Ir al contenido principal

A Trindade 2010

UNHA MAN QUE TOCA E QUENTA O CORAZÓN


 

Pórtico


 

Que mágoa ver tantos e tantos cristiáns que lle teñen medo a Deus!. Para moitas persoas, está inseparable e exclusivamente unido á lei que hai que cumprir ("non sexa que nos castigue"), á moral que El ditamina ao seu antollo ("así o quere Deus"); aos nosos méritos ou deméritos ("dará a cadaquén o seu merecido")... de xeito que, para moitos crentes, Deus é ante todo e sobre todo, xuíz rigoroso, recto, temible, que sempre nos vixía, que non deixa pasar a mínima... Que mágoa, porque ese Deus non existe, é froito do seu maxín!.

O noso Deus é amor; e o amor non xulga, non rexeita, non separa... Non veu para atemorizarnos, senón para proclamar un evanxeo de confianza. Para que a confianza no seu amor sexa coma o sangue das veas. Respectando a nosa liberdade, Deus non pode máis que amarnos desesperadamente, como unha chamada a vivir no amor, a cambiar o que está mal na nosa vida.

A festa da Trindade que hoxe celebramos quere ser unha chamada de atención para que saibamos agradecer este amor a Deus Pai, manifestado no seu Fillo e que, a través do Espírito, quere ser o motor da nosa vida.


 

Perdón


 

  • Porque non somos causa de unión, senón que pola contra, só buscamos o noso interese e o noso proveito, dividindo e creando rancores, SEÑOR, QUE SEXAMOS CANLES DO TEU AMOR.
  • Porque o noso amor está moi lonxe do que significa gratitude, doazón, perdón, CRISTO, QUE SEXAMOS CANLES DO TEU AMOR.
  • Porque preferimos permanecer sentados e que os problemas e preocupacións dos demais non nos inflúan e pasen de longo, SEÑOR, QUE SEXAMOS CANLES DO TEU AMOR.


 


 

Remuíño


 

  • Poderiamos resumir este día, da Trindade, nesta frase: "unha man que toca e quenta o corazón".


 

  • UNHA MAN: O Pai é coma unha man que nos vai guiando e acompañando. Sinalándonos o camiño, si; pero deixándonos a liberdade para ser quen de seguilo ou non. Unha man que é linguaxe, que é palabra de alento, que regala, que acolle e non castiga. Que lonxe estamos moitas veces os cristiáns deste xeito de actuar e de entender a relación que temos con Deus Pai!. Pensamos que é un mago e que se lle tocamos certas teclas, actúa, pero (mira que ben!), sempre ao noso favor e nunca corrixindo nin dicíndonos o equivocados que estamos. Outras veces pensamos que está pendente do que facemos mal para castigarnos e castigar aos que están ao noso carón e... se el non o fai, xa estamos nós para levar a cabo o seu castigo. Porén, El é amor e téndenos unha man para sexamos os seus colaboradores na obra da creación, pero colaboradores responsables e respectuosos coas persoas e co medio ambiente.


 

  • QUE TOCA: É o toque da man de Deus, de Xesús. Un toque que anima, cura e transforma. Un toque que é palabra, predileción polos pequenos. Nós somos esa man que sanda tantas situacións, unha prolongación que une a Xesús coas demais persoas, ao mesmo tempo que denuncia inxustizas e ten morriña de privilexios perdidos, nin de xeitos de pensar que se impoñen ou que sinalan co dedo a tantas persoas ,nomeándoas culpables e sumíndoas na indiferenza ou no desprezo. Preparemos o corazón para deixarnos tocar por Xesús, quitemos de nós prexuízos, ideas preconcibidas e abrámonos á novidade que el nos trae.


 

  • E QUENTA O CORAZÓN: Xesús tócanos para transmitirnos o seu amor, o amor do Pai, o Espírito Santo. Un amor que é capaz de romper o xeo e de transformar á persoa, dándolle vida. Este é un amor que provoca unión, a unión a que os cristiáns estamos chamados a vivir nas nosas comunidades e no mundo, nas nosas familias e nos pobos, non coma unha palabra baleira, senón coma un xeito de vida.


 

  • A festa da Trindade é unha aposta pola liberdade e a comuñón, pola unidade na pluralidade, que enriquece e dá perspectivas novas. Fagamos da nosa igrexa un fogar de comuñón e contaxiemos ao mundo. Que esta festa sexa para nós un motivo de alegría.


 

Oración da comunidade


 

Movidos polo Espírito diriximos a nosa oración ao Pai por medio do noso irmán Xesús. E dicimos confiados:


 

QUE A TÚA MAN, SEÑOR, TOQUE O NOSO CORAZÓN


 

  • Pola Igrexa, para que sexa canle de unión, de fraternidade, de reconciliación e acollida como xesto da cercanía e do amor de Deus ás persoas, OREMOS.


 

QUE A TÚA MAN, SEÑOR, TOQUE O NOSO CORAZÓN


 

  • Polas nosas comunidades, para que teñan os ollos ben abertos e o corazón disposto para descubrir e acoller a tódalas persoas, especialmente a aquelas que buscan e non atopan un sentido no seu camiñar, OREMOS.


 

QUE A TÚA MAN, SEÑOR, TOQUE O NOSO CORAZÓN


 

  • Hoxe, no día en que nos lembramos das comunidades de vida contemplativa, pedimos por todas as persoas que adican a súa vida a rezar polos demais dende o silencio e o traballo. Para que sigan sendo presenza viva da Igrexa, OREMOS.


 

QUE A TÚA MAN, SEÑOR, TOQUE O NOSO CORAZÓN


 

  • Por tod@s nós, que sentimos o toque de Deus nas nosas vidas, para que non teñamos medo a ser as súas canles e así poñamos vida en tantas situacións de morte: paro, enfermidade, soidade,… OREMOS.


 

QUE A TÚA MAN, SEÑOR, TOQUE O NOSO CORAZÓN


 

Grazas, Señor, porque o teu amor chega a nos con toda a súa forza. Oxalá sexamos sempre fieis testemuñas no medio do noso mundo. PXNS.


 

Para a reflexión


 

ABRAZO TRINITARIO


 

Estréitasnos contra o teu seo,

cóbresnos coa túa man,

e asolágasnos por dentro.


 

Es ti o que fai posible a experiencia

e disnos: "Se soubésedes canto vos quero…"


 

Aperta trinitaria, que une, envolve e inunda.

Aperta trinitaria que nin agobia nin afoga.

Aperta trinitaria, delicada, suave e doce.


 

Que saibamos saborear esa aperta.

Que saibamos estar nesa aperta.

Que saibamos sorprendernos e agradecela.

Que saibamos multiplicar esta aperta.


 

Cantos


 

  • ENTRADA: Temos unha festa
  • LECTURAS: Escoita ti
  • OFERTORIO: Na nosa terra.

COMUÑÓN: Ti es o pan do ceo

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...