Ir al contenido principal

12 Domingo TO A 2017

TRABALLEMOS BUSCANDO CANTO NOS UNE, PARA FACER DA RELIXIÓN UN CAMIÑO DE ACHEGA E NON DE ENFRONTAMENTO
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
ENTRADA: Que ledos hoxe estamos (Nº 5)
LECTURAS: As túas palabras
OFERTORIO: Velaquí, Señor, o viño (Nº 37)
COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)
ESCOITA ACTIVA
Pecado e graza contrapóñense de novo hoxe nos textos que imos proclamar ao longo da celebración. Si, porque o pecado pon de manifesto a nosa limitación, a debilidade, a capacidade que temos de ser falibles, de equivocarnos, de non estar permanentemente na verdade nin de dar sempre a resposta acertada. O pecado, e isto non debera sonar raro, fainos poñer os pés no chan e descubrirnos humanos; superando a tentación, tan ao uso hoxe en día, do endeusamento; da substitución de Deus por nós mesmos, autodándonos aires de grandeza, superioridade e igualdade a Deus.
Namentres nós actuamos así moitas veces, Deus móstrasenos coma un de nós, asumindo a nosa condición humana e invitándonos a non deixar de mirar ao rostro das persoas coas que nos imos atopando para descubrilo no medio de nós. El faise un de nós; e nós queremos ser coma El xogando a ser pequenos deuses. Que paradoxo! E fronte á tentación do endeusamento, a graza fainos tomar conciencia de quen somos e cara onde imos. Si, somos humanos, pero non quedamos na humanidade empobrecida, senón que desde a graza que Deus comparte e ofrece, somos invitados a superar este empobrecemento para camiñar na esperanza de plenitude que El pon ao noso dispor.
Non trabuquemos o camiño. Esteamos atentos aos sinais que nos mostran por onde nos é mellor ir, e deixémonos coller da man de Deus que, recoñezámolo ou non, camiña sempre ao noso lado.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
*      Polas veces nas que nos deixamos seducir por canto nos enfronta e distancia; SEÑOR, QUE NON TEÑAMOS VERGOÑA DE PEDIR PERDÓN.
*      Polas veces nas que buscamos preitear no canto de escoitarnos, entendernos e perdoarnos; CRISTO,QUE NON TEÑAMOS VERGOÑA DA PEDIR PERDÓN.
*      Polas veces nas que non deixamos que a bondade sexa a que guíe as decisións na nosa vida; SEÑOR, QUE NON TEÑAMOS VERGOÑA DE PEDIR PERDÓN.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
·      Deus é liberación, e como a tal está continua e permanentemente pendente de nós. Si nós marchamos, el permanece; se volvemos, ábrenos os brazos e ofrécenos unha fonda e sincera aperta: se quedamos, alédase de poder facer tamén ao noso lado o camiño. El sempre está, e faino por amor. Por iso as relixións non deberan ser motivo de enfrontamento, senón de traballo común e solidario. Preguntémonos entón: pode convivir a idea de Deus coa idea de violencia e enfrontamento? A pouco que o pensemos, descubrimos que dificilmente. Porque inda que os feitos nos mostran que moitas veces ten sido así, a racionalidade tamén nos di que pensar en Deus non pode ser máis que unión, tenrura, acollida, achega, escoita, acompañamento... amor. E iso, a pesares dos fundamentalismos e fundamentalistas tan ao uso hoxe, é o que vai sempre unido á idea, experiencia e pensamento respecto a Deus. Deixémonos seducir por este amor que nos fai sentir verdadeiramente humanos, pero non pechados en nós mesmos, senón abertos, na esperanza que nos impide caer na desolación do aquí e agora, para atopar acougo quedo e pleno, e para sempre, ao seu lado. E por iso non deixamos nunca de loalo!

·      É na súa bondade onde nos imos descubríndonos como presenza participativa de Deus. Nós somos alguén, non somos cousa; tampouco número ou tanto por cento. Somos persoas, de carne e óso, participando da dignidade do Deus ao que lle rezamos e en quen confiamos. Persoas que desde a dignidade compartida nos descubrimos con capacidade de elixir, de vivir a liberdade, de experimentar a vida, en relación e reciprocidade cos demais, como unha experiencia de encontro pleno de sentido que nos vai facendo felices e con capacidade de axudar, e tamén de recibir, a felicidade de e para os demais. Deus fainos tomar conciencia de que non estamos solos; que o individualismo e a cerrazón, que tantas veces nos tentan, non son o camiño se queremos a Deus como compañeiro nesta andaina persoal. Se queremos que El nos escoite, acolla e nos faga superar a tentación de cousificarnos, debemos poñer os oídos en actitude de escoitar; os ollos dispostos a ver e as mans abertas para acompañar e axudar. Este é o plan do Deus bondade; este é o plan dos que queremos seguir as súas pegadas. O que nos enche, e non é retórica nin palabra baleira, de inmensa alegría. Experimentámolo así?

·      E se onda había pecado sobreabundou a graza, o medo debera quedar atrás e non invadir a nosa vida, a nosa toma de decisións, as relacións que imos tendo uns cos outros. Se deixamos que nelas entren o medo e a desconfianza non seremos capaces nin de entender nin de vivir a proposta que nos fai Xesús. Cando a verdade é guieiro, brúxula, que nos axuda a non perdernos, inda que o camiño sexa duro e moitas veces difícil, ao final non nos perderemos e seremos capaces de chegar á meta. Non deixemos entón que os cantos de serea, neste mundo líquido no que todo se disolve e no que para moitos non hai diferenza entre o que facemos e o que debemos facer, sexan os que guíen a nosa toma de decisións .Porque, como ben nos dicían os noso pais e avós, non nos deixemos atrapar polo que é “pan para hoxe e fame para mañá”. O importante non é ser superheroes, tampouco atletas do cilicio e as grandes penitencias, senón do cambio do corazón que fai que non aniñen en nós sentimentos de rexeitamento de quen é diferente por pel, cultura ,sexo ou relixión; de que non ten traballo, de quen vén de fóra escapando da fame ou da guerra, de quen é excluído e tratado como se fose unha cousas, de quen pensa que a violencia e o maltrato hai que aguantalo porque lle tocou... Non deixemos que estas maneiras de mirar o mundo e aos que nel estamos, nos afasten da alegría entusiasmante que sempre nos ofrece Xesús. Non teñades/mos medo, non sexades dos que o controlan todo, e abrámonos á confianza, real e sincera, en Deus.
FRATERNIDADE ORANTE
A capacidade de acoller e acompañar a nosa oración é constante e continua, por iso agora compartimos este momento de oración comunitaria e dicimos xunt@s:
GRAZAS, SEÑOR, POR ACOLLER A NOSA ORACIÓN
Para que todas as comunidades cristiás saibamos prezar e valorar que o camiño do seguimento de Xesús non é individualista senón comunitario; o que nos esixe poñer os ollos e o corazón nas persoas e non nos recoñecementos humanos; OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ACOLLER A NOSA ORACIÓN
Polo Papa Francisco, para que, a pesares dos paus que moitos lle queren poñer na roda do seu traballo pastoral, siga abrindo camiños novos de esperanza evanxélica, de xeito que cantos formamos a Igrexa nos sintamos chamados e estimulados a perseverar no respecto da casa común e o entendemento con cantos traballan pola dignidade das persoas; OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ACOLLER A NOSA ORACIÓN
Para que sentíndonos verdadeiramente humanos, fagamos de noso acontecer cotián unha resposta real e sinxela na defensa das causas de todas as persoas que non poden ser felices por estar enfermas, ser enganadas, sentirse solas ou sufrir abuso e maltrato; OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ACOLLER A NOSA ORACIÓN
Nas túas mans, Señor, poñemos canto nos preocupa e moitas veces desacouga o noso corazón. Que endexamais nos deixemos caer na tentación de darche as costas e esquecernos de Ti. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DIFERENCIADA
Desexando compartir a Boa Nova de Xesús, sentímonos chamados, a "gritar o Evanxeo desde os tellados" a través do testemuño das nosas vidas, o noso traballo diario e as relacións cos demais. Dedicados a anunciar a Boa Nova aos pobres, participamos, cada día da misión evanxelizadora da Igrexa. Esforcémonos por ser testemuñas do Reino de Deus e impulsores de camiños de entendemento e renovación no noso actuar, que superen a tentación do individualismo, o illamento e a soberbia persoal. Só así, daremos razón da nosa esperanza, converténdonos en anunciadores do Evanxeo como experiencia de comuñón e encontro. Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...