o Reino xa está aquí e depende de nós que se vexan os seus froitos, OREMOS.

FAINOS CONSTRUTORES DO TEU REINO

  • Polas nosas parroquias, para que vaiamos descubrindo que o Reino é tarefa e compromiso que esixe actitudes de participación, responsabilidade, colaboración e servizo aos demais, OREMOS.

FAINOS CONSTRUTORES DO TEU REINO

  • Por nós mesmos, para que a nosa mirada, o noso actuar e dicir, non teñan segundas intencións nin busquen o proveito propio, senón o que sexa mellor para entre todos construír un mundo máis xusto, solidario e humano, OREMOS.

FAINOS CONSTRUTORES DO TEU REINO

Señor, queremos que sexas o centro da nosa vida. Fainos conscientes diso, para que transformemos o noso actuar e o noso pensar converténdonos en sementadores do Reino. PXNS.

PARA A REFLEXIÓN

Esfórzome e Ti disme: ¡perdoa!.

Teño medo e disme: ¡ánimo!.

Dubido e Ti disme: ¡confía!.

Síntome agoniado e Ti disme: ¡tranquilo!.

Prefiro estar só e Ti disme: ¡vén e sígueme!.

Teño plans e Ti disme: ¡déixaos!.

Busco bens materiais e Ti disme: ¡despréndete!.

Quero vivir e Ti disme: ¡dá a túa vida!.

Quero ser bo e Ti disme: ¡non chega!.

Quero mandar e Ti disme: ¡obedece!.

Quero ser xefe e ti disme: ¡serve!.

Quero comprender e Ti disme: ¡cre!.

Quero claridade e Ti fálasme en parábolas.

Quero poesía e Ti fálasme de realidades.

Quero tranquilidade e Ti queres que estea inquieto.

Quero violencia e Ti fálasme de paz.

Saco a espada e Ti dime: ¡gárdaa!.

Penso en vinganza e Ti disme: ¡pon a outra meixela!.

Falo de paz e disme: ¡viñen traer a espada!.

Tento ser conciliador e disme: ¡vin traer lume á terra!.

Quero agocharme e Ti disme: ¡mostra a túa luz!.

Busco o primeiro posto e Ti disme: ¡senta no último lugar!.

Quero que me vexan e Ti disme: ¡reza no escondido!.

Non, non te entendemos, Xesús.

Provocas. Confundes....

Pero só traballando no teu Reino atopamos o acougo.

CANTOS

  • ENTRADA: UNHA XUNTANZA DE AMOR
  • LECTURAS: VEÑA O TEU REINO
  • OFERTORIO: BENAVENTURADOS
  • COMUÑÓN: O AMOR É O MEIRANDE

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...