Ir al contenido principal

6 domingo Pascua 2015

Un amor en espiral, sen esquinas e en reciprocidade: Sempre aberto con e para nós
CANTO GOZOSO
  • ENTRADA: Non vou so
  • LECTURAS: Cantádelle ao Señor unha cantiga nova
  • OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá
  • COMUÑÓN: O amor é o meirande
ESCOITA ACTIVA
Os tempos socio-culturais que estamos a vivir non resultan doados para a gran maioría da xente. Máis alá da televisión-consumo ou das mensaxes de distracción por parte dos poderosos, a maior parte da poboación, clase media, esta a pasalo mal. Os soldos, para quen ten a sorte de telos, son cada vez máis baixos, inda que haxa que traballar máis horas; conceptos como antigüidade, dereitos adquiridos ou emprego estable comezan a ser palabras que nos van quedando moi lonxanas. E no medio, coma sempre, as persoas. As que sofren, as que quedan sen nada, as que son un número nun impreso oficial. Fronte esta situación de desencanto, os crentes temos a fe. Pero non unha fe de ritos, vella e sen capacidade de transformar a vida, senón unha fe esperanzada, que invita ao comunitario, que non se deixa levar polo socialmente correcto; nunha palabra, unha fe adulta e centrada na persoa e mensaxe de Xesús. O malo é que tampouco disto somos moi conscientes, e seguimos persinándonos, rezando ou Eu confeso e o Noso Pai, pero sen ser capaces de descubrir a forza transformadora destas palabras convertidas en oración. Como Pedro, escoitaremos na primeira lectura,a Cornelio que se ergue, porque el, “tamén era home” e non Deus. Inda estamos a tempo de non deixarnos arrastrar polos que nos menten, nos levan ao pesimismo ou lles gusta que camiñemos na protesta violenta para así xustificar as súas reaccións. E isto non se pode facer se non é con e desde o amor. Poñamos o mellor de nós para facer desta celebración unha experiencia gozosa que nos axude a non deixarnos levar polo desencanto.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Por caer moitas veces no vitimismo dos que só se queixan pero nunca  se ofrecen, SEÑOR, QUE NON RENUNCIEMOS Á NOSA DIGNIDADE.
  • Por ter medo a facer do amor, non unha rutina, senón o centro e motor da nosa vida, CRISTO, QUE NON RENUNCIEMOS Á NOSA DIGNIDADE.
  • Por ter convertido a Deus en algo indeterminado, esquecendo que o alguén que nos acompaña e quere, SEÑOR, QUE NON RENUNCIEMOS Á NOSA DIGNIDADE.
PALABRA ENRAIZADA
  • Unha comunidade que non é capaz de sentir a forza e a presenza do Espírito é unha comunidade morta, mesquiña, vulgar, pobre... acabada. E iso, nos guste ou non escoitalo, é o que lles pasa ás nosas comunidades cristiás e parroquiais. Vivimos de recordos, do que foi, do que noutro tempo se facía e nos contaron, de... pero sempre en pasado, morrendo día a día e facendo desaparecer a creatividade que renova e ilusiona. Escudámonos moitas veces -non deixa de ser unha xustificación-, de que non nos ensinaron, de que sempre foi o cura o que mandaba e non deixaba, de que... pero cando nos piden ideas, colaboración ou implicación en calquera tarefa pastoral; ou cando nos din que a fe hai que vivila fóra das igrexas, comprometéndonos con canto supoña e leve a que as persoas sexan o centro, poidan ser máis felices ou se pense nelas, e non na rendibilidade económica nin nos réditos políticos...entón calamos, recuamos, e recorremos ao máis fácil: que o fagan outros, que eu teño outras cousas que facer. Si, claro, pero despois, cando eses outros deciden sobre cousas que nos afectan, queixámonos. Que pasa entón, estamos ou non estamos? Queremos ou non queremos? Porque xa está ben de satanizar aos demais cando nós non estamos dispostos a movernos das nosas comunidades. E isto en tódolos ámbitos da sociedade: a igrexa, o traballo, a parroquia, a política, os sindicatos, a cultura... Somos coma Cornelio que diante de Pedro tivo medo e prostrouse e o mesmo Pedro tivo que erguelo e lembrarlle que todos somos iguais, que ninguén, inda que moitos o pensen é máis ca ninguén. Non deixemos logo que ninguén xogue con nós a ser os nosos deusiños, diante dos que temos que axeonllarnos como se foramos menos e non tiveramos a mesma dignidade. A mesa da Eucaristía e o seguimento de Xesús convértenos, porque o somos, en iguais.
  • E a tod@s nos vai revelando Deus o seu proxecto de salvación. Unha salvación que supón sempre -senón non podería salvar nada- a felicidade, o respecto e a igualdade de uns para cos outros. Por moito que un sexa importante, por moito que se crea que hai que renderlle pleitesía, a salvación que Deus nos ofrece non está reservada para un máis alá que intuímos pero non coñecemos, senón que comeza xa aquí. E de que maneira! Comeza aquí porque é unha salvación que pon no centro do que di e fai ao ser humano, que non utiliza para os seus intereses, porque non se reduce a un intercambio económico no que se compra con oracións, porque non busca someter nin impoñer os criterios dos poderosos, senón que busca sempre achegarse aos humildes e sinxelos, porque o Deus de Xesús, o que salva, é un Deus amor e non interese; un Deus que dá sentido e non que nos leva ao baleiro e ao desencanto; un Deus que  que se fixo un de nós, non para darnos leccións por ser o máis listo da clase, senón para acompañarnos nas nosas pobrezas e aledarse cos nosos acertos. Un Deus que non pode ser outra cousas que non sexa amor.
  • Si, e verdade, que isto é o que vimos dicindo sempre, pero logo acabamos facendo o que nos peta. Si, claro, pero facemos o que nos peta porque somos nós mesmos os que desconectamos de Deus; os que lle damos as costas cando non nos interesa que nos falen de coherencia no actuar, esixencia ao facer ben as cousas, honestidade para non enganar aos demais, renuncia cando as cousas, inda que aparentemente traian felicidade, non traen máis que engano, mentira e utilización interesada dos demais. Por iso é bo que recordemos o que acaba de dicirnos Xesús no Evanxeo de hoxe. Unhas palabras que, se as tomaramos en serio, levarían a que cuestionaramos o nome de cristiáns que levamos cantos estamos aquí, e que nos esixirían unha revisión a fondo de cales son as nosas conviccións e de que queremos dicir cando afirmamos que cremos en Deus. Porque Xesús só nos fai unha invitación, pero canto percorrido non ten!: permanecede no meu amor, dinos El. Unha permanencia que esixe que a quen temos ao lado, con que non nos levamos ben, a quen non lle temos prestado nin tempo nin atención o recoñezamos como irmán, como igual. El dinos que non nos chama servos, senón amigos. E nós, plantexamos as relacións cos demais coma se foran servos ou coma se foran amigos? Na resposta que deamos estará que poidamos e debamos chamarnos seguidores de Xesús. A fe non é nin para vellos nin para nenos, inda que as veces moitas así o din, senón para quen quere ser honesto consigo mesmo e fiel ao proxecto de Xesús de facer do amor o motor desde o que fagamos as cousas.
FRATERNIDADE ORANTE
Desde o amor ao que El nos chama, presentemos logo a nosa oración comunitaria, dicindo xunt@s:
SEÑOR, QUE NON BALEIREMOS DE AMOR A NOSA VIDA
  • Para que a Igrexa abandone calquera actitude de superioridade e distancia respecto a canto pasa no mundo, e se implique unindo forzas e buscando que non sexa pisoteada a dignidade de ninguén, OREMOS.
SEÑOR, QUE NON BALEIREMOS DE AMOR A NOSA VIDA
  • Neste día que Xesús nos invita a facer do amor o motor da vida, pidamos por todas as persoas enfermas, especialmente polas das nosas parroquias, ás que a enfermidade e a dor, lles quitaron ilusión e proxectos, OREMOS.
SEÑOR, QUE NON BALEIREMOS DE AMOR A NOSA VIDA
  • Polas nosas comunidades parroquiais, para que nos esforcemos por non caer nunha maneira de vivir a fe morta, ritualista e sen relación co que facemos, sentimos e necesitamos cada día, OREMOS.
SEÑOR, QUE NON BALEIREMOS DE AMOR A NOSA VIDA
  • Por nós, para que nos esforcemos para non reducir a fe á asistencia ao BCE litúrxico: bautismos, comuñóns e enterros, e descubramos que a salvación que nos ofrece Xesús esíxenos poñer os pés no chan para transformar o mundo e non deixar que outros nos manipulen e o fagan por nós, OREMOS.

SEÑOR, QUE NON BALEIREMOS DE AMOR A NOSA VIDA

Señor, moitas veces vémonos superados polas situacións que vivimos. Que nunca deixemos de poñer en ti a nosa mirada para atopar nela a forza do amor que nos impida caer no desánimo de quen xa non pode facer nada. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA
“A maioría das gaivotas non se molesta en aprender senón as normas de voo máis elementais: como ir e volver entre a praia e a comida. Para a maioría das gaivotas, o que importa non é voar, senón comer. Para esta gaivota –Xoán– porén, non era comer o que importaba, senón voar. Máis que nada no mundo, Xoán Salvador Gaivota amaba voar.
... Por que, Xoán, por que ? –preguntaba a súa nai– por que che resulta tan difícil ser coma o resto da bandada? Por que non deixas os vos rasantes para os pelicanos e os albatros? Por que non comes?... Non esquezas que o motivo para voar é a comida.
... Xoán intentouno de verdade, trinando e voando coa bandada preto do peirao e as barcas de pesca... pero non lle deu resultado.Todo é inútil –pensou-, e deliberadamente deixou caer unha anchoa duramente disputada a unha vella e famenta gaivota que o perseguía. Podería estar empregando todo ese tempo en aprender a voar. Había tanto que aprender!
...E aprendeu a voar e non se arrepentiu do prezo que tivera que pagar por elo. Xoán Gaivota descubriu que o aburrimento, o medo e a ira son as razóns polas que a vida dunha gaivota é tan curta. Ao desaparecer aquelas do seu pensamento, tivo por certo unha vida longa e boa”

  (Richard Bach, Juan Salvador Gaviota)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...